DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Venres, 15 de decembro de 2006 Páx. 18.262

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

ORDE do 14 de decembro de 2006 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas para os concellos afectados polas inundacións producidas no presente mes de novembro.

No pasado mes de novembro producíronse inundacións que afectaron de xeito significativo o desenvolvemento da actividade humana en amplas zonas do país, inundacións que provocaron, ao mesmo tempo, importantes deterioracións e avarías en servizos prestados polos concellos relacionados con competencias da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, como as relativas ao abastecemento de auga potable, saneamento de augas residuais, equipamentos para a recollida e tratamento de residuos, áreas recreativas e espazos naturais singulares e outros equipamentos semellantes de carácter ambiental.

Co gallo de paliar as situacións de necesidade ocasionadas polas devanditas inundacións e mesmo contribuír a rexenerar os valores naturais e a reactivar a economía das zonas afectadas, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do pasado sete de decembro, acordou a adopción dunha serie de medidas urxentes, como axudas para contribuir á reparación dos danos causados.

En virtude do anterior aprobouse o Decreto 227/2006, do 7 de decembro, que recolle o tipo de axudas que se van conceder, así como a forma de concesión, cabendo incluso a concesión directra, ademais de se fixaren os requisitos básicos seus.

O artigo 10 da devandita disposición establece a posibilidade de intervención directa, así como da concesión de axudas, polos gastos extraordinarios en que incorresen as entidades locais como consecuencia directa das inundacións, así como para reparar os danos ocasionados nas infraestruturas locais.

Por outra banda, no artigo 12 disponse que as citadas axudas se financiarán con cargo aos orzamentos das respectivas consellerías afectadas e a disposición derradeira primeira faculta os distintos titulares dos departamentos da Xunta de Galicia para que, no ámbito das súas competencias, diten as disposicións necesarias para o desenvolvemento do citado decreto, relación de consellerías en que figura a de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

O réxime xeral das axudas e subvencións públicas establécese nas disposicións básicas da Lei 38/2006, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como nos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aprobou o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. A nivel regulamentario a normativa principal constitúea o Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Segundo a antedita normativa, o réxime ordinario de concesión de axudas é o da concorrencia competitiva. Porén, tamén se admite a concesión directa, así como a concorrencia non competitiva, como nesta orde, na que, malia darse un prazo máximo dun mes para que os concellos presenten as súas solicitudes,

estas pódense ir resolvendo a medida que se vaian presentando, pola natureza compensatoria dos danos causados polas inundacións, ao atenderse todas as solicitudes que se presenten que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria, polo que cabe a súa concesión durante o presente exercizo.

Xa que logo, de conformidade co artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e no uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e natureza.

1. A presente orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e a convocatoria dun procedemento de concesión directa das axudas establecidas polo Decreto 227/2006, do 7 de decembro, destinadas a sufragar os gastos extraordinarios das entidades locais, derivados das actuacións inaprazables con ocasión das inundacións do presente mes de decembro, gastos realizados no mesmo momento de producirse estas ou nos inmediatamente posteriores á finalización dos feitos causantes, coa finalidade de garantir o funcionamento dos servizos públicos esenciais e imprescindibles e a vida e seguranza das persoas.

2. Estas axudas terán carácter subsidiario e complementario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, nacional ou internacional, de que poidan ser beneficiarios os afectados; cando os citados sistemas non cubran a totalidade dos danos serán compatibles en concorrencia con outras subvencións, indemnizacións, axudas, ingresos e recursos, procedentes de sistemas públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ata o límite do dano producido.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

1. Ao abeiro da presente convocatoria poderanse conceder axudas, aos concellos relacionados no anexo I, para reparación dos danos causados, polas inundacións acaecidas no mes de novembro do presente ano.

2. Para tal efecto, os devanditos danos haberán de ser nos equipamentos e infraestructuras de titularidade municipal, que poidan relacionarse co ámbito competencial da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, segundo o disposto no artigo seguinte.

Artigo 3º.-Actuacións subvencionables.

Sempre que cumpra co disposto nos artigos precedentes, poderase subvencionar ata o cento por cento do custo das devanditas actuacións, realizadas con medios propios ou alleos, ou adquisicións, novas ou de reposición, entre outras, nas seguintes materias:

-Instalacións de abastecemento de auga.

-Instalacións de saneamento de auga.

-Instalacións e equipamentos para a recollida e tratamento de residuos urbanos.

-Instalacións e equipamentos para o aproveitamento de lecer do medio, como áreas recreativas e outros semellantes.

Artigo 4º.-Solicitudes, presentación, documentación e prazo.

1. Os concellos deberán solicitar as axudas no modelo que se xunta como anexo II á presente orde, modelo que estará ao seu dispor nas delegacións provinciais da consellería, así como na secretaría xeral da mesma, en Santiago de Compostela. Así mesmo, tamén se poderán acadar na páxina web desta consellería http://medioambiente.xunta.es/formularios.jsp.

As ditas solicitudes poderán cubrirse directamente nos formularios publicados na páxina web, imprimíndoos ulteriormente para os efectos da súa presentación. Así mesmo, tamén poderán cubrirse a máquina ou a man, pero, neste último caso, con caracteres lexibles.

2. As solicitudes, que se dirixirán ao conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, presentaranse no rexistro xeral dela, en Santiago de Compostela, ou no das respectivas delegacións provinciais daquela; así como en calquera outro lugar, de acordo co establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O prazo de presentación será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente convocatoria.

4. Xunto coa solicitude, en orixinal ou debidamente compulsada, deberase presentar a seguinte documentación:

-Memoria explicativa do gasto para o que se solicita axuda.

-Certificación acreditativa de que o órgano municipal competente adoptou o acordo de solicitar a subvención.

-Facturas ou documento equivalente, acreditativos da realización do gasto.

-Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou percibidas par a mesma finalidade de calquera Administración pública ou entidade das mesmas dependentes, no modelo que se xunta como anexo III.

Artigo 5º.-Tramitación.

1. O Servizo de Xestión Orzamentaria da Secretaría Xeral revisará as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No caso de estar incompleta, conter erros ou non se achegar toda a documentación solicitada, requirirá o concello para que, no prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos precisos, advertíndoo de que, en caso contrario, se arquivará sen máis trámite a súa solicitude, ao considerarse que desiste da mesma, ao abeiro do disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, segundo resolución que para o efecto se dite, ao abeiro do establecido no artigo 42 da mesma disposición.

Artigo 6º.-Resolución e recursos.

1. Realizados os trámites procedementais oportunos de instrución do procedemento, segundo o disposto

no artigo anterior e na normativa procedemental de xeral aplicación, en especial a relativa ás subvencións públicas, logo de fiscalización do gasto, o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible ditará, de xeito motivado, a resolución que en dereito proceda, concedendo ou denegando aquela.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será o previsto no artigo 1.2º da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non obstante, as solicitudes poderanse ir resolvendo a medida que se presenten, ata esgotar a dotación orzamentaria.

3. A resolución ditada segundo o disposto no punto 1 do presente artigo pon fin á vía administrativa e contra ela cabe interpor, ao abeiro do establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, recurso contencioso-administrativo, segundo o estabrecido na devandita disposición, no prazo de dous meses desde a recepción da notificación da resolución ditada.

Non obstante, tamén caberá a interposición de recurso administrativo de reposición, perante o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, no prazo dun mes desde a recepción da notificación da resolución obxecto de recurso.

4. Transcorridos os ditos prazos sen que se lle notifique resolución expresa, os solicitantes poderán entender desestimada a súa solicitude, ao abeiro do disposto no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xaneiro, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 30/1992, de réxime administrativo das administracións públicas e do procedemento común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de novembro.

Ademais, tamén caberá a interposición en vía administrativa, de recurso potestativo de reposición, nos tres meses seguintes ao remate do prazo para resolver sen que se ditase resolución expresa.

Artigo 7º.-Pagamento.

Ditada a resolución de concesión tramitarase o correspondente expediente de pagamento aos concellos beneficiarios.

Artigo 8º.-Modificación da resolución de concesión.

Calquera alteracion das condicións que motivaron a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras concedidas polas demais administracións públicas ou entes dependentes delas, así como por entes privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 9º.-Compatibilidade.

1. As axudas establecidas na presente orde serán compatibles con outras que, para a mesma finalidade delas, concedan outras administracións públicas ou entes dependentes delas; así como por entidades privadas.

Non obstante, serán incompatibles con calquera outra con cargo ao orzamento da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible para o mesmo gasto subvencionado a través desta orde.

2. En todo caso, a obtención de axudas concorrentes non poderá superar o custo total da actividade ou investimento. Se se superase este, o importe da axuda minorarase o necesario para non superar este límite.

Artigo 10º.-Información e control.

1. Os concellos beneficiarios quedan sometidos ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, ou polo Consello de Contas segundo a súa normativa.

2. Ademais, deberanlle facilitar á Secretaría Xeral da consellería toda a información e documentación complementaria que esta coide precisa para a concesión e aboamento do importe da subvención.

3. Os beneficiarios deberán conservar, para os efectos de comprobación e control, os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos polo menos durante cinco anos desde o derradeiro pagamento.

4. O órgano xestor constatará a realización da actividade subvencionada, para os efectos do previsto no artigo 15.3º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, mediante a achega por parte do concello da documentación indicada no artigo 4º.4.

Artigo 11º.-Revogación.

O incumprimento total ou parcial das obrigas asumidas polo beneficiario, comportará o reintegro, total ou parcial, do importe percibido, xunto cos xuros de demora, ao abeiro do establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 12º.-Réxime sancionador.

O programa de axudas da presente orde queda suxeito ao réxime de infraccións e sancións establecido no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aplicarán aos solicitantes e beneficiarios as sancións no mesmo precepto establecidas, polas infraccións que nel se especifican; con independencia da obriga de reintegro das contías percibidas.

Artigo 13º.-Deber de colaboración. Reintegro das axudas.

1. Os beneficiarios, ademais das obrigas establecidas non artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, quedan sometidos á obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola consellería así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma ou polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das axudas.

2. Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá

dar lugar á modificación da resolución de concesión, sen prexuízo do establecido no artigo 2º.2 desta orde.

3. O incumprimento ou falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da axuda levará consigo, ademais das sancións que puidesen corresponder, o reintegro da axuda percibida incrementada co xuro legal correspondente desde o seu aboamento.

Artigo 14º.-Rexistro de axudas e subvencións.

As axudas que se outorguen integraranse, na forma que se estableza regulamentariamente, no Rexistro de Axudas e Subvencións, que será de acceso público.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, publicarase na páxina web oficial da consellería a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 15º.-Crédito orzamentario e contía.

1. As axudas que se van conceder con cargo á presente convocatoria financiaranse con cargo á aplicación 15.01.342A do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, na que existe crédito axeitado por un importe de 1.365.060,48 A para tal fin.

2. Dado que o crédito é limitado, denegaranse as solicitudes presentadas que, aínda cumprindo os requisitos, queden sen cobertura orzamentaria.

3. Non obstante, poderase incrementar a dotación orzamentaria recollida no punto 1), nos supostos establecidos na normativa vixente, o que se publicará no Diario Oficial de Galicia, sen que isto supoña a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento.

Facúltase o secretario xeral para ditar, no ámbito das súas competencias, os actos necesarios para o desenvolvemento e cumprimento do establecido na presente orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2006.

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente

e Desenvolvemento Sostible

ANEXO I

Relación de concellos afectados

-Provincia da Coruña: A Pobra do Caramiñal, Arzúa, Padrón, Rianxo, Ribeira, Rois,

-Provincia de Pontevedra: A Illa de Arousa, Bueu, Caldas de Reis, Cambados Cangas, Catoira, Cuntis, Marín Meaño, Meis, Moaña, O Grove, Poio, Pontevedra, Portas, Ribadumia, Sanxenxo, Valga, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa,