DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Xoves, 04 de xaneiro de 2007 Páx. 127

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

ORDE do 27 de decembro de 2006 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2007 a concesión de axudas destinadas a entidades locais de Galicia para o transporte de residuos sólidos urbanos ás estacións de transferencia de residuos ou plantas de xestión.

A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a quen corresponde o exercicio das competencias e funcións que en materia de ambiente e conservación da natureza se establece no artigo 27, números 10º, 11º, 15º e 30º, así como no 29.4º do Estatuto de autonomía de Galicia e demais normativa de aplicación. Neste senso, correspóndelle a autorización, vixilancia, inspección e sanción das actividades de produción e xestión de residuos no marco dos plans autonómicos de residuos, tal como se preceptúa no artigo 4.2º da Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos.

Pola súa banda, os concellos son competentes para a xestión dos residuos, nos termos establecidos na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local; na Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos e na Lei 10/1997, do 22 de agosto, de residuos sólidos urbanos de Galicia e demais normativa de aplicación.

De acordo co que se vén de sinalar, e tal como se preceptúa no artigo 4.3º da mencionada Lei básica de residuos en relación co artigo 3 desta mesma disposición normativa, corresponde aos concellos, como servizo obrigatorio, a recollida, o transporte e, polo menos, a eliminación dos residuos.

Tanto a Estratexia Galega de Xestión de Residuos, como o Plan de Xestión de Residuos Sólidos Urbanos de Galicia establecen como opcións prioritarias para a xestión dos residuos xerados a recollida selectiva e a valorización fronte á eliminación.

Nesta dirección encamíñanse as actuacións que se veñen desenvolvendo dende a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible en materia de xestión de residuos. En particular, con ese obxectivo a Xunta de Galicia puxo á disposición dos concellos o Complexo Ambiental de Cerceda, xestionado por Sogama, e unha rede de estacións de transferencia que teñen por finalidade abaratar os custos de transporte que teñen que sufragar os concellos.

Acontece que, nestes intres, a rede de estacións de transferencias previstas non está completada e isto determina que os concellos teñan que soportar uns custos de transporte superiores ao que as súas economías lles permite, polo que a execución do Plan de Xestión de Residuos de Galicia podería experimentar atrasos.

Un dos principios que rexe a Estratexia Galega de Xestión de Residuos é o de subsidiariedade. Segundo este principio a Xunta de Galicia actuará nos ámbitos que non sexan da súa exclusiva competencia na medida en que os obxectivos da acción pretendida non poidan ser alcanzados de maneira suficiente polos axentes directamente involucrados.

No ano 2005 publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG nº 249, do 29 de decembro) a Orde do 23 de decembro de 2005 pola que se convocaron, por terceiro ano consecutivo, axudas destinadas ás entidades locais de Galicia para o transporte de residuos sólidos urbanos ás estacións de transferencia ou plantas de xestión máis próximas para o período que vai desde o 1 de novembro de 2005 ata o 31 de outubro de 2007, ambos inclusive.

Deste xeito, á vista da boa acollida e os resultados positivos que estas axudas teñen significado para unha adecuada xestión dos RSU na nosa comunidade autónoma, considérase axeitado darlle continuidade a estas subvencións mediante a publicación das presentes bases reguladoras e dunha nova convocatoria que, tramitada como anticipado de gasto, abranguería o período que vai desde o 1 de decembro de 2006 ata o 30 de novembro de 2007 e iría destinada a permitir a participación nestas axudas de todos aqueles concellos, mancomunidades ou agrupacións de municipios legalmente constituídos da Comunidade Autónoma de Galicia e que, consonte a convocatoria actualmente en vigor, non resultaron beneficiados por estas.

As seguintes convocatorias de subvencións que se publiquen segundo o establecido nestas bases iniciaranse de oficio por resolución do director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

Por todo isto, en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e destinatarios.

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas, consonte

os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade, para o transporte de residuos sólidos urbanos de bolsa negra ata as estacións de transferencia ou plantas de xestión máis próximas, destinadas a concellos, mancomunidades e outras agrupacións de municipios legalmente constituídos da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, procédese pola presente orde a facer pública a convocatoria destas axudas para o ano 2007 destinadas a aquelas entidades que, cumprindo o establecido no parágrafo anterior, non resultasen beneficiarias delas ao abeiro da Orde do 23 de decembro de 2005 (DOG nº 249, do 29 de decembro).

3. Non poderán ter a condición de beneficiarios das axudas previstas nesta orde as entidades municipais en que se produza algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 2º.-Conceptos subvencionables e requisitos para a concesión.

Serán obxecto da axuda os custos derivados do transporte de residuos sólidos urbanos de bolsa negra desde os concellos ata a estación de transferencia ou planta de xestión máis próxima, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) A estación de transferencia ou planta de xestión máis próxima deberá estar afastada máis de 25 quilómetros da casa do concello. O cómputo desta distancia non poderá ser o resultado de sumar os quilómetros de ida e os de volta. Este requisito determinará que a solicitude presentada pola entidade local sexa admitida ou non.

Non obstante o anterior, e unha vez admitida a solicitude, debe significarse que para o cómputo dos quilómetros subvencionables terase en conta a distancia existente, tanto de ida como de volta, desde a parroquia máis afastada da planta de transferencia que lle corresponda á entidade local solicitante. Para estes efectos só se subvencionarán os quilómetros que resulten a partir do quilómetro 26.

No caso de mancomunidades e agrupacións de municipios legalmente constituídos, só se poderá solicitar a axuda correspondente para os concellos que cumpran tal condición.

Cando o concello pase a dispor dunha estación de transferencia ou planta de xestión a unha distancia igual ou inferior á indicada no parágrafo anterior, deixará de beneficiarse das axudas dispostas nesta orde a partir do día 1 do mes seguinte á entrada en funcionamento da dita estación ou planta.

b) Ter subscrito contrato coa Sociedade Galega de Medio Ambiente ou con outro xestor final de residuos de Galicia para a xestión dos residuos sólidos urbanos de bolsa negra producidos no concello.

c) Non ter pendentes de pagamento débedas contraídas coa Sociedade Galega de Medio Ambiente ou con outro xestor final de residuos de Galicia pola xestión dos residuos sólidos urbanos de bolsa negra producidos no concello, o día 1 do primeiro mes subvencionable.

Artigo 3º.-Solicitudes.

1. As solicitudes irán dirixidas ao conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e deberán ser presentadas no modelo de solicitude normalizada para o efecto no anexo I desta orde. Sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, as solicitudes de axuda poderán ser presentadas na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, nas delegacións provinciais ou nos servizos centrais.

No caso de mancomunidades ou agrupacións de municipios legalmente constituídos, as solicitudes presentaranse nunha petición única cursada polo seu representante legal ou ben pola persoa designada para o efecto como representante dela.

2. As solicitudes deberán presentarse no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Xunto co modelo de solicitude deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Certificado do acordo adoptado polo órgano competente da entidade local polo cal se aproba a súa participación nesta convocatoria de axuda.

b) Fotocopia compulsada do contrato subscrito coa Sociedade Galega de Medio Ambiente ou con outro xestor final de residuos de Galicia para a xestión dos residuos sólidos urbanos de bolsa negra producidos no concello.

c) Certificado de non ter pendentes de pago débedas contraídas coa Sociedade Galega de Medio Ambiente ou con outro xestor final de residuos de Galicia pola xestión dos residuos sólidos urbanos de bolsa negra producidos no concello, o día 1 do primeiro mes subvencionable. Para a convocatoria que se abre por medio da presente orde este certificado deberá ir referido ao 1 de decembro de 2006.

d) Certificación do secretario da entidade local, co visto e prace do presidente, en que se faga constar a poboación de dereito a día 1 do primeiro mes subvencionable, segundo os datos do último padrón de habitantes da entidade local. Para a convocatoria que se abre por medio da presente orde este certificado deberá ir referido ao 1 de decembro de 2006.

e) Certificación en que se sinale cal é a parroquia do concello máis afastada da estación de transferencia ou planta de xestión que lles corresponda.

f) Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo fin ante outras administracións públicas competentes ou entes públicos (anexo II desta orde).

3. Unha vez presentada a solicitude revisarase a súa documentación e se esta no reunise os requisitos exixidos requiriráselle ao solicitante que, no prazo de dez días contados a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, indicándolle que se non o fixese, poderase considerar desistido da súa petición e arquivala sen máis trámites, de

acordo co disposto no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Criterios de admisión.

Serán tidas en conta todas as solicitudes que se presenten á concesión da axuda e cumpran cos requisitos dispostos no artigo 2º desta orde.

Artigo 5º.-Resolución da convocatoria.

1. Presentada a solicitude xunto coa documentación correspondente, procederase á súa valoración e á formulación dunha proposta de resolución por unha comisión de avaliación constituída polo director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a subdirectora xeral de Calidade Ambiental e o xefe de Servizo de Xestión de Residuos.

2. A resolución da concesión será ditada polo conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible nun prazo de tres meses a partir da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Transcorrido o prazo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, entenderanse desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo, sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto nos artigos 42 e 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e pola Lei 24/2001, do 27 de decembro.

3. O outorgamento da axuda debe ser aceptado polo beneficiario no prazo de 15 días, coas condicións específicas recollidas nesta orde. No caso de que o beneficiario non comunique a súa aceptación no prazo indicado, entenderase que desiste da súa petición.

Artigo 6º.-Recursos.

A resolución da axuda porá fin á vía administrativa e contra ela poderá interpor consonte dispoñen os artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo; ou ben impugnala directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fose expresa, ou de seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 46 da Lei 26/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 7º.-Período subvencionable e contía das axudas.

1. O período subvencionable para a convocatoria que se abre por medio da presente orde abranguerá os gastos de transporte desde o 1 de decembro de 2006 ata o 30 de novembro de 2007, ambos inclusive.

2. A contía da axuda que a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible outorgará a cada concello calcularase en función da estimación dos residuos sólidos urbanos de bolsa negra producidos por cada concello.

Para o cálculo desta estimación deberase ter en conta o coeficiente de 0,66 quilogramos/habitante/día asignado aos concellos considerados rurais e de 0,99 quilogramos/habitante/día para os concellos semiurbanos.

Polo tanto, a estimación dos residuos producidos por cada concello será o resultado de multiplicar o número de habitantes polo coeficiente correspondente de 0,66 ou 0,99.

A contía da axuda que se vai aboar será como máximo de 0,16 euros/tonelada/quilómetro subvencionable en función do número de solicitudes que resulten beneficiarias e do crédito orzamentario establecido na presente orde. Este prezo poderase incrementar en posteriores convocatorias segundo o que se estableza na correspondente resolución.

Artigo 8º.-Publicidade das axudas.

1. Coa finalidade de garantir o cumprimento dos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación, de conformidade co previsto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas outorgadas, expresando a convocatoria, programa e crédito orzamentario ao que se imputen, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.

2. Así mesmo, de conformidade co establecido no artigo 13, punto 4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 9º.-Pagamentos.

O pagamento da axuda efectuarase trimestralmente, logo de recepción nesta consellería do certificado expedido pola Sociedade Galega do Medio Ambiente ou xestor final de residuos, da cantidade de residuos entregados pola entidade local correspondente nas súas instalacións no referido período.

A sinatura da solicitude presentada ao abeiro desta orde autoriza a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible a obter da Sociedade Galega do Medio Ambiente ou xestor final de residuos os datos relativos aos residuos entregados pola entidade local solicitante necesarios para o cálculo e pagamento da axuda que finalmente lle corresponda.

No momento de realizarse o primeiro pagamento de cada convocatoria será preciso ter subscrito convenio coa Xunta de Galicia para a implantación da

recollida selectiva de envases lixeiros e vidro ou, se optou por realizar a implantación da recollida por medios propios, tela implantada.

Por outra banda, segundo o establecido pola Resolución do 30 de novembro de 1999, pola que se fai publico o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 17 de novembro de 1999 no cal se establece o mecanismo de seguimento e control da concorrencia e acumulación das axudas públicas, antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria da inicial do conxunto de axudas solicitadas para as actividades obxecto destas subvencións, tanto as aprobadas e concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou entes públicos.

Artigo 10º.-Alteracións das condicións da subvención.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente doutras subvencións ou axudas concedidas por calquera outra administración ou ente público, nacional ou internacional, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da axuda. Para estes efectos ditarase a oportuna resolución de liquidación, en que se reaxustarán os importes da axuda concedida, podendo supoñer, nos casos que así procedese, a devolución dos importes recibidos en exceso.

Artigo 11º.-Incumprimento e procedemento de reintegro.

Procederá o reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida e dos xuros de demora devengados, desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos seguintes:

a) Incumprimento da obriga da xustificación ou xustificación insuficiente.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que a impedisen.

c) Incumprimento total ou parcial do obxectivo que fundamentou a concesión da subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas á entidade beneficiaria con motivo da concesión da subvención ou axuda.

e) En xeral, cando se incumpra algunha das obrigas establecidas nesta orde, na resolución de concesión ou nos demais supostos recollidos na normativa reguladora das subvencións, segundo o establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 12º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lles poida ser exixida polos órganos correspondentes da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, os beneficiarios das axudas previstas nesta orde teñen a obriga, consonte o artigo 31 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, de facilitar toda a información

que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas.

Artigo 13º.-Financiamento.

Para a concesión das axudas convocadas nesta orde destinaranse ata un máximo de 300.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 15.03.541.D.760.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, quedando condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente por parte da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible nos citados orzamentos.

De xeito motivado e para os efectos de dar cobertura financeira ao número de solicitudes presentadas poderase acordar, segundo as dispoñibilidades orzamentarias do momento, o incremento do crédito inicial establecido nesta convocatoria.

Artigo 14º.-Compatibilidade das axudas.

En canto á compatibilidade das axudas a que se refire esta orde, debe terse en conta que o seu importe non poderá, en ningún caso, illada ou conxuntamente con outras, superar o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario. Este vén obrigado a comunicarlle á entidade concedente a obtención de subvencións ou axudas que financien as actividades obxecto desta axuda (artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Delégase no director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, segundo o disposto nos artigos 12 e 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, as facultades relativas ao inicio de oficio das correspondentes convocatorias que se publiquen no Diario Oficial de Galicia de acordo coas presentes bases reguladoras.

Terceira.-En todo o non previsto nesta orde, rexerá o disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia coas particularidades introducidas a través da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, pola que se adapta o tratamento xurídico aplicable ás subvencións segundo o establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Cuarta.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2006.

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento

Sostible