DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Martes, 26 de decembro de 2006 Páx. 18.757

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

ORDE do 18 de decembro de 2006 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos concellos galegos para a promoción de iniciativas ambientais, así como a súa convocatoria para 2007.

A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, segundo o establecido no artigo 11

do Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, é o órgano da Xunta de Galicia ao que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións que, en materia de ambiente e conservación da natureza, se establecen nos artigos 27.10º, 15º e 30º, así como no artigo 29.4º do Estatuto de autonomía de Galicia, e demais normativa de aplicación, en especial na normativa sobre protección ambiental de Galicia.

As cuestións ambientais teñen, hoxe en día, unha fonda repercusión na nosa sociedade, cada vez máis concienciada da importancia da súa conservación, do seu uso dun xeito racional e sustentable, de xeito que non mingüe o patrimonio ambiental que se lles legue ás vindeiras xeracións, polo que os poderes públicos promoven unha política ambiental baseada en parámetros proteccionistas, ao mesmo tempo que incentivan o aproveitamento racional do medio como unha oportunidade de creación de actividade económica e emprego, de desenvolvemento económico, en definitiva. Isto xa hai tempo que se recoñece na normativa da Unión Europea (UE), así como na súa programación, como a Estratexia Europea de Lisboa (EEE) na que se fixan as directrices para o desenvolvemento social e económico da Unión ata 2010.

É unha cuestión común a todas as políticas sectoriais de fomento a necesidade de que na súa posta en práctica se prevexa a perspectiva local, a participación nelas das administracións locais, o chanzo máis próximo ao cidadán e que, polo tanto, mellor coñecen as necesidades dos seus veciños e o modo axeitado para solventalas. Este enfoque local incluso se recoñece e se promove desde as instancias da UE, principalmente a través dos informes do Comité das Rexións.

A Lei 5/1997, do 27 de xullo, de Administración local, no seu artigo 80 atribúelles aos concellos, en consonancia coa Lei de bases de réxime local, competencias ambientais. Así, os municipios teñen competencias en materia de protección do ambiente; de conservación e mellora dos espazos naturais; de recolla e tratamento de residuos; de protección, prevención e corrección da contaminación atmosférica e acústica; de avaliación de impacto ambiental, e de abastecemento a poboacións así como de tratamento de augas residuais, entre outras.

O principio de subsidiariedade, acuñado no dereito comunitario, preténdese aplicar neste programa, no convencemento de que a Administración municipal, como a máis próxima aos cidadáns, é a que, en colaboración coa autonómica, mellor pode levar a cabo o programa, de xeito que este dea os froitos pretendidos, que os cidadáns se poidan achegar á natu

reza a través do desfrute de equipamentos específicos.

Non obstante, tamén é verdade que as corporacións locais non dispoñen moitas veces dos recursos necesarios para afrontar todos os investimentos necesarios para acomodarse á normativa ambiental vixente, cada vez máis exixente. E isto amósase dun xeito máis nítido no caso dos pequenos e medianos concellos periurbanos e do rural galego; non tanto así nas cidades, que contan con maiores recursos orzamentarios e que, ademais, non teñen un dos grandes problemas nas actuacións ambientais, o da dispersión da poboación, e que se poden beneficiar, incluso, de actuacións de ámbito estatal. Tamén existen programas específicos para as cuestións ambientais dos pequenos concellos, beneficiarios doutros instrumentos de planeamento hoxe en día, tanto desta consellería e do organismo autónomo á ela adscrito, Augas de Galicia, como incluso de desenvolvemento rural.

Consonte o anterior, nesta disposición establécense as bases dun programa de fomento de iniciativas ambientais promovidas polos concellos galegos cunha poboación de entre dez mil e trinta mil habitantes, a través da realización dos investimentos necesarios; pois é nos devanditos concellos, vilas de tamaño medio, onde se manifesta dun xeito máis salientable a carencia de equipamentos ambientais para o uso e desfrute dos seus veciños, pois, xa que polo seu desenvolvemento urbanístico nas últimas décadas deixaron de ser pequenas vilas rurais sen chegar a converterse en cidades, estremos ambos, cidades e concellos rurais, nos que non é tan marcada a circunstancia de falta de equipamentos ambientais.

Deste xeito, a consellería incentivará os concellos que adquiran equipamentos, incluso a compra dos terreos necesarios, ou realicen as obras necesarias para dotarse de equipamentos de carácter ambiental, tales como parques periurbanos, forestais ou naturais, centros de interpretación e outros semellantes; do mesmo xeito que tamén se financiará a súa reforma e mellora, no caso dos xa existentes.

O réxime xeral das axudas e subvencións nestas administracións públicas establécese nas disposicións básicas da Lei 38/2006, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como nos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aprobou o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. A nivel regulamentario, a normativa principal constitúea o Decreto 287/2000, do 21 de novembro. Esta orde cumpre coas exixencias da citada normativa.

Segundo a antedita normativa de subvencións, este programa de axudas sométese ao réxime de concorrencia competitiva, sendo competente para resolver o titular da consellería por proposta dunha comisión de avaliación creada para o efecto.

Por tratarse dunha convocatoria de axudas que pretende incentivar proxectos municipais no eido ambiental, co gallo de que os proxectos seleccionados teñan unha calidade mínima e se realicen onde resulten máis necesarios, non se subvencionarán se non acadan unha puntuación mínima de 35 puntos.

Co gallo de poder resolver canto antes as solicitudes, de xeito que os concellos teñan logo tempo, ao longo do exercicio, para desenvolver as accións subvencionadas, esta convocatoria tramítase de modo anticipado, ao abeiro do disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998. Así mesmo, téñense en conta as disposicións na materia recollidas no proxecto de Lei de orzamentos xerais desta comunidade autónoma para 2007.

En virtude do anterior, en consonancia co disposto no artigo 27.15º do Estatuto de autonomía, e no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Finalidade, obxecto e beneficiarios.

1. A través desta orde regúlanse as bases e convócanse, para 2007, axudas aos concellos galegos para a dotación de equipamentos e infraestruturas ambientais.

2. Poderanse subvencionar equipamentos e infraestruturas ambientais novas, así como a reforma e mellora dos existentes, tales como parques periurbanos, forestais ou naturais, centros de interpretación da natureza e outros semellantes.

Para tal efecto poderase subvencionar tanto a adquisición de edificios e terreos, para o incremento do patrimonio público municipal de carácter ambiental, como a realización das obras necesarias e a adquisición dos equipamentos precisos.

3. Para o anterior, poderán solicitar as axudas convocadas ao abeiro do establecido nesta orde os concellos galegos cunha poboación de dereito, segundo o último censo publicado, comprendida entre dez mil e trinta mil habitantes, ambos inclusive.

4. Cada concello só poderá solicitar axuda para un único proxecto.

5. Non poderán ter a condición de beneficiarios das axudas previstas nesta orde as entidades municipais nas que se produza algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 2º.-Réxime e principios de aplicación.

As axudas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os prin

cipios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non-discriminación, eficacia e eficiencia.

Artigo 3º.-Crédito e contía das axudas.

1. A contía máxima da axuda que se vai conceder será de 300.000 euros por proxecto e concello.

O dito importe poderá chegar a supor a totalidade do custo do investimento. Se este fose superior, a cantidade restante será por conta do concello.

2. A axudas concedidas ao abeiro desta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 15.01.541A7.60.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2007, da que se destinan 4.350.000 euros para tal finalidade.

A dita contía inicial poderase incrementar logo da tramitación do oportuno expediente de modificación orzamentaria, de ser o caso.

Artigo 4º.-Subcontratación.

Para os efectos do disposto no artigo 29 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, permitirase a subcontratación total da actividade obxecto de subvención, agás cando, aumentando o custo da actividade subvencionada, non achegue valor engadido ao seu contido.

Artigo 5º.-Mantemento do investimento.

Dada a natureza dos investimentos subvencionables, estes deberanse manter afectos á fin para a que se lle concedeu a subvención, como mínimo durante dous anos, ou cinco se os bens ou equipamentos son inscritibles nun rexistro público.

Artigo 6º.-Criterios de valoración.

1. As axudas concederanse con base nos criterios que a seguir se indican:

-Interese ambiental do proxecto: ata 25 puntos.

-Especiais circunstancias ou cargas ambientais específicas: ata 20 puntos.

-Carencia de equipamentos similares: ata 15 puntos.

-Actuacións de mellora para o uso público de equipamentos existentes: ata 15 puntos.

-Dinamización de zonas desfavorecidas desde unha perspectiva, socioeconómica ou demográfica: ata 15 puntos.

-Carácter innovador do proxecto: ata 10 puntos.

2. Para que un proxecto poida resultar beneficiario das subvencións establecidas nesta Orde deberá acadar, como mínimo, unha valoración de 35 puntos.

Artigo 7º.-Solicitudes, presentación, documentación e prazo.

1. Os concellos deberán solicitar as axudas no modelo que se xunta como anexo I a esta orde, modelo que estará ao seu dispor nas delegacións provinciais da consellería, así como na súa secretaría xeral, en Santiago de Compostela. Así mesmo, tamén se poderán obter na páxina web desta consellería http://medioambiente.xunta.es/formularios.jsp

Co fin de facilitar a súa formalización, as ditas solicitudes poderanse cubrir directamente nos formularios publicados na páxina web, imprimíndoos ulteriormente para os efectos da súa presentación. Así mesmo, tamén se poderán cubrir á máquina ou á man, pero neste último caso con caracteres lexibles.

2. As solicitudes, que se dirixirán ao conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, presentaranse no seu rexistro xeral, en Santiago de Compostela, ou no das respectivas delegacións provinciais daquela, así como en calquera outro lugar de acordo co establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde.

4. Xunto coa solicitude, en orixinal ou debidamente compulsada, deberase presentar a seguinte documentación:

-Memoria explicativa do investimento para o que se solicita axuda, na que se incluirá unha referencia ao cumprimento dos requisitos exixidos e aos criterios de valoración desta convocatoria.

-Certificación acreditativa de que o órgano municipal competente adoptou o acordo de solicitar a subvención.

-Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou percibidas para a mesma finalidade, de calquera Administración pública ou entidade delas dependentes, no modelo que se xunta como anexo II.

-Anteproxecto ou proxecto construtivo -no caso de telo xa redactado -ou memoria valorada, segundo os casos, de tratarse de obras.

-Orzamento detallado de todas as partidas que conforman o custo total, de tratarse de adquisicións de inmobles, incluso terreos, ou equipamentos.

-Para a adquisición de inmobles: opción de compra, ou instrumento xurídico semellante, a favor do concello.

Artigo 8º.-Tramitación.

1. O Servizo de Xestión Orzamentaria da Secretaría Xeral revisará as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No caso de estar incompleta, conter erros ou non se achegar toda a documentación requirida, requirirá o concello para que, no prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos precisos, advertíndoo de que, en caso contrario, se arquivará sen máis trámite a súa solicitude, ao considerarse que desiste dela, ao abeiro do disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, segundo resolución que para o efecto se dite, para o abeiro do establecido no artigo 42 da mesma disposición.

2. Completados os expedientes, poranse ao dispor da comisión de avaliación para o seu informe, ao abeiro dos criterios de valoración fixados no artigo 5º desta orde, do que esta elevará a correspondente proposta de resolución ao conselleiro, para a súa resolución.

3. A devandita comisión de valoración estará constituída polo secretario xeral da consellería, que a presidirá, actuando como vogais o director xeral de Conservación da Natureza, así como o vicesecretario xeral, que actuará, ademais, como secretario.

Se algún dos seus membros non puidese participar nunha sesión, por calquera causa, será substituído por quen designe o titular da consellería.

Artigo 9º.-Resolución e recursos.

1. Realizados os trámites procedementais oportunos de instrución do procedemento, segundo o disposto no artigo anterior e na normativa procedemental de xeral aplicación, en especial a relativa ás subvencións públicas, logo de fiscalización do gasto, o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible ditará, de xeito motivado, a resolución que en dereito proceda, concedendo ou denegando a axuda.

2. O prazo para resolver será de catro meses desde a entrada en vigor desta orde.

3. A resolución ditada segundo o disposto no punto 1 deste artigo pon fin á vía administrativa, e contra ela cabe interpor, ao abeiro do establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, recurso contencioso-administrativo, segundo o establecido na devandita disposición, no prazo de dous meses desde a recepción da notificación da resolución ditada.

Non obstante, tamén caberá a interposición de recurso administrativo de reposición, perante o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, no prazo dun mes desde a recepción da notificación da resolución impugnada.

4. Transcorridos os ditos prazos sen que se lles notifique resolución expresa, os solicitantes poderán entender desestimada a súa solicitude, ao abeiro do disposto no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xaneiro, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Neste caso, o prazo para a interposición do recurso contencioso-administrativo será de seis meses desde que rematase o prazo para resolver e notificar.

Ademais, tamén caberá a interposición en vía administrativa de recurso potestativo de reposición, nos tres meses seguintes ao de remate do prazo para resolver sen que se ditase resolución expresa.

Artigo 10º.-Aceptación.

O concello beneficiario, dentro dos dez días seguintes ao da notificación da resolución de concesión, deberalle notificar, pola súa vez, á secretaría xeral, a aceptación da subvención concedida. Se así non o fixese no indicado prazo, entenderase que renuncia a ela.

Artigo 11º.-Publicidade.

1. A Secretaría Xeral da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible publicará, no Diario Oficial de Galicia, a relación das subvencións concedidas.

2. O concello terá a obriga de publicitar a axuda concedida a través dos oportunos carteis indicativos durante a realización das obras.

Así mesmo, tamén se deberá indicar o dito extremo unha vez que se poña en funcionamento o equipamento, mediante unha placa.

Para tal efecto, xunto coa resolución de concesión achegaranse ao concello beneficiario as características dos rótulos ou placas que se van empregar.

Artigo 12º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración nas condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión, de acordo co disposto no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 13º.-Compatibilidade.

1. As axudas establecidas nesta orde serán compatibles con outras que, para a mesma finalidade, concedan outras administracións públicas ou entes delas dependentes, así como entidades privadas.

Non obstante, serán incompatibles con calquera outra con cargo ao orzamento da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible para o mesmo investimento subvencionado a través desta orde.

2. En todo caso, a obtención de axudas concorrentes non poderá superar o custo total da actividade ou investimento. Se se superase este, o importe da axuda minorarase o necesario para non superar este límite.

Artigo 14º.-Xustificación e aboamento.

1. Unha vez efectuado o investimento, solicitarase o aboamento do importe da axuda (anexo III) logo da achega, en documentación orixinal ou copia compulsada, da seguinte documentación:

-Para as obras e subministracións: factura e acta de recepción.

-Para a adquisición de inmobles: documento público de adquisición e certificado relativo ao valor de mercado do inmoble, emitido por taxador independente, debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial.

-En ambos os dous supostos, certificación do acordo tomado polo órgano municipal competente sobre a adquisición, obra ou subministración.

2. Ademais, deberán presentar declaración adicional do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para a mesma finalidade, para os efectos do establecido nos dous artigos precedentes.

3. A data máxima para a xustificación será o 1 de decembro de 2007.

4. Se o custo xustificado da actividade ou investimento fose inferior ao que figura na resolución de concesión, manterase a axuda pero diminuirase proporcionalmente o seu importe.

Artigo 15º.-Información e control.

1. Os concellos beneficiarios quedan sometidos ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, ou polo Consello de Contas segundo a súa normativa.

2. Ademais, deberanlle facilitar á secretaría xeral da consellería toda a información e documentación

complementaria que esta considere precisa para a concesión ou o aboamento do importe da subvención.

3. Os beneficiarios deberán conservar, para os efectos de comprobación e control, os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos polo menos durante cinco anos desde o último pagamento.

4. O órgano xestor constatará a realización da actividade subvencionada, para os efectos do previsto no artigo 15.3º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, mediante a achega por parte do concello da documentación indicada no artigo 14.1º.

Artigo 16º.-Revogación.

Os beneficiarios destas subvencións deberán reintegrar, total ou parcialmente, a axuda pública recibida, cos xuros de demora, no caso de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, así como nos supostos de incumprimento da obriga de xustificación, de obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, e incumprimento da finalidade para a que foi concedida, conforme o artigo 19 do Decreto 287/2000, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas na Comunidade Autónoma de Galicia, e o artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 17º.-Réxime sancionador.

O programa de axudas desta orde queda suxeito ao réxime de infraccións e sancións establecido no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se lles aplicarán aos solicitantes e beneficiarios as sancións no mesmo precepto establecidas, polas infraccións que nel se especifican, con independencia da obriga de reintegro das contías percibidas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento.

Facúltase o secretario xeral para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento do establecido nesta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2006.

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento

Sostible