DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Martes, 26 de decembro de 2006 Páx. 18.745

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 15 de decembro de 2006, da Secretaría Xeral de Comunicación, pola que se establecen axudas, para o ano 2007, en réxime de concorrencia competitiva, a particulares e entidades sen fin de lucro para a realización de estudos sobre medios de comunicación en Galicia.

A crecente importancia da comunicación oral e escrita, como instrumentos de vertebración dun país e mesmo como ferramentas que facilitan o achegamento entre os pobos conforman un conxunto informativo amplo que require dun maior coñecemento.

Esta necesidade levou á inclusión nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma dos créditos destinados á realización de investigacións nese campo. Para o gasto derivado desta resolución disponse de crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2007.

Coa finalidade de asegurar a publicidade e obxectividade na concesión, así como para promover a participación,

DISPOÑO:

Primeiro.-Esta convocatoria ten por obxecto regular as bases polas que se rexerá a concesión de axudas para fomentar a realización de estudos sobre os medios de comunicación co fin de avanzar no coñecemento da dimensión actual da comunicación.

Segundo.-A contía de cada axuda será de dous mil a seis mil euros (2.000 a 6.000 euros).

Terceiro.-Poderán solicitar as axudas particulares e entidades sen fin de lucro.

Cuarto.-A solicitude das axudas farase mediante instancia, segundo modelo do anexo, dirixida ao secretario xeral de Comunicación, e irá acompañada da seguinte documentación:

a) Copia compulsada do documento nacional de identidade do solicitante.

b) Acreditación da representación con que actúa, se é o caso.

c) No caso de entidades sen fin de lucro, deberán achegar documentos xustificativos da súa constitución en forma legal e os seus estatutos.

d) Memoria explicativa do contido, con indicación da súa dimensión e prazo de realización, debidamente asinada polo solicitante ou o seu representante.

e) Curriculum vitae do autor ou autores do estudo, debidamente asinado. Na documentación relacionada neste punto deberán presentar orixinais ou copias compulsadas dos títulos, cursos e outros documentos directamente relacionados co traballo.

f) Declaración xurada pola que se acredita o carácter inédito do traballo.

g) Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas.

No caso de que sexan varios coautores do mesmo traballo, deberán designar por escrito a un deles como representante dando a conformidade coa súa sinatura.

Quinto.-As solicitudes serán presentadas no rexistro xeral da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, sito no edificio administrativo de San Caetano, en Santiago de Compostela, ou nos das súas delegacións provinciais. Tamén se poderán remitir en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes presentadas serán tramitadas polo servizo competente da Secretaría Xeral de Comunicación.

Sexto.-As solicitudes de axuda realizadas ao abeiro desta resolución serán resoltas polo secretario xeral de Comunicación ao abeiro do establecido na disposición adicional segunda alínea c) do Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia. As peticións efectuadas serán avaliadas por unha comisión composta polos seguintes membros:

Presidente: o secretario xeral de Comunicación.

Vogais: subdirector xeral de Contratación e Xestión Orzamentaria e a persoa responsable do Gabinete de Comunicación.

Secretario: un funcionario por proposta do presidente que actuará con voz pero sen voto.

A valoración das solicitudes presentadas basearase nos seguintes criterios: a finalidade do estudo e a súa relación coa realidade galega, no senso de que se valorarán aqueles traballos que propoñan coñecer aspectos de interese, específicos no ámbito da comunicación en Galicia. O carácter innovador e o seu valor para a modernización do sector, co fin de apoiar aqueles traballos de carácter novidoso en relación coas tecnoloxías da comunicación. Tamén se terá en conta o curriculum vitae e o feito de ter recibido unha axuda ao abeiro desta convocatoria con anterioridade, especialmente no exercicio inmediatamente anterior.

O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de tres meses contados desde a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen resolución expresa os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Sétimo.-A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán

ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Contra as resolucións expresas ou presuntas que se deriven desta convocatoria, que poñen fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación no caso de resolucións expresas. No caso de que a resolución se entenda desestimatoria por silencio administrativo, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Igualmente os interesados poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao de recepción da correspondente notificación, se a resolución é expresa. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Oitavo.-A concesión das axudas farase con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.461A.480.0 que dispón de crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2007 por un importe de 80.000 A.

Esta resolución de axudas tramítase de conformidade co establecido na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada por las ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto.

De conformidade co estipulado no artigo 41-un da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2006, quedan exentos de achegar os xustificantes do cumprimento das obrigas a que se refire o artigo 78.4º c) e 78.8º último parágrafo do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia as subvencións e axudas con cargo aos créditos orzamentarios correspondentes ao artigo 48, familias e institucións sen fin de lucro.

Noveno.-O pagamento tramitarase unha vez entregado o estudo obxecto da axuda.

No momento da xustificación da execución total do estudo e en calquera caso, antes de efectuar o pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo estudo das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Décimo.-Os estudos resultantes das memorias seleccionadas serán entregados na Secretaría Xeral de Comunicación antes do día 31 de xullo de 2007.

Os estudos presentaranse por triplicado, debidamente foliados e encadernados e coa sinatura do autor ou autores. A súa extensión non será inferior aos 100 folios de 1.200 caracteres, e non se computarán as copias íntegras ou parciais das publicacións ou estudos xa existentes.

Os beneficiarios das axudas quedan obrigados ao reintegro total ou parcial da axuda percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a concesión, e a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Ás axudas concedidas ao abeiro desta resolución daráselles publicidade nos termos do establecido no artigo 78.8º in fine do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba a Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. No suposto de que a contía individualmente considerada sexa inferior a 3.000 euros publicarase no taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral de Comunicación.

Os datos básicos relativos a estas axudas serán publicados de acordo co previsto no artigo 9 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Os datos identificativos das entidades solicitantes, beneficiarias e participantes, integraranse en ficheiros informáticos para os efectos oportunos, podendo os interesados exercer os dereitos recoñecidos con carácter xeral na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e demais normativa de desenvolvemento.

Décimo primeiro.-O autor ou autores dos traballos seleccionados, no mesmo momento de aceptar a axuda cédenlle á Secretaría Xeral de Comunicación todos os dereitos sobre o traballo presentado, reservando esta para si capacidade de publicalo, se así o considerase oportuno.

Disposición derradeira

Única.-Nos aspectos non contidos nesta resolución, haberá que aterse ao disposto no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que o desenvolve.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2006.

Fernando Salgado García

Secretario xeral de Comunicación