DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 10 de xaneiro de 2007 Páx. 424

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 256/2006, do 28 de decembro, polo que se regula o procedemento de xerarquización e acceso á carreira profesional do persoal estatutario especialista de cota do Servizo Galego de Saúde.

Nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde presta servizos un colectivo de profesionais do que as súas condicións retributivas e de traballo continúan a rexer polo modelo tradicional, caracterizado por percibir as súas retribucións polo sistema de coeficiente e presentar importantes diferenzas con respecto ao réxime ordinario de prestación de servizos tanto no que se refire á xornada de traballo como a súa inserción no réxime funcional e de organización de traballo que hoxe en día se entende como ordinario no funcionamento dos dispositivos sanitarios públicos.

A Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, incorporou no seu artigo 65 un criterio xeral de homologación das condicións de traballo do persoal que presta servizos nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde. De acordo con este criterio, este organismo debe adoptar, baixo o principio de voluntariedade, as medidas necesarias para a homologación das condicións de traballo e

réxime de prestación de servizos de todo o persoal do organismo.

Este criterio de homologación é coherente coa previsión que se establece con respecto ao persoal de cota e zona na disposición transitoria terceira da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, que veu a dispoñer que o persoal de cota e zona poderá integrarse no sistema de prestación de servizos, de dedicación e de retribucións que se establece na devandita lei na forma, prazo e condicións que en cada servizo de saúde se determine.

O acordo subscrito no ano 2003 pola Administración sanitaria e as centrais sindicais CEMSATSE, CIG, SAE e UGT sobre mellora retributiva e profesional do persoal das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde incorporou un compromiso de negociación dirixida a establecer as condicións para que o persoal especialista de cota de atención especializada con praza en propiedade puidese optar pola súa xerarquización.

O sistema de xerarquización que se regula no presente decreto está baseado na opción voluntaria manifestada polo profesional. Porén, esta opción voluntaria debe desenvolverse dentro dun proceso de dimensionamento ordenado dos cadros de persoal das institucións sanitarias do Sergas, e polo tanto, faise depender a súa eficacia da previa oferta de xerarquización realizada polo centro no que se integra.

O decreto regula, así mesmo, o réxime extraordinario de recoñecemento profesional do persoal estatutario especialista de cota, en desenvolvemento da previsión expresa contida no Decreto 155/2005, do 9 de xuño. Complétase deste xeito a implantación dun sistema de carreira profesional que abrangue a todos os colectivos de licenciados sanitarios que prestan servizos nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde con vínculo estatutario, coa particularidade para este colectivo de relacionarse estreitamente este proceso co propio procedemento de xerarquización.

A materia que se regula na presente disposición foi obxecto de negociación na mesa sectorial do persoal das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e acordo coas organizacións sindicais, representadas nela.

Tendo en conta o anterior, por proposta da conselleira de Sanidade, co ditame favorable número CCG-820/06 do Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e oito de decembro de dous mil seis,

DISPOÑO:

Capítulo I

Obxecto

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta norma ten por obxecto:

a) Regular o procedemento de integración do persoal facultativo especialista dependente das institu

cións sanitarias de atención especializada do Servizo Galego de Saúde que percibe as súas retribucións polo sistema de cota no sistema de prestación de servizos, de dedicación e de retribucións establecido na Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario do Sistema Nacional de Saúde, a través da integración das prazas ocupadas polo dito persoal nos servizos xerarquizados de atención especializada.

b) Habilitar, en desenvolvemento da previsión específica contida na disposición adicional terceira do Decreto 155/2005, do 9 de xuño, un sistema extraordinario de recoñecemento do desenvolvemento profesional do persoal especialista de cota en termos parangonables ao do resto do persoal estatutario das categorías de licenciado sanitario, tendo en conta as peculiaridades do seu réxime de prestación de servizos.

Capítulo II

Procedemento para a xerarquización das prazas

desempeñandas polo persoal facultativo

especialista de cota

Artigo 2º.-Concepto de xerarquización.

1. Para os efectos do presente decreto enténdese por xerarquización a integración, con carácter voluntario e logo de oferta realizada polo órgano competente da administración sanitaria, de prazas de facultativo especialista de cota nos servizos xerarquizados de atención especializada do Servizo Galego de Saúde.

2. A xerarquización producirase na categoría estatutaria de facultativo especialista de área. As prazas de médicos especialistas de cota que se xerarquicen transformaranse en prazas desta categoría, que quedarán adscritas, orgánica e funcionalmente, aos servizos xerarquizados das institucións sanitarias de atención especializada do Servizo Galego de Saúde da especialidade correspondente, nos termos que estableza a respectiva oferta de xerarquización.

3. O persoal que se incorpore ás prazas xerarquizadas como consecuencia dos procedementos regulados no presente decreto prestará asistencia sanitaria á poboación adscrita á institución sanitaria correspondente, nos termos que se establezan nas disposicións que regulen a organización do traballo e a programación funcional do correspondente centro ou unidade.

Artigo 3º.-Principios xerais.

A xerarquización de prazas do persoal facultativo especialista de cota das institucións sanitarias de atención especializada do Servizo Galego de Saúde rexerase polos seguintes principios:

a) Voluntariedade: a xerarquización será voluntaria para o persoal comprendido no ámbito de aplicación, e só procederá logo de solicitude do interesado.

b) Ordenación: a xerarquización ofertaraa a Administración sanitaria en función das necesidades derivadas da demanda asistencial, da dotación de recur

sos e da estrutura e organización do traballo existente en cada institución sanitaria.

c) Progresividade: o proceso de xerarquización realizarase de maneira progresiva, a través de sucesivas convocatorias a realizar polas institucións sanitarias a partir da entrada en vigor do presente decreto.

d) Integración do persoal do persoal no réxime organizativo e funcional do Servizo Galego de Saúde.

e) Homologación das condicións de traballo e réxime de prestación de servizos dos profesionais do Servizo Galego de Saúde.

f) Mérito e competencia profesional: o sistema de carreira permite o recoñecemento en atención aos coñecementos, experiencia, responsabilidade e maior adecuación das competencias e cualidades do profesional aos obxectivos do Sergas, e a mellora do servizo público.

g) Irreversibilidade. O proceso de xerarquización terá carácter irreversible desde que a opción se manifeste en calquera das formas previstas neste decreto. Así mesmo, o grao de carreira profesional recoñecido a un profesional nos termos previstos neste decreto terá carácter persoal, irreversible e consolidable no ámbito do Sergas.

h) Aseguramento e mellora da calidade na atención sanitaria a todos os cidadáns.

Artigo 4º.-Ámbito de aplicación.

1. Poderá exercer a opción de xerarquización, nos termos que establezan as correspondentes convocatorias, o persoal facultativo especialista de cota con praza en propiedade nas institucións sanitarias de atención especializada do Servizo Galego de Saúde, sempre que reúna os requisitos de titulación, especialidade e demais condicións establecidas na normativa vixente para o desempeño de postos de traballo estatutarios de facultativo especialista de área, e se atope nalgunha das seguintes situacións:

a) En situación de activo.

b) En situación distinta da de activo que comporte reserva do posto de traballo por algunha das causas establecidas na lexislación vixente.

2. Non poderá participar nas convocatorias de xerarquización o persoal especialista de cota con vínculo temporal. As prazas desempeñadas por estes profesionais poderán ser amortizadas e, se é o caso, reconvertidas en prazas de facultativo especialista de área, que serán asignadas aos seus ocupantes co mesmo vínculo temporal que os unía á praza amortizada sempre que reúnan todos os requisitos exixidos para normativa vixente para o desempeño de postos de facultativo especialista.

Artigo 5º.-Procedemento.

1. A opción de xerarquización farase efectiva mediante a participación nas convocatorias que se realicen ao abeiro do presente decreto.

2. Os directores xerentes das institucións sanitarias de atención especializada poderán ofertar a xerarquización de prazas de especialistas de cota, logo

de autorización da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional e da División de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

3. As ofertas de xerarquización serán obxecto de convocatoria pública, que se publicará nos taboleiros de anuncios dos centros que integran o correspondente hospital ou complexo hospitalario.

4. A convocatoria determinará o número e especialidade de prazas de cota que se pretende xerarquizar, e ofertarállelas aos facultativos especialistas de cota da correspondente institución sanitaria.

5. As convocatorias de xerarquización establecerán un prazo de vinte días hábiles contados a partir do día seguinte da súa publicación, no cal os profesionais poderán formular a súa opción en solicitude dirixida ao director xerente da institución sanitaria convocante.

Os profesionais que solicitasen o recoñecemento do pregrao conforme o disposto no artigo 9º do presente decreto serán considerados de oficio como participantes nas correspondentes convocatorias sen necesidade de que formulen expresamente a opción que se regula no presente punto.

6. No suposto de que todos os profesionais que puidesen concorrer á convocatoria tivesen a condición de participantes obrigatorios como consecuencia do disposto no artigo 9º do presente decreto, esta circunstancia farase constar na propia convocatoria para os efectos de publicidade.

7. Os facultativos especialistas de cota poderán optar por xerarquizarse ás prazas da mesma especialidade que as que viñan desempeñando sempre que estean en posesión do correspondente título de especialista. Para estes efectos:

a) Os médicos especialistas que estean desempeñando prazas de Neuropsiquiatría poderán optar ás prazas de facultativo especialista de Área de Neuroloxía ou Psiquiatría, segundo se atopen en posesión dun ou doutro tipo da especialidade correspondente.

b) Os médicos especialistas que estean desempeñando prazas de Pulmón e Corazón poderán optar ás prazas de facultativo especialista de Área de Cardioloxía ou Pneumoloxía, segundo se atopen en posesión dun ou doutro tipo da especialidade correspondente.

8. No suposto de exercer a opción un número de facultativos superior ao de prazas da especialidade ofertadas na convocatoria, a xerarquización concederase de acordo cos seguintes criterios:

a) Os especialistas xefes de equipo terán preferencia sobre os axudantes.

b) En segundo lugar, terán preferencia os profesionais de maior antigüidade no centro. En todo caso, os servizos coincidentes no tempo computaranse unha soa vez.

c) De persistir o empate, terán mellor dereito os profesionais de maior idade.

Artigo 6º.-Resolución.

1. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o director xerente da institución sanitaria correspondente formulará proposta de xerarquización e a elevará á Dirección Xeral de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional para a súa resolución.

2. Á vista da proposta formulada polo director xerente da institución sanitaria, o director xeral da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional ditará a resolución correspondente.

3. Se a resolución fose denegatoria, non afectará á facultade do solicitante de concorrer a convocatorias sucesivas.

4. A resolución porá fin á vía administrativa, e poderase interpoñer contra ela recurso potestativo de reposición.

Artigo 7º.-Efectos.

1. Con respecto aos especialistas cuxas prazas resulten xerarquizadas, produciranse os seguintes efectos:

a) Aplicaráselles para todos os efectos o réxime económico e xurídico da categoría de facultativo especialista de área do Servizo Galego de Saúde.

b) Respectaráselles, para todos os efectos, a antigüidade que tiñan recoñecida no momento da xerarquización, ben que os trienios que se devenguen a partir deste momento se percibirán exclusivamente na contía establecida para o grupo A de clasificación.

c) Quedarán suxeitos ao réxime xurídico e funcional do servizo xerarquizado ao que estea adscrita a praza correspondente, e á dirección da súa actividade corresponderá a xefaturas de sección, servizo, departamento ou figura de dirección e/ou coordinación que proceda conforme a estrutura e réxime de traballo existente na correspondente institución sanitaria, sen prexuízo das competencias por parte dos órganos directivos.

d) Quedarán habilitados para realizar quendas de garda de presenza física ou, se é o caso, de localización, de acordo co réxime funcional e sistema de organización do traballo da especialidade correspondente.

