DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Mércores, 03 de xaneiro de 2007 Páx. 80

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

DECRETO 247/2006, do 7 de decembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado da nova vía de conexión Rairo (CV-401)-Bemposta (OU-105). (Clave OU/06/088.01).

O 26 de outubro de 2006, o director xeral de Obras Públicas, por delegación da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, aprobou o proxecto de trazado da nova vía de conexión: Rairo (CV-401)-Bemposta (OU-105). Clave: OU/06/088.01.

Os bens e dereitos en que se concreta a declaración de urxente ocupación aparecen recollidos e valorados no citado proxecto.

A competencia para efectuar a declaración de urxente ocupación tena atribuída a Xunta de Galicia en virtude do artigo segundo do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas e a súa asignación á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, considerándose xustificada a referida declaración pola súa grande influencia na articulación do tráfico urbano de Ourense. Esta nova vía forma parte da circunvalación leste e a súa contrución leva consigo un substancial aforro en tempos de percorrido, e unha mellora da habitabilidade ao transferir tráficos dun contorno urbano a unha vía específica para automóbiles.

En virtude de todo o exposto e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación co previsto no artigo 16 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, por proposta da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día sete de decembro de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declarar a utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios e que

se concretan no expediente administrativo instruído, para efectos de expropiación, no proxecto de trazado da nova vía de conexión Rairo (CV-401)-Bemposta (OU-105). Clave: OU/06/088.01.

Santiago de Compostela, sete de decembro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes