DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Xoves, 04 de xaneiro de 2007 Páx. 126

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 28 de decembro de 2006 pola que se amplía a dotación orzamentaria da Orde do 4 de setembro de 2006 pola que se ditan disposicións para o desenvolvemento no ámbito agrario do Decreto do 24 de agosto, de medidas urxentes para a reparación de danos e perdas causados pola vaga de incendios que asolaron Galicia durante os días 4 a 14 de agosto do ano en curso.

Pola Orde do 4 de setembro de 2006 establecéronse as disposicións para o desenvolvemento no eido agrario do Decreto 138/2006, do 24 de agosto, de medidas urxentes para a reparación de danos e perdas causados pola vaga de incendios que asolaron Galicia durante os días 4 a 14 de agosto do ano en curso (Diario Oficial de Galicia nº 171, do 5 de setembro de 2006).

No artigo 12 da devandita orde, relativo ao financiamento, detállase a aplicación orzamentaria e o importe económico previsto para as cinco liñas de axudas que se financian nesta orde. Tendo en conta o elevado número de solicitudes de axuda que se recibiron e a necesidade dun maior financiamento, cómpre ampliar a dotación orzamentaria consignada inicialmente, coa finalidade de poder amparar as solicitudes de axuda presentadas, sempre que cumpran co establecido na orde desta consellería citada anteriormente.

En virtude do exposto, de conformidade co artigo 30.1º 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo único.

Primeiro.-Amplíase a dotación orzamentaria da aplicación orzamentaria 11.03.614A.774.0 que se

recolle na orde desta consellería, do 4 de setembro de 2006 (Diario Oficial de Galicia nº 171, do 5 de setembro), pola que se ditan disposicións para o desenvolvemento no eido agrario do Decreto 138/2006, do 24 de agosto, de medidas urxentes para a reparación de danos e perdas causados pola vaga de incendios que asolaron Galicia durante os días 4 a 14 de agosto do ano en curso, nun total de 1.900.000,00 euros.

Segundo.-Tamén se poderán utilizar outros remanentes adicionais que puidesen existir na mesma aplicación. En todo caso, a concesión da axuda para a reparación de danos causados en infraestruturas e equipamentos privados de carácter forestal, os danos causados en explotacións agrícolas e gandeiras, a morte de gando que estivese incluído no Rexistro de Explotacións Gandeiras e a restauración dos terreos queimados dedicados a pasto e cultivos forraxeiros de explotacións gandeiras estará condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente e limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias.

Terceiro.-Esta modificación non afecta o prazo que se establece para a presentación de solicitudes de axuda na devandita Orde do 4 de setembro de 2006.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2006.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural