DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Venres, 15 de decembro de 2006 Páx. 18.257

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 14 de decembro de 2006 pola que se ditan disposicións para o desenvolvemento no eido agrario do Decreto 227/2006, do 7 de decembro, de medidas urxentes para a reparación dos danos causados polas inundacións acaecidas no mes de novembro en Galicia.

O Decreto 227/2006, do 7 de decembro, regula as axudas para a reparación dos danos causados polas inundacións acaecidas durante o mes de novembro no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo o disposto no artigo 7 da citada norma, será obxecto de axuda a reparación dos danos causados polas inundacións en explotacións agrícolas e gandeiras que non fosen cubertos polas medidas que puidesen adoptar outras administracións ou por calquera otra fórmula de aseguramento, público ou privado.

As axudas reguladas no devandito decreto réxense polo réxime establecido no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, aínda que acolléndose expresamente ao procedemento de concesión directa, previsto no punto 8º do mesmo artigo, dadas as razóns de interese público, social, económico e humanitario que concorren neste caso.

En consecuencia, por razóns de urxencia, considérase conveniente establecer a convocatoria pública das axudas polos danos causados polas inundacións acontecidas no mes de novembro en Galicia, determinando os termos municipais e núcleos de poboación afectados en desenvolvemento do artigo 1 do Decreto 227/2006.

Así mesmo, tendo en conta a urxencia existente na valoración dos danos e a tramitación das axudas, así como a concorrencia doutros sistemas de cobertura de danos e de axudas que tamén poden amparar o resarcimento das perdas ocasionadas polas inundacións nas explotacións agrícolas e gandeiras, cómpre establecer un sistema de xestión centralizado para asegurar unha eficaz e equitativa asignación das axudas aquí reguladas.

A disposición derradeira primeira do Decreto 227/2006, do 7 de decembro, faculta os titulares dos distintos departamentos autonómicos para ditaren, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para o seu desenvolvemento, entendendo como competente á Consellería do Medio Rural para a concesión das axudas por danos a explotacións agrícolas e gandeiras.

Xa que logo, de conformidade cos artigos 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto desenvolver o réxime de axudas establecidas no Decreto 227/2006, do 7 de decembro, que regula as axudas para a reparación dos danos causados polas inundacións acaecidas durante o mes de novembro no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, no ámbito das competencias da Consellería do Medio Rural e que esta conceda con cargo aos seus orzamentos.

2. Poderán ser obxecto de axuda a reparación dos danos causados polas inundacións acontecidas durante o mes de novembro de 2006 en explotacións agrícolas e gandeiras que non fosen cubertas polas medidas que poida adoptar a Administración xeral do Estado ou por calquera fórmula de aseguramento, público ou privado no ámbito dos concellos de Arzúa, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira e Rois, na provincia da Coruña, e A Illa de Arousa, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Catoira, Cuntis, Marín, Meaño, Meis, Moaña, O Grove, Poio, Pontevedra, Portas, Ribadumia, Sanxenxo, Valga, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa na provincia de Pontevedra.

3. As axudas concederanse en réxime de concesión directa e serán financiadas con cargo aos orzamentos da Consellería do Medio Rural.

4. A natureza destas axudas terá carácter subsidiario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público e privado, estatal ou inter

nacional, e complementario do que poidan ser beneficiarios os afectados e, cando os citados sistemas non cubran a totalidade dos danos, serán compatibles en concorrencia con otras subvencións, indemnizacións, axudas, ingresos e recursos, procedentes de sistemas públicos ou privados, estatais ou internacionais, ata o límite do dano producido.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Serán beneficiarios das axudas previstas nesta orde os titulares das explotacións agrícolas e gandeiras que sufrisen os danos obxecto de axuda, na medida en que non fosen totalmente cubertas por calquera outro sistema de cobertura de danos público ou privado.

Artigo 3º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de axuda presentaranse mediante instancia segundo o modelo anexo, debidamente cubertas e asinadas polo beneficiario, dirixidas ao conselleiro do Medio Rural. Presentaranse preferentemente no rexistro xeral desta consellería nos servizos centrais, ou do modo previsto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. A presentación da solicitude comporta o compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto esta Administración considere oportunas. Así mesmo, leva consigo a autorización ao órgano xestor da axuda a solicitar as certificacións nos termos do artigo 43 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2006.

3. A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

a) Copia do NIF ou CIF do solicitante.

b) Certificado da entidade bancaria acreditativo de que a conta citada na solicitude para a domiciliación dos pagamentos corresponde ao solicitante.

c) No caso de persoas xurídicas, copia compulsada do documento de constitución da sociedade e dos estatutos e certificado expedido polo órgano xestor da sociedade en que conste o acordo de solicitar a axuda e a identidade da persoa autorizada para solicitala e tratándose de montes veciñais en man común, certificado de estaren inscitos no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común.

d) Declaración sobre calquera otra subvención ou axuda procedente de entidades públicas para os mesmos fins para os que se solicita a axuda ao abeiro desta orde.

e) Memoria sobre os danos causados na explotación agrícola ou gandeira, incluíndo unha relación valorada destes, a xustificación da titularidade, propiedade ou dereito de uso dos citados bens e a acreditación por medio de calquera medio probatorio documental ou gráfico dos danos sufridos obxecto de axuda. No caso de gando morto, achegarase a referencia do código de explotación agraria e a identificación do animal.

Artigo 4º.-Prazo de presentación.

As solicitudes de axuda presentaranse no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Tramitación.

1. As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes aos servizos técnicos agrarios das delegacións provinciais da Consellería do Medio Rural, co fin de comprobar se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde.

2. Se a solicitude non reúne os requisitos sinalados nos puntos anteriores, requirirase o interesado na forma establecida no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixese, considerarase que desistiu da súa petición, logo de resolución ditada para o efecto.

3. Os servizos técnicos da Consellería do Medio Rural realizarán inspeccións sobre o terreo emitindo os informes necesarios para completar o expediente administrativo.

Artigo 6º.-Determinación da axuda.

1. As axudas concederanse de acordo cos seguintes criterios:

a) No caso de producións agrícolas poderá concederse unha axuda ata o valor dos danos rexistrados na explotación, na produción esperada para a campaña.

b) No caso de bens, equipamentos e maquinaria, poderá concederse unha axuda ata o custo efectivo da restauración.

c) No caso de gando poderá concederse unha axuda consonte o baremo establecido nos anexos do Real decreto 1328/2000, do 7 de xullo.

2. Os servizos técnicos da consellería comprobarán os danos causados para reparar mediante estas axudas e emitirán informe coa súa valoración.

Artigo 7º.-Instrución.

1. A Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria será a competente para

a tramitación e instrución do procedemento de concesión das axudas, sendo de aplicación para o seu desenvolvemento o establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Á vista dos informes emitidos polos servizos técnicos da consellería, a dirección xeral instrutora, unha vez valoradas as circunstancias e os danos causados, determinará a contía da axuda e elevará a proposta ao conselleiro para a súa resolución.

Artigo 8º.-Resolución.

1. A resolución das axudas competeralle ao conselleiro do Medio Rural, quen procederá á súa resolución a medida que se vaian presentando as solicitudes e notificaráselles aos interesados no prazo de dez días a partir da data en que se ditase a resolución e publicarase nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

2. O prazo para resolver e notificar as subvencións será o previsto no artigo 1.2º da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Se transcorrese o citado prazo máximo sen recaer resolución expresa por parte do órgano competente, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes, para os efectos da interposición dos correspondentes recursos potestativos de reposición e contencioso-administrativo.

Artigo 9º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. O pagamento total das axudas xustificarase por medio de comprobación dos gastos pola reposición dos bens afectados, excepto no suposto das axudas previstas no artigo 6.1º a). No caso de gando morto, o pagamento farase efectivo unha vez comprobado o asentamento deste no Rexistro de Explotacións Gandeiras a favor do solicitante da axuda.

2. A Administración poderá solicitar a documentación adicional de carácter complementario que se considere necesaria para a xustificación das subvencións concedidas ao abeiro desta orde.

3. A documentación xustificativa do gasto presentarase preferentemente perante a Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria da Consellería do Medio Rural, no edificio administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela.

Artigo 10º.-Control.

1. A Consellería do Medio Rural poderá realizar os controis administrativos e inspeccións que considere oportunos co fin de comprobar a veracidade dos datos consignados na documentación presentada, así como o cumprimento dos requisitos para a percepción da axuda. O beneficiario estará obrigado a colaborar na citada inspección, proporcionando os datos requiridos e facilitando, se é o caso, o acceso á explotación.

2. O beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida polo órgano xestor, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 11º.-Importe máximo das subvencións.

O importe máximo das axudas reguladas nesta orde non poderá en ningún caso ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo dos danos causados aos beneficiarios ao longo do mes de novembro de 2006.

Artigo 12º.-Financiamento.

1. As axudas económicas reguladas nesta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 11.03.614A.774.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 e polo importe de 500.000,00 euros.

A dita cantidade poderá ser incrementada con fondos adicionais procedentes desta ou outras administracións.

2. En todo caso, a concesión das axudas estarán sometidas á condición de existencia de crédito axeitado e dabondo no momento da resolución.

Artigo 13º.-Réxime de recursos.

1. A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa en contra delas poderase interpor potestativamente recurso de reposición ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos; ou ben poderá ser impugnada directamente

ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo no prazo de dous meses.

Artigo 14º.-Réxime de reintegros, infraccións, sancións e responsabilidades.

O réxime de reintegros, infraccións, sancións e responsabilidades aplicables será o regulado no artigo 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Disposicións adicionais

Primeira.-Nos aspectos non regulados nesta orde, haberá que aterse ao disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro) e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e a Lei 38/2003, xeral de subvencións.

Segunda.-De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácicas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Así mesmo a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento dos datos para os efectos do disposto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Terceira.-A resolución de concesión das axudas reguladas nesta orde quedará condicionada á decisión positiva da Comisión Europea sobre compatibilidade destas co mercado común, de acordo co establecido no artigo 88.3º do Tratado Constitutivo da Comunidade Europea.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria para ditar os actos e as medidas necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2006.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural