DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Venres, 15 de decembro de 2006 Páx. 18.248

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 14 de decembro de 2006 pola que se regula a concesión de axudas para compensar os danos sufridos en establecementos comerciais, mercantís, industriais e turísticos causados polas inundacións producidas no mes de novembro do ano en curso.

No Diario Oficial de Galicia nº 236, do 11 de decembro de 2006, publicouse o Decreto 227/2006,

do 7 de decembro, de medidas urxentes para a reparación dos danos causados polas inundacións acaecidas no mes de novembro en Galicia.

No artigo 9 do devandito decreto establécese que serán obxecto de axuda os danos directos provocados nos establecementos comerciais, mercantís, industriais ou turísticos como consecuencia das inundacións, nas súas edificacións, instalacións, maquinaria e nas mercadorías nelas depositadas, así como nos vehículos comerciais ou industriais afectos a estas actividades.

Por outra banda, o artigo 1.2º do mesmo decreto sinala que os termos municipais e núcleos de poboación afectados aos que concretamente sexan de aplicación estas axudas se fixarán nos instrumentos de desenvolvemento deste decreto.

En consecuencia, e dada a devandita previsión, cómpre proceder a fixar os termos municipais, a contía e o procedemento de concesión de axudas o que, en concordancia co artigo 3.2º do antedito decreto, se realizará en réxime de concesión directa por mor do interese público, social, económico e humanitario derivado das excepcionais circunstancias que concorren.

Así, o procedemento que se articula nesta orde vén dar unha resposta inmediata á situación xerada polas innundacións no ámbito do comercio retallista, sector turístico, mercantil e industrial, establecendo medidas urxentes para paliar as repercusións máis inmediatas producidas nos establecementos comerciais, mercantís, industriais e turísticos dos concellos enumerados no anexo I desta orde. En definitiva, trátase de atender as necesidades dos colectivos afectados para contribuír, de xeito decidido e con todas as garantías procedementais, a rexenerar e a reactivar a actividade comercial, industrial e turística das zonas anegadas pola auga.

Con base no anterior, e en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto, ámbito de aplicación e natureza das axudas.

1. Esta orde ten por obxecto convocar, polo procedemento de concesión directa, axudas para reparar os danos provocados nos establecementos comerciais, mercantís, industriais e turísticos como consecuencia directa das inundacións acaecidas no mes de novembro de 2006 nos concellos relacionados no anexo I desta orde.

2. A concesión destas axudas terá carácter subsidiario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, de que poidan ser beneficiarios os afectados.

3. Non obstante, cando os citados sistemas non cubran a totalidade dos danos producidos, as axudas previstas nesta orde serán compatibles en concorrencia con outras subvencións, indemnizacións, axudas, ingresos e recursos procedentes de sistemas públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ata o límite do valor do dano producido.

4. Para o outorgamento e concesión das axudas reguladas nesta orde observarase o disposto nas nor

mas seguintes:

a) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento de desenvolvemento, ambos nos seus preceptos básicos.

b) Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e modificada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, Lei 5/2000, do 28 de decembro, Lei 3/2002, do 29 de abril, Lei 7/2002, do 27 de decembro, Lei 9/2003, do 23 de decembro, e Lei 14/2004, do 29 de decembro.

c) Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Normativa comunitaria de aplicación ás axudas.

Artigo 2º.-Beneficiarios e finalidade da axuda.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os titulares de establecementos comerciais, mercantís, industriais e turísticos en que se producisen danos polas inundacións acaecidas nos concellos relacionados no anexo I da presente orde no mes de novembro de 2006, debendo quedar acreditada a dita relación de causalidade.

Para estes efectos consideraranse os danos causados nas súas edificacións, instalacións, maquinaria, e nas mercadorías neles depositadas, así como nos vehículos comerciais ou industriais afectos a estas actividades.

Artigo 3º.-Crédito destinado ás axudas.

Destinarase unha contía de 9.500.000 euros, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada de incorporacións ou xeracións de crédito. A existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria será obxecto de publicación no DOG e non suporá a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

O financiamento das axudas imputarase aos créditos previstos nas aplicacións orzamentarias seguintes:

-10.04.712.B.770.1 polo importe de 1.500.000 euros, para aquelas axudas destinadas a compensar os danos sufridos en establecementos industriais.

-10.05.521.A.770.5 polo importe de 8.000.000 de euros, para aquelas axudas destinadas a compensar os danos sufridos en establecementos comerciais, mercantís e turísticos.

Artigo 4º.-Solicitudes, documentación e lugar de presentación.

As solicitudes presentaranse segundo o modelo que figura como anexo a esta orde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Os solicitantes deberán presentar por duplicado exemplar, incluíndo orixinal ou copia compulsada, a seguinte documentación:

* DNI do solicitante titular do establecemento.

* CIF ou NIF.

* Escrituras de constitución, estatutos e modificación no caso de persoas xurídicas.

* Certificación expedida pola Axencia Tributaria, na cal se indiquen as epígrafes do imposto de actividades económicas en que figura dado de alta o solicitante.

* Memoria descritiva dos danos causados e do correspondente investimento para a súa reparación, con detalle do orzamento desagregado por partidas ou facturas pro forma e do calendario de execución, acompañada polo proxecto técnico no caso de ser exixido polo concello para o tipo de obra ou investimento que se vaia realizar. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos efectuadas polo solicitante.

* Póliza de aseguramento e declaración xurada de que os bens para os cales solicita as axudas non están cubertos polo seguro correspondente.

* Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución.

* Documentos gráficos en calquera soporte que dean fe do dano e acreditación dos bens afectados polas inundacións.

* Certificación bancaria para o aboamento da axuda.

* Acreditación, de ser o caso, da titularidade do vehículo e da súa afectación á actividade que desenvolve.

* Calquera outra documentación que contribúa a probar a contía dos danos, da condición de afectado e da vinculación dos bens danados á actividade desenvolvida.

A solicitude e a documentación por duplicado, orixinal ou copia compulsada, dirixirase ao conselleiro de Innovación e Industria e presentarase preferentemente no rexistro xeral dos servizos centrais da Consellería de Innovación e Industria, sito no edificio administrativo San Caetano, s/n, bloque 5, 4º andar, Santiago de Compostela, ou nos demais lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 5º.-Contía.

A Consellería de Innovación e Industria poderá conceder unha subvención por importe de ata o custo

da reparación ou reposición dos danos ocasionados nas edificacións, instalacións, maquinaria e nas mercadorías neles depositadas, así como nos vehículos comerciais ou industriais afectos á actividade comercial, mercantil, industrial ou turística en función das dispoñibilidades orzamentarias e do número de solicitudes, tendo en conta, en todo caso, o disposto nos puntos 2 e 3 do artigo 1º da presente orde.

A Consellería de Innovación e Industria levará a cabo as actuacións de comprobación que considere necesarias para garantir unha óptima fixación da contía dos danos e a correcta aplicación das axudas, podendo a este respecto solicitar a achega da documentación necesaria para verificar a veracidade da información dos solicitantes.

Artigo 6º.-Resolución de concesión.

Á vista das solicitudes presentadas, o conselleiro de Innovación e Industria ditará resolución, logo da proposta de resolución, que será emitida:

a) No caso de danos sufridos en establecementos industriais, pola Dirección Xeral de Promoción Industrial.

b) No caso de danos sufridos en establecementos comerciais, mercantís e turísticos, pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

A resolución será obxecto de publicidade no termos establecidos no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

A resolución de concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia, conforme o establecido no artigo 78.8º Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 7º.-Pagamento.

A axuda poderá ser librada anticipadamente polo importe máximo do 50% da contía que se estableza na resolución tras a valoración das distintas solicitudes presentadas.

Artigo 8º.-Xustificación.

O perceptor da axuda queda obrigado a investir a axuda na reparación ou reposición dos danos segundo o proxecto básico presentado, de xeito que se manteña a situación existente antes de producirse a riada. Para tal efecto achegará a seguinte documentación:

* Facturas xustificativas de materialización da reparación ou reposición dos danos, indicando nelas concepto, importe sen IVE e importe total, así como documentos xustificativas do pagamento dos gastos realizados.

* Calquera outro documento que xustifique o emprego da axuda na reparación ou reposición dos danos.

A Consellería de Innovación e Industria reserva para si a facultade de comprobación in situ cando finalicen os traballos para verificar a súa conformidade co proxecto.

Artigo 9º.-Duración do procedemento e réxime de recursos.

O prazo máximo para ditar e notificarlles resolución expresa aos interesados será o previsto no artigo 1.2º da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O vencemento do prazo sinalado sen que se notifique resolución expresa, lexitima ao interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo. A administración poderá ir resolvendo as solicitudes de concesión a medida que se vaian presentando.

As resolucións, expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados ao abeiro desta orde esgotarán a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso.

b) Ou ben directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de seis meses contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Todo isto sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, de ser o caso, calquera outro que consideren procedente.

Artigo 10º.-Deber de colaboración. Reintegro das axudas.

1. Os beneficiarios, ademais das obrigas establecidas no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime

financeiro e orzamentario de Galicia, quedan sometidos á obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Consellería de Innovación e Industria así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da axuda levará consigo, ademais das sancións que puidesen corresponder, o reintegro da axuda percibida incrementada co xuro legal correspondente desde o seu aboamento.

3. Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da axuda poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Disposición adicional

No non previsto nesta orde aplicarase o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financiero e orzamentario de Galicia; o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e demais normativa que resulte de aplicación.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2006.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

ANEXO I

Relación de concellos aos que lles resultan de aplicación as axudas da presente orde.

Provincia da Coruña:

Arzúa, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira e Rois.

Provincia de Pontevedra:

Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Catoira, Cuntis, A Illa de Arousa, Marín, Meaño, Meis, Moaña, O Grove, Poio, Pontevedra, Portas, Ribadumia, Sanxenxo, Valga, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.