DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 11 de xaneiro de 2007 Páx. 460

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2006, da Dirección Xeral de Tributos, pola que se aproban os programas e aplicacións informáticas para a obtención de certificados de non ter débedas en período executivo coa Comunidade Autónoma de Galicia e da presentación do imposto sobre o patrimonio.

O artigo 103 da Constitución española sinala a eficacia como un dos principios que deben rexer actuar das administracións públicas. Pola súa parte a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, alude no seu artigo 3, xunto aos principios constitucionais, aos de eficiencia e servizo aos cidadáns, recoñecendo no artigo 35 o dereito dos cidadáns a que se lles facilite o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas. Para o logro destes obxectivos a Lei 30/1992 destaca, no seu artigo 45, como instrumento idóneo, a utilización por parte das administracións de técnicas electrónicas, informáticas e telemáticas no desenvolvemento da súa actividade e o exercicio das súas competencias, polo que insta a estas a que impulsen e apliquen as devanditas técnicas.

No ámbito tributario, a Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, desenvolve no seu artigo 34 a obriga da Administración de informar e asistir os obrigados tributarios no exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas, sinalando que as actuacións da Administración tributaria que requiran a súa intervención deberán levarse a cabo da forma que resulte menos gravosa para estes, sempre que iso non prexudique o cumprimento das súas obrigas tributarias. Para conseguir este fin o artigo 96 do mesmo texto legal promove na Administración tributaria a utilización das técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos, de maneira que os cidadáns poidan relacionarse con ela a través destes medios para exercer os seus dereitos e cumprir coas súas obrigas coas garantías e requisitos previstos en cada procedemento.

Precisamente as garantías a que se refire a lei consisten na aprobación dos programas e aplicacións electrónicos, informáticos e telemáticos que vaian ser utilizados pola Administración tributaria, garantindo a identificación da Administración tributaria actuante e o exercicio da súa competencia. Ademais, cando a Administración tributaria actúe de forma automatizada garantirase a identificación dos órganos competentes para a programación e supervisión do sistema de información e dos órganos competentes para resolver os recursos que poidan interpoñerse.

En consecuencia dítase a seguinte resolución:

Primeira.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto aprobar os programas e aplicacións informáticas para a emisión dos certificados de non ter débedas en período executivo coa Comunidade Autónoma de Galicia e da

presentación do imposto sobre o patrimonio, e a obtención telemática destes.

Segunda.-Ámbito de aplicación.

Esta resolución é de aplicación aos servizos de emisión dos certificados de non ter débedas en período executivo coa Comunidade Autónoma de Galicia e da presentación do imposto sobre o patrimonio. Estes certificados pódense obter a través dos seguintes procedementos:

a) Obtención dos certificados por vía telemática.

b) Obtención dos certificados nas oficinas da Consellería de Economía e Facenda.

c) Obtención de certificados por órganos xestores de axudas, subvencións e contratos (só aplicable aos certificados de estar ao corrente de obrigas tributarias).

Terceira.-Obtención dos certificados por vía telemática.

1. Todas as persoas que dispoñan dalgúns dos certificados dixitais emitidos polas autoridades certificadoras recoñecidas pola Oficina Virtual da Consellería de Economía e Facenda (as autoridades certificadoras autorizadas en cada momento poden ser consultadas na Oficina Virtual Tributaria: www.xuntaeco.es) poderán obter o certificado de estar ao corrente de obrigas tributarias e da presentación do imposto sobre o patrimonio, do seguinte xeito:

a) Conectarase á Oficina Virtual Tributaria da Consellería de Economía e Facenda na seguinte dirección: www.xuntaeco.es.

b) Elixirá a opción: «Entrar a servizos con certificado dixital».

c) Escollerá a opción «Catálogo de servizos» e dentro dela «Certificado de débedas/Patrimonio».

d) Seleccionará o motivo da petición do certificado e pulsará sobre o botón «Emitir».

e) A aplicación informática desenvolverá o proceso de comprobación necesario e xerará un documento co contido do certificado, a data e a hora da súa expedición e un código electrónico que servirá para a comprobación de xeito seguro da súa integridade e autenticidade.

Cuarta.-Obtención dos certificados nas oficinas da Consellería de Economía e Facenda.

1. Todas as persoas poderán solicitar nas oficinas de recadación da Consellería de Economía e Facenda, a emisión de certificados de non ter débedas en período executivo coa Comunidade Autónoma de Galicia e da presentación do imposto sobre o patrimonio. Para iso deberán comparecer nas devanditas oficinas acompañados de documento que acredite a súa identidade e encher o impreso de solicitude que aparece como anexo I a esta resolución.

2. Cando o certificado se solicite mediante representante, deberase de acreditar a devandita representación.

3. A aplicación informática desenvolverá o proceso de comprobación necesario e xerará un documento co contido do certificado, a data e a hora da súa expedición e un código electrónico que servirá para a comprobación de xeito seguro da súa integridade e autenticidade.

Quinta.-Obtención de certificados de non ter débedas en período executivo coa Comunidade Autónoma de Galicia por órganos xestores subvencións e contratos.

1. Para a obtención de certificados de no ter débedas en período executivo coa Comunidade Autónoma de Galicia, os órganos xestores de axudas, subvencións e contratos solicitarán da Dirección Xeral de Tributos o acceso á aplicación Xeito-Débedas mediante o formulario do anexo II. Unha vez concedida a autorización actuarase da seguinte forma:

a) Relacionarase e identificarase con NIF/CIF os solicitantes de axudas, subvencións ou contratos dos que se requiere a información, e enviarase nun fichero de solicitude ao CIXTEC no formato especificado no anexo III.

b) O CIXTEC devolverá ao día seguinte da petición a listaxe de solicitantes en que se indique:

a. As posibles situacións relativas á identificación dos solicitantes.

b. Sentido do certificado.

c. Motivo do certificado negativo.

d. Código seguro de identificación do certificado.

As circunstancias anteriores expresaranse cos códigos expresados no anexo IV.

Sexta.-Comprobación de certificados.

1. Os certificados emitidos por medios electrónicos, informáticos ou telemáticos producirán idénticos efectos aos certificados expedidos polos órganos da Dirección Xeral de Tributos coa sinatura manuscrita, sempre e cando se cumpran as condicións de comprobación destes establecidas no punto seguinte.

2. Todos poderán comprobar os certificados emitidos por medios electrónicos, informáticos ou telemáticos, sempre que dispoñan do código electrónico de verificación do certificado. Para tal fin, a Direc

ción Xeral de Tributos conservará os certificados telemáticos emitidos nun ficheiro seguro, que garanta a súa integridade, desde o momento da súa expedición.

3. Calquera persoa poderá comprobar a integridade e autenticidade do documento do seguinte xeito:

a) Conectarase á Oficina Virtual Tributaria da Consellería de Economía e Facenda no seguinte enderezo: www.xuntaeco.es.

b) Elixirá a opción: «Entrar a servizos de acceso libre».

c) Escollerá a opción «Catálogo de servizos» e dentro dela «Verificación de documentos».

d) Introducirá o código seguro de verificación do documento que se vai comprobar ou lerá o código de barras e pulsará sobre o botón «Verificar».

A aplicación informática xerará de novo o mesmo documento para o seu cotexo.

Sétima.-Órganos competentes.

1. O órgano autor dos certificados será a Dirección Xeral de Tributos da Consellería de Economía e Facenda.

2. O órgano encargado da definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade do sistema de información será o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (CIXTEC) da Consellería de Economía e Facenda.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2006.

Regina Losada Trabada

Directora xeral de Tributos