DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Venres, 15 de decembro de 2006 Páx. 18.257

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 11 de decembro de 2006 pola que se amplía a dotación orzamentaria para a concesión de axudas aos investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios convocadas pola Orde do 11 de abril de 2006.

A Consellería do Medio Rural convocou para o ano 2006 axudas a investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios mediante a Orde do 11 de abril de 2006 (Diario Oficial de Galicia nº 77, do 21 de abril).

No artigo 16 da orde detállanse as aplicacións orzamentarias e os importes económicos previstos para o financiamento das axudas. Este artigo prevé expresamente a posibilidade de incrementar a dotación orzamentaria contida na referida orde, polo que, tendo en conta que o número de solicitudes presentadas superou as previsións realizadas por esta consellería, cómpre ampliar a dotación orzamentaria consignada inicialmente.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confiren os artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Amplíase a dotación orzamentaria que se establece na orde desta consellería do 11 de abril de 2006 (Diario Oficial de Galicia nº 77, do 21 de abril), pola que se establecen as bases e se convocan para o ano 2006 as axudas aos investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios.

2. O incremento da dotación será de 8.847.565,59 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 11.03.712-B 770.0 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

3. Tamén se poderán utilizar outros remanentes adicionais que puidesen existir na mesma aplicación. En todo caso, a concesión das axudas limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias.

4. Esta modificación non afecta o prazo que se establece para a presentación de solicitudes de axuda na devandita Orde do 11 de abril de 2006.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2006.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural