DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Venres, 15 de decembro de 2006 Páx. 18.266

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

ORDE do 11 de decembro de 2006 pola que se establecen as bases reguladoras do programa para o fomento das transformacións dos contratos de carácter temporal en indefinidos e se procede á súa convocatoria para o ano 2007.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego (Inem) no ámbito do traballo, o emprego e a formación, o exercicio das cales lle corresponde hoxe en día á Consellería de Traballo, ao abeiro do disposto no Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

No marco establecido no artigo 40 da Constitución española, na Lei 56/2003, do 16 de decembro, de emprego, nos artigos 29 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia, nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia Europea de Emprego, e na Declaración Institucional polo Diálogo Social en Galicia, asinada o 5 de novembro de 2005, entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais e empresariais, e co obxectivo de que a sociedade galega acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social, e de cohesión no territorio, é preciso incrementar a capacidade do mercado de xerar emprego. Neste senso, son necesarias medidas que permitan evitar o abuso da temporalidade que leva consigo un aumento da sinistralidade laboral, un descenso do investimento empresarial en medios de formación, a inestabilidade familiar dos traballadores e traballadoras, etc.

Para lograr acelerar o ritmo de crecemento da contratación indefinida esta orde establece incentivos ás conversións de contratos temporais en indefinidos que se realicen na nosa comunidade autónoma no período comprendido desde o 16 de setembro ao 31 de decembro de 2006, co obxecto de complementar as bonificacións extraordinarias que o Servizo Público de Emprego Estatal (SPEE), ao abeiro do acordo pola estabilidade e a produtividade, vai conceder a todas as transformacións de contratos temporais en indefinidos que se realicen en todo o Estado ata o 31 de decembro de 2006.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras destes incentivos e a súa convocatoria, para o presente exercicio, axústanse ao disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na súa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e sub

vencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións.

De conformidade co disposto no artigo 1.1º da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, é ao existir crédito axeitado para o dito fin no proxecto de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2007, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 19 de outubro de 2006, o financiamento das axudas previstas nesta orde realizarase con cargo ás aplicacións orzamentarias sinaladas na disposición adicional sexta.

Por todo o exposto, no desenvolvemento da planificación presentada ante o Comité Autonómico de Emprego, na súa reunión do día 18 de xaneiro de 2006, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1º.-Obxecto, finalidade e principios de xestión.

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria dun programa destinado a facilitar a conversión de contratos temporais en indefinidos.

A súa finalidade é promover o acceso a un emprego estable dos traballadores e traballadoras cun contrato de natureza temporal, incentivando as empresas que transformen os seus contratos temporais en indefinidos.

2. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e nesta orde.

3. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación, contratacións subvencionables e definicións.

Poderán ser obxecto dos incentivos previstos nesta orde:

1. As transformacións en indefinidos, incluídos os que se acorden pola modalidade de fixo-descontinuo,

de contratos para a formación, en prácticas, de revezamento, de substitución por anticipación da idade de xubilación e de interinidade, calquera que sexa a data da súa celebración, sempre que a transformación se realice nas datas comprendidas entre o 16 de setembro e o 31 de decembro do ano 2006.

Cando se trate de contratos de interinidade, a súa transformación en indefinidos só poderá ser obxecto de subvención cando se manteña o posto do/a traballador/a substituído/a, o que terá que acreditarse.

2. As transformacións de contratos temporais de duración determinada non incluídos no parágrafo anterior sempre que estes últimos sexan celebrados con anterioridade ao 16 de setembro do ano 2006 e que se transformen en indefinidos nas datas comprendidas entre o 16 de setembro e o 31 de decembro do mesmo ano.

3. No caso de transformación de contratos temporais a tempo completo, a xornada do novo contrato indefinido será tamén a tempo completo, agás as transformacións de contratos temporais en indefinidos na súa modalidade de fixo-descontinuo.

4. Nos supostos de transformación de contratos temporais a tempo parcial, a xornada do novo contrato indefinido deberá ser, como mínimo, igual á do contrato que se transforma.

Para os efectos desta orde, entenderase que se produce a transformación en todos aqueles casos en que ambas as dúas modalidades contractuais se sucedan sen ruptura da relación laboral coa empresa, incluídos aqueles supostos en que o inicio da relación laboral indefinida ten lugar ao día seguinte ao do termo da vixencia do contrato temporal, incorporándose á empresa con carácter estable sen ruptura de continuidade na relación laboral.

5. As transformacións, para que poidan ser obxecto de subvención, deberán formalizarse por escrito no modelo oficial que facilite o Servizo Público de Emprego, e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

Artigo 3º.-Público beneficiario.

1. Poderán ser beneficiarias dos incentivos para o fomento da contratación establecidos nesta orde as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídos as e os profesionais autónomos e as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten traballadores e traballadoras por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde para cada un dos programas e tipos de axuda, e non incorran nas circunstancias previstas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

No caso de sociedades civís e comunidades de bens deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes bas

tantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación.

2. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, agás que a relación derive de actuacións horizontais de apoio financeiro á promoción económica e fomento empresarial.

Artigo 4º.-Requisitos das empresas.

Para poder acceder aos beneficios establecidos nesta orde, deberán cumprirse as seguintes condicións e requisitos:

1. A taxa de estabilidade do cadro de persoal no mes que se realice a conversión do contrato temporal en indefinido obxecto de solicitude de subvención ou no mes que se realice a última conversión, no caso que estas se leven a cabo en diferentes meses, deberá ser igual ou superior ao 70%. As empresas pertencentes aos sectores de actividade obxecto de acordo sectorial establecidos na disposición adicional cuarta desta orde deberán acadar no mes que se realice a conversión do contrato temporal en indefinido, ou no mes que se realice a última conversión, no caso de que estas se leven a cabo en diferentes meses, a taxa de estabilidade mínima establecida na mesma disposición.

Para os efectos do anterior, entenderase por taxa de estabilidade a porcentaxe de persoas traballadoras fixas sobre o total do cadro de persoal no conxunto dos centros de traballo da empresa en Galicia.

2. A empresa deberá incrementar a taxa de estabilidade respecto da media aritmética dos doce meses anteriores á data de inicio da conversión da contratación temporal en indefinida, ou no mes que se realice a última conversión no caso de que estas se leven a cabo en diferentes meses.

Para aos efectos deste incremento teranse en conta todas as contratacións indefinidas tanto iniciais como transformacións de contratos temporais que a empresa realice entre o 16 de setembro e o mes que se realice a conversión do contrato temporal en indefinido obxecto de solicitude de subvención, ou no mes que se realice a última conversión no caso que estas se leven a cabo en diferentes meses.

3. Como consecuencia da contratación indefinida que se fomenta ten que incrementarse o cadro de persoal fixo da empresa no ámbito territorial de Galicia, de modo que supere a media aritmética dos doce meses anteriores á data da transformación ou do mes que se realice a última conversión no caso de que estas se leven a cabo en diferentes meses.

Para os efectos do cómputo do incremento do cadro de persoal, non se terán en conta as baixas dos traballadores e traballadoras que se producisen por propia vontade do/a traballador/a ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas.

Artigo 5º.-Incentivos.

Os incentivos á transformación de contratos temporais ou de duración determinada, a tempo completo ou a tempo parcial, incluídos os fixos-descontinuos, determinarase con base na idade da traballadora ou traballador contratado, no tipo de contrato e no incremento da taxa de estabilidade que acade a empresa coas transformacións realizadas.

1. As transformacións de contratos temporais en indefinidos subvencionaranse coas seguintes contías, de acordo coa seguinte escala:

a) As transformacións en indefinidos dos contratos temporais incluídos os de interinidade, formativos, de revezamento, e de substitución por anticipación da idade de xubilación, de obra ou servizo ou eventual por circunstancias da produción incentivaranse cunha axuda de ata 2.000 euros, incrementándose ata 2.500 euros cando as ditas transformacións se realicen con mulleres.

b) Sempre que, de acordo co disposto no artigo 4º.2 desta orde, a taxa de estabilidade se incremente en 3 puntos ou máis, os incentivos previstos na letra anterior deste artigo acadarán a contía de ata 3.000 euros incrementándose ata 3.500 euros cando as ditas transformacións se realicen con mulleres.

2. As transformacións de contratos temporais en indefinidos realizados con traballadoras ou traballadores que, no momento da súa contratación temporal obxecto de transformación, fosen menores de 30 anos subvencionaranse coas seguintes contías de acordo coa seguinte escala:

a) As transformacións en indefinidos dos contratos temporais de obra ou servizo ou eventual por circunstancias da produción incentivaranse cunha axuda de ata 2.000 euros, incrementándose ata 4.000 euros cando as ditas transformacións se realicen con mulleres.

b) As transformacións en indefinidos de contratos formativos ou de interinidade incentivaranse cunha axuda de ata 3.750 euros, incrementándose ata 6.000 euros cando as ditas transformacións se realicen con mulleres.

c) As transformacións en indefinidos dos contratos de revezamento e substitución por anticipación da idade de xubilación incentivaranse cunha axuda de ata 4.750 euros, incrementándose ata 7.500 euros cando as ditas transformacións se realicen con mulleres.

3. Para o caso de que se solicitasen os incentivos previstos nesta orde pola transformación dun contrato temporal subvencionado e a conversión se produza con anterioridade á duración mínima inicial, compensarase a parte da subvención concedida correspondente ao período non esgotado reducindo na mesma contía o incentivo pola transformación do contrato en indefinido.

4. Cando se trate de transformacións a tempo parcial, a contía dos incentivos previstos nesta orde serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria legal.

Capítulo II

Normas comúns: competencia e procedemento

Artigo 6º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas e subvencións presentadas ao abeiro desta orde, por delegación do conselleiro de Traballo, corresponderalles:

1. Aos delegados e delegadas provinciais da Consellería de Traballo cando a contratación se realice para prestar servizos en centros de traballo radicados na respectiva provincia, agás nos supostos previstos no punto seguinte.

2. Ao director xeral de Promoción do Emprego nos seguintes supostos:

a) Solicitudes presentadas cando as contratacións se realicen para prestar servizos en centros de traballo radicados en varias provincias da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Solicitudes presentadas para a contratación de 10 ou máis traballadores/as.

Artigo 7º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes de axudas e subvencións dirixiranse ao órgano competente para resolver e presentaranse nos rexistros das respectivas delegacións provinciais ou, se é o caso, na Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa ou entidade interesada comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 43 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 (DOG nº 259, do 30 de decembro de 2005).

3. Mediante a presentación da solicitude de subvención a persoa ou entidade interesada presta expresamente o seu consentimento á Consellería de Traballo para incluír e facer públicos os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, nos rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións administrativas, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos

creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 (DOG nº 153, do 9 de agosto). Os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición de datos de carácter persoal exerceranse ante o rexistro público da Consellería de Economía e Facenda, edificio administrativo de San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, de conformidade coas prescricións da Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarias e beneficiarios, o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das/dos beneficiarias/os e da súa publicación na citada páxina web.

4. As solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na páxina web da Consellería de Traballo: www.xunta.es/emprego.

5. O prazo para a presentación das solicitudes de axudas finalizará o 28 de febreiro de 2007.

6. Para a presentación das solicitudes de axudas, os beneficiarios e beneficiarias poderán contar coa información e asesoramento do persoal técnico de emprego da rede coordinada pola Consellería de Traballo (www.tecnicosempregogalicia.xunta.es).

Artigo 8º.-Documentación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos desta orde, acompañadas da seguinte documentación, orixinal ou copia compulsada:

1. Se quen solicita é persoa física, DNI e acreditación do NIF, e se é persoa xurídica, DNI e poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da entidade e NIF da empresa.

2. Declaración da empresa en que se faga constar o número e provincia de localización dos centros de traballo da empresa en Galicia, así como do número de transformacións de contratos temporais en indefinidos polas que se solicita subvención ao abeiro desta orde, segundo modelo de solicitude.

3. Declaración do cadro de persoal fixo de todos os centros de traballo da empresa en Galicia en cada un dos doce meses anteriores ao inicio da relación laboral do/a traballador ou traballadora contratado/a, así como da taxa de estabilidade no mes da contratación obxecto de solicitude de subvención, ou no mes que se realice a última conversión, no caso de que estas se leven a cabo en diferentes meses (anexo IV).

Se é o caso, documentos acreditativos das baixas previstas no artigo 4º desta orde.

4. Relación nominal das persoas traballadoras contratadas polas que se solicita subvención e daquelas outras que poidan ser tidas en conta para os efectos do cómputo do incremento da taxa de estabilidade (anexo III). Tanto dunhas coma das outras:

a) Copia simple do DNI .

b) Contrato temporal do que trae causa e as súas posibles prórrogas, así como a comunicación da conversión do contrato temporal en indefinido á oficina pública de emprego e a comunicación de variación de datos á Seguridade Social e, se é o caso, a contratación indefinida inicial.

5. Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (anexo V).

6. Declaración da estrutura da empresa e do emprego (anexo VI).

7. Ficha de transferencia bancaria e certificación da entidade financeira acreditativa de que quen solicita é titular da conta (anexo VII).

Artigo 9º.-Instrución e tramitación.

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación exixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirán a persoa ou entidade interesada para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixese, se considerará desistida da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

Artigo 10º.-Resolución e recursos.

1. Logo da fiscalización polas respectivas intervencións das propostas emitidas polos correspondentes servizos, as resolucións serán ditadas polo órgano competente por delegación do conselleiro de Traballo e deberán serlles notificadas ás persoas ou entidades interesadas. As resolucións, de concesión ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver e notificar será de seis meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, entenderanse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 11º.-Xustificación do pagamento.

1. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas ou subvencións quedará condicionado á presentación, no prazo, nos termos e na forma que se estableza na resolución de concesión, da documentación que se exixa de forma expresa nela, entre a que deberá figurar a seguinte:

a) Documentos TC2 correspondentes ás mensualidades que se indiquen na resolución de concesión, agás que xunto coa solicitude se achegasen todos os boletíns correspondentes ao período de cómputo para o cálculo do incremento do cadro de persoal fixo ou, se é o caso, certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social en que conste o número de traballadores e traballadoras con contrato indefinido, o dos/as traballadores e traballadoras con contrato de interinidade e dos/as demais traballadores e traballadoras con contratos temporais en cada unha das ditas mensualidades no conxunto dos centros de traballo da empresa en Galicia.

b) Cando se trate de empresas de nova creación, alta no imposto de actividades económicas ou, se é o caso, alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Economía e Facenda.

c) Declaración complementaria da establecida no artigo 8º.5 do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas coma as pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas e subvencións (anexo V).

2. Malia o sinalado nos números anteriores, a documentación exixida na fase de pagamento poderase presentar xunto coa solicitude segundo a opción da entidade ou persoa interesada. Neste suposto, poderán tramitarse conxuntamente a concesión e o pagamento da axuda.

3. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención mentres o beneficiario ou beneficiaria non figure ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e da Seguridade Social, sexa debedor/a en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da comunidade autónoma.

Artigo 12º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 13º.-Revogación e reintegro.

Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Capítulo III

Incompatibilidades e obrigas

Artigo 14º.-Incompatibilidades e concorrencia.

1. As subvencións previstas nesta orde para as contratacións por conta allea serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de emprego. As ditas axudas son compatibles coas bonificacións á Seguridade Social recollidas no Real decreto-lei 5/2006, do 9 de xuño, para a mellora do crecemento e do emprego.

2. Os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona.

3. Os incentivos establecidos nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados, sen que, en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outros, poidan superar os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 78.8º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Artigo 15º.-Seguimento e control.

As delegacións provinciais e a Dirección Xeral de Promoción do Emprego poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos,

os beneficiarios e beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 16º.-Exclusións.

Exclúense dos beneficios do programa establecido nesta orde:

a) As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de traballadores e traballadoras para prestar servizos noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.

b) Os contratos realizados co ou coa cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, do empresario ou empresaria ou de quen desempeñe cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como os que se produzan con estas últimas persoas citadas.

Artigo 17º.-Obrigas das empresas beneficiarias.

Son obrigas das empresas beneficiarias:

1. Estar ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

2. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas beneficiarias e beneficiarios e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financian a actividade subvencionada. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Traballo, ás de control financeiro que lle correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4. Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, conforme a redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

5. Manter no seu cadro de persoal fixo as persoas traballadoras contratadas ao abeiro deste programa durante un período mínimo de 3 anos.

No suposto de extinción da relación laboral do traballador ou traballadora por quen se concedese a subvención, a cobertura do posto por unha nova traballadora ou traballador deberá facerse ben mediante a transformación dun contrato temporal vixente na data da baixa do traballador ou traballadora, ou mediante a contratación indefinida inicial dunha persoa desempregada e inscrita no Servizo Público de Emprego, e terá que realizarse dentro do mes seguinte ao da baixa, feito que lle deberá ser comunicado pola empresa beneficiaria ao órgano competente que concedese a axuda, dentro dos 20 días seguintes á substitución. Esta nova contratación en ningún caso dará lugar a unha nova axuda de fomento da contratación.

Esta obriga manterase durante 3 anos desde a data da realización da transformación do contrato temporal en indefinido obxecto de subvención.

6. Manter o número de persoas traballadoras fixas do seu cadro de persoal, en cómputo anual, durante polo menos 3 anos, que se contarán desde a data de realización da contratación indefinida.

E, cando se trate de empregos ligados a un investimento, deberán manter os postos de traballo durante un período mínimo de cinco anos.

7. Manter a composición da estrutura do cadro de persoal da empresa, no seu cómputo anual, nunha taxa de estabilidade mínima do 70% durante un período mínimo de tres anos desde o último mes en que se realicen as contratacións.

No suposto de empresas pertencentes a sectores vinculados aos acordos sectoriais de estabilidade, a dita obriga de mantemento referirase á taxa de estabilidade mínima prevista no acordo sobre a taxa sectorial de actividade de aplicación.

8. Co fin de garantir o cumprimento do establecido nos puntos anteriores, as empresas beneficiarias deberán presentar, dentro do primeiro trimestre de cada ano natural e durante os tres anos posteriores ao da realización das contratacións, unha declaración da media das persoas traballadoras fixas e temporais no conxunto dos seus centros de traballo en Galicia, así como o TC2 do mes de decembro do ano anterior.

Artigo 18º.-Réxime de axudas.

As axudas ás transformacións que supoñan incremento da taxa de estabilidade de tres puntos ou máis, están amparadas na súa adecuación ao dereito comunitario pola autorización da Comisión Europea C (2001) 3750 fin de 28-11-2001. E, cando se trate de empregos ligados a un investimento, polo seu sometemento ao Regulamento (CE) nº 70/2001, da Comisión, do 12 de xaneiro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas estatais ás pequenas e medianas empresas (DOCE L10, 13 de xaneiro).

As axudas ás transformacións dos contratos formativos, de interinidade, de revezamento e de substitución por anticipación da idade de xubilación están amparadas na súa adecuación ao dereito comunitario pola autorización da Comisión Europea C (2002) 1884 fin de 22-05-2002. E, cando se trate de empregos ligados a un investimento, polo seu sometemento ao Regulamento (CE) nº 70/2001, da Comisión, do 12 de xaneiro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas estatais ás pequenas e medianas empresas (DOCE L10, 13 de xaneiro).

O resto das axudas ás transformacións de contratos temporais en indefinidos, recollidas nesta orde, quedan sometidas ao réxime de axudas de minimis. Polo tanto, non poderán exceder os límites cuantitativos (100.000 euros nun período de tres anos) establecidos no regulamento CE Nº 69/2001, da Comisión da Unión Europea, do 2 de xaneiro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado da CE ás axudas de minimis (DOCE nº L10, do 13 de xaneiro).

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da comunidade autónoma, a Consellería de Traballo levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ao dispor da Consellería de Traballo para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-A Consellería de Traballo poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nos diferentes programas desta orde, agás aquela que de acordo co artigo 35 f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común xa se atope en poder da administración actuante.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións do conselleiro de Traballo nos delegados/as provinciais, no ámbito das súas respectivas provincias, e no director xeral de Promoción do Emprego, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos.

Cuarta,- Taxa de estabilidade mínima que deberán acadar as empresas dos sectores vinculados aos acordos sobre a taxa sectorial de estabilidade, coas contratacións que se realicen, establecidas nos acordos recollidos nas actas: acta 1/06, do 28 de abril de 2006, para o sector de agricultura, acta 2/06, do 2 de maio de 2006, para o sector de hostalaría, acta 1/06, do 3 de maio de 2006, para o sector de comercio, acta 1/06, do 10 de maio de 2006, para o sector de industria téxtil, e acta 3/06, do 9 de maio de 2006, para o sector de construción,

que constan en poder do Consello Galego de Relacións Laborais, e que foron publicadas mediante Resolución do 12 de maio de 2006 (DOG nº 94, do 18 de maio de 2006) da Dirección Xeral de Promoción do Emprego (corrección de erros DOG nº 103, do 31 de maio de 2006).

CNAEActividadeT.E. mínima

01Agricultura, gandaría, caza e actividades dos servizos relacionadas con elas66%

02Silvicultura, explotación forestal e actividades dos servizos relacionadas con elas50%

17,18Industria téxtil e de confección64%

45Construción55%

52Comercio polo miúdo, agás o comercio de vehículos de motor, motocicletas e ciclomotores; reparación70,8%

55Hostalaría64%

Quinta.-A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario.

Sexta.-No exercicio 2007, as axudas recollidas nesta orde, entre outras, financiaranse con cargo aos créditos que figuran nas aplicacións orzamentarias 16.02.322C.470.2, código de proxecto 2007 00675, cun crédito de 4.142.691 euros; 16.02.322C.470.3, código de proxecto 2007 00676, cun crédito de 6.300.000 euros; 16.02.322C.470.4, código de proxecto 2007 00678, cun crédito de 10.000.000 euros; 16.02.322C.470.4, código de proxecto 2007 00679, cun crédito de 7.651.519 euros; 16.02.322C.480.1, código de proxecto 2007 00682, cun crédito de 1.200.000 euros.

As ditas contías están recollidas no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, para o ano 2007, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 19 de outubro de 2006, e constitúen o importe global para o financiamento desta orde e das demais ordes que establezan as bases das medidas de fomento do emprego, incentivos á contratación por conta allea e actuacións de apoio a persoas emprendedoras, autoemprego e economía social, incluídas nos programas orzamentarios 322C e 322Z.

Así mesmo, os créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción do Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2006.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo