DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Venres, 05 de xaneiro de 2007 Páx. 163

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

ORDE do 27 de decembro de 2006 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, a entidades sen ánimo de lucro polo desenvolvemento de actividades relacionadas co medio ambiente, así como a súa convocatoria para 2007.

A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, segundo o establecido no artigo 11 do Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, amais do Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, é o órgano da Xunta de Galicia ao que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións que, en materia de ambiente e conservación da natureza, se establecen nos artigos 27.10º, 15º e 30º, así como no artigo 29.4º do Estatuto de autonomía de Galicia, e demais normativa de aplicación, en especial, na normativa sobre protección ambiental de Galicia.

Dentro das accións administrativas de fomento, tamén cómpre, ademais de facer os investimentos necesarios para a mellora das condicións ambientais do contorno, desenvolver actividades que promovan a difusión das distintas políticas e programas de mellora e protección ambiental, a concienciación, en definitiva, da importancia que para o desenvolvemento económico e social ten, hoxe en día, o respecto do ambiente, variable coa que sempre hai que contar para pór en marcha calquera actividade económica; pois a do ambiente é unha política transversal, que debe integrarse coas demais políticas sectoriais de modo que sirva de principio inspirador que oriente estas.

Respecto do ámbito subxectivo, poderán acollerse a estas axudas calquera entidade sen ánimo de lucro de carácter ambiental, segundo o obxecto e actividade destas recollidos nos seus estatutos, que non formen parte nin dependan, directa ou indirectamente dunha Administración pública, ben sexa esta de carácter territorial, institucional ou corporativa, dado que o que se pretende é promover a iniciativa social de carácter privado. Ademais, polo afán proteccionista e de conservación que informa este programa de axudas, tamén se exclúen as entidades nas que, entre o seu obxecto social ou finalidade, estea a caza ou a pesca, que xa contan con outros programas específicos de axudas.

E esta transversalidade maniféstase tamén, para algunhas medidas de promoción de actividades, a nivel interno, dentro da consellería, por poderen afectar as competencias de distintos centros directivos.

O réxime xeral das axudas e subvencións establécese nas disposicións básicas da Lei 38/2006, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como nos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aprobou o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. A nivel regulamentario a normativa principal constitúea o Decreto 287/2000, do 21 de novembro. Esta orde cumpre coas exixencias da precitada normativa.

De acordo co anterior, nesta orde establécense as bases dun programa de fomento das entidades sen ánimo de lucro para o financiamento das súas actividades que estean relacionadas co ambiente, así como para a realización dos investimentos necesarios na materia.

Segundo a antedita normativa de subvencións, este programa de axudas sométese ao réxime de concorrencia competitiva, aínda que tamén se prevé a posibilidade de ratear o crédito entre os solicitantes que cumpran os requisitos exixidos, sendo competente para resolver, por delegación específica do titular da consellería, o secretario xeral desta, por proposta dunha comisión de avaliación para o efecto creada.

Nos vindeiros exercicios, estas axudas financiaranse con cargo ás consignacións orzamentarias que, mediante disposición complementaria, se determinen anualmente, de acordo co contido da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para cada exercicio. Para o vindeiro ano, o devandito importe recóllese na disposición adicional primeira.

Co obxecto de poder resolver canto antes as solicitudes formuladas, de xeito que os beneficiarios teñan logo tempo, ao longo do exercicio para desenvolver as accións subvencionadas, esta convocatoria tramítase de modo anticipado, ao abeiro do disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998. Así mesmo, téñense en conta as disposicións na materia recollidas no proxecto de Lei de orzamentos xerais desta comunidade autónoma para 2007.

En virtude do exposto e, no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Finalidade, obxecto e beneficiarios.

1. A través desta orde regúlanse as bases e convócanse, para 2007, axudas a entidades sen ánimo de lucro en materia de ambiente.

2. Para tal efecto, establécense tres programas:

-Axudas para gastos ordinarios de funcionamento.

-Axudas para realización de actividades de promoción e divulgación ambiental, en cuestións rela-

cionadas coas competencias da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

-Investimentos realizados polas ditas entidades que posibiliten a súa participación no eido ambiental.

3. Consideraranse entidades sen ánimo de lucro e, polo tanto, poderán ser beneficiarias das axudas establecidas nesta disposición, as persoas xurídicas que, segundo os seus estatutos fundacionais, non operen como unha empresa (como fundacións e asociacións), e estean debidamente inscritas no correspondente rexistro público.

Non obstante, non poderán acollerse ás axudas desta orde as entidades que constitúan, formen parte ou dependan, directa ou indirectamente, dunha Administración pública, ben sexa esta de base territorial, institucional ou corporativa; así como as que, entre a súa finalidade ou obxecto social, estea a caza ou a pesca.

4. Tan só poderán solicitar as axudas convocadas mediante esta orde as devanditas entidades cando teñan carácter ambiental, segundo o obxecto e finalidade delas recollidos nos seus estatutos.

5. As ditas entidades poderán concorrer individual ou conxuntamente, caso este último no que deberán indicar expresamente na solicitude as accións que se van desenvolver ou o investimento que se vai realizar por cada unha delas e o importe da axuda correspondente a cada unha.

6. En ningún caso poderán ter a consideración de beneficiarios as entidades incursas nalgún dos supostos previstos no artigo 13.2º e 3º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 2º.-Réxime e principios de aplicación.

1. As axudas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

2. Non obstante, o importe do crédito destinado para subvencionar os tres programas do artigo 1º.2, poderá ratearse entre todas as solicitudes que cumpran os requisitos exixidos, en función da porcentaxe que o importe da axuda solicitada supoña sobre o crédito existente.

Artigo 3º.-Ámbito territorial.

1. Con carácter xeral, as actividades deberanse levar a cabo dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Excepcionalmente, serán atendibles as solicitudes de axuda para a realización de gastos fóra

do devandito ámbito territorial cando redunde en beneficio da difusión das políticas e programas ambientais desta Administración autonómica.

Artigo 4º.-Ámbito material e importe.

1. Gastos ordinarios de funcionamento, ata o 100% do custo, cun máximo de 18.000 euros por entidade.

Serán subvencionables os gastos ordinarios de funcionamento, como os de persoal, alugueiros, mantemento e reparación de instalacións, maquinaria e utensilios, e outros semellantes, realizados desde o 1 de xaneiro ata o 30 de novembro de 2007.

2. Accións de promoción e divulgación, ata o 100% do seu custo, cun máximo de 12.000 euros.

Serán subvencionables os seguintes gastos:

-Organización de seminarios, xornadas, conferencias e outros similares.

-Publicación de estudos, así como a realización doutras accións de promoción e difusión cando non teñan a consideración de investimentos.

3. Investimentos materiais, ata o 100% do seu custo, cun máximo de 30.000 euros por entidade:

a) Serán subvencionables os seguintes:

-Acondicionamento de inmobles que teñan a consideración de investimento.

-Material de transporte.

-Equipamento de oficina inventariable, como material informático e mobiliario, así como outro instrumental inventariable.

-Publicación, estudos e outros contratos inmateriais que teñan a consideración de investimentos.

-Accións de recuperación de espazos de interese ambiental.

Dada a natureza dos investimentos subvencionables, estes han de manterse afectos á fin para a que se lle concedeu a subvención, como mínimo, durante dous anos.

Artigo 5º.-Criterios de valoración.

As axudas concederanse ás solicitudes presentadas con base nos criterios que deseguido se indican, en función de se son gastos de funcionamento ou de investimento.

1. Gastos de funcionamento:

-Actividades desenvolvidas nos dous últimos anos: ata 30 puntos.

-Ámbito territorial da entidade: ata 20 puntos.

-Medios propios, humanos e materiais, cos que conta: ata 15 puntos.

-Persoal voluntario: ata 15 puntos.

-Orzamento do ano anterior: ata 10 puntos.

-Antigüidade da entidade: ata 10 puntos.

2. Investimentos:

-Contido (obxecto, carácter innovador, beneficiarios e orzamento): ata 40 puntos.

-Desenvolvemento conxunto por varias entidades: ata 10 puntos.

-Porcentaxe de recursos propios aplicados: ata 10 puntos.

Ademais, cando o investimento se dedique a unha actividade:

-Difusión dos programas da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible: ata 15 puntos.

-Actuación en zonas de especial interese ambiental, sempre que esta se poida vincular á antedita circunstancia: ata 15 puntos.

-Experiencia en accións similares: ata 10 puntos.

3. En todo caso, as solicitudes terán que acadar un mínimo de 35 puntos para poder acceder ás axudas desta orde.

Non obstante, cando se refira a un investimento non asociado a unha actividade, a puntuación mínima necesaria será de 25 puntos.

Artigo 6º.-Solicitudes, presentación, documentación e prazo.

1. As solicitudes, xunto coa documentación adicional requirida, poderán presentarse dos seguintes xeitos:

a) En soporte papel:

No modelo que se xunta como anexo I a esta orde, modelo que estará ao dispor dos interesados nas delegacións provinciais da consellería, así como na secretaría xeral desta, en Santiago de Compostela. Así mesmo, tamén se poderán acadar na páxina web desta consellería http://medioambiente.xunta.es/formularios.jsp

Coa fin de facilitar a súa cumprimentación, as ditas solicitudes poderán cubrirse directamente nos formularios publicados na antedita páxina web, imprimíndoos ulteriormente para os efectos da súa presentación. Así mesmo, tamén poderán cubrir a máquina ou a man, pero, neste último caso, con caracteres lexibles.

As ditas solicitudes, que se dirixirán á Secretaría Xeral da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, presentaranse no rexistro xeral desta, en Santiago de Compostela, ou no das respectivas delegacións provinciais daquela; así como en calquera outro lugar de acordo co establecido

no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) Telematicamente:

Os solicitantes que posúan certificado dixital baixo a norma X.509 V3, expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda, poderán presentar a solicitude, coa documentación necesaria, transmitíndoa por vía telemática ao Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, mediante a citada sinatura electrónica avanzada, no enderezo da internet http://www.xunta.es/rexistro-telemático. Neste caso, os solicitantes deberán xuntar, ademais, unha declaración responsable de que os documentos escaneados son orixinais e auténticos, sen prexuízo de que lle poida ser requirida a exhibición do documento orixinal en calquera momento da tramitación do procedemento. O representante legal da entidade que formule a presentación telemática deberá posuír o dito certificado dixital.

3. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde, no Diario Oficial de Galicia, con independencia do disposto na disposición adicional terceira.

4. Xunto coa solicitude, en orixinal ou debidamente compulsada, deberase presentar a seguinte documentación:

a) Para todo tipo de axudas:

-Estatutos da entidade.

-Acreditación da representación da persoa que actúa en nome desta.

-Tarxeta de identificación fiscal (CIF).

-Memoria explicativa da acción ou adquisición que se vai realizar para a que se solicita axuda, complementaria da que, de xeito resumido, se deberá presentar no anexo II.

Así mesmo, na memoria tamén se deberá facer referencia ás circunstancias que no artigo 5º desta orde se toman como criterios de valoración, para os efectos de poder baremar as solicitudes.

-Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou percibidas para a mesma finalidade de calquera Administración pública ou entidade dependentes destas, no modelo que se xunta como anexo III.

b) Para gastos ordinarios de funcionamento: orzamento dos devanditos gastos da entidade no exercicio para o que se solicita a axuda, con indicación do tipo de gasto e contía previsible deste.

c) Para investimentos, e promoción de actividades, segundo os casos:

-Orzamento da obra de acondicionamento e prazo de execución.

-Factura pro forma da adquisición ou do servizo.

-Orzamento detallado de todas as partidas que conforman o custo da actividade, con indicación do lugar e data de celebración, así como o seu ámbito territorial, número de asistentes e/ou beneficiarios.

5. Ao abeiro do establecido nos artigos 42 e 44 do proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2007, a presentación da solicitude polo interesado comportará a autorización á secretaría xeral da consellería para solicitar as certificacións de non ter débedas coa Administración pública da comunidade autónoma, así como de estar ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, para os investimentos de importe superior aos 1.500 A. Estes requisitos deberán acreditarse, de ser o caso, antes de efectuar a proposta de resolución, así como da tramitación do pagamento, ao abeiro do disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, punto 4.c) e 8-derradeiro parágrafo, respectivamente.

Artigo 7º.-Tramitación.

1. O Servizo de Xestión Orzamentaria da Secretaría Xeral revisará as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No caso de estar incompleta, conter erros ou non se achegar toda a documentación requirida, requirirá ao solicitante para que, no prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos precisos, advertíndoo de que, en caso contrario, se arquivará, sen máis trámite, a súa solicitude, ao considerarse que desiste desta, ao abeiro do disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, segundo resolución que para o efecto se dite, ao abeiro do establecido no artigo 42 da mesma disposición.

2. Completados os expedientes, poranse ao dispor da comisión de avaliación para o seu informe, ao abeiro dos criterios de valoración fixados no artigo 5º desta orde, do que elevarán a correspondente proposta de resolución ao secretario xeral, órgano competente para resolver.

3. A devandita comisión de valoración estará constituída polo vicesecretario xeral, que a presidirá, actuando como vogais o xefe do Servizo de Xestión Orzamentaria, e un funcionario adscrito á Vicesecretaría Xeral, que actuará, ademais, como secretario.

Se algún dos seus membros non puidese participar nunha sesión desta, por calquera causa, será substituído por un funcionario da secretaría xeral para o efecto designado polo seu titular.

Artigo 8º.-Resolución e recursos.

1. Realizados os trámites procedimentais oportunos de instrución do procedemento, segundo o disposto no artigo anterior e na normativa procedimental de xeral aplicación, en especial a relativa ás subvencións públicas, e, logo de fiscalización do gasto, o secretario xeral ditará, de xeito motivado, a reso

lución que en dereito proceda, concedendo ou denegando esta.

2. O prazo para resolver será de cinco meses desde a entrada en vigor desta orde.

3. A resolución ditada segundo o disposto no punto 1 deste artigo, pon fin á vía administrativa e contra esta cabe interpor, ao abeiro do establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, recurso contencioso-administrativo, segundo o establecido na devandita disposición, no prazo de dous meses desde a recepción da notificación da resolución ditada.

Non obstante, tamén caberá a interposición de recurso administrativo de reposición, perante o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, no prazo dun mes desde a recepción da notificación da resolución recorrida.

4. Transcorridos os ditos prazos sen que se lle notifique resolución expresa, os solicitantes poderán entender desestimada a súa solicitude, ao abeiro do disposto no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xaneiro, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 30/1992, de réxime administrativo das administracións públicas e do procedemento común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de novembro.

Neste caso, o prazo para a interposición do recurso contencioso-administrativo será de seis meses desde que rematase o prazo para resolver e notificar a solicitude formulada.

Ademais, tamén caberá a interposición en vía administrativa, de recurso potestativo de reposición, nos tres meses seguintes ao remate do prazo para resolver expresamente.

Artigo 9º.-Aceptación.

O beneficiario, dentro dos dez días seguintes á notificación da resolución de concesión, deberalle notificar, a súa vez, á secretaría xeral, a aceptación da subvención concedida. Se así non o fixera no indicado prazo, entenderase que renuncia a esta.

Artigo 10º.-Publicidade.

1. A Secretaría Xeral da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible publicará no taboleiro de anuncios dos servizos centrais da consellería unha relación que conteña os extremos indicados no artigo 78.8º do Decreto lexislativo 1/1999. Ademais, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas que, individualmente consideradas, superen os 3.000 euros.

2. Así mesmo, de conformidade co establecido no artigo 13, punto 4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tra

tamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

3. Ademais, incluiranse nos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como cas sancións impostas, segundo a autorización do solicitante que figura no punto 3 do anexo I desta orde.

4. O beneficiario terá a obriga de publicitar a axuda concedida en toda actividade subvencionada durante a realización desta, así como nos anuncios e programas previos, de ser o caso, á súa realización e, de ser o caso, nas publicacións.

Tamén deberá pór un cartel, en lugar ben visible, preferentemente no acceso ao recinto, no caso das subvencións concedidas para investimentos materiais.

Artigo 11º.-Modificación da resolución de concesión.

Calquera alteración das condicións que motivaron a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras axudas concedidas polas demais administracións públicas ou entes dependentes destas, así como por entes privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 12º.-Compatibilidade.

1. As axudas establecidas nesta orde serán compatibles con outras que, para a mesma finalidade, concedan outras administracións públicas ou entes das mesmas dependentes; así como por entidades privadas.

Non obstante, serán incompatibles con calquera outra con cargo ao orzamento da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible para o mesmo programa subvencionado a través desta orde.

2. En todo caso, a obtención de axudas concorrentes non poderá superar o custo total da actividade ou investimento. En caso de que se superase este, o importe da axuda minorarase o necesario para non superar este límite.

Artigo 13º.-Xustificación e aboamento.

1. Unha vez efectuado o investimento ou realizado o gasto ou a actividade, o beneficiario deberá solicitar o aboamento do importe da axuda (anexo V) logo de xustificación, en documentación orixinal ou copia compulsada, segundo os casos, da seguinte documentación:

-Facturas.

-Estudo realizado, de ser o caso.

-Contrato de traballo, nóminas e documentos de cotización á Seguridade Social.

-De ser o caso, importe dos fondos propios aplicados ao obxecto subvencionable.

-Xustificación de ter solicitado tres ofertas, no caso de subvencións solicitadas para subministracións, asistencias e servizos, cando a adquisición supere os 12.000 euros, ao abeiro do disposto no artigo 31.3º da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

En todo caso, deberá xuntarse ficha de transferencia bancaria, no modelo que se xunta como anexo IV.

2. Ademais, deberán de presentar declaración adicional do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade, para os efectos do establecido nos dous artigos precedentes.

3. A data máxima para a xustificación será o 31 de outubro para investimentos e do 5 de decembro para os gastos de funcionamento.

4. Para os efectos do disposto no artigo 29 da Lei 38/2003, do 28 de novembro, permitirase a subcontratación total da actividade obxecto da subvención, agás cando, aumentando o custo da actividade subvencionada, non achegue valor engadido ao contido desta.

5. Se o custo xustificado da actividade ou investimento fose inferior ao que figura na resolución de concesión, manterase a axuda pero diminuirase proporcionalmente o seu importe.

6. Terá a consideración de gasto realizado, para os efectos do disposto no artigo 31 da Lei 33/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o xustificado a través dos documentos indicados no punto 1) deste artigo, sen que deba acreditar o aboamento previo do seu importe.

Artigo 14º.-Información e control.

1. Os solicitantes e beneficiarios quedan sometidos ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, ou polo Consello de Contas segundo a súa normativa.

2. Ademais, deberanlle facilitar á secretaría xeral da consellería toda a información e documentación complementaria que esta estime precisa para a concesión ou aboamento do importe da subvención.

3. Os beneficiarios deberán conservar, para os efectos de comprobación e control, os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos cando menos durante cinco anos dende o derradeiro pagamento.

Artigo 15º.-Revogación.

O incumprimento total ou parcial das obrigas asumidas polo beneficiario, levará consigo o reintegro, total ou parcial, do importe percibido, xunto cos

xuros de demora, ao abeiro do establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 16º.-Réxime sancionador.

O programa de axudas desta orde queda suxeito ao réxime de infraccións e sancións establecido no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aplicarán aos solicitantes e beneficiarios as sancións no mesmo precepto establecidas, polas infraccións que no mesmo se especifican; independientemente da obriga de reintegro das contías percibidas.

Disposicións adicionais

Primeira.-Financiamento.

1. Para o ano 2007, as axudas establecidas na seguinte orde, financiaranse con cargo ás partidas que deseguido se indican, nas que existe crédito (fondos propios libres) axeitado e de abondo para o efecto:

-15.01.541 A 481.0: 300.000 A.

-15.01.541 A 781.0: 900.000 A.

2. Os devanditos importes iniciais poderanse incrementar con achegas adicionais, sen nova convocatoria previa, tras a oportuna tramitación orzamentaria.

Segunda.-Delegación de funcións.

Delégase no secretario xeral o exercicio da competencia do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible para conceder ou denegar as axudas obxecto desta orde, contida no seu artigo 8.1º, nos termos do artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Terceira.-Convocatorias sucesivas.

No caso de que, atendidas as solicitudes presentadas nesta convocatoria, houbese un remanente de crédito, poderase reabrir o prazo, tantas veces como se considere oportuno, ata esgotar a consignación orzamentaria, mediante orde publicada no Diario Oficial de Galicia, para a presentación de novas solicitudes.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento.

Facúltase o secretario xeral a ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento do establecido nesta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2006.

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento

Sostible