2. As prazas de orixe do persoal especialista de cota cuxa xerarquización se produza serán amortizadas e reconvertidas en prazas de facultativo especialista de área, e as cotas correspondentes a elas quedarán adscritas ao servizo xerarquizado de que se trate.

As prazas dos facultativos que non exerzan o dereito de opción consideraranse a extinguir e amortizaranse cando queden vacantes; entrementres, os titulares das devanditas prazas continuarán no exercicio das súas funcións e conservarán os seus dereitos individuais.

3. Con respecto aos equipos cirúrxicos ou médico-cirúrxicos integrados por xefe e axudante, no suposto de que como consecuencia dun proceso de xerarquización dos regulados nesta disposición soamente un dos seus compoñentes se integre no servizo xerarquizado, o profesional estatutario fixo non inte

grado seguirá desempeñando as súas funcións con dependencia funcional ou, se é o caso, asistencia e apoio do servizo xerarquizado.

Capítulo III

Carreira profesional

Artigo 8º.-Carreira profesional.

O persoal estatutario especialista de cota poderá acceder ao réxime extraordinario de recoñecemento do desenvolvemento profesional do persoal estatutario das categorías de licenciados sanitarios do Servizo Galego de Saúde que se regula no Decreto 155/2005, do 9 de xuño, nos termos que se establecen no presente capítulo.

Artigo 9º.-Recoñecemento do pregrao.

1. Con anterioridade ao encadramento no grao I do sistema extraordinario que se regula no Decreto 155/2005, o persoal de cota deberá ter recoñecido o pregrao que se establece nesta disposición.

2. Poderá acceder ao pregrao o persoal estatutario fixo especialista de cota das categorías de licenciados sanitarios sempre que o solicite e reúna os requisitos seguintes:

a) Ter a condición de persoal fixo das categorías de licenciados sanitarios especialistas de cota e zona, con praza en propiedade nunha institución sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

b) Acreditar, polo menos, cinco anos de servizos prestados en praza de persoal estatutario especialista de cota nunha institución sanitaria do Sergas.

c) Estar en situación de activo ou asimilada, nos termos do Estatuto marco, no momento da solicitude.

d) Estar en posesión do título da especialidade correspondente e reunir todos os demais requisitos necesarios para acceder á xerarquización.

e) Presentar a solicitude de recoñecemento do pregrao en tempo e forma.

3. A solicitude de recoñecemento do pregrao implica a vontade irrenunciable e irreversible de optar pola xerarquización nos termos establecidos no presente decreto.

En consecuencia, os facultativos especialistas de cota que soliciten o recoñecemento do pregrao terán a consideración de participantes en todas as convocatorias de xerarquización do seu centro e especialidade ata que esta se lles conceda.

4. O recoñecemento deste pregrao outorgará ao profesional o dereito a percibir un complemento de carreira pregrao, de carácter fixo e persoal, que ascenderá á contía de 3.000 euros/ano e que se devengará en doce mensualidades.

Os efectos económicos do citado recoñecemento terán vixencia desde o 1 de xaneiro de 2006.

5. A tramitación e resolución das solicitudes de recoñecemento do pregrao corresponderá á División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional do Sergas, de acordo co previsto no Decreto 155/2005.

Artigo 10º.-Recoñecemento do grao I e sucesivos.

1. Poderá acceder ao recoñecemento do grao I a que se refire o artigo 4 do Decreto 155/2005, do 9 de xuño, o persoal que reúna os requisitos a que se refire o artigo 5 do mesmo decreto, excluído o que se refire na alínea d), sempre que teña acreditado o pregrao que se establece na presente disposición e supere o correspondente procedemento de avaliación que se estableza de conformidade co previsto no artigo 11º do presente decreto. A avaliación favorable suporá o encadramento no grao I de desenvolvemento profesional, con percepción do complemento de carreira correspondente ao dito grao e a absorción do complemento de carreira pregrao.

2. O acceso aos graos II e sucesivos do persoal encadrado no grao I, e os seus efectos, regularanse polo establecido no Decreto 155/2005, coas seguintes especialidades:

a) Desenvolvemento do sistema: o acceso producirase cos seguintes efectos económicos:

Grao II: xullo de 2007.

Grao III: xullo de 2008.

Grao IV: xullo de 2009.

b) Para o acceso ao grao II, a avaliación da actividade realizarase consonte aos criterios fixados en execución do artigo 11º deste decreto.

Capítulo IV

Disposicións comúns

Artigo 11º.-Comisión técnica de xerarquización.

1. En cada institución sanitaria de atención especializada do Sergas crearase unha comisión técnica de xerarquización, de carácter paritario, integrada por un representante por especialidade dos facultativos especialistas de cota que presten servizos no centro na data de entrada en vigor do presente decreto e teñan solicitado o recoñecemento do pregrao, e un número idéntico de membros designados pola dirección do centro. A presidencia desta comisión será exercida polo director xerente da institución sanitaria, ou a persoa en que delegue.

2. Correspóndelle á comisión técnica de xerarquización:

a) Coñecer as previsións de desenvolvemento de procesos de xerarquización da institución sanitaria.

b) Elaborar, de acordo coas bases xerais establecidas polos órganos directivos do Servizo Galego de Saúde, criterios de avaliación da participación efectiva dos especialistas de cota na actividade asistencial e prestacional da institución sanitaria correspondente, para os solos efectos do recoñecemento dos graos I e II da carreira profesional.

3. As comisións técnicas de xerarquización constituiranse no prazo máximo de 30 días contados a partir do día seguinte á finalización do prazo para solicitar o recoñecemento do pregrao.

4. Do desenvolvemento dos procesos de xerarquización informarase a Comisión central técnica de avaliación creada na disposición adicional cuarta do Decreto 155/2005.

Artigo 12º.-Aspectos económicos.

Os procesos de xerarquización e recoñecemento do desenvolvemento profesional que se regulan no presente decreto levaranse a cabo con suxeición ás dispoñibilidades orzamentarias existentes no capítulo I do orzamento de gastos do respectivo centro de xestión do Sergas.

Disposicións adicionais

Primeira.-Ábrese un prazo de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte á publicación do presente decreto, para que os interesados presenten as solicitudes de recoñecemento do pregrao que se regula nesta disposición.

As solicitudes dirixiranse á División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional do Servizo Galego de Saúde (edificio administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela) e deberán acompañarse da documentación que acredite os requisitos referidos no apartado 9.2 do presente decreto.

As solicitudes, formalizadas necesariamente no modelo recollido no anexo, poderán presentarse a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda.-No segundo trimestre do ano 2007, a División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional abrirá o prazo para a presentación das solicitudes de recoñecemento do grao I a que se refire o artigo 4 do Decreto 155/2005, do 9 de xuño.

Disposición transitoria

O persoal estatutario fixo que desempeñe prazas de facultativo especialista de cota en virtude de reingreso provisorio poderá exercer a opción de xerarquización que se regula no presente decreto.

Dada a súa consideración de postos a extinguir, as prazas desempeñadas en virtude de reingreso provisorio por profesionais que manifesten a opción de xerarquización por calquera dos procedementos regulados no presente decreto pasarán a ter a consideración de destino definitivo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Consellería de Sanidade e ao Servizo Galego de Saúde para adoptar as medidas pertinentes, no ámbito das súas competencias, para o desenvolvemento e aplicación do disposto no presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de decembro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Mª José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade