DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Xoves, 04 de xaneiro de 2007 Páx. 125

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 28 de decembro de 2006 pola que se amplía a dotación orzamentaria para a concesión das axudas excepcionais de apoio do mercado no sector avícola establecidas pola Orde do 14 de setembro de 2006.

A Orde da Consellería do Medio Rural do 14 de setembro de 2006 (DOG nº 181, do 19 de setembro) regula o procedemento para a solicitude, tramitación e concesión de determinadas axudas excepcionais de concesión directa para apoio ao mercado destinadas ao sector avícola.

No seu artigo 5º precísanse as aplicacións orzamentarias e o importe económico previsto para o financiamento das ditas axudas, e no seu parágrafo 1 sinálase que as dotacións iniciais se poderán incrementar, de ser procedente, tramitando o expediente de xeración e ampliación de crédito oportuno.

Co obxecto de poder amparar todas as solicitudes nas distintas liñas de axuda establecidas, e posto que a dotación inicial resulta insuficiente, aprobáronse os correspondentes expedientes de xeración e ampliación de crédito, polo que cómpre, mediante esta orde, ampliar a dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das mencionadas axudas.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e facendo uso das facultades que me confiren os artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Amplíase a dotación orzamentaria que se establece na Orde desta consellería do 14 de setembro de 2006 (Diario Oficial de Galicia nº 181, do 19 de setembro), pola que se establecen as bases e se convocan para o 2006 determinadas axudas excepcionais de apoio do mercado no sector avícola de carne.

2. O incremento da dotación será de 21.718,32 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 11.03.615-A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

3. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición adicional

Única.-A ampliación de crédito prevista no artigo único desta orde non afecta ao prazo de presentación de solicitudes establecido na devandita Orde do 14 de setembro de 2006.

Disposición derradeira

Esta orden entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2006.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural