DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Mércores, 03 de xaneiro de 2007 Páx. 85

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 21 de decembro de 2006 pola que se modifica a Orde do 8 de novembro de 2000, sobre as condicións que deben cumprir para acollerse á denominación Viño da Terra de Betanzos os caldos elaborados nesa comarca vitivinícola.

Por Orde do 8 de novembro de 2000, a entón Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria recoñeceu a denominación Viño da Terra de Betanzos para os viños elaborados, baixo as condicións establecidas, nos concellos de Bergondo, Betanzos, Coirós e Paderne.

Despois dos anos transcorridos dende este recoñecemento, hoxe pódese constatar un importante dinamismo na zona, de xeito que o sector está a promover unha serie de cambios para dar un impulso definitivo a esta denominación.

Entre estes cambios atópase o recoñecemento de determinadas variedades autóctonas que son cultivadas na comarca e que poden dar unha personalidade moi definida aos seus viños e, entrando xa de cheo no obxecto desta orde, a ampliación da área xeográfica de produción a determinados concellos e parroquias limítrofes coa recoñecida actualmente. Con esta ampliación aproximaríase a área da indicación xeográfica á zona de produción histórica dos viños de Betanzos, moito máis ampla ca a actual.

Deste xeito preténdese favorecer a entrada no proxecto común que representa a denominación de novos produtores e elaboradores co conseguinte aumento da base social e, polo tanto, de «masa crítica» que favoreza o desenvolvemento de novas iniciativas que permitan o salto na produción, elaboración e comercialización que estes viños necesitan.

Para apoiar esta ampliación, os interesados achegaron, xunto coa solicitude, a documentación que a xustifica dende o punto de vista técnico, histórico e social.

Por outra parte, os cambios normativos acontecidos dende a data de publicación da orde de recoñecemento desta indicación xeográfica fan aconsellable modificar tamén o artigo correspondente ao réxime de infraccións e sancións, para adaptalo á situación xurídica actual.

En consecuencia, por petición do sector interesado e de conformidade co artigo 30.I 3º e 4º do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícanse os artigos 2º e 9º da Orde de 8 de novembro de 2000, sobre as condicións que deben cumprir para acollerse á denominación Viño da Terra de Betanzos os caldos elaborados nesa

comarca vitivinícola, que quedan redactados como se expresa a continuación:

«Artigo 2º.-Área de produción.

A área de produción que pode acollerse á denominación Viño da Terra de Betanzos está constituída polos terreos aptos para a produción de uva das variedades que se indican no artigo 3º pertencentes aos concellos de Bergondo, Betanzos, Coirós, Miño e Paderne, así como as parroquias que se citan dos seguintes concellos:

Concello de Abegondo: Abegondo, Cabanas, Cerneda, Cos, Cullergondo, Leiro, Limiñón, Mabegondo, Meangos, Montouto, Presedo, Sarandós, Vilacova e Viós.

Concello de Oza dos Ríos: Bandoxa, Cis, Cuíña, Mondoi, Oza, Porzomillos, Reboredo, Salto e Vivente.

Concello de Sada: Osedo e Soñeiro.

Artigo 9º.-Infraccións e sancións.

Todas as actuacións que sexa preciso desenvolver en materia de expedientes sancionadores axustaranse ás normas desta orde; ás da Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño; ao Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño, que regula as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da produción agroalimentaria; á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común; ao Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, e a cantas disposicións xerais sobre a materia estean vixentes no seu momento».

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2006.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural