DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Mércores, 27 de decembro de 2006 Páx. 18.818

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 19 de decembro de 2006 pola que se modifica a do 27 de xullo de 2000 sobre desenvolvemento da xestión orzamentaria e contabilización dos ingresos procedentes de transferencias correntes e de capital.

A Orde do 27 de xullo de 2000, sobre desenvolvemento da xestión orzamentaria e contabilización dos ingresos procedentes de transferencias correntes e de capital, estableceu a adaptación das normas de xestión orzamentaria dese tipo de ingresos aos criterios derivados da implantación do sistema de contas europeo, que, en relación coas transferencias entre administracións públicas, determinaba a simultaneidade do seu rexistro por parte das administracións que interveñen na operación en todas as contas afectadas.

Nestes momentos, o Eurostat, Oficina Estatística das Comunidades Europeas, estableceu na súa Decisión 22/2005, sobre o déficit e a débeda, o tratamento que se debe seguir na contabilización de ingresos correspondentes ás transferencias correntes e de capital procedentes da Unión Europea, indicando que o rexistro da transferencia debe situarse no momento en que a unidade pública beneficiaria dela realice o gasto, coincidente co momento en que se remita a documentación acreditativa da súa realización.

A translación dese criterio de contabilización das transferencias europeas, moi próximo ao de devengo, á normativa da comunidade autónoma, implica a necesidade de modificar parcialmente a Orde do 27 de xullo de 2000, que contemplaba a simultaneidade do rexistro conforme a un criterio de caixa, retrotraendo ao comezo do actual exercicio os efectos da nova regulación e prevendo a posibilidade dunha utilización transitoria de ambos os criterios para evitar os efectos que un cambio semellante podería ocasionar sobre a adecuada contabilización final da totalidade dos dereitos que afectan o período de programación 2000-2006.

Na súa consecuencia,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o artigo 7º da Orde do 27 de xullo de 2000, sobre desenvolvemento da xestión orzamentaria e contabilización dos ingresos procedentes de transferencias correntes e de capital, que queda redactado da forma seguinte:

«Artigo 7º.-Criterios para o recoñecemento do dereito.

1. O recoñecemento do dereito á percepción de recursos procedentes da Unión Europea efectuarase

unha vez certificada ante a correspondente unidade estatal administradora do fondo a realización do gasto financiado con esas transferencias.

2. No suposto de ingresos que non procedan dos orzamentos comunitarios, considerarase que concorren as condicións necesarias para o recoñecemento do dereito en calquera dos seguintes casos:

a) Cando exista constancia de que o organismo ou a administración de que proceda a transferencia ditou o acto de recoñecemento da obriga de pagamento.

b) Cando se teña coñecemento de que a administración transferente imputou a operación ao seu orzamento de gastos.

c) Cando se reciban os fondos líquidos da transferencia».

Disposición adicional

Os centros administrativos da Administración xeral da comunidade autónoma encargados de xustificar ante o organismo estatal correspondente a realización de gastos financiados con recursos da Unión Europea, fornecerán á Dirección Xeral de Orzamentos a documentación necesaria para o recoñecemento do dereito sobre eses ingresos.

Disposicións transitorias

Primeira.-A aplicación dos criterios establecidos nesta orde ao recoñecemento de dereitos e a contabilización de ingresos procedentes de fondos europeos terá efectos desde o 1 de xaneiro de 2006.

Segunda.-O recoñecemento de dereitos relativos aos fondos europeos que correspondan ao período de programación 2000-2006, cando non se efectuase segundo o indicado no punto 1º, do artigo 7, da Orde do 27 de xullo de 2000, modificado por esta orde, poderase efectuar conforme os criterios previstos para as restantes transferencias no punto 2º dese mesmo artigo.

Disposición derradeira

A Dirección Xeral de Orzamentos e a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma ditarán as instrucións necesarias para a aplicación desta orde, que entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2006.

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda