DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Xoves, 04 de xaneiro de 2007 Páx. 124

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

DECRETO 253/2006, do 30 de novembro, de aprobación definitiva do proxecto de modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Urbana do Concello de Lugo na zona de San Cibrao.

1. O Concello de Lugo remite o proxecto de modificación puntual referido, para a súa aprobación definitiva, conforme o artigo 85.5º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

2. O Concello de Lugo dispón na actualidade dun Plan Xeral de Ordenación Urbana aprobado definitivamente por orde da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas do 27 de decembro de 1990. Así mesmo, o concello aprobou definitivamente, o 2 de decembro de 2002, unha modificación puntual do plan xeral que clasificaba como sistema xeral sanitario unha superficie de 188.100 m para posibilitar a construción dun novo hospital en Lugo, nuns terreos que lindan co ámbito obxecto desta modificación.

3. A modificación é formulada polo Concello de Lugo e ten por finalidade facilitar o cumprimento das obrigas derivadas da execución dun convenio asinado polo concello e mais a Xerencia de Infraestruturas e Equipamentos do Ministerio de Defensa, aprobado polo Pleno do Concello o 7 de xuño de 2004, relativo aos terreos da antiga polvoreira das Gándaras de Piñeiro, que se transfiren ao concello en troco da transformación urbanística dos terreos de propiedade municipal na zona de San Cibrao que lindan co novo hospital xeral de Lugo.

4. O expediente foi obxecto da seguinte tramitación:

* O expediente foi obxecto de informe previo á aprobación inicial por parte desta consellería o 19 de marzo de 2005.

* O Pleno do Concello acordou a aprobación inicial o 6 de xuño de 2005. O trámite de información pública levouse a cabo mediante anuncios publicados nos xornais El Progreso e La Voz de Galicia do 22 de febreiro de 2006 e no DOG nº 122, do 27 de xuño de 2005, sen que se presentasen alegacións.

* Consta a solicitude de informes, no ámbito das súas respectivas competencias, á Consellería de Medio Ambiente, á Consellería de Cultura, á Xefatura Provincial de Estradas da Consellería de Polí

tica Territorial, á Demarcación de Estradas do Estado en Galicia e á Deputación Provincial de Lugo, todos con data do 13 de xuño de 2005. Emitíronse informes, por parte da Dirección Xeral de Obras Públicas, o 29 de xullo de 2005, favorable con condicións; da Consellería de Cultura, favorable, segundo consta na resolución da Comisión Territorial do Patrimonio do 2 de agosto de 2005; da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, do 24 de agosto de 2005, tamén favorable; e pola Deputación Provincial de Lugo o 2 de novembro de 2005, favorable, aínda que con precisións, á modificación proposta.

* Constan informes técnico e xurídico do concello, emitidos o 19 de outubro de 2005, polo xefe do Servizo de Urbanismo, favorable á modificación puntual do plan xeral de referencia e ratificado mediante informe de Secretaría do 2 de novembro de 2005.

* O expediente foi aprobado provisionalmente polo Pleno do Concello de Lugo mediante acordo adoptado na súa sesión do 7 de novembro de 2005.

5. A documentación que achega o concello para a súa aprobación definitiva está integrada por unha copia do expediente administrativo e por tres exemplares do proxecto técnico, redactados por Alfonso Díaz Revilla e Anxel Viña Carregal de Oficina de Planeamento, S.A. e identificados con data outubro de 2005, dilixenciados como aprobados provisionalmente o 7 de novembro de 2005.

6. O proxecto implica unha reclasificación de solo rústico, polo que de conformidade co previsto no artigo 95 da Lei 9/2002, foi sometido á Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, que na súa sesión do 8-2-2006 emitiu informe favorable.

7. Para os efectos previstos na disposición transitoria primeira da Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible na súa resolución do 27 de novembro de 2006 (DOG nº 231, do 30 de novembro) declarou, baixo as condicións que nela se recollen, a inviabilidade da obriga de someter a modificación puntual ao procedemento de avaliación regulado pola devandita lei.

8. Logo de analizar a documentación remitida polo Concello de Lugo, e á vista do informe da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, fanse as seguintes consideracións para os efectos da aprobación definitiva do expediente de referencia:

* O documento vén xustificar esta modificación pola necesidade de dar cumprimento ás obrigas adquiridas no convenio asinado polo Concello e a Xerencia de Infraestruturas e Equipamento do Ministerio de Defensa, aprobado polo Pleno municipal o 7 de xuño de 2004, en virtude do cal o dito ministerio lle cedeu ao Concello de Lugo unha superficie de 1.413.722 m, o que posibilitou no seu día a obtención dos terreos onde agora se atopa, en estado de avanzada construción, o novo hospital

xeral de Lugo. Fundaméntase así o interese xeral da modificación, xa que leva consigo a creación de novas dotacións urbanísticas públicas e mais a resolución de problemas de circulación, xa que a súa execución permitirá tamén a prolongación da denominada Terceira Rolda que cumpre ademais a función de novo acceso ao dito centro sanitario.

* Así mesmo, examinado o contido do documento correspondente ao novo Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lugo, informado o 15 de abril de 2005 por esta consellería con carácter previo á súa aprobación inicial, obsérvase que non existen discordancias, tanto no trazado da prolongación da Terceira Rolda, como na clasificación do solo que aparece sinalado como SUZN D6 (solo urbanizable non delimitado residencial) co mesmo nivel de intensidade 0,3 m/m ata os núcleos rurais próximos (Castelo de Arriba, Galego de Arriba e Portiño) e completado coa Terceira Rolda como sistema xeral viario. Igualmente, advírtese a compatibilidade das previsións do contorno coas determinacións desta modificación puntual.

9. De conformidade cos artigos 93.4º e 95.4º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, ao implicar unha reclasificación de solo rústico de especial protección, a competencia para aprobar definitivamente esta modificación do planeamento xeral correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia.

Visto canto antecede, de acordo co disposto nos artigos 85.5º a) e 95.4º da vixente Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e no artigo 37 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e co informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia do 8 de febreiro deste ano, así como a proposta da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta de novembro de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar definitivamente o proxecto de modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Urbana do Concello de Lugo na zona de San Cibrao coas condicións precisadas na dita resolución, do 27 de novembro de 2006, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente (DOG nº 231, do 30 de novembro).

Disposición derradeira

Recursos.-Segundo o disposto no artigo 85.9º da citada Lei 9/2002, contra este decreto non cabe recurso en vía administrativa; non obstante, contra ela poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación

segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, trinta de novembro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes