DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Venres, 15 de decembro de 2006 Páx. 18.243

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 13 de decembro de 2006 pola que se aproban as bases reguladoras e a convocatoria de axudas para a reparación dos danos persoais causados polas inundacións acaecidas no mes de novembro en Galicia.

O Decreto 207/2006, do 7 de decembro, regula unha serie de medidas urxentes para a reparación dos danos causados polas novas inundacións acaecidas no mes de novembro.

Segundo o disposto no artigo 5 da citada norma, serán obxecto de axuda os danos persoais causados por falecemento, incapacidade absoluta permanente e por lesións que motivasen a hospitalización da persoa ferida.

As axudas reguladas no devandito decreto ateranse, fundamentalmente, ao réxime establecido no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, aínda que se poderán acoller ao procedemento de concesión directa, previsto no punto 8º do mesmo artigo, dadas as razóns de interese público, social, económico e humanitario que concorren neste caso.

No entanto, por razóns de urxencia e para a maior difusión, estímase conveniente establecer a convocatoria pública das axudas polos danos persoais causados.

Así mesmo, tendo en conta a urxencia existente na valoración dos danos e a tramitación das axudas, así como a concorrencia doutros sistemas de cobertura de danos e de axudas que tamén poden amparar o resarcimento, cómpre establecer un sistema de xestión centralizado para asegurar unha eficaz e equitativa asignación das axudas aquí reguladas.

A disposición derradeira primeira do decreto de referencia faculta os titulares dos distintos departamentos autonómicos para ditaren, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para o seu desenvolvemento, especificando que se entenderá competente para a concesión das axudas por danos persoais a Consellería de Economía e Facenda.

Xa que logo, de conformidade co artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e natureza.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e a convocatoria para a concesión das axudas por danos persoais, establecidas polo Decreto 207/2006, do 7 de decembro, de medidas urxentes

para a reparación de danos causados polas inundacións acaecidas no mes de novembro en Galicia.

2. Os termos municipais afectados aos que concretamente serán de aplicación as ditas axudas son os seguintes:

Da provincia da Coruña: Arzúa, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira e Rois.

Da provincia de Pontevedra: A Illa de Arousa, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Catoira, Cuntis, Marín, Meaño, Meis, Moaña, O Grove, Poio, Pontevedra, Portas, Ribadumia, Sanxenxo, Valga, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

3. Os danos persoais polos que se concederán as axudas son os seguintes:

a) Falecemento.

b) Incapacidade absoluta permanente.

c) Lesións que causasen a hospitalización da persoa ferida.

4. As axudas outorgaranse en réxime de concesión directa e terán carácter concorrente respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, de que poidan ser beneficiarios os afectados. No entanto, cando os mencionados sistemas non cubran a totalidade dos danos producidos, as axudas previstas nesta orde concederanse con carácter complementario e serán compatibles en concorrencia con outras subvencións, indemnizacións, axudas, ingresos ou recursos, procedentes de sistemas públicos ou privados, estatais ou internacionais, ata o límite do valor do dano producido.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Serán beneficiarias directas destas axudas as persoas afectadas polo falecemento de familiares, por incapacidade absoluta permanente ou lesións que causasen a hospitalización da persoa ferida, cando o feito causante teña a súa orixe nos acontecementos obxecto de regulación nesta orde.

2. Serán beneficiarios destas axudas a título de vítimas indirectas, no caso de morte e con referencia sempre á data desta, as persoas que reúnan as condicións que se indican a continuación:

a) O cónxuxe do falecido, se non estivese separado legalmente, ou a persoa que viñese convivindo co falecido de forma permanente, con análoga relación de afectividade á de cónxuxe, durante, polo menos, os dous anos anteriores ao momento do falecemento, salvo que tivesen descendencia; neste caso bastará a mera convivencia.

b) Os fillos menores de idade dos falecidos ou das outras persoas a que se refire a alínea anterior.

c) Os fillos maiores de idade se sufrisen un prexuízo económico-patrimonial relevante, debidamente acreditado, en relación coa súa situación económica anterior ao falecemento.

d) En defecto das persoas mencionadas anteriormente, serán beneficiarios os pais da persoa falecida.

e) En defecto das persoas mencionadas nas alíneas a), b), c) e d) serán beneficiarios os irmáns da persoa falecida, se acreditan dependencia económica daquela.

3. De concorreren varios beneficiarios a título de vítimas indirectas, a distribución da cantidade a que ascenda a axuda efectuarase da seguinte forma:

a) A cantidade dividirase en dúas metades, correspondendo unha ao cónxuxe ou á persoa que viñese convivindo co falecido nos termos da alínea a) do punto anterior e a outra aos fillos mencionados nas alíneas b) e c) do punto anterior, e distribuirase entre todos eles por partes iguais.

b) De resultaren beneficiarios os pais do falecido, a cantidade a que ascende a axuda repartirase entre eles por partes iguais.

c) De resultaren beneficiarios os irmáns do falecido, a cantidade a que ascende a axuda repartirase entre eles por partes iguais.

Artigo 3º.-Solicitudes, prazos e documentación.

1. As solicitudes axustaranse ao modelo que figura no anexo desta orde e poderán presentarse nas oficinas desta Consellería de Economía e Facenda, así como nos demais lugares e formas previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e no Decreto 164/2005, do 16 de xuño, que regula e determina as oficinas de rexistro propias e concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, crea o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e regula a atención ao cidadán.

