DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Xoves, 04 de xaneiro de 2007 Páx. 136

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

ORDE do 21 de decembro de 2006 pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2007.

O marco xeral de subvencións destinadas ás centrais sindicais que no campo laboral convoca anualmente esta Administración autonómica está regulado no Decreto 106/1994, do 21 de abril, que no seu artigo 4 establece as seguintes: as destinadas ás centrais sindicais con representación na comunidade autónoma, para o desenvolvemento das súas actividades. Desde o ano 1991 vénse apoiando mediante subvencións a creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social, co fin de cooperar de forma efectiva co fomento, creación e funcionamento das diversas modalidades de economía social, en virtude do acordado na Mesa de Concertación Social; e desde o ano 1993, como consecuencia dos acordos Xunta de Galicia- sindicatos aprobados pola mesa xeral o 23 de outubro de 1992, estableceuse unha liña de axuda destinada aos sindicatos máis representativos coa finalidade de subvencionarlles plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais e gabinetes sindicais de

formación.

Conforme o anterior anúncianse nesta orde os seguintes tipos de axudas:

Programa I. Axuda para o desenvolvemento das actividades das centrais sindicais durante o ano 2007.

Programa II. Axuda ás centrais sindicais para a creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social.

Programa III. Axuda para gabinetes técnicos de formación e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

O importe global das referidas axudas destinadas aos tres programas mencionados ascende a un total de dous millóns douscentos cincuenta e oito mil douscentos once euros (2.258.211 A).

Concluído o proceso de eleccións sindicais previsto na disposición transitoria oitava do actual texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e en virtude do novo sistema de medición da representatividade das organizacións sindicais, para os efectos das axudas previstas nesta orde terase en conta a representatividade sindical a 31-12-2006 referida exclusivamente ao ámbito territorial de Galicia.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de axudas e subvencións no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos que se vaian imputar os correspondentes gastos.

Con este fin, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, habilítanse créditos para a finalidade destes programas ou accións.

A Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, os artigos 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, establecen o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, normativa á que, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Por todo o exposto, de conformidade coas atribucións que teño conferidas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para os fins para os que foron establecidos,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto o anuncio das axudas previstas no artigo 4 do Decreto 106/1994, do 21 de abril, polo que se establece o réxime xeral das axudas e subvencións en materia de ámbito laboral e mellora das condicións de traballo que concederá a Consellería de Traballo, ás centrais sindicais con representación na Comunidade Autónoma de Galicia, para o desenvolvemento das súas actividades durante o ano 2007, para a creación ou mantemento de gabinetes de economía social e para gabinetes técnicos de formación, e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

Para os efectos desta orde teranse en conta a representatividade sindical a 31-12-2006, referida exclusivamente ao ámbito territorial de Galicia.

2. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas axustaranse ao disposto na Lei 38/2003, xeral de subvencións, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e na Lei dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2007 a partir da súa entrada en vigor, así como no Decreto 106/1994, do 21 de abril, e nesta orde. O procedemento de concesión das axudas contempladas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, axustándose a súa repartición aos criterios que se establecen en cada un dos programas desta orde.

3. Tipos de axudas.

Programa I. Axuda para o desenvolvemento das actividades das centrais sindicais durante o ano 2007.

Programa II. Axuda ás centrais sindicais para a creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social.

Programa III. Axuda para gabinetes técnicos de formación e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

Capítulo II

Programas

Sección primeira

Programa I

Axuda para o desenvolvemento das actividades das centrais sindicais durante o ano 2007.

Artigo 2º.-Finalidade.

Será a de facilitarlles axudas económicas ás centrais sindicais con representación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, para as actividades que lle son propias, de acordo co disposto na normativa legal vixente de aplicación e que se desenvolvan no ano 2007.

Artigo 3º.-Financiamento.

Esta axuda financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 16.04.324A.481.6 da Dirección Xeral de Relacións Laborais por un crédito por importe de un millón cento cincuenta e dous mil novecentos euros (1.152.900 A), recollida no proxecto de Lei dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2007.

En todo caso o gasto proxectado tramitarase como expediente anticipado e está condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente para tal fin nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, segundo o disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e 25 de outubro de 2001.

Artigo 4º.-Entidades beneficiarias e subvención.

O crédito que figura na citada aplicación orzamentaria será proporcionalmente distribuído entre as centrais sindicais a que se refire o artigo 2º, segundo a denominación con que se presentaron e o número de representantes que tivesen o 31 de decembro de 2006 en virtude das eleccións celebradas nas empresas e nas administracións públicas no ámbito de Galicia.

Non poderán ser beneficiarias das subvencións reguladas neste programa aquelas entidades que non cumpran os requisitos establecidos no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Sección segunda

Programa II

Axuda ás centrais sindicais para a creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social.

Artigo 5º.-Finalidade.

Será a de promover e apoiar a creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social.

Artigo 6º.-Requisitos.

Para poderen ser obxecto de subvención, os gabinetes de asesoramento en materia de economía social deberán estar integrados, como mínimo, por dúas persoas con titulación superior, unha das cales deberá ser necesariamente licenciada en economía ou en administración e dirección de empresas, e unha persoa auxiliar administrativa, contratadas a xornada completa para a realización das actividades propias dos gabinetes.

Artigo 7º.-Financiamento.

Esta axuda financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 16.04.324A.481.8 da Dirección Xeral de Relacións Laborais por un crédito por importe de douscentos corenta e un mil seiscentos vinte e tres euros (241.623 A), recollida no proxecto de Lei dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.

En todo caso, o gasto proxectado tramitarase como expediente anticipado e está condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente para tal fin nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, segundo o disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e 25 de outubro de 2001.

Artigo 8º.-Entidades beneficiarias.

Poderán ser beneficiarias desta axuda as centrais sindicais con representación na Comunidade Autónoma de Galicia segundo os resultados electorais referidos ao 31 de decembro de 2006.

Non poderán ser beneficiarias das subvencións reguladas neste programa aquelas entidades que non cumpran os requisitos establecidos no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 9º.-Subvención.

Do crédito que figura na citada aplicación orzamentaria poderá destinarse en concepto de axuda á creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social sesenta e cinco mil oitocentos noventa euros a cada unha das centrais sindicais máis representativas desta comunidade autónoma, de conformidade co establecido no artigo 7 da Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, e en virtude da representatividade sindical ao 31 de decembro de 2006.

O resto do crédito dedicarase a atender as solicitudes das outras centrais con representación en Galicia, consonte o sinalado no artigo 8.

Se non se presentase ningunha solicitude ou o número das efectuadas fose escaso a criterio desta consellería, e unha vez atendidas estas, a consellería reserva para si a facultade de incrementar a contía das axudas do programa I, consonte o criterio de distribución previsto para el, ou efectuar convocatorias complementarias.

Sección terceira

Programa III

Axuda para gabinetes técnicos de formación e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

Artigo 10º.-Finalidade.

Será a de fomentar os gabinetes técnicos de formación e a de facilitar e favorecer a formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

Artigo 11º.-Financiamento.

Esta axuda financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 16.04.324A.481.7 da Dirección Xeral de Relacións Laborais por un crédito por importe de oitocentos sesenta e tres mil seiscentos oitenta e oito euros (863.688 A), recollida no proxecto de Lei dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.

En todo caso o gasto proxectado tramitarase como expediente anticipado e está condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente para tal fin nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, segundo o disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e 25 de outubro de 2001.

Artigo 12º.-Entidades beneficiarias.

Poderán ser beneficiarias desta axuda as centrais sindicais máis representativas desta comunidade autónoma de conformidade co establecido no artigo 7 da Lei 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, en virtude da representatividade sindical referida ao 31 de decembro de 2006.

Non poderán ser beneficiarias das subvencións reguladas neste programa aquelas entidades que non cumpran os requisitos establecidos no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 13º.-Subvención.

A subvención para gabinetes técnicos de formación será, para cada unha das centrais sindicais a que se refire o artigo anterior e que a solicite, de trinta mil seiscentos sesenta euros. O resto do crédito que figura na citada aplicación orzamentaria destinarase ás centrais sindicais máis representativas que o soliciten, para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais, en proporción ao número de representantes que tivesen o 31 de decembro de 2006.

Capítulo III

Procedemento

Artigo 14º.-Solicitudes.

1. As solicitudes, que deberán formalizarse por separado para cada un dos programas, presentaranse segundo o modelo que figura no anexo I, no rexistro xeral da Consellería de Traballo ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. O prazo de presentación de solicitudes será de 40 días hábiles contados a partir do día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 15º.-Documentación.

Cada solicitude deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Acordo do órgano retor competente, debidamente acreditado, polo que se decida solicitar a subvención e poder suficiente que acredite a representación da persoa que actúe no nome da central sin

dical solicitante. No caso de que efectúe a solicitude unha federación ou confederación e reclame a subvención no nome doutros sindicatos con representatividade deberán xuntar documentación acreditativa na que conste a autorización dos sindicatos para que a confederación a solicite no seu nome.

b) Memoria explicativa da actividade ou actividades desenvolvidas ou que vaia desenvolver a central, ou o gabinete de asesoramento en materia de economía social, ou o gabinete técnico de formación e sobre o plan de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais, segundo o tipo de axuda que se solicite.

c) Fotocopia compulsada da tarxeta de persoas xurídicas co número de identificación fiscal.

d) Ficha de solicitude de transferencia bancaria.

e) Certificación da entidade bancaria acreditativa de que a central solicitante é a titular da conta corrente que indica.

f) Declaración expresa de submisión ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Traballo e ás de control financeiro que lle corresponda á Consellería de Economía e Facenda e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

g) Declaración de conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas, para a mesma actividade, das distintas administracións públicas competentes.

h) Declaración expresa de non incorrer nas circunstancias previstas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 16º

Cando se trate de axudas para a creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social, ademais da documentación sinalada no artigo anterior, deberase xuntar copia compulsada dos contratos de traballo do persoal adscrito ao gabinete e documento que acredite figurar de alta na Seguridade Social como persoal traballador da central solicitante.

Artigo 17º.-Tramitación.

1. As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á Dirección Xeral de Relacións Laborais, para que o servizo correspondente comprobe se a solicitude ou a documentación presentada reúne os requisitos exixidos nos artigos anteriores, e no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirase a entidade interesada para que nun prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, será tida por desistida da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

2. Unha vez realizado o trámite anterior os expedientes remitiranse á comisión de valoración para que emita informe-proposta previo á elevación perante o órgano competente para resolver.

3. Para os efectos do disposto no número anterior a comisión de valoración estará formada pola directora xeral de Relacións Laborais, que a presidirá, polo subdirector xeral de Traballo, polo xefe do Servizo de Relacións Laborais e por un xefe de sección da Dirección Xeral de Relacións Laborais, que actuará como secretario ou secretaria, por designación da directora xeral de Relacións Laborais, sen voz nin voto.

Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída polo funcionario ou funcionaria que para o efecto designe a directora xeral de Relacións Laborais e, sempre que sexa posible, o nomeamento deberá recaer nunha persoa cuxo posto de traballo estea adscrito á dirección xeral.

Artigo 18º.-Resolución.

A resolución das axudas, logo do informe da comisión de valoración e a fiscalización da intervención delegada da consellería, corresponderalle ao conselleiro de Traballo, e notificaráselles ás entidades interesadas no prazo de dez días a partir da data en que se dite a resolución. As resolucións denegatorias deberán ser sempre motivadas.

O prazo para resolver e notificar será de catro meses contados desde que a solicitude da entidade interesada teña entrada no rexistro correspondente. Esta resolución poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Transcorrido o prazo para resolver o procedemento sen que se dite resolución expresa, entenderase que esta é desestimatoria da concesión da axuda ou subvención.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Traballo publicará na súa páxina web e no DOG a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 19º.-Forma de pagamento e xustificación.

1. Unha vez notificada a resolución de concesión de subvención e previamente ao seu cobramento a entidade beneficiaria terá que facer constar por escrito a aceptación expresa da subvención concedida. Esta aceptación expresa deberá presentarse, en todo caso, antes do 15 de outubro de 2007, data de remate do prazo de presentación da xustificación das axudas concedidas.

2. Con carácter específico para o programa I, poderase facer efectivo, en concepto de anticipo, ata o 50% do total da contía da subvención, no momento en que se teña constancia por escrito da aceptación expresa da subvención concedida.

3. As axudas, con carácter xeral, poderán facerse efectivas nunha ou varias fases. A Administración poderá efectuar un pagamento único ou varios pagamentos parciais á entidade beneficiaria segundo se xustifique a realización das actividades subvencionadas e os gastos delas derivados.

No caso de que a subvención concedida sexa superior a seis mil dez con doce euros, e de conformidade co disposto no artigo 16.2º.1, parágrafo terceiro do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, poderanse acordar pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva, a medida que a entidade beneficiaria xustifique os gastos, ata unha porcentaxe máxima do 80% da subvención concedida.

A xustificación das actividades subvencionadas e dos gastos delas derivados realizarase mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Certificacións, en que figuren a desagregación detallada dos gastos contraídos polas actividades obxecto de subvención, expedida pola persoa responsable da contabilidade da central sindical, con poder suficiente para o efecto, o que deberá acreditarse documentalmente.

b) Facturas orixinais ou copias compulsadas, debidamente conformadas pola persoa representante do sindicato, en que figure o destino concreto do gasto, que deberá axustarse á finalidade da subvención.

c) Declaración de que as facturas e demais documentación que se presenten para o efecto de xustificar o gasto subvencionado, non foron nin serán presentadas como xustificación para a concesión doutras axudas por calquera outra Administración ou institución pública.

En todo caso, estas xustificacións poderanse complementar cos medios de xustificación previstos no artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e terán que presentarse antes do 15 de outubro de 2007.

Transcorrido o antedito prazo, ás entidades beneficiarias que non presentasen a documentación de xustificación final dos gastos poderáselles exixir o reintegro das cantidades percibidas en concepto de anticipo, consonte o disposto na disposición adicional segunda desta orde.

4. No momento da xustificación total da actividade subvencionada, deberá presentarse declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade tanto das aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de ser o caso, que non solicitou ou percibiu outras axudas ou subvencións.

Esta comunicación deberá ser individualizada por programa e deberá efectuarse tan pronto como se coñeza, e en todo caso con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

5. No momento da xustificación de execución total da actividade subvencionada e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, deberase presentar

unha memoria das actividades realizadas dentro de cada un dos programas obxecto de subvención.

Artigo 20º.-Compatibilidade e comprobación da aplicación das subvencións.

Estas axudas serán compatibles para a percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sen prexuízo de que o importe das subvencións percibidas, illadamente ou en concorrencia con outras axudas ou subvencións non supere o custo da actividade que se vai desenvolver.

A Dirección Xeral de Relacións Laborais poderá comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Cando se trate de axudas destinadas á creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social, achegaranse antes do 10 de febreiro de 2008 os boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social onde figuren os traballadores e traballadoras con adscrición ao gabinete durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2007 ou desde a data da súa creación, se esta fose posterior, ata o 31 de decembro de 2007.

Disposicións adicionais

Primeira.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o establecido no artigo 78.9º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e no artigo 12 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Segunda.-No caso de que a entidade beneficiaria da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas nesta orde, a Consellería de Traballo procederá ao reintegro total ou parcial da subvención concedida, e solicitará a devolución das cantidades percibidas e os correspondentes xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento, de habelos, segundo o disposto no artigo 78.10º da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e nos artigos 19 e 20 do Decreto 287/2000.

Disposicións derradeiras

Primeira.-En todo o non regulado nesta orde aplicarase de forma supletoria o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-Facúltase a directora xeral de Relacións Laborais para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2006.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo