DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Venres, 15 de decembro de 2006 Páx. 18.239

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 14 de decembro de 2006 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca a concesión de axudas destinadas a sufragar os gastos extraordinarios en que incorresen as entidades locais como consecuencia directa das inundacións acaecidas no mes de novembro do ano en curso en Galicia.

No mes de novembro producíronse en Galicia unha serie de inundacións que afectaron de xeito significativo o desenvolvemento da actividade humana en amplas zonas do país.

Para facer fronte ás situacións de necesidade en que se puidesen atopar os colectivos afectados, e mesmo contribuír a rexenerar os valores naturais e a reactivar a economía das zonas afectadas, o Consello da Xunta de Galicia acordou na súa xuntanza do día 7 de decembro de 2006 a adopción dunha serie de medidas urxentes de axudas para a reparación dos danos causados.

En virtude do citado acordo publicouse o 11 de decembro o Decreto 227/2006, do 7 de decembro, polo que se establecen as citadas axudas, polo procedemento de concesión directa, e se marcan uns requisitos básicos para a súa concesión.

O artigo 9 do Decreto 227/2006 establece un réxime de axudas polos gastos extraordinarios en que incorresen as entidades locais como consecuencia directa das inundacións. O artigo 11 establece que as citadas axudas se financiarán con cargo aos orzamentos das respectivas consellerías afectadas e a disposición derradeira primeira declara competentes os distintos titulares dos departamentos autonómicos para que, no ámbito das súas competencias, adopten

as medidas necesarias para a aplicación do decreto, incluíndo a convocatoria e o outorgamento das axudas.

Xa que logo, de conformidade co artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

As axudas establecidas nesta orde aplicaranse á reparación dos danos causados polas inundacións acaecidas no mes de novembro no ámbito territorial dos concellos que se determinan no anexo I da presente orde.

Artigo 2º.-Obxecto e natureza.

1. A presente orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e a convocatoria dun procedemento de concesión directa das axudas establecidas polo Decreto 227/2006, do 7 de decembro, DOG nº 236, do 11 de decembro, destinadas a sufragar os gastos extraordinarios en que incorresen as entidades locais derivados das actuacións inaprazables na situación de inundación, levados a cabo no mesmo momento de producirse esta ou nos inmediatamente posteriores á finalización dos feitos causantes e para garantir o funcionamento dos servizos públicos esenciais e imprescindibles e a vida e seguranza das persoas.

2. A natureza destas axudas terá carácter subsidiario e complementario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público e privado, estatal ou internacional, de que poidan ser beneficiarios os afectados e cando os citados sistemas non cubran a totalidade dos danos serán compatibles en concorrencia con outras subvencións, indemnizacións, axudas, ingresos e recursos, procedentes de sistemas públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ata o límite do dano producido.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar as devanditas axudas as entidades locais que acrediten a realización de gastos extraordinarios como consecuencia directa das inundacións de acordo co procedemento regulado nesta orde.

Artigo 4º.-Actuacións subvencionables.

1. Gastos extraordinarios derivados de actuacións inaprazables na situación de emerxencia, levados a cabo no mesmo momento de se producir esta ou nos inmediatamente posteriores á finalización dos feitos causantes, sempre que o seu obxecto sexa o funcionamento dos servizos públicos esenciais e imprescindibles para garantir a vida e seguridade das persoas, levadas a cabo con medios materiais propios ou alleos tales como vehículos, maquinaria ou ferramentas ata o importe do 100% do gasto.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte á data de publicación desta orde.

Artigo 5º.-Solicitudes, prazos e documentación.

1. As solicitudes, segundo o modelo que figura como anexo II da presente orde, poderán presentarse nas oficinas da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza así como nos demais lugares e formas previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no Decreto 164/2005, do 16 de xuño, que regula e determina as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, crea o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e regula a atención ao cidadán.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte á data de publicación desta orde.

3. Coa solicitude xuntarase a seguinte documentación.

-Memoria sucinta na cal se identifiquen os danos ocasionados en relación coas actuacións subvencionables mencionadas no artigo 4.

-Documento acreditativo do CIF da entidade local solicitante.

-Certificado da entidade bancaria acreditativo de que a conta citada na solicitude corresponde ao solicitante.

-Facturas ou documento equivalente que acrediten a realización do gasto, e certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para que foi concedida e da aplicación dos fondos destinados a tal efecto.

-Declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

4. Se a solicitude non reúne os requisitos sinalados nos puntos anteriores, requirirase a entidade solicitante na forma establecida na Lei 30/1992, do 26 de novembro, para que no prazo de dez días emende

a falta ou xunte os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixer, se considerará que desistiu da súa petición, despois de ditada resolución para o efecto.

Artigo 6º.-Tramitación e resolución.

1. A competencia para a resolución dos procedementos de concesión correspóndelle ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, correspondendo a tramitación e proposta deles á Secretaría Xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Contra a resolución que dite o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á súa notificación, de conformidade co previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben poderá ser impugnada directamente ante o xulgado do contencioso-administrativo no prazo de dous meses, conforme o establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A resolución notificarase na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. O órgano competente poderá ir resolvendo as solicitudes de axuda á medida que estas vaian sendo presentadas. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será o previsto no artigo 1.2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Transcorrido este prazo sen que se ditase e notificase resolución expresa, os interesados que solicitasen as subvencións convocadas por esta orde poderán entender desestimada a súa solicitude para os efectos da interposición dos correspondentes recursos potestativo de reposición e contencioso-administrativo.

Artigo 7º.-Pagamento.

Ditada a resolución de concesión, tramitarase o correspondente expediente de pagamento e as axudas aos beneficiarios serán aboadas mediante transferencia bancaria. Para facilitar dito pagamento desde o punto de vista da xestión orzamentaria poderán acumularse entre si a disposición do crédito, o recoñecemento da obriga e a proposta de pagamento.

Artigo 8º.-Deber de colaboración. Reintegro das axudas.

1. Os beneficiarios, ademais das obrigas establecidas no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, quedan sometidos á obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola consellería, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das axudas.

2. Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes

públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, sen prexuízo do establecido no artigo 2.2º desta orde.

3. O incumprimento ou falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da axuda levará consigo, ademais das sancións que puidesen corresponder, o reintegro da axuda percibida incrementada co xuro legal correspondente desde o seu aboamento.

Artigo 9º.-Rexistro de Axudas e Subvencións.

As axudas que se outorguen integraranse, na forma que se estableza regulamentariamente, no Rexistro de Axudas e Subvencións, que será de acceso público.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 10º.-Crédito orzamentario e contía.

Poderanse conceder axudas por un importe de 1.000.000 de A con cargo ao crédito que figure consignado para esta finalidade nas aplicacións 06.01.121A.761.0 (830.000,00 A) e 06 01 121A 460.0 (170.000,00 A) do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Serán obxecto de denegación as solicitudes presentadas que queden sen cobertura orzamentaria.

Se como consecuencia de incorporación ou xeración de crédito se incrementase o crédito inicialmente consignado nesta orde, será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia sen que supoña apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2006.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza

ANEXO I

Relación dos concellos incluídos no ámbito de aplicación do Decreto 227/2006, do 7 de decembro.

Provincia da Coruña:

Arzúa, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira e Rois.

Provincia de Pontevedra:

Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Catoira, Cuntis, A Illa de Arousa, Marín, Meaño, Meis, Moaña, O Grove, Poio, Pontevedra, Portas, Ribadumia, Sanxenxo, Valga, Vilaboa, Vilagarcía e Vilanova.