DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Venres, 15 de decembro de 2006 Páx. 18.247

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 14 de decembro de 2006 pola que se desenvolven as medidas urxentes previstas no Decreto 227/2006, do 7 de decembro, para a reparación dos danos que, causados polas inundacións acaecidas en Galicia durante o pasado mes de novembro, afectasen a rede de estradas locais.

O pasado mes de novembro producíronse en Galicia novas inundacións que seguen a devastar o territorio da nosa comunidade autónoma.

O Goberno galego, ponderando a magnitude dos feitos e as súas consecuencias, atendendo o principio de solidariedade e en coherencia coas medidas adoptadas en situacións similares precedentes, acordou, na súa reunión do día 7 de decembro, a adopción de novas medidas e axudas para reparar e paliar, na medida do posible, os danos causados.

O devandito acordo, que adoptou a forma de decreto, foi publicado no Diario Oficial de Galicia do día 11 de decembro e recolle entre as medidas urxentes para lles facer fronte aos danos provocados en infraestruturas locais, o establecemento de axudas e a actuación directa sobre os bens afectados.

Por outra parte, o artigo 11 do devandito decreto dispón que as citadas axudas se financiarán con cargo aos orzamentos das respectivas consellerías afectadas, e a disposición derradeira primeira faculta os titulares dos departamentos autonómicos para que, no ámbito das súas competencias, diten as disposicións necesarias para o seu desenvolvemento.

Xa que logo, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Esta orde ten por obxecto o desenvolvemento das medidas urxentes, previstas no Decreto 227/2006, do 7 de decembro, para a reparación dos danos que, causados polas inundacións acaecidas en Galicia durante o pasado mes de novembro, afectasen a rede de estradas locais e os seus elementos funcionais e auxiliares de titularidade pública.

2. As medidas previstas nesta orde serán de aplicación para a reparación dos danos que, incluídos no seu obxecto, se producisen no ámbito territorial dos concellos que se relacionan no anexo I.

Artigo 2º.-Actuación directa sobre os bens afectados.

De acordo co previsto no artigo 9 do Decreto 227/2006, do 7 de decembro, a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes poderá realizar, cos seus propios medios ou acudindo á contratación administrativa, os traballos dirixidos a reparar os danos incluídos no obxecto desta orde.

No suposto de que a execución se faga mediante contrato administrativo será de aplicación o réxime previsto no artigo 4º do devandito decreto.

Será necesario que o correspondente concello se comprometa a poñer á súa disposición os terreos necesarios así como os pertinentes permisos e autorizacións, e manifeste a obriga de asumir, unha vez recibidas as obras e logo da comunicación desta consellería, a súa explotación, mantemento e conservación.

Artigo 3º.-Créditos orzamentarios.

As actuacións realizadas ao abeiro do previsto nesta orde financiaranse con cargo ás seguintes aplicacións dos orzamentos da consellería.

Aplicación orzamentariaCódigo de proxectoContía

08.03.413B.600.12006.006302.000.000 A

08.03.413B.610.12006.006311.000.000 A

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2006.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes

ANEXO

Relación dos concellos incluídos no ámbito

de aplicación do Decreto 227/2006

Provincia da Coruña:

Arzúa, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira, Rois.

Provincia de Pontevedra:

Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Catoira, Cuntis, A Illa de Arousa, Marín, Meaño, Meis, Moaña, O Grove, Poio, Pontevedra, Portas, Ribadumia, Sanxenxo, Valga, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.