DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Venres, 22 de decembro de 2006 Páx. 18.683

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 13 de decembro de 2006 pola que se regula a cédula de rehabilitación de calidade.

O Decreto 157/2006, do 7 de setembro, constitúe o marco normativo polo que se regula e incentiva a rehabilitación e renovación de calidade de vivendas no medio rural e de vivendas e edificios nos conxuntos históricos de Galicia.

O seu artigo 3, co fin de asesorar e tutelar a calidade das actuacións en rehabilitación, crea a cédula de rehabilitación de calidade e dispón a súa regulación por orde da Consellería de Vivenda e Solo.

A cédula de rehabilitación de calidade é un documento que pretende que a vivenda rehabilitada una a linguaxe contemporánea co seu carácter patrimonial mellorando a súas condicións de habitabilidade residencial.

É vontade da Consellería de Vivenda e Solo que o traballo de rehabilitación se faga con criterios de rigor e respecto, combinando modernización e sustentabilidade con posta en valoración do patrimonio herdado, facendo así da rehabilitación un proxecto de desenvolvemento social e ambiental; combinando a recuperación dos materiais co uso de novas tecnoloxías que preserven e melloren a arquitectura cun alto contido técnico. Con esta finalidade créase a cédula de rehabilitación de calidade prevista no Decreto 157/2006, do 7 de setembro.

A súa disposición derradeira primeira faculta a conselleira de Vivenda e Solo para ditar, no exercicio das súas competencias, as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do referido decreto.

En uso da referida autorización,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente disposición, de conformidade co establecido no artigo 3º do Decreto 157/2006, do 7 de setembro, ten por obxecto regular o procedemento de obtención, as actuacións previstas, os requisitos

exixidos e canto for necesario para o funcionamento da cédula de rehabilitación de calidade, creada co fin de asesorar e tutelar a calidade das actuacións de rehabilitación e renovación das vivendas do medio rural e dos conxuntos históricos de Galicia.

As vivendas que obteñan a cédula de rehabilitación de calidade poderán ser beneficiarias das subvencións, premios e beneficios fiscais que as administracións competentes na materia convoquen ou publiquen con destino a elas.

Artigo 2º.-Concepto de calidade.

Enténdese por rehabilitación de calidade dun edificio para efectos desta orde o conxunto de características que reúne e prestacións que proporciona o referido edificio para satisfacer as necesidades e expectativas das persoas usuarias e doutros axentes que interveñen no proceso e se ven afectadas por el.

Para satisfacer as demandas das persoas usuarias establécense unha serie de condicións mínimas para a cédula de rehabilitación de calidade relativas á funcionalidade, seguranza, habitabilidade e de protección do patrimonio construído, que regulan o nivel mínimo de referencia das actuacións. O nivel de calidade dunha rehabilitación e renovación vén dado polo grao en que supera o nivel mínimo das condicións básicas anteriormente expostas.

Artigo 3º.-Características das persoas promotoras.

Poderanse acoller á presente disposición aqueles promotores que sexan persoas físicas ou xurídicas, e que sexan propietarias, usufrutuarias ou inquilinas das vivendas, locais e edificios obxecto das actuacións ou outros supostos en que se poidan, conforme a lexislación aplicable, realizar as obras obxecto desta orde.

Artigo 4º.-Características das vivendas.

Para os efectos da presente disposición,

1. No ámbito rural determinado no artigo 2.1º do Decreto 157/2006, do 7 de setembro, as vivendas deberán ser unifamiliares, con 15 anos ou máis de antigüidade para as que se promovan actuacións de rehabilitación, e 20 anos ou máis de antigüidade para as que se promovan actuacións de renovación.

2. En conxuntos ou núcleos históricos as vivendas e os locais situados no andar baixo e primeiro, deberán pertencer a edificios situados no ámbito determinado no artigo 2.2º do Decreto 157/2006 e que teñan polo menos o 50 % da súa superficie útil destinado ao uso de vivenda.

Artigo 5º.-Actuacións.

As actuacións que poderán ser obxecto da cédula de rehabilitación de calidade regulada na presente disposición son as seguintes:

I. Rehabilitación:

A) Actuacións en elementos exteriores segundo tipoloxía da zona.

1. Acabamentos de fachada.

2. Carpintaría exterior.

3. Cubertas.

B) Condicións estruturais-seguranza.

4. Elementos estruturais e construtivos.

5. Adecuación ou realización de instalacións en xeral.

6. Mellora das condicións de illamento en xeral.

7. Medidas de seguranza (incendios, sinistros, etc.).

8. Acabamento de elementos comúns.

C) Habitabilidade.

9. Mellora no programa funcional das vivendas, tendo presentes os posibles elementos de valor patrimonial.

10. Adecuación das dimensións da vivenda e as estancias.

11. Mellora na funcionalidade das diferentes instalacións. En xeral, obras dirixidas a adecuar as condicións hixiénico-sanitarias .

12. Mellora das condicións de ventilación, iluminación e aireación.

13. Melloras da envolvente térmica do edificio tendentes a reducir a súa demanda enerxética, mediante actuacións como o incremento do illamento térmico, a substitución de carpintarías dos ocos, colocación de toldos ou outras, sempre que se demostre a súa eficacia enerxética, considerando factores como a severidade climática e as orientacións.

14. Mellora das condicións construtivas tendo en conta o tipo construtivo de partida.

D) Condicións de protección patrimonial.

15. Melloras do volume externo.

16. Melloras de elementos singulares.

17. Mellora e mantemento de materiais según a tipoloxía da zona: madeira, pedra, lousa, forxa, etc.

E) Locais ou baixos.

18. Obras de rehabilitación para o acondicionamento de locais que non impliquen actuacións específicas para a adaptación destes para o establecemento dunha actividade comercial ou industrial determinada. Obras de mellora nas instalacións de saneamento, conexións de servizo, aireación e ventilación, humidades, illamentos e accesibilidade. Obras en elementos comúns dos edificios a que pertencen os locais. Quedan excluídas actuacións en locais situados por riba do primeiro andar.

F) Accesibilidade. Outras actuacións.

19. Adaptación da vivenda ou do edificio para uso de persoas con discapacidade e persoas maiores de 65 anos.

20. Supresión de elementos engadidos.

21. Acabamentos interiores.

Para todas as actuacións de rehabilitación será necesaria a licenza municipal de obras cunha antigüidade que non exceda do prazo máximo de caducidade de tres anos establecido no artigo 197 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

II. Renovación:

1. Reforzo ou substitución parcial de elementos estruturais, quedando excluídas as reconstrucións totais de casas en ruína física como consecuencia de demolición ou baleiramentos da edificación primitiva.

2. Readaptación da configuración arquitectónica interior do edificio con adecuacións significativas dos seus elementos fixos ou estruturais, en actuacións de ampliación do espazo habitable dentro dos límites da edificación existente. Quedan excluídas todas as actuacións en vivendas, con ampliacións que supoñan aumento ou modificación do volume da edificación primitiva en máis do 5 %, feitas cunha antigüidade inferior aos 20 anos, salvo para a eliminación destas ampliacións.

3. As obras en edificacións que só permiten a conservación de elementos illados da edificación primitiva, incorporándoos á nova edificación.

4. Ampliación da vivenda cando sexa necesaria para acadar as condicións dignas de habitabilidade e accesibilidade ou cando contribúa á conservación e posta en valoración do importante patrimonio construído.

No caso das actuacións previstas nos números 1, 2 e 4 que impliquen actuacións de rehabilitación, presentarase un só orzamento global, debidamente desagregado, e o conxunto considerarase como actuación de renovación.

Para todas as actuacións de renovación será requisito, ademais da licenza municipal de obras cunha antigüidade que non exceda o prazo máximo de caducidade de tres anos establecido no artigo 197 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, o correspondente proxecto, así como o compromiso de dirección de obra asinado polo técnico competente que, ademais das calidades técnicas e de seguranza das obras, garantirá as condicións do artigo 6º da desta disposición.

Artigo 6º.-Condicións das actuacións.

1. En todas as actuacións se seguirá a normativa técnica e urbanística en vigor.

2. Para efectos da concesión da cédula de rehabilitación de calidade, as actuacións relativas á adecuación estrutural e de seguranza serán preferentes ás previstas en materia de habitabilidade e protección patrimonial, polo que, se o inmoble o precisar, non se poderán comezar estas sen a previa realización das primeiras.

3. As actuacións en mellora da habitabilidade, a escolla do tipo de reforzo ou novo sistema estrutural, as de adecuación de espazos interiores, as de ampliación e as de inclusión ou modificación de instalacións terán sempre en consideración as condicións de protección do patrimonio.

4. As actuacións reguladas no artigo 5º da presente disposición deberán ter en conta o establecido no artigo 1 do Decreto 157/2006 sobre o obxecto destas disposicións e respectar e manter as características tipolóxicas valiosas da edificación primitiva, conservando todos os elementos merecentes de protección polo seu valor cultural, histórico, arquitectónico ou tradicional e deberán, así mesmo, garantir a súa adecuación ao medio é a paisaxe canto á escolla de materiais e á disposición dos distintos elementos que compoñen o edificio ou o conxunto. Deberán ter en consideración as cuestións de uso racional de materiais, dando prioridade aos de procedencia local, e de eficiencia enerxética, cos illamentos e a escolla axeitada dos sistemas de calefacción e auga quente.

5 5. Para a realización das obras deberán terse en conta o catálogo de traballos do anexo I e as condicións para a rehabilitación de calidade do anexo II. Poderanse propor nos proxectos outras solucións construtivas debidamente xustificadas de acordo co determinado no número 4 deste artigo.

Artigo 7º.-Orzamento.

1. O orzamento total das obras incluirá, debidamente desagregado, o prezo total do contrato de execución das obras, os honorarios facultativos e de xestión e os tributos satisfeitos por razón das actuacións, así como os custos dos estudos arqueolóxicos e outros preceptivos ou necesarios para emprender a obra, agás os gastos financeiros. Así mesmo deberá figurar desagregada a parte do orzamento das obras que supoñan melloras da eficiencia enerxética. No caso de edificios con varias vivendas ou locais, o orzamento presentarase xunto cunha desagregación para cada vivenda ou local.

2. Para o orzamento das obras terase en conta o catálogo de prezos de rehabilitación que será exposto e se poderá descargar da páxina web da Consellería de Vivenda e Solo e, así mesmo, estará dispoñible un exemplar para consulta nas delegacións provinciais e nos servizos centrais da Consellería de Vivenda e Solo. Para as partidas non previstas teranse en conta os prezos da base de datos da construción de Galicia. Para as partidas neles non definidas determinaranse os rendementos por asimilación doutras partidas.

3. O importe mínimo do orzamento cífrase en 2.000A. No caso de actuacións nos elementos comúns dun edificio, este límite entenderase referido ao importe do orzamento da actuación no conxunto do edificio.

Artigo 8º.-Solicitudes.

As solicitudes para a obtención da cédula de rehabilitación de calidade presentaranse, para cada vivenda ou local, na oficina da Delegación Provincial da Consellería de Vivenda e Solo que corresponda por razón da situación da vivenda ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, axustándose ao modelo que figura no anexo III desta disposición.

Xunto coas solicitudes presentarase a seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI/NIF da persoa solicitante.

b) Fotografías actuais de todas as fachadas da vivenda e das partes que se van a rehabilitar ou renovar.

c) Certificado municipal da situación da vivenda segundo o disposto no artigo 2º do Decreto 157/2006, do 7 de setembro.

d) Documentos que acrediten que a persoa solicitante é a propietaria ou usufrutuaria da vivenda en que se vai actuar ou acreditación de que, conforme a lexislación aplicable, pode realizar as obras propostas na solicitude.

As persoas inquilinas necesitarán o permiso escrito da persoa propietaria e contrato de aluguer.

e) Documentación acreditativa da antigüidade da vivenda.

f) No caso das vivendas no ámbito rural, plano de localización da vivenda en que figure o nome da parroquia, do lugar, da rúa e o número ou denominación da casa.

g) Licenza municipal de obras.

h) No caso de obras de renovación fará falta proxecto técnico e compromiso de dirección de obras asinado por técnico competente.

i) No caso de rehabilitación en ámbito rural, proxecto técnico ou memoria descritiva que inclúa orzamento segundo o disposto no artigo 7º desta orde, de todas as obras que se pretenden realizar de entre as incluídas no artigo 5º desta disposición e xustificación de que estas se adaptan ao tipo tradicional da zona. Terá que ser subscrita pola persoa solicitante e polo técnico correspondente cando as obras precisen dirección facultativa.

j) En conxuntos e núcleos históricos, para obras de rehabilitación, proxecto técnico ou memoria descritiva que inclúa orzamento, segundo o disposto no artigo 7º desta orde, de todas as obras que se pretenden realizar de entre as incluídas no artigo 5º da presente disposición, indicando a superficie útil do edificio en que se sitúa a vivenda e da vivenda ou local, o orzamento de execución asinado polo promotor e polo técnico competente, se é o caso, e o prazo máximo da execución das obras.

Artigo 9º.-Procedemento.

1. Á vista da solicitude e da documentación que a acompaña e logo dos informes, comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, o delegado provincial da Consellería de Vivenda e Solo procederá a outorgar a conformidade ás actuacións propostas para a obtención da cédula de rehabilitación de calidade para cada vivenda ou local, no caso de cumprir os requisitos exixidos nesta orde, ou a denegala no caso de non cumprilos ou no caso de que as obras propostas estivesen realizadas con anterioridade ao momento do outorgamento da conformidade, sen prexuízo do establecido na disposición transitoria.

A citada resolución comprenderá as actuacións obxecto da conformidade, o prazo de execución das obras, o seu orzamento e o ámbito de localización.

Excepcionalmente, por causa xustificada e por petición motivada do promotor, poderase conceder unha ampliación do prazo establecido que non exceda a metade del.

Durante o período de execución das obras o promotor deberá colocar nun lugar visible un cartel indicativo de estaren acollidas ao réxime de rehabilitación de calidade. O cartel seguirá as indicacións da orde do 9 maio de 2006 pola que se aproban os modelos de carteis indicativos da promoción de vivendas de protección autonómica e actuacións de rehabilitación (DOG do 31 de maio de 2006).

Se durante a execución das obras se producisen modificacións do proxecto que serviu de base á resolución de conformidade, deberase solicitar a correspondente autorización.

2. Concesión e contido da cédula de rehabilitación de calidade.

O promotor, unha vez rematadas as obras obxecto da conformidade e, de ser o caso, das modificacións autorizadas, dentro do prazo concedido para o efecto, disporá de 30 días para comunicar por escrito á delegación provincial da Consellería de Vivenda e Solo a súa finalización, xuntando fotografías que mostren as obras realizadas. A falta de comunicación no dito prazo do promotor dará lugar á denegación da concesión da cédula por incumprimento das condicións da resolución de conformidade.

O delegado provincial da Consellería de Vivenda e Solo, á vista da documentación presentada, logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, procederá a outorgar ou denegar a cédula de rehabilitación de calidade para cada vivenda ou local, con notificación ao promotor.

A resolución de concesión comprenderá a identificación da vivenda ou local, o ámbito en que está situada, as actuacións obxecto da cédula de rehabilitación de calidade e o orzamento executado.

A concesión da cédula de rehabilitación de calidade implicará a obriga de solicitar a autorización da Consellería de Vivenda e Solo para calquera outra actuación de rehabilitación durante 10 anos con

tados a partir da data de notificación da concesión. O incumprimento desta obriga significará a perda da validez da cédula.

Será motivo de denegación non executar as obras das actuacións obxecto da resolución de conformidade e das modificacións autorizadas dentro do prazo previsto para o efecto ou non executalas correctamente incumprindo as condicións do artigo 6º da presente disposición ou as condicións de rehabilitación de calidade do anexo II, ou executar outras actuacións de rehabilitación distintas das recollidas na resolución de conformidade e nas modificacións autorizadas.

Artigo 10º.-Recursos.

Contra as resolucións do artigo anterior poderase interpoñer recurso de alzada perante a conselleira de Vivenda e Solo, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución.

Artigo 11º.-Prazos de resolución e silencio.

De acordo co artigo 42.2º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución de conformidade coas actuacións propostas será de 6 meses desde a data da presentación da solicitude e para a resolución e notificación da concesión da cédula será de 6 meses a partir da comunicación do fin das obras por parte do promotor.

Así mesmo, segundo o disposto no artigo 44.1º da antedita lei, vencidos os prazos máximos establecidos sen que se ditasen notificasen as resolucións, os interesados poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

Artigo 12º.-Prazo de solicitude.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta disposición.

Disposición transitoria

As actuacións de rehabilitación ou renovación en edificios e vivendas situadas en conxuntos históricos incluídos nunha área de rehabilitación declarada que solicitasen acollerse a un programa de áreas de rehabilitación dos plans de vivenda e con obras iniciadas no presente exercicio, poderán solicitar a súa validación para obter a cédula de rehabilitación de calidade, suxeitándose ao procedemento ordinario recollido na presente orde e sempre que non solicitasen acollerse aos programas de subvencións a fondo perdido para a rehabilitación de inmobles en conxuntos históricos galegos nos catro exercicios anteriores ao da presentación desta solicitude.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2006.

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo

ANEXO I

Nº ord. e catálogo de traballos:

1. Acabamentos de fachada segundo a tipoloxía da zona.

E026: cachotaría con espesor mínimo de 25 cm, as pezas recibiranse con masa de cal e area, bastarda cal-cemento e area ou cemento e area, en función das características do edificio existente.

E029: peza especial de pedra ou lousa, peaña, perpiaño, bufarda, beiril, escudo, etc., incluíndo estadas e medios auxiliares necesarios. O prezo desta unidade xustificarase mediante orzamento específico.

E030: revestimento de fachadas con pintura para exteriores, mineral ou microporosa. Deduciranse os ocos maiores de 1 m.

E031: cintaxe de fábricas de pedra de fachadas, con masa de cal, bastarda cal-cemento ou cemento en mistura de proporción en volume non maior de 1/3, segundo o tipo construtivo ou o de pedra da existente.

E052: recebo, mestradura e pasada de esparavel nas fachadas, sobre salpicadura e nunha ou varias capas, de 12 a 18 mm de espesor total, con masa de cal, bastarda de cal-cemento e area ou cemento e area, en calidade e proporcións segundo as características construtivas do elemento sobre o cal se aplica e do edificio, e posterior acabamento con pintura para exteriores mineral ou microporosa.

E053: limpeza de fachadas de pedra, á man con cepillo e auga ou con emprego de auga a baixa presión, solucións disolventes, funxicidas, cepillos de arame e/ou raíces, etc. segundo as características do muro.

E055: picadura de recebos de masa de cemento ou bastardos, sobre fachadas.

2. Carpintaría exterior, segundo tipoloxía da zona.

E061: revestimento de carpintaría exterior de madeira con pintura ao aceite ou tipo lasur, despois de decapaxe de pinturas existentes, lixadura, selaxe, relixadura e imprimación con tratamento protector antiparásitos xilófagos.

E062: recuperación de ventás de madeira existentes, con substitución de elementos deteriorados, incluíndo ferraxes, reenchemento de fendas, gretas e buratos, lixadura das masillas, aplicación en superficie de protectores antiparásitos xilófagos, acabamentos a base de pinturas de poro aberto, aceites vexetais ou ceras naturais, incluído pequeno material, e retirada de cascallos.

E063: pintado de carpintaría exterior de aceiro con pintura sintética para intemperie, unha man de imprimación antioxidante e dúas de acabamento logo de preparación da superficie.

E056: carpintarías de madeira, colocadas na cara interior das mochetas, con contraventá nova ou recuperada, con vidro dobre con cámara, sobre marco de madeira, incluídas ferraxes. Tratamento antipa

rásitos xilófagos. Escollerase o tipo de carpintaría en función das características do edificio. Utilizar preferentemente madeiras locais. Non se recibirán á fábrica con espuma de poliuretano.

E033: carpintarías exteriores de PVC ou aluminio lacado, colocadas na cara interior das mochetas, incluído envidramento dobre con cámara. Elixirase o tipo de carpintaría en función das características do edificios. Utilizar tendo en conta o custo enerxético de fabricación e transporte.

E034: recuperación de elemento singular de ferro forxado ou de fundición (balcón, reixa, ferraxe, etc.), de acordo coa tipoloxía da construción, totalmente colocado. O prezo desta unidade xustificarase mediante orzamento específico.

E035: porta de entrada de madeira maciza, incluíndo envidramento e ferraxes de seguranza. Tratada con produtos antiparásitos xilófagos. Tipo segundo características do edificio. Utilizar preferentemente madeiras locais.

E064: porta de entrada en aluminio lacado, incluído envidramento e ferraxes de seguranza. A colocar tendo en conta as características do edificio. Utilizar tendo en conta o custo enerxético de fabricación e transporte.

E065: porta de entrada, en PVC, incluído envidramento e ferraxes de seguranza. A colocar tendo en conta as características do edificio. Utilizar tendo en conta o custo enerxético de fabricación e transporte.

E066: ventá ou porta de balcón de madeira, para pintar ou vernizar sobre cerco de pedra, colocada nas caras exteriores do muro, das mesmas características que a existente, con vidro sinxelo de 3 ou 4 mm sen bordón, colocado con masilla ao exterior. Tratadas con produtos antiparásitos xilófagos. Tipo segundo as características do edificio. Utilizar preferentemente madeiras locais.

E036: ventá ou porta de balcón con contraventá nova ou reutilizada, de madeira, para pintar ou vernizar, incluído envidramento dobre, sobre marco de madeira, colocado na cara interior da mocheta, recibido sen utilizar espuma de poliuretano. Tratadas con produtos antiparásitos xilófagos. Tipo segundo características do edificio. Utilizar preferentemente madeiras locais.

E067: ventá xiratoria de madeira, de até 60 x 100 cm, para vertente de cuberta con dobre envidramento con cámara, sen escurecedores, totalmente colocada.

E068: galería de madeira con paso de dimensións de até 1,30 mx3,0 m, con parte fixa até 90-100 cm e ventás de guillotina con vidro sinxelo, incluíndo sistema de contrapesos, con protección antiparasitaria da madeira, totalmente instalada. Utilizarase preferentemente madeiras locais.

E098: recuperación de balcóns de madeira, con substitución de elementos deteriorados, incluíndo ferraxes, reenchemento de fendas, gretas e buratos, lixadura das masillas, aplicación en superficie de

produtos antiparásitos xilófagos, acabadas con pinturas de poro aberto, aceites vexetais ou ceras naturais.

3. Cubertas segundo a tipoloxía da zona.

Cando as obras inclúan modificación, reforzo ou substitución da estrutura sustentante, unha vez realizadas, deberá presentarse certificado de técnico competente acreditativo de que o edificio posúe a debida solidez estrutural.

E019: cobertura de tella cerámica, colocada con ganchos de aceiro inoxidable ou con puntas de aceiro, segundo o tipo de tella. Incluíndo elementos especiais e remates en beirís e cumieiras. Medida en verdadeira magnitude.

E071: cobertura de tella cerámica, sobre pranchas de fibrocemento ou fibroasfalto, incluídas estas e remates e elementos especiais. Medida en verdadeira magnitude.

E020: cuberta de lousa, colocada sobre restreis ou entaboado de madeira con ganchos de aceiro galvanizado. Incluíndo remates e elementos especiais. Medida en verdadeira magnitude.

E072: reparación de cuberta de tella vella curva ou plana, procedente da demolición, achegando un 40% das pezas. Medición en verdadeira magnitude.

E073: enrestrelado de piñeiro tratado de 20x40 mm cravado con puntas de aceiro, para cuberta de lousa. Medición en verdadeira magnitude.

E074: entaboado ou enripado de madeira sobre viguetas de piso de madeira, cangos de cuberta ou pontóns, incluído protector antiparásitos xilófagos, cravado con cravos de aceiro.

E075: baixante de PVC ou aluminio prelacado, segundo características do edificio. Sección semicircular.

E076: baixante de zinc-cobre-titanio, segundo características do edificio. Sección semicircular

E078: gardacanos de fundición de até 2 m de altura para protección de baixantes.

E022: cano de PVC ou de aluminio lacado, segundo características do edificio. Sección circular.

E079: cano de chapa de zinc-cobre-titanio, incluíndo babeiro de 20 cm de desenrolo. Segundo características do edificio. Sección circular.

E081: formación de cuberta con estrutura de vigas ou cimbras, pontóns ou cangos de madeira, con protección antiparásitos xilófagos.

E082: placa inclinada de formigón armado de cuberta, segundo EHE.

E083: cuberta de tella cerámica curva, sobre placas de fibrocemento ou fibroasfalto, incluídas vertentes de estrutura de madeira con protección antiparásitos xilófagos. Medida en verdadeira magnitude.

E084: cuberta de lousa de 3-4 cm de espesor aproximado sobre ripas, incluídas vertentes de estrutura de madeira, con protección antiparásitos xilófagos. Medida en verdadeira magnitude.

E085: cuberta de tella cerámica curva sobre placas de fibrocemento incluída estrutura de formigón armado. Medida en verdadeira magnitude.

E086: cuberta de lousa sobre restreis, incluída estrutura de formigón armado, segundo EHE. Medida en verdadeira magnitude.

E099: reparación parcial de elementos estruturais de cuberta de madeira.

4. Obras dirixidas a garantir as condicións hixiénico-sanitarias e de habitabilidade.

001: arqueta de saneamento.

087: canalización de saneamento en PVC.

004: fosa séptica prefabricada, prefiltro incorporado, capacidade 12 persoas; instalación soterrada cun volume de 2,2 m, segundo NTE/ISD-4 con certificado do fabricante ou distribuidor da correcta montaxe.

006: lavabo con billas monomando, incluídas as conexións, totalmente instalado e funcionando.

008: bañeira con billas monomando, incluídas as conexións, totalmente instalada e funcionando.

009: bidé con billas monomando, incluídas as conexións, totalmente instalado y funcionando.

010: inodoro de tanque alto ou baixo, totalmente instalado e funcionando.

011: quentador instantáneo de auga quente de gas, de caudal mínimo 10 l/min. acendemento automático piezoeléctrico, incluída a instalación necesaria e boletín de instalador.

088: termo eléctrico de aceiro inoxidable para produción e acumulación de auga quente, mín. 60 l de capacidade, incluída a instalación eléctrica e proba de estanquidade.

012: conexión á rede xeral de auga, incluído o contador. Funcionando.

013: instalación de desaugadoiro para lavadora ou lavalouzas á rede saneamento con tubo PVC sanitario serie C diámetro adecuado.

014: depósito de auga con capacidade de mil litros que non sexa visible desde o exterior.

015: instalación de auga fría e quente dunha vivenda con cociña e un baño.

007: instalación de auga fría e quente dunha vivenda con cociña e dous baños.

058: instalación de gas no interior de vivenda, incluído boletín do instalador.

5. Acondicionamento térmico, illamento e estanquidade da vivenda.

039: formación de cámara de aire, composta por fábrica de ladrillo cerámico oco dobre colocado de

canto e recibido con masa de cemento, illamento con prancha de poliestireno extruído de densidade 20 kg/m e 40 mm de espesor.

039b: formación de cámara de aire, polo interior da vivenda, composta por pranchas de xeso laminado ou fibra-xeso sobre estrutura metálica, de madeira ou mixta, illamento con pranchas de poliestireno extruído de 40 mm de espesor, sen barreira de vapor.

089: impermeabilización de terraza ou balcón existente con lámina asfáltica de betume en quente, incluído o illamento.

089b: impermeabilización de terraza ou balcón existente con lámina de caucho EPDM, totalmente acabada, incluíndo garantía.

041: envidramento dobre tipo Climalit, formado por dous vidros de 6 mm e cámara de aire.

042: instalación completa de calefacción en vivenda, composta por caldeira individual mixta (de gas, gasóleo ou propano), para calefacción e auga quente, con vaso de expansión e bomba de recirculación incorporada; incluídas todas as conexións, tubaxes con coquillas illantes, termóstato ambiente; radiadores, probas de estanquidade e boletín de alta.

044: acumulador composto por material cerámico de acumulación, regulador electrónico de carga e limitador de seguranza.

090: adaptación de instalación eléctrica para calefacción por tarifa nocturna consistente en circuíto eléctrico para acumuladores, adaptación do cadro de distribución, reloxo dobre tarifa.

6. Mellora das instalacións eléctricas e adecuación ao regulamento de baixa tensión.

045: instalación eléctrica en vivenda para un grao de electrificación medio, conforme os vixentes regulamentos e normas da compañía subministradora, incluída a entrega do boletín.

7. Adaptación da vivenda para uso de minusválidos.

046: adaptación da vivenda para uso de minusválidos con supresión de barreiras arquitectónicas, conforme a normativa vixente.

8. Supresión de elementos engadidos.

047: obras que se realicen para eliminación de elementos non tradicionais (plaquetas -non artesanais- en fachada, fibrocemento, etc.) engadidos á edificación.

Nota: o importe xustificarase mediante orzamento específico.

9. Acabamentos interiores.

049: porta de paso malla de madeira e taboleiro contrachapado de madeira, incluídas ferraxes de pendurar e de fechar, totalmente instalada.

091: porta de paso de taboleiro aglomerado de media densidade rechapado en madeira, para ver

nizar ou pintar, incluídas ferraxes de pendurar e fechar, totalmente instalada.

050: sollado ou banzos de escaleira de madeira de tarima ou parqué, incluídas verniz e rodapé. Segundo as características construtivas do edificio.

093: pavimento ou banzos de escaleira de baldosas de gres porcelánico, incluído rodapé do mesmo material. Segundo as características construtivas do edificio.

094: pavimento ou banzos de escaleira de baldosas de terrazo, incluído rodapé do mesmo material. Segundo as características construtivas do edificio.

092: falso teito de lamas de madeira, cravadas sobre restreis de madeira, vernizado ou pintado.

096: falso teito de escaiola referido.

096b: falso teito de pranchas de xeso laminado ou fibra-xeso, sobre estrutura metálica colgada, incluíndo illamento acústico, en forxados de madeira.

097: pintura en paramentos interiores, de poro aberto, témpera ou mineral, en dependencias rehabilitadas.

018: azulexametno de paramentos interiores.

059: fábrica de ladrillo cerámico oco dobre colocado de canto recibido con masa de cemento, recebada con mestredura previa, azulezada por unha das súas caras e pintada pola outra cara, en baños e cociñas. Recoméndase non azulexar a totalidade da superficie das paredes nas salas húmidas.

10. Reforzo e substitución parcial de elementos estruturais. (Quedan excluídas as reconstrucións totais das casas en ruína física ou como consecuencia de demolicións e baleiramento da edificación primitiva).

051: reparación de estruturas, substitución e reforzo de elementos estruturais. Unha vez realizadas as obras deberase presentar certificado de técnico competente acreditativo de que o edificio posúe solidez estrutural.

ANEXO II

Condicións para a cédula de rehabilitación

de calidade

As condicións mínimas exixibles, complementarias, en todo caso, das que se deriven do planeamento urbanístico e de protección, son as que seguen:

A. Relativas á seguranza:

a) Seguranza estrutural, de xeito que non existan ou se produzan no edificio, ou en partes del, danos que teñan a súa orixe ou afecten os alicerces, os soportes, as vigas, as placas, os muros de carga ou outros elementos estruturais, e que comprometan a resistencia mecánica e a estabilidade do edificio. Cómpre, por tanto, a certificación dun técnico competente que avale a estabilidade do edificio. As actuacións cumprirán a normativa técnica vixente.

b) Seguranza fronte a incendios e sinistros para que os ocupantes poidan desaloxar o edificio en condicións seguras. Para isto, os elementos estructurais presentarán as medidas correctoras necesarias, as caldeiras e depósitos de combustible presentarán as medidas de aireación mínimas e a instalación eléctrica e antena colectiva presentarán as garantías técnicas necesarias. A instalación eléctrica deberá ter toma de terra. Cómpre, por tanto, a certificación dun técnico competente que avale a seguranza do edificio fronte a incendios e sinistros.

c) Seguranza de utilización, de tal forma que o uso normal do edificio non supoña risco de accidente para as persoas.

B. Relativos á funcionalidade:

a) Utilización ou adecuación ao uso, de tal forma que a disposición e as dimensións dos espazos faciliten a adecuada realización das funcións previstas na vivenda.

b) Accesibilidade que permita ás persoas con mobilidade e comunicación reducidas o acceso e a circulación polo edificio segundo a normativa vixente.

c) Dotación de instalacións que permitan as subministración necesarias, así como o acceso aos servizos de telecomunicación, audiovisuais e de información:

-A instalación eléctrica para iluminación e usos domésticos cumprirá co Regulamento electrotécnico de baixa tensión.

-Instalación de auga.

Distínguense dous supostos: que no núcleo histórico exista rede de abastecemento público, caso en que será obrigatoria a conexión á rede de auga que asegurará o nivel de servizo suficiente, segundo a normativa técnica en vigor.

Se non existe rede de abastecemento e o inmoble se serve por captación propia, deberá existir un depósito de reserva suficiente. Deberase instalar un sistema de potabilización da auga. As instalacións seguirán a normativa técnica en vigor.

-Instalación de saneamento.

Distínguense, así mesmo, dous supostos.

A existencia de rede de saneamento xeral no núcleo histórico: neste caso as augas residuais deberanse recoller en canalizacións tecnicamente aceptables e conectarse á rede xeral de forma adecuada. Entenderase que existe rede xeral cando discorra, como máximo, a 200 m do inmoble.

Se non existir rede xeral, resolverase o saneamento mediante fosas sépticas tecnicamente aceptables, situadas no exterior do inmoble. O efluente deberá ser depurado antes de mesturalo con augas correntes ou de ser enviado ao terreo. As fosas poderán ser

de tipo seco. Deberán seguir, en todo caso, a normativa técnica en vigor.

Todo tipo de aparello sanitario, ou a instalación, deberá contar cos sifóns correspondentes e cumprir a normativa técnica en vigor.

-Outras instalacións.

Son susceptibles de axuda as obras encamiñadas a dotar a vivenda de instalacións tales como teléfono, calefacción, antenas colectivas de FM e TV, así como as de protección contra incendios.

C. Relativos á habitabilidade:

a) Hixiene, saúde e protección do ambiente, para acadar unhas condicións aceptables de salubridade e estanquidade no ambiente interior do edificio e que este non deteriore o ambiente exterior inmediato, garantindo unha adecuada xestión de toda clase de residuos.

b) Illamento en xeral, referido tanto á estanquidade das cubertas e fachadas á auga, como ao térmico e acústico. Garantirase o illamento suficiente do inmoble en xeral, a través dos medios técnicos comúns.

c) Terase en conta a normativa vixente en materia de habitabilidade, e respectaranse as características tipolóxicas da edificación existente e, se é o caso, o Decreto 311/1992, do 12 de novembro, en especial o regulado no seu artigo 4º.

D. Relativos á protección do patrimonio construído.

Utilizaranse de xeito prioritario materiais, técnicas e sistemas compatibles co existente e reversibles en actuacións en inmobles dos núcleos históricos que, pola existencia de planeamento de protección especial, catálogo de inmobles ou disposicións emanadas da Comisión de Patrimonio, teñan que manter elementos significativos. Estes fan referencia ao volume xeral do inmoble e ás técnicas con que foron construídos tanto as fachadas e a cuberta como os elementos singulares que se poidan presentar (chemineas, gárgolas, saíntes, pináculos, ...)

Ademais das condicións enunciadas, todo o proceso de rehabilitación ou renovación tenderá cara a unha redución dos impactos ambientais producidos polo edificio, atendendo aos seguintes principios relativos á protección ambiental e ao desenvolvemento sustentable:

a) Aforro enerxético.

b) Aproveitamento de enerxías renovables.

c) Emprego de materiais autóctonos e reinserción de técnicas construtivas esquecidas.

d) Condicións hidro-térmicas axeitadas.

e) Disposición dos espazos de uso da vivenda.

f) Instalacións xerais no edificio.