2. A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

a) Copia do NIF ou CIF do solicitante.

b) Certificado da entidade bancaria acreditativo de que a conta citada na solicitude para a domiciliación dos pagamentos lle corresponde ao solicitante.

c) Declaración sobre calquera outra subvención ou axuda procedente de entidades públicas para os mesmos fins para os que se solicita a axuda ao abeiro desta orde.

d) Memoria relativa aos danos persoais causados.

e) Xustificación adecuada dos danos persoais e a súa relación de causalidade coas inundacións, parentesco, gastos e calquera outros datos de feito invocados.

3. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4. A presentación da solicitude comporta o compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir

as comprobacións e inspeccións oportunas. Así mesmo, implica a autorización para que o órgano xestor das axudas poida solicitar dos organismos competentes os certificados de estaren os solicitantes ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social e de non ter débedas pendentes de pagamento coa Xunta de Galicia, nos termos do artigo 43 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2006.

Artigo 4º.-Tramitación e instrución.

1. As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes á Secretaría Xeral e do Patrimonio para a súa tramitación e instrución do procedemento de concesión das axudas, sendo de aplicación para o seu desenvolvemento o establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Se a solicitude non reúne os requisitos sinalados nos puntos anteriores, requirirase o interesado na forma establecida no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, para que nun prazo de dez días emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixese, se considerará que desistiu da súa petición, logo de resolución ditada para o efecto.

3. O Servizo de Xestión de Riscos e Seguros da Consellería de Economía e Facenda realizará as inspeccións e emitirá os informes necesarios para completar o expediente administrativo.

Artigo 5º.-Determinación da axuda.

1. As axudas concederanse de acordo cos seguintes criterios:

a) 18.000 euros para os casos de falecemento e incapacidade permanente absoluta.

b) Para os casos de lesións que causasen hospitalización, incluiranse en todo caso os gastos de asistencia médica e hospitalización, así como outros danos persoais que se acrediten e estean comprendidos entre 60 e 103 euros por día de hospitalización, sen que en ningún caso se poidan superar as contías que resultan de aplicar o sistema para a valoración dos danos e perdas causados ás persoas en accidentes de circulación, recollido no texto refundido da Lei sobre responsabilidade civil e seguro na circulación de vehículos de motor, aprobado polo Real decreto lexislativo 8/2004, do 29 de outubro.

2. O Servizo de Xestión de Riscos e Seguros da Consellería avaliará os danos persoais por lesións obxecto de axuda e emitirá un informe coa valoración dos danos indemnizables.

Artigo 6º.-Resolución.

1. A competencia para a resolución dos procedementos de concesión das axudas correspóndelle ao conselleiro de Economía e Facenda e notificaráselles aos interesados no prazo de dez días a partir da data en que se ditase a resolución.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será o previsto no artigo 1.2º da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Se transcorre o citado prazo máximo sen recaer resolución expresa por parte do órgano competente, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. As resolucións poderán ditarse conforme se presenten as correspondentes solicitudes.

Artigo 7º.-Pagamento.

Unha vez concedida a subvención, procederase ao seu pagamento. Para facilitar este, dende o punto de vista da xestión orzamentaria, poderán acumularse as fases de disposición de crédito, recoñecemento de obrigas e proposta de pagamento.

Artigo 8º.-Réxime de recursos.

1. A convocatoria destas axudas, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa; e contra elas poderase interpor potestativamente recurso de reposición ante o conselleiro de Economía e Facenda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos; ou ben poderá ser impugnada directamente ante o órgano xurisdicional contencioso administrativo nos prazos legalmente previstos.

Artigo 9º.-Deberes de colaboración e control.

1. A Consellería de Economía e Facenda poderá realizar os controis administrativos que considere oportunos co fin de comprobar a veracidade dos datos consignados na documentación presentada, así como o cumprimento dos requisitos para a percepción da axuda. O beneficiario estará obrigado a colaborar nos citados controis, proporcionando os datos requiridos.

2. O beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida polo órgano xestor, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 10º.-Financiamento.

1. As axudas económicas reguladas nesta orde faranse efectivas con cargo á aplicación 23.01.531A.480.0

dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, ata o importe de 21.000 euros.

2. En todo caso, a concesión das axudas estará sometida á condición da existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución, polo que serán denegadas as solicitudes presentadas que queden sen cobertura orzamentaria. No entanto, esta consellería poderá, se así o estimase, incrementar o crédito previsto tendo en conta as solicitudes presentadas, sempre que exista crédito axeitado e suficiente como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito. Neste caso, o incremento do crédito deberá publicarse no DOG, sen que isto supoña a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 11º.-Réxime de reintegros, infraccións, sancións e responsabilidades.

O réxime de reintegros, infraccións, sancións e responsabilidades aplicables será o regulado no artigo 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Disposicións adicionais

Primeira.-Nos aspectos non regulados nesta orde haberá que aterse ao disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro) e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e a Lei 38/2003, xeral de subvencións.

Segunda.-De conformidade co artigo 78.8º do Decreto lexislativo 1/1999, citado, e cos puntos 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, a Consellería de Economía e Facenda publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación dos beneficiairos e o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde; e incluirá igualmente as referidas axudas e as sancións impostas por consecuencia delas nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Secretaría Xeral e do Patrimonio para adoptar os actos e medidas necesarios para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2006.

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E TRANSPORTES