DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Martes, 26 de decembro de 2006 Páx. 18.751

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 18 de decembro de 2006 pola que se establecen os domingos e festivos en que se autoriza a apertura de establecementos comerciais durante o ano 2007.

A Lei 1/2004, do 21 de decembro, de horarios comerciais, determina que o número mínimo de domingos e días festivos en que os comercios poderán

permanecer abertos ao público será de doce. Xunto con isto tamén figura a previsión de que as comunidades autónomas poderán modificar o dito número de domingos e festivos en atención ás súas necesidades comerciais, incrementando ou reducindo, sen que en ningún caso poida limitar por debaixo de oito o número mínimo de domingos e festivos de apertura autorizada.

Tendo en conta o marco normativo que se configura na devandita lei e de acordo co disposto no artigo 3

punto 2º do Decreto 365/1996, do 26 de setembro, polo que se regulan os horarios comerciais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, modificado polo Decreto 98/1998, do 20 de marzo, a Consellería de Innovación e Industria fixará anualmente oito domingos e festivos, que se consideraran hábiles para os efectos do exercicio da actividade comercial en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

En aplicación dos citados preceptos, logo da consulta efectuada cos axentes socioeconómicos interesados, e tendo en conta o interese xeral do comercio e dos consumidores, procédese á fixación dos 8 domingos e festivos que, para os efectos do exercicio da actividade comercial, terán a condición de hábiles durante o ano 2007,

DISPOÑO:

Artigo único.-Os domingos e festivos en que os establecementos comerciais poderán permanecer abertos ao publico cun horario máximo de 12 horas diarias durante o ano 2007 son:

7 de xaneiro.

1 de xullo.

1 de novembro.

2 de decembro.

8 de decembro.

16 de decembro.

23 de decembro.

30 de decembro.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2006.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria