DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Venres, 15 de decembro de 2006 Páx. 18.279

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 14 de decembro de 2006 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca a concesión de axudas destinadas a sufragar os danos causados en vivendas e enxoval doméstico como consecuencia directa das inundacións acaecidas no mes de novembro do ano en curso en Galicia.

O Decreto 227/2006, do 7 de decembro, de medidas urxentes para a reparación dos danos e perdas causados polas innundacións acaecidas no mes de novembro en Galicia, regula unha serie de medidas para a reparación dos danos e perdas causados polas innundacións durante o citado período.

O artigo 6 do citado Decreto 227/2006 establece un réxime de axudas por danos causados en vivendas e enxoval doméstico, e o artigo11 establece que as citadas axudas financiaranse con cargo aos orzamentos das respectivas consellerías afectadas e a disposición derradeira primeira faculta os distintos titulares dos departamentos autonómicos para que, no ámbito das súas competencias, diten as disposicións necesarias para o desenvolvemento do citado decreto.

As axudas reguladas no devandito decreto atéñense ao réxime establecido no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, aínda que acolléndose expresamente ao procedemento de concesión directa, previsto no punto 8 do mesmo artigo, dadas as razóns de interese público, social, económico e humanitario que concorren neste caso.

No entanto, por razóns de urxencia, considérase conveniente establecer a convocatoria pública das axudas para sufragar os gastos causados polas innundacións acaecidas no mes de novembro en vivendas e enxoval doméstico.

Xa que logo, de conformidade co artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e a convocatoria dun procedemento de

concesión das axudas, en réxime de concesión directa, establecidas polo Decreto 227/2006, do 7 de decembro, Diario Oficial de Galicia nº 236, do 11 de decembro, destinadas a sufragar os gastos causados polas innundacións acaecidas no mes de novembro do ano en curso en vivendas e enxoval doméstico.

Artigo 2º.-Persoas beneficiarias.

Poderán solicitar as devanditas axudas as persoas físicas propietarias, usufrutuarias ou arrendatarias das vivendas e enxoval doméstico que sufrisen danos relacionados coa inundacións e que, cumprindo os requisitos establecidos na presente convocatoria, sufragasen os gastos necesarios de reparación, ou de reposición no caso de que a persoa propietaria acredite a perda irrecuparable dalgún ben, de acordo co procedemento regulado na presente orde.

Artigo 3º.-Actuacións subvencionables.

1. Danos causados na vivenda que constitúa a residencia habitual e permanente dos seus moradores: na parte non comprendida nas axudas que poida aprobar outras administracións, e polo importe correspondente ata poder cubrir o 100% do valor de reparación ou reposición do inmoble danado, sen que en ningún caso o importe de dita axuda poida superar o límite do 100% do prezo máximo de venda dunha vivenda de protección autonómica de prezo xeral na mesma localidade.

2. Danos causados no resto das vivendas: a axuda poderá acadar ata o 40% do valor de reparación ou reposición do inmoble danado, sen que en ningún caso o importe da dita axuda poida superar o 40% do prezo máximo de venda dunha vivenda de protección autonómica de prezo xeral na mesma localidade. As vivendas deberán dedicarse, cando mínimo, a residencia ocasional, quedando excluídas destas axudas as edificacións ruinosas ou que se atopasen en manifesto abandono.

3. Para os efectos destas axudas, entenderanse por vivenda as construcións anexas, instalacións complementarias e elementos comúns, no caso de comunidades de propietarios.

4. Serán igualmente subvencionables os danos sufridos no enxoval doméstico de primeira necesidade. O importe da axuda será de ata o 100% ou de ata o 40% dos gastos de reparación ou reposición dependendo de que o enxoval estea vinculado á vivenda habitual e permanente ou á vivenda ocasional, respectivamente. En calquera caso, o importe da subvención por este concepto non poderá ser superior aos 6.000 euros.

Para a determinación do enxoval doméstico de primeira necesidade haberá que aterse ao disposto no anexo I da presente orde.

Artigo 4º.-Concellos afectados.

Os termos municipais e núcleos de poboación afectados aos que concretamente serán de aplicación as axudas reguladas nesta orde son os seguintes:

Provincia da Coruña: Arzúa, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Rois e Ribeira.

Provincia de Pontevedra: Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Catoira, Cuntis, A Illa de Arousa, Marín, Meaño, Meis, Moaña, O Grove, Poio, Pontevedra, Portas, Ribadumia, Sanxenxo, Valga, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa.

Artigo 5º.-Procedemento de concesión.

1. O procedemento iniciarase mediante solicitude do interesado en que, ademais de xuntar a documentación que se indica no modelo normalizado, requirirá a inspección dun técnico designado pola Consellería de Vivenda e Solo co fin de que constate os danos e demais circunstancias relevantes dos bens para os que pretenda a axuda.

Se a solicitude ou documentación presentadas non reunisen os requisitos exixidos, requirirase á persoa interesada para que, no prazo de quince días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos advertíndolle que, no caso de non completar o citado requirimento, se terá por desistida da súa petición, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. Unha vez recibidas as solicitudes, as delegacións provinciais da Consellería de Vivenda e Solo remitirán ao consorcio de compensación de seguros unha relación de persoas que solicitaron a subvención facendo constar o nome, apelidos e DNI, para os efectos de coñecer as posibles indemnizacións que as persoas interesadas puidesen recibir neste concepto.

3. Logo de que o técnico competente realice a citada visita de inspección e desde a data que esta se efectúe, o prazo máximo para resolver o procedemento e notificar a resolución quedará en suspenso ata que o solicitante achegue as facturas acreditivas do aboamento dos importes investidos na reparación ou reposición dos danos sufridos, de conformidade co establecido no artigo 42.5º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

De acordo co establecido no artigo 92.1º da citada Lei 30/1992, a Administración advertirá ao interesado de que transcorridos tres meses desde que este puidese achegar todas as facturas acreditativas do gasto investido e non o fixese, se producirá a caducidade do expediente.

Xunto coas facturas deberá presentar certificación de titularidade da conta bancaria en que se ingresarán as axudas que correspondan e unha declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

A Consellería de Vivenda e Solo poderá solicitar cantos documentos considere necesarios para resolver.

4. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, examinadas estas e, á vista da documentación presentada e logo das comprobacións e inspeccións oportunas, o delegado provincial da Consellería de Vivenda e Solo elevará a proposta de resolución de cada expediente á conselleira, quen, á vista delas e tendo en conta o límite orzamentario establecido no artigo 12 desta orde, resolverá o que segundo dereito proceda.

As solicitudes de concesión poderanse ir resolvendo na medida en que se vaian presentando.

O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será o previsto no artigo 1.2º da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Transcorrido este prazo sen que se ditase e notificase resolución expresa, os interesados que solicitasen as axudas convocadas por esta orde poderán entender desestimada a súa solicitude.

Contra a resolución da conselleira, que pon fin á vía administrativa, poderanse interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co previsto no artigo 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben poderá ser impugnado directamente ante o xulgado do contencioso-administrativo no prazo de dous meses, consonte co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 6º.-Pagamento.

Ditada a resolución de concesión tramitarase o correspondente expediente de pagamento e as axudas aos beneficiarios serán aboadas mediante transferencia bancaria.

Artigo 7º.-Compatibilidade.

Esta subvención é compatible con outras formas de axuda que o beneficiario poida obter de calquera administración, entidade pública ou privada, sen que, en ningún caso, a suma das axudas percibidas poida superar o custo da actuación que se protexe.

Artigo 8º.-Deber de colaboración. Reintegro das axudas.

1. Os beneficiarios, ademais das obrigas establecidas no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime

financeiro e orzamentario de Galicia, quedan sometidos á obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Consellería de Vivenda e Solo así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das axudas.

2. Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, sen prexuízo do establecido no artigo 7 desta orde.

3. O incumprimento ou falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da axuda levará consigo, ademais das sancións que poidesen corresponder, o reintegro da axuda percibida incrementada co xuro legal correspondente desde o seu aboamento.

Artigo 9º.-Publicidade.

1. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas no devandito rexistro, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

2. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 10º.-Prazo de solicitude.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11º.-Solicitudes.

As solicitudes deberán formalizarse mediante instancia dirixida á delegación provincial da Consellería de Vivenda e Solo que corresponda por situación da vivenda, seguindo o modelo que se recolle no anexo a esta orde, debidamente cuberto pola persoa solicitante. Presentaranse nas oficinas da delegación provincial da Consellería de Vivenda e Solo que corresponda por razón da situación da vivenda

ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Estas solicitudes deberán ir xunto coa seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI ou NIF do/a solicitante.

b) Título que acredite a condición de propietario/a, usufrutuario/a ou arrendatario/a da vivenda.

c) Certificado de residencia, de empadroamento ou domicilio fiscal, así como calquera outro medio de proba que acredite o uso a que se destine a vivenda.

d) Fotografías que reflictan os danos.

e) Copia da póliza de seguro dos bens afectados, ou, de non ter seguro, declaración xurada de que os bens para os que solicita as axudas non estaban asegurados.

f) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

Artigo 12º.-Crédito orzamentario e contía.

O importe destinado ao financiamento destas axudas é de 1.700.000 euros con cargo ao crédito que figure consignado para esta finalidade na aplicación 17.02.331A.781.0 do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Serán obxecto de denegación as solicitudes presentadas que queden sen cobertura orzamentaria. Non obstante, esta consellería, se así o considerase, poderá ampliar o crédito previsto á vista das solicitudes presentadas ou como consecuencia de incorporacións ou xeracións de crédito. As ditas ampliacións publicaríanse no Diario Oficial de Galicia sen que supoña a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Disposición adicional

Coa finalidade de unificar a normativa reguladora das axudas polas inundacións, modifícanse os seguintes artigos da Orde do 27 de novembro de 2006 da Consellería de Vivenda e Solo, pola que se convocan as axudas para sufragar os gastos causados polas inundacións acaecidas no mes de outubro de 2006 en vivendas e enxoval doméstico, quedando redactados co seguinte teor:

Artigo 5.3º. «Logo de que o técnico competente realice a citada visita de inspección e desde a data que esta se efectúe, o prazo máximo para resolver o procedemento e notificar a resolución quedará en suspenso ata que o solicitante achegue as facturas

acreditivas do aboamento dos importes investidos na reparación ou reposición dos danos sufridos, de conformidade co establecido no artigo 42.5º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

De acordo co establecido no artigo 92.1º da citada Lei 30/1992, a Administración advertirá ao interesado de que, transcorridos tres meses desde que este puidese achegar todas as facturas acreditativas do gasto investido e non o fixese, se producirá a caducidade do expediente».

Artigo 5.4º. parágrafo segundo: «O prazo máximo para resolver será de seis meses desde que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido este prazo sen que se ditase e notificase resolución expresa, os interesados que solicitasen as axudas convocadas por esta orde poderán entender desestimada a súa solicitude».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2006.

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo

ANEXO I

Relación de elementos que forman parte do enxoval doméstico de primeira necesidade, para os efectos das subvencións reguladas nesta orde

* Elementos de cociña:

* Frigorífico.

* Cociña.

* Forno.

* Lavadora.

* Vaixela, cubertos, cristalaría e aparellos de cociña imprescindibles para as necesidades domésticas de primeira necesidade.

* Mesa e cadeiras, en relación proporcional ao número de membros da unidade de convivencia.

* Elementos de dormitorio:

* Camas.

* Somieres.

* Colchóns.

* Roupa de cama e baño, en relación proporcional ao número de membros da unidade de convivencia.

* Armario.

* Elementos da sala:

* Cadeias de brazos, cadeiras, mesa de comedor, en relación proporcional ao número de membros da unidade de convivencia.

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA