DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Xoves, 14 de decembro de 2006 Páx. 18.197

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 9/2006, do 1 de decembro, de creación do Colexio Profesional de Xoiaría, Ourivaría, Prataría, Reloxaría e Xemoloxía de Galicia.

Exposición de motivos.

A través do Real decreto 1297/1995, do 21 de xullo, establécense os títulos de técnico ou técnica superior de artes plásticas e deseño en bixutería artística, en xoiaría artística e en ourivaría e prataría artísticas, pertencentes á familia profesional da xoiaría de arte, e apróbanse as correspondentes ensinanzas mínimas. Pola súa parte, o Real decreto 1298/1995, do 21 de xullo, establece os títulos de técnico ou técnica de artes plásticas e deseño en procedemento de ourivaría e prataría, en moldeado e fundición de obxectos de ourivaría, en xoiaría e bixutería artísticas, en procedemento de xoiaría artística, en gravado artístico sobre metal, en engastado e en damasquinado, pertencentes á familia profesional da xoiaría de arte, e aproba as correspondentes ensinanzas mínimas. A través do Real decreto 498/2003, do 2 de maio, establécese o título de técnico ou técnica en xoiaría e as correspondentes ensinanzas comúns.

En canto á profesión de xemoloxía, os títulos da Escola de Xemoloxía da Universidade de Barcelona e da Escola Profesional de Xemoloxía da Universidade Autónoma de Madrid habilitan para exercer esta profesión.

A creación do Colexio Profesional de Xoiaría, Ourivaría, Prataría, Reloxaría e Xemoloxía de Galicia foi solicitada pola Federación Galega de Xoiaría, Prataría e Reloxaría, e terá como fins esenciais a ordenación do exercicio da profesión dentro do marco legal respectivo, a representación dela e a defensa dos intereses profesionais das persoas colexiadas.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, co que se complementa así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29 do Estatuto de autonomía de Galicia.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia ditou, en virtude da devandita competencia, a Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia. De acordo co seu artigo 11, a creación de colexios profesionais, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, farase por lei do Parlamento galego.

As actividades profesionais de xoiaría, ourivaría, prataría, reloxaría e xemoloxía caracterízanse pola especial e delicada natureza das materias primas

utilizadas, metais e pedras preciosas, que a experiencia nos leva a comprobar que dá lugar á realización de determinadas prácticas ilegais e de falsidades.

Sempre houbo un interese público en que as actividades relacionadas cos metais e coas pedras preciosas quedasen baixo o control especial das administracións públicas, e tamén se propiciou o control interno do sector, como garantía para os cidadáns e cidadás ante as aliaxes non permitidas ou as falsidades nas pedras preciosas, e como medio para evitar o comercio de obxectos roubados.

Coa creación do Colexio Profesional de Xoiaría, Ourivaría, Prataría, Reloxaría e Xemoloxía de Galicia garantirase que o exercicio desta profesión se axuste ás normas e ás regras que aseguren tanto a eficacia coma a eventual responsabilidade en tal exercicio, e polo tanto a finalidade última, que é a protección dos dereitos e intereses dos cidadáns e das cidadás.

Por todo o exposto, considérase oportuna e necesaria a creación deste colexio profesional, logo da apreciación por parte do Goberno autonómico do interese público respecto das actividades profesionais que engloban a xoiaría, a ourivaría, a prataría, a reloxaría e a xemoloxía na Comunidade Autónoma galega, nas que o seu exercicio está condicionado á posesión dos correspondentes títulos, que acrediten a cualificación e habiliten legalmente para o seu exercicio.

A lei divídese nunha exposición de motivos; catro artigos, titulados respectivamente obxecto, ámbito territorial, ámbito persoal e obrigatoriedade de colexiación; tres disposicións transitorias, e unha disposición derradeira.

Por todo o dito o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de creación do Colexio Profesional de Xoiaría, Ourivaría, Prataría, Reloxaría e Xemoloxía de Galicia.

Artigo 1.-Obxecto.

Créase o Colexio Profesional de Xoiaría, Ourivaría, Prataría, Reloxaría e Xemoloxía de Galicia como corporación de dereito público, con personalidade propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, que lle son propios, e o exercicio das súas funcións desde o momento no que se constitúan os seus órganos de goberno.

Artigo 2.-Ámbito territorial.

O colexio profesional desenvolverá a súa actividade no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3.-Ámbito persoal.

Poderanse integrar no Colexio Profesional de Xoiaría, Ourivaría, Prataría, Reloxaría e Xemoