DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 09 de xaneiro de 2007 Páx. 346

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 16/2006, do 27 de decembro, do Plan galego de estatística 2007-2011.

Exposición de motivos

O Estatuto de autonomía de Galicia dispón no seu artigo 27, número 6, que á Comunidade Autónoma galega lle corresponde a competencia exclusiva da «estatística para os fins da Comunidade Autónoma galega».

En aplicación deste artigo o Parlamento aprobou a Lei 9/1988, de estatística de Galicia, na que se regula a actividade estatística da Comunidade Autónoma, modificada pola Lei 7/1993 e pola Lei 10/2001. Nesta normativa establécese que o Plan galego de estatística é o instrumento da ordenación e planificación desta actividade, mediante a progresiva constitución do sistema estatístico, entendendo por tal o conxunto ordenado e integrado de métodos, procedementos e resultados dos seus diferentes axentes institucionais.

Ata o momento, o Parlamento de Galicia aprobou dous plans, correspondentes aos períodos 1998-2001 e 2002-2006, que fixaban unha serie de obxectivos, xerais e específicos, que se concretaron nos programas estatísticos anuais.

Esgotado o segundo Plan de estatística, procede a aprobación dun novo mediante esta lei, que, a través dun sistema de planificación por obxectivos, pretende a creación, organización e difusión do coñecemento estatístico acorde coas necesidades das institucións públicas, dos axentes económicos e sociais e dos cidadáns en xeral. Para a consecución deste fin, establécense obxectivos xerais de tres tipos: informativos, organizativos e instrumentais.

Os primeiros concrétanse a través de metas estatísticas que pretenden darlles resposta ás necesidades do conxunto da sociedade galega desta información. Con elas búscase dotar de flexibilidade o plan, para se adaptar a unha realidade tan cambiante como a actual, así como para ofrecer solucións axeitadas aos escenarios que poidan xurdir da reflexión que se está a producir sobre o sistema estatístico no conxunto do Estado e sobre a súa articulación co europeo.

A finalidade dos segundos é contribuír á estruturación e ao desenvolvemento da organización estatística de Galicia, potenciando a coordinación e colaboración institucional coas entidades públicas territoriais e non territoriais galegas, estatais, europeas e internacionais relacionadas coa estatística.

Por último, os obxectivos instrumentais procurarán asegurar a calidade e conexión do sistema estatístico cos usuarios.

A actividade que se realice en desenvolvemento deste plan axustarase aos principios e garantías de interese público, obxectividade e corrección técnica, obri

ga de colaboración, segredo estatístico e difusión dos resultados, establecidos no capítulo III da Lei de estatística de Galicia, así como ás recomendacións do Código de boas prácticas das estatísticas europeas, adoptado o 24 de febreiro de 2005 polo Comité do Programa Estatístico da Comisión Europea.

Así mesmo, debe prover información para que os cidadáns poidan exercer os seus dereitos, orientar a creación de riqueza e benestar, potenciar a creación de coñecemento e favorecer a toma de decisións.

Esta lei estrutúrase en tres capítulos, dúas disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria, catro disposicións derradeiras e tres anexos. Nos capítulos I e II recóllense as disposicións xerais e os obxectivos do plan respectivamente, mentres que o capítulo III regula a estrutura e o desenvolvemento deste. Nos anexos figuran a estrutura temática do plan, a relación de metas de información estatística nas que se desenvolven os obxectivos específicos por acadar e, por último, un conxunto de definicións.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 (do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei do Plan galego de estatística 2007-2011.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1.-Ordenación e planificación.

O obxecto desta lei é a regulación do Plan galego de estatística 2007-2011, instrumento de ordenación e planificación da actividade estatística da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2.-Colaboración institucional.

O Plan galego de estatística 2007-2011 constitúe o marco da colaboración institucional entre as distintas entidades que forman parte da organización estatística de Galicia e destas con outras entidades públicas locais, autonómicas ou estatais, así como europeas ou internacionais.

Artigo 3.-Período de aplicación.

1. O Plan galego de estatística 2007-2011 formula os seus obxectivos para o período de tempo comprendido entre o 1 de xaneiro de 2007 e o 31 de decembro de 2011. Non obstante, quedará prorrogado ata a entrada en vigor do seguinte, no suposto de non se aprobar un novo plan ao seu vencemento.

2. Para o desenvolvemento deste plan, o Consello da Xunta aprobará programas estatísticos anuais.

Artigo 4.-Metas de información e operacións estatísticas.

O plan inclúe as metas relacionadas no anexo II, que constitúen obxectivos específicos de información. Estas metas serán satisfeitas mediante as operacións dos programas e outras actividades estatísticas. A definición destes dous conceptos figura no anexo III.

Artigo 5.-Execución.

1. A Xunta de Galicia, os seus organismos e mais as entidades públicas territoriais e non territoriais galegas elaborarán as operacións encomendadas nos programas anuais e as outras actividades estatísticas que desenvolvan as metas de información, directamente ou en colaboración con outras entidades públicas ou privadas, mediante a formalización de acordos, convenios ou contratos. Todos eles quedarán obrigados ao cumprimento do segredo estatístico, aínda despois de concluíren os devanditos acordos, convenios ou contratos.

2. O Instituto Galego de Estatística será, con carácter xeral, o órgano responsable daquelas operacións cuxo ámbito de investigación implique simultaneamente varios sectores económicos ou ámbitos sociais. As operacións de carácter sectorial serán executadas preferentemente polos departamentos, organismos ou entidades públicas competentes na materia.

Capítulo II

Obxectivos do Plan estatístico

Artigo 6.-Obxectivo central.

O obxectivo central do plan é desenvolver e consolidar o sistema estatístico galego e conseguir un conxunto coherente, rigoroso e actualizado de datos que responda ás demandas de información das institucións públicas, dos axentes económicos e sociais e dos cidadáns en xeral, axeitándose aos criterios de economía e de aproveitamento das fontes existentes, minimizando as molestias aos cidadáns e garantindo o segredo estatístico.

Artigo 7.-Obxectivos informativos.

Estes obxectivos diríxense a dar resposta a campos de coñecemento para o desenvolvemento e o benestar, contribuíndo en concreto a:

a) Mellorar e sintetizar a información relativa ao territorio, aos recursos naturais e ao medio ambiente.

b) Afondar no coñecemento da realidade demográfica de Galicia e da súa evolución futura.

c) Analizar distintos ámbitos sociais en canto a nivel, calidade, condicións de vida, accesibilidade á vivenda, saúde, educación e cultura.

d) Progresar no coñecemento do mercado de traballo e das súas tendencias.

e) Consolidar o coñecemento da estrutura produtiva: evolución, compoñentes básicos e relacións con outras economías.

f) Ampliar o coñecemento dos sectores produtivos de mercado máis relevantes.

g) Mellorar a información sobre a actividade realizada polas administracións públicas e o sector non lucrativo.

h) Avanzar no coñecemento das relacións comerciais con outros mercados e a posición competitiva, así como as súas expectativas.

i) Contribuír ao coñecemento da dinámica económica, financeira e estratéxica que seguen as actividades empresariais, afondando na situación competitiva da empresa.

j) Consolidar e ampliar a información relativa a ciencia e tecnoloxía, en particular sobre investigación e desenvolvemento tecnolóxico e innovación.

k) Progresar no desenvolvemento de indicadores da inserción dos cidadáns, axentes sociais e empresas na sociedade da información.

l) Avanzar ata a consideración de xénero como unha parte integrante da actividade estatística. Neste senso, as operacións nas que se contemplen datos sobre persoas deberán de recollerse e difundirse por sexo.

m) Avanzar na desagregación territorial da produción de información estatística, especialmente para operacións a partir de datos administrativos, atendendo criterios de custo-beneficio e a dispoñibilidade técnica e económica.

Artigo 8.-Obxectivos organizativos.

1. Estes obxectivos diríxense a conseguir un uso máis racional dos recursos e das informacións dispoñibles polas distintas administracións públicas, e son os seguintes:

a) Consolidar a organización estatística de Galicia, para garantir o dereito de acceso dos cidadáns á información subministrada por esta, o rigor e a corrección técnica das operacións realizadas, a difusión dos resultados, o segredo estatístico e mais a seguridade no almacenamento e na transmisión desta información.

b) Potenciar a colaboración cos axentes locais e cos diferentes órganos, entidades e institucións nacionais ou internacionais relacionadas coa estatística, coa finalidade de impulsar, intercambiar e aplicar coñecementos e prácticas, e, especificamente, as relativas á estatística elaborada en e para Galicia.

c) Fomentar un uso máis eficiente dos rexistros das distintas administracións públicas.

2. No ámbito das súas competencias e se o considera de interese para o cumprimento dos obxectivos deste plan, o Instituto Galego de Estatística poderá solicitar a colaboración do Instituto Nacional de Estatística e doutras entidades e organizacións autonómicas, estatais, europeas ou internacionais. Farase especial énfase na cooperación transfronteiriza en materia estatística coa rexión norte de Portugal.

Artigo 9.-Obxectivos instrumentais.

Os obxectivos instrumentais diríxense a desenvolver aquelas actividades necesarias para asegurar a calidade e conexión do sistema estatístico cos usuarios, e son os seguintes:

a) Responder aos intereses lexítimos dos axentes deseñando a actividade estatística consonte as súas necesidades, ofrecendo retornos de valor e minimizando as molestias aos informantes.

b) Difundir as operacións en curso dos programas, de acordo cun calendario prefixado, para reforzar a transparencia e puntualidade das estatísticas.

c) Divulgar axeitadamente a información estatística de carácter oficial que teña como referencia Galicia.

d) Sensibilizar á sociedade galega mediante servizos e actividades que potencien o coñecemento a través da estatística.

e) Impulsar a investigación estatística, tanto en aspectos metodolóxicos e históricos como noutros temas de interese para a Comunidade Autónoma, que contribúa a mellorar o coñecemento da súa realidade demográfica, social, económica e ambiental.

f) Promover a normalización, homoxeneidade e posibilidade de comparación da información proporcionada polo sistema estatístico de Galicia respecto do estatal e do europeo.

g) Consolidar a estruturación informática integrada do sistema estatístico de Galicia e ampliar o desenvolvemento de sistemas de información.

h) Contribuír ao desenvolvemento da sociedade da información, proporcionando a oferta estatística como un servizo de administración electrónica.

i) Desenvolver a referenciación territorial da información estatística de Galicia, baseándose nos métodos xeográficos dispoñibles, avanzando na desagregación territorial das operacións realizadas.

j) Consolidar os directorios de unidades estatísticas.

Capítulo III

Estrutura e desenvolvemento do Plan estatístico

Artigo 10.-Estrutura do plan.

As metas de información estatística estrutúranse nas áreas e seccións temáticas recollidas no anexo I.

Artigo 11.-Definición dos programas anuais.

1. O Plan galego de estatística 2007-2011 desenvólvese mediante os programas anuais, que incorporarán unha relación das operacións estatísticas dirixidas a acadar as metas de información, así como o seu estado. Así mesmo, poderán incluír outras actividades estatísticas vinculadas aos obxectivos do plan.

2. No programa determinarase para cada operación en curso o seguinte:

a) As metas de información.

b) Os obxectivos concretos.

c) Os ámbitos de investigación.

d) A periodicidade.

e) O organismo ou organismos responsables da súa execución.

f) O orzamento estimado.

g) De ser o caso, as persoas ou entidades obrigadas á subministración de información, así como a forma e os prazos nos que se debe subministrar esta.

h) A forma e os prazos de difusión.

Artigo 12.-Proxecto técnico.

1. As operacións que se inclúan nos programas anuais, agás as que se incorporen en proxecto ou en reestruturación, dispoñerán do seu correspondente proxecto técnico, que terá carácter público.

2. Os proxectos técnicos sistematizarán os procedementos de execución de cada operación, debendo o Instituto Galego de Estatística de emitir informe sobre eles, no caso de que aquela non sexa da súa responsabilidade. Para a inclusión destes proxectos nos programas anuais, o citado informe deberá ser favorable.

3. O Instituto Galego de Estatística, de acordo cos seus recursos, prestará asistencia na redacción dos proxectos das operacións do resto dos axentes do sistema.

4. Coa finalidade de construír un sistema integrado de contas económicas, o Instituto Galego de Estatística deberá participar na elaboración e execución de todos os proxectos técnicos relativos ás operacións de síntese desta clase.

5. Os proxectos técnicos someteranse á consideración do Consello Galego de Estatística.

Artigo 13.-Aprobación e vixencia dos programas estatísticos anuais.

1. O proxecto de cada un dos programas estatísticos anuais será elaborado polo Instituto Galego de Estatística, logo do informe do Consello Galego de Estatística.

2. Correspóndelle ao Consello da Xunta, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, aprobar por decreto os programas anuais.

3. A vixencia de cada programa anual coincidirá co ano natural, sen prexuízo da súa prórroga, respecto das operacións que pola súa natureza sexa necesario continuar.

4. Do contido do programa anual daráselle conta ao Parlamento de Galicia mediante unha comparecencia específica, que se realizará no último trimestre do ano anterior ao de referencia do correspondente programa anual.

Artigo 14.-Seguimento e avaliación dos programas anuais.

1. O Instituto Galego de Estatística realizará un informe de seguimento de cada programa anual para a súa consideración polo Consello Galego de Estatística. Deste informe daráselle conta ao Parlamento de Galicia.

2. Así mesmo, elaborará un informe de avaliación do Plan galego de estatística 2007-2011 unha vez finalizado, que someterá á consideración do Consello Galego de Estatística e poñerá en coñecemento do Parlamento de Galicia, por medio dunha comparecencia específica.

Artigo 15.-Operacións estatísticas oficiais e aprobación de resultados.

1. As operacións incluídas nos programas anuais con proxecto técnico consideraranse oficiais tras a publicación dos seus resultados.

2. Os resultados das operacións oficiais que sexan de aplicación obrigatoria ás relacións e situacións xurídicas nas que a Comunidade Autónoma teña competencia para impoñelos deberán ser obxecto de aprobación expresa de acordo co seguinte procedemento:

2.1. As propostas de aprobación deben ser presentadas previamente polos organismos responsables no Instituto Galego de Estatística, que emitirá un informe preceptivo sobre o cumprimento das normas estatísticas que sexan aplicables.

2.2. Para a elaboración deste informe o Instituto Galego de Estatística poderá requirir toda a información que considere necesaria do organismo ou da entidade pública responsable da operación.

2.3. Se o informe é favorable, o Instituto Galego de Estatística aprobará con carácter provisional os resultados, dos que se informará ao Consello Galego de Estatística e ao Consello da Xunta. Se transcorrido o prazo de tres meses non se reciben obxeccións expresas, quedarán aprobados definitivamente e serán publicados no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 16.-Outras actividades estatísticas.

O Instituto Galego de Estatística poderá solicitarlles información á Xunta de Galicia, aos seus organismos e ás entidades públicas territoriais e non territoriais galegas sobre outras actividades e recursos de interese estatístico, coa finalidade de contribuír a un maior coñecemento desta información e proceder ao seu inventario, de ser o caso.

Artigo 17.-Datos de orixe administrativa.

Cando sexa necesario, os organismos responsables poderán acceder aos recursos e fontes de carácter administrativo, para levar a cabo as operacións contempladas nos programas anuais.

Artigo 18.-Cesión da información estatística.

A información sometida ao segredo estatístico nos termos que establece a Lei de estatística de Galicia só poderá cedérselle para a elaboración dunha operación incorporada nos programas anuais á unidade responsable da súa realización sempre que forme parte da organización estatística de Galicia.

Artigo 19.-Convenios e acordos en materia estatística.

1. O Instituto Galego de Estatística deberá ser informado con carácter previo de todos os convenios e acordos que, en materia estatística, formalice calquera órgano da Administración autonómica.

2. As actividades estatísticas derivadas de convenios ou acordos que formalice a Administración autonómica quedarán amparadas por esta lei e incluiranse nos programas anuais, logo do informe favorable do Instituto Galego de Estatística.

Disposiciones transitorias

Primeira.-A designación dos órganos estatísticos sectoriais prevista na disposición derradeira primeira desta lei levarase a cabo nun período máximo de dous anos desde a súa entrada en vigor.

Segunda.-Transcorrida a vixencia de dous programas deste plan, para a súa inclusión en programas posteriores, as operacións deberán dispoñer do seu correspondente proxecto técnico sobre o que emitira informe o Instituto Galego de Estatística, agás as que se incorporen aos programas en proxecto ou en reestruturación.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao previsto nesta lei e, expresamente, a Lei 10/2001, do 17 de setembro, do Plan galego de estatística 2002-2006.

Disposicions derradeiras

Primeira.

Un. Modifícanse as letras b) e c) do artigo 24 da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, que quedan redactadas da seguinte forma:

«b) Non quedarán amparados polo segredo estatístico os datos que sexan de coñecemento público notorio.

c) Non quedarán amparados polo segredo estatístico os datos dos rexistros administrativos propios que non fosen achegados polos interesados como información estatística. Os ditos datos, non obstante, gozan da confidencialidade e dos criterios de difusión que lles correspondan segundo a normativa específica que lles sexa de aplicación».

Dous. Modifícase o artigo 29 da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, que queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 29

1. A publicación ou difusión dos datos estatísticos farase sen referencias de carácter individual, de acordo coas normas reguladoras do segredo estatístico.

2. As estatísticas comprendidas no Plan galego de estatística serán obxecto de difusión pública».

Tres. Modifícase o apartado 1 do artigo 30 da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, que queda redactado da seguinte forma:

«1. Calquera persoa pode demandar unha certificación sobre os resultados estatísticos globalizados publicados, que lle será enviada por escrito, en soporte informático ou por calquera outro medio, segundo as características da solicitude».

Catro. Modifícase o apartado 1 do artigo 35 da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, que queda redactado da seguinte forma:

«1. Serán aplicables as seguintes sancións:

a) As infraccións leves sancionaranse con multa de 100 a 500 euros.

b) As infraccións graves sancionaranse con multa de 501 a 2.500 euros.

c) As infraccións moi graves sancionaranse con multa de 2.501 a 10.000 euros».

Cinco. Modifícase o artigo 44 da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, que queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 44

Órganos estatísticos sectoriais.

1. Co obxecto de promover o desenvolvemento da actividade estatística na Comunidade Autónoma de Galicia, así como o aproveitamento das potencialidades estatísticas existentes, designaranse órganos estatísticos nos departamentos da Xunta de Galicia e, se é o caso, nos organismos e entes públicos dependentes dela, que deberán coordinar a súa actividade co Instituto Galego de Estatística.

2. A designación e a regulación destes órganos determinaranse regulamentariamente.

3. Os órganos estatísticos sectoriais terán, no desenvolvemento das súas actividades, as seguintes funcións:

a) Elaboración e difusión de estatísticas propias da consellaría e dos organismos e entes públicos correspondentes.

b) Elaboración das estatísticas ou fases delas que lles encomenden o Plan galego de estatística e os seus programas estatísticos.

c) Colaboración co Instituto Galego de Estatística na elaboración do anteproxecto do Plan galego de estatística e dos proxectos dos seus programas anuais.

d) Colaboración co Instituto Galego de Estatística no deseño e na confección dos ficheiros-directorios que utilizarán os órganos e entes da Administración autonómica de Galicia.

e) Análise das necesidades estatísticas da consellaría e dos organismos e entes públicos correspondentes.

4. Carácter do persoal estatístico.

O persoal que preste os seus servizos en calquera dos órganos ou entes do sistema estatístico de Galicia e que realice actividade estatística obterá o carácter de persoal estatístico, con independencia do seu nivel e da relación xurídica da que deriven aqueles, sempre que se cumpran os requisitos que regulamentariamente se establezan».

Seis. Modifícase o apartado 1 do artigo 47 da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, que queda redactado da seguinte forma:

«1. O Consello Galego de Estatística estará composto polos seguintes membros:

a) O presidente, que será o conselleiro de Economía e Facenda.

b) O vicepresidente, que será o director do Instituto Galego de Estatística.

c) Un representante por cada un dos departamentos da Xunta de Galicia (Presidencia, Vicepresidencia, consellarías).

d) Dous representantes do Consello das Cámaras de Comercio Galegas.

e) Dous representantes das asociacións de empresarios.

f) Un representante de cada unha das organizacións sindicais máis representativas.

g) Tres representantes das organizacións profesionais de agricultores.

h) Dous representantes das organizacións de mariñeiros.

i) Dous representantes das organizacións de consumidores e usuarios.

j) Dous representantes da Administración local.

k) Un representante por cada unha das universidades de Galicia.

l) Tres persoas de relevancia profesional no campo da estatística.

m) Os subdirectores e mais o secretario técnico do Instituto Galego de Estatística, de acordo coa súa estrutura orgánica, con voz e sen voto.

n) Un funcionario do Instituto Galego de Estatística, que desempeñará o cargo de secretario do consello, con voz e sen voto».

Segunda.

Un. Modifícase o punto 1.1. do artigo 1 da Lei 12/1992, do 9 de novembro, de creación de determinadas escalas de persoal funcionario ao servizo da Xunta de Galicia, que queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 1.1.1. Para o acceso á dita escala será necesario estar en posesión ou en condicións de obter o título de licenciado, enxeñeiro, arquitecto ou equivalente».

Dous. Modifícase o punto 1.1. do artigo 2 da Lei 12/1992, do 9 de novembro, de creación de determinadas escalas de persoal funcionario ao servizo da Xunta de Galicia, que queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 2.1.1. Para o acceso á dita escala será necesario estar en posesión ou en condicións de obter

o título de diplomado universitario, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico, formación profesional de terceiro grao ou equivalente.

Terceira.-Autorízase o Consello da Xunta para que dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento e a execución de canto se prevé nesta lei.

Cuarta.-Esta lei entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 2007 ou o seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

ANEXO I

Estrutura temática

Área 1. Territorio, recursos naturais e medio ambiente.

Sección 1.1. Territorio e recursos naturais.

Sección 1.2. Medio ambiente.

Área 2. Poboación e condicións sociais.

Sección 2.1. Poboación.

Sección 2.2. Sanidade.

Sección 2.3. Educación e capital humano.

Sección 2.4. Mundo laboral.

Sección 2.5. Benestar, emprego do tempo e participación social.

Sección 2.6. Cultura e lecer.

Sección 2.7. Vivenda.

Área 3. Estrutura produtiva.

Sección 3.1. Sector agrario.

Sección 3.2. Pesca e acuicultura.

Sección 3.3. Enerxía e industria.

Sección 3.4. Construción.

Sección 3.5. Servizos de mercado.

Sección 3.6. Administración pública e outros servizos non de mercado.

Sección 3.7. Mercados e prezos.

Sección 3.8. Actividade empresarial.

Sección 3.9. Sistema de contas.

Área 4. Sociedade da información, ciencia e tecnoloxía.

Sección 4.1. Sociedade da información.

Sección 4.2. Ciencia e tecnoloxía.

ANEXO II

Metas de información estatística

Área 1. Territorio, recursos naturais e medio ambiente.

Sección 1.1. Territorio e recursos naturais.

Obxectivo xeral: dispoñer de información e avanzar na elaboración de indicadores relativos ao territorio, infraestruturas e recursos naturais.

Metas de información.

1.1.1. Territorio e oferta e demanda de solo.

1.1.2. Infraestruturas. Estradas e portos.

1.1.3. Estática e dinámica forestal. Superficies e repoboacións. Montes veciñais e comunidades de montes.

1.1.4. Incendios forestais.

1.1.5. Recursos naturais e biodiversidade.

Sección 1.2. Medio ambiente.

Obxectivo xeral: dispoñer de información e avanzar na elaboración de indicadores relativos ao medio ambiente.

Metas de información.

1.2.1. Ambiente atmosférico. Climatoloxía e calidade do aire.

1.2.2. Reservas, calidade, depuración e usos das augas.

1.2.3. Residuos urbanos e industriais.

1.2.4. Infraccións e impacto ambiental.

1.2.5. Indicadores ambientais.

Área 2. Poboación e condicións sociais.

Sección 2.1. Poboación.

Obxectivo xeral: afondar no coñecemento da realidade demográfica, a súa evolución futura e a súa distribución territorial.

Metas de información.

2.1.1. Poboación e movementos migratorios.

2.1.2. Proxeccións demográficas. Poboación e fogares.

Sección 2.2. Sanidade.

Obxectivo xeral: progresar no coñecemento dos recursos sanitarios e dos aspectos que condicionan a saúde da poboación.

Metas de información.

2.2.1. Atención primaria e procesos hospitalarios. Listas de agarda.

2.2.2. Prestación farmacéutica.

2.2.3. Estado xeral da saúde da poboación, en particular cobertura vacinal e condutas de risco.

2.2.4. Morbilidade e o seu impacto sobre o mercado laboral.

2.2.5. Mortalidade por causas.

2.2.6. Consumo de drogas e asistencia a persoas drogodependentes.

Sección 2.3. Educación e capital humano.

Obxectivo xeral: dispoñer da información básica sobre educación e formación, con especial incidencia na orientada á análise do fracaso escolar.

Metas de información.

2.3.1. Ensino preobrigatorio, obrigatorio e postobrigatorio non universitario.

2.3.2. Ensino universitario, coa inclusión do acceso e da oferta e demanda de titulacións.

2.3.3. Tránsito do sistema educativo ao mercado laboral.

2.3.4. Formación non regrada, coa inclusión da realizada no seo das empresas.

Sección 2.4. Mundo laboral.

Obxectivo xeral: progresar no coñecemento do mercado de traballo e da súa evolución.

Metas de información.

2.4.1. Sinistralidade e outras condicións de traballo. Accións preventivas.

2.4.2. Concertación laboral, onde se inclúen conciliacións, negociación colectiva e eleccións sindicais.

2.4.3. Conflitividade laboral, onde se inclúen infraccións, sancións, folgas, peches patronais e regulación de emprego.

2.4.4. Actividade, ocupación e desemprego, con especial atención á caracterización deste último.

Sección 2.5. Benestar, emprego do tempo e participación social.

Obxectivo xeral: avanzar no estudo da calidade de vida, da igualdade, da violencia de xénero e da cohesión social.

Metas de información.

2.5.1. Poboación dependente e segmentos sociais con máis necesidades potenciais.

2.5.2. Vida familiar e a súa conciliación co traballo, emprego do tempo e mobilidade.

2.5.3. Pobreza e exclusión social.

2.5.4. Xustiza, seguridade e participación cidadá.

2.5.5. Indicadores sociais.

Sección 2.6. Cultura e lecer.

Obxectivo xeral: avanzar no coñecemento dos recursos e dos hábitos e prácticas culturais, deportivas e lingüísticas.

Metas de información.

2.6.1. Equipamentos e recursos culturais, deportivos e para o lecer.

2.6.2. Produción e oferta cultural.

2.6.3. Hábitos e prácticas culturais, deportivas e do lecer.

2.6.4. Prácticas lingüísticas.

Sección 2.7. Vivenda.

Obxectivo xeral: dispoñer de información básica sobre equipamento e condicións de acceso.

Metas de información.

2.7.1. Equipamento e características.

2.7.2. Demanda e gasto. Vivendas protexidas e prezos da vivenda.

Área 3. Estrutura produtiva.

Sección 3.1. Sector agrario.

Obxectivo xeral: afondar no coñecemento da estrutura e da actividade dos subsectores agrícola, gandeiro e forestal.

Metas de información.

3.1.1. Infraestrutura e efectivos agrarios. Capital e terra: facendas gandeiras, maquinaria e superficies agrícolas.

3.1.2. Características técnico-económicas das explotacións agrícolas.

3.1.3. Características técnico-económicas das explotacións gandeiras.

3.1.4. Producións e rendementos vexetais.

3.1.5. Producións e rendementos animais: sacrificio de gando e produción de leite.

3.1.6. Produción ecolóxica e de calidade.

Sección 3.2. Pesca e acuicultura.

Obxectivo xeral: afondar no coñecemento da estrutura e das actividades do sector.

Metas de información.

3.2.1. Infraestrutura e recursos pesqueiros, marisqueiros e acuícolas.

3.2.2. Producións e características económicas das unidades de produción. Primeira venda de produtos pesqueiros.

Sección 3.3. Enerxía e industria.

Obxectivo xeral: afondar no coñecemento da estrutura e da actividade industrial.

Metas de información.

3.3.1. Produción, distribución e consumo de enerxía.

3.3.2. Caracterización do subsector mineiro.

3.3.3. Estrutura e dinámica na industria manufactureira, incluíndo a agroindustria.

Sección 3.4. Construción.

Obxectivo xeral: dispoñer de información básica sobre a actividade da construción.

Metas de información.

3.4.1. Construción. Rehabilitación e recuperación do patrimonio construído.

Sección 3.5. Servizos de mercado.

Obxectivo xeral: afondar no coñecemento da estrutura e da actividade dos servizos de mercado.

Metas de información.

3.5.1. Comercio interior e transporte de mercadorías e de pasaxeiros.

3.5.2. Infraestrutura turística e hostaleira. Empresas e actividades turísticas.

3.5.3. Movemento turístico. Ocupación en establecementos regulamentados e non regulamentados.

3.5.4. Servizos financeiros, servizos ás empresas e outros de mercado.

Sección 3.6. Administración pública e outros servizos non de mercado.

Obxectivo xeral: avanzar no coñecemento da actividade das administracións públicas e doutros produtores de servizos que non se ofrecen no mercado.

Metas de información.

3.6.1. Administración autonómica. Recursos e gasto público en áreas de especial interese, como sanidade, educación, infraestruturas e I+D+i.

3.6.2. Administración local. Recursos e gasto público. Servizos públicos básicos.

3.6.3. Administración universitaria. Recursos e gasto público.

3.6.4. Seguimento e avaliación de plans de actuación.

3.6.5. Institucións sen fins de lucro.

Sección 3.7. Mercados e prezos.

Obxectivo xeral: avanzar no coñecemento dos mercados interiores, das relacións comerciais con outros mercados e da posición competitiva.

Metas de información.

3.7.1. Demanda, mercados e axentes. Intercambios comerciais.

3.7.2. Prezos e índices de prezos, en particular prezos agrarios e da terra.

Sección 3.8. Actividade empresarial.

Obxectivo xeral: contribuír ao coñecemento da dinámica económica, financeira e inclusive estratéxica que seguen as actividades empresariais, afondando na situación competitiva da empresa galega.

Metas de información.

3.8.1. Infraestrutura e demografía empresarial. Empresas e unidades locais.

3.8.2. Características económico-financeiras do sector empresarial e a súa conxuntura.

3.8.3. Economía social. Cooperativas e outras formas asociativas.

Sección 3.9. Sistema de contas.

Obxectivo xeral: consolidar o coñecemento da economía galega, a súa evolución, as súas compoñentes e a relación con outras economías do seu contorno.

Metas de información.

3.9.1. Contas económicas anuais e trimestrais.

3.9.2. Marco input-output.

3.9.3. Ampliacións do sistema. Indicadores municipais da renda dos fogares, matriz de contabilidade social e contas satélites.

Área 4. Sociedade da información, ciencia e tecnoloxía.

Sección 4.1. Sociedade da información.

Obxectivo xeral: progresar no desenvolvemento de indicadores da inserción dos cidadáns, axentes sociais e empresas galegas na sociedade da información.

Metas de información.

4.1.1. Indicadores da sociedade da información.

4.1.2. Sociedade da información nos diversos sectores, en particular nos centros educativos e sanitarios.

Sección 4.2. Ciencia e tecnoloxía.

Obxectivo xeral: consolidar e ampliar a información relativa a ciencia e tecnoloxía, en particular sobre investigación e desenvolvemento tecnolóxico e innovación.

Metas de información.

4.2.1. Indicadores de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e innovación.

4.2.2. Ciencia e tecnoloxía nos diversos sectores. Recursos e resultados.

ANEXO III

Definicións

Actividades estatísticas.

Son os conxuntos de tarefas de compilación, elaboración e ordenación de datos ou outra información cuantificable, ademais da publicación e difusión dos resultados, conforme establece o artigo 2 da Lei de estatística de Galicia. Tamén se consideran como tales as que sexan previas ou complementarias das anteriores que non fosen incluídas dentro delas e legalmente esixibles ou tecnicamente necesarias para poder acadar os requirimentos que establecen as normas estatísticas. Asemade, incluiranse as de innovación, investigación e desenvolvemento técnico, metodolóxico e normalizador no eido estatístico.

Operación estatística.

É aquela actividade ou conxunto de actividades estatísticas nas que algunha das administracións públicas galegas participe cando menos nunha fase da súa elaboración, a maiores da de difusión. Deberá ademais estar clasificada dentro dalgún dos puntos seguintes:

a) Censos.

b) Enquisas por mostraxe.

c) Toma directa de datos.

d) Explotacións estatísticas de directorios ou rexistros administrativos.

e) De síntese: sistema de indicadores, números índices, contas económicas e proxeccións.

Operación estatística en cumprimento.

Operación que se fai no marco de convenios, acordos, decretos de transferencia ou de calquera outro tipo de norma ou vínculo xurídico, e na que o proceso estatístico xa vén regulado por outra administración diferente á da Comunidade Autónoma de Galicia.

Operación estatística en curso.

Operación periódica ou irregular con proxecto técnico e que dá lugar a unha serie cronolóxica ou permite a comparanza temporal con outros períodos.

Operación estatística en implantación.

Operación que xa dispón de proxecto técnico pero que aínda non se pode considerar que estea en curso.

Operación estatística en proxecto.

Operación nova que aínda non dispón de proxecto técnico.

Operación estatística en reestruturación.

Operación que viña estando en curso pero que vai sufrir cambios substanciais no seu proxecto técnico.

Santiago de Compostela, vinte e sete de decembro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA