DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 08 de xaneiro de 2007 Páx. 290

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 15/2006, do 27 de decembro, pola que se modifica a Lei 2/2000, do 21 de decembro, pola que se crea a escala de axentes facultativos medioambientais da Xunta de Galicia.

Preámbulo

A Lei 2/2000, do 21 de decembro, creou a escala de axentes facultativos medioambientais da Xunta de Galicia, que establece no seu artigo 2.1 que para o ingreso na escala se requirirá estar en posesión do título de técnico ou técnica superior en xestión e organización dos recursos naturais e paisaxísticos ou da titulación de técnico ou técnica especialista equivalente. O punto 2 do artigo engade: «Sen prexuízo do disposto no punto anterior e de conformidade co establecido na disposición adicional vixésimo segunda da Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, o acceso á escala poderá levarse a cabo a través da promoción interna desde a escala de axentes forestais da Xunta de Galicia, como escala do grupo D da mesma área de actividade».

A disposición transitoria da Lei 2/2000 prevé que o persoal funcionario de carreira que á entrada en vigor da lei pertenza á escala de axentes forestais do corpo de auxiliares facultativos da Xunta de Galicia poderá integrarse na escala de axentes facultativos da Xunta de Galicia, sempre que cumpra cos requisitos de acceso establecidos na disposición adicional vixésimo segunda da Lei 30/1984.

O parágrafo segundo da disposición adicional prevé, para tal efecto, a convocatoria de, como máximo, dous procesos selectivos de promoción que lle permita acceder á escala de axentes facultativos medioambientais ao persoal da escala de axentes forestais que os supere.

No tempo transcorrido desde a entrada en vigor da Lei 2/2000, as circunstancias que aconsellaron a redacción da devandita disposición transitoria resultaron alteradas por dúas circunstancias fundamentais: pola cobertura de cen postos vacantes da escala de axentes forestais en virtude do proceso selectivo convocado pola Orde do 18 de decembro de 2001, pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso no corpo de auxiliares técnicos da Xunta de Galicia (grupo D), escala de axentes forestais, e, asemade, pola promulgación da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, na que se indica o deber de fomentar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes en sectores onde as primeiras estean subrepresentadas.

En virtude do exposto é conveniente darlle unha nova redacción á disposición transitoria única da Lei 2/2000, do 21 de decembro, a través dunha sim

ple modificación puntual, que, á marxe de responder a estas novas circunstancias, manteña un dos obxectivos previstos na súa propia exposición de motivos relativos á tutela e á xestión dos recursos naturais renovables e mais á conservación do medio ambiente de Galicia, contando con efectivos cun nivel de formación axeitada cos que atender as crecentes demandas de actuacións administrativas especializadas neste campo. Ademais, a través desta norma trátase de facer efectivo o principio de promoción da muller en áreas subrepresentadas, neste suposto, a escala de axentes facultativos medioambientais.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei, a lei pola que se modifica a Lei 2/2000, do 21 de decembro, pola que se crea a escala de axentes facultativos medioambientais da Xunta de Galicia.

Artigo único.

Modifícase a disposición transitoria única da Lei 2/2000, do 21 de decembro, pola que se crea a escala de axentes facultativos medioambientais da Xunta de Galicia, que queda redactada como segue:

«Disposición transitoria primeira.

O persoal funcionario de carreira pertencente á escala de axentes forestais do corpo de auxiliares técnicos da Xunta de Galicia, sempre que cumpra os requisitos de acceso establecidos na disposición adicional vixésimo segunda da Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, poderá integrarse na escala de axentes facultativos medioambientais. O curso específico de formación ao que se refire esta disposición adicional estará homologado e impartido directamente por persoal cualificado das administracións públicas.

Para tal efecto, computaranse como servizos na escala os desempeñados en calidade de persoal interino na Xunta de Galicia en postos reservados á escala de axentes forestais.

A Xunta de Galicia convocará un máximo de dous procesos selectivos de promoción que lle permita acceder á escala de axentes facultativos medioambientais ao persoal que, sendo funcionario nese momento, os supere, e establécese como límite temporal para a convocatoria por este sistema o 1 de xullo de 2009.

De acordo co disposto no artigo 38 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, na valoración dos procesos selectivos de promoción procurarase que, de existir méritos iguais entre dous ou máis candidatos, sexan admitidas as mulleres, salvo que unha vez consideradas obxectivamente todas as circunstancias concorrentes nos candidatos de ambos sexos existisen motivos non discriminatorios para preferir o home. Entre os méritos dos que concorran ás probas de promoción inter

na, valorarase especialmente que estean utilizando ou utilizasen nos últimos cinco anos unha licenza de maternidade, un permiso de paternidade, unha redución de xornada ou unha excedencia para o coidado de familiares.

Así mesmo, a Xunta de Galicia procederá a modificar a relación de postos de traballo da consellería da que dependan funcionalmente, de tal modo que o persoal funcionario, que en virtude destes procesos acceda á escala superior, continúe adscrito aos postos de traballo que viñese desempeñando con carácter definitivo no momento da súa integración.

Disposición transitoria segunda.

A Xunta de Galicia procederá a redactar un regulamento da escala de axentes facultativos medioambientais no prazo máximo de doce meses desde a entrada en vigor desta lei».

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas as normas de igual ou inferior rango no que contradigan ou se opoñan ao disposto nesta lei.

Disposición derradeira

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de decembro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA