DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Xoves, 04 de xaneiro de 2007 Páx. 126

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

RESOLUCIÓN do 13 de decembro de 2006 pola que se ordena publicar a decisión do xurado do premio Elías Valiña ao esforzo revitalizador e promocional do Camiño de Santiago.

Por Orde do 5 de xuño de 2006 (DOG nº 118, do mércores 21 de xuño) convocouse o premio Elías Valiña ao esforzo revitalizador e promocional do Camiño de Santiago, co fin de recoñecer e recompensar os méritos de todas aquelas institucións, asociacións ou entidades culturais que dediquen unha parte significativa da súa actividade á revitalización e promoción do Camiño de Santiago, contribuíndo así á conservación, recuperación, coñecemento e divulgación do seu patrimonio histórico, relixioso e cultural.

O artigo 4º da citada orde establece que o premio será outorgado por un xurado presidido pola conselleira de Cultura e Deporte, ou persoa en quen delegue, e estará integrado polos seguintes membros: o presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, dous membros nomeados pola conselleira de Cultura e Deporte entre persoas de recoñecido prestixio na materia; a institución, asociación cultural, padroado ou fundación que

gañase na anterior convocatoria, e os presidentes das entidades inscritas no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago cos números 39, 40, 41 e 42, que serán substituídos o próximo ano polos catro seguintes, e así sucesivamente ata que roten todos.

Por todo isto,

RESOLVO:

Ordenar a publicación da decisión do xurado do premio Elías Valiña ao esforzo revitalizador e promocional do Camiño de Santiago.

O citado xurado, reunido en Santiago de Compostela o día 11 de novembro de 2006, acordou concederlle o premio Elías Valiña ao esforzo revitalizador e promocional do Camiño de Santiago, ao proxecto presentado pola Asociación de Amigos del Camino de Santiago Astur-Galaico del Interior.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2006.

Ánxela Bugallo Rodríguez

Conselleira de Cultura e Deporte