DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Mércores, 03 de xaneiro de 2007 Páx. 81

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

DECRETO 248/2006, do 7 de decembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado de acondicionamento da estrada LU-722 Becerreá-Navia de Suarna, treito I, Becerreá-A Ribeira. (Clave LU/01/056.01.1).

Con data do 19 de outubro de 2006 o director xeral de Obras Públicas, por delegación da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, aprobou o proxecto de trazado de acondicionamento da estrada LU-722 Becerreá-Navia de Suarna, treito I, Becerreá-A Ribeira. Clave LU/01/056.01.1.

Os bens e dereitos en que se concreta a declaración de urxente ocupación aparecen recollidos e valorados no citado proxecto.

A competencia para efectuar a declaración de urxente ocupación tena atribuída a Xunta de Galicia en virtude do artigo segundo do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas e a súa asignación á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, considerándose xustificada a referida declaración pola súa incidencia na viabilidade invernal. Este trazado discorre por un val e o itinerario alternativo a través dunha estrada da Deputación atravesa unha zona moito máis montañosa, con problemas de neve no inverno.

En virtude de todo o exposto e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación co previsto no artigo 16 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, por proposta da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de decembro de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declarar a utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios e que se concretan no expediente administrativo instruído

para efectos de expropiación no proxecto de trazado de acondicionamento da estrada LU-722 Becerreá-Navia de Suarna, treito I, Becerreá-A Ribeira. Clave LU/01/056.01.1.

Santiago de Compostela, sete de decembro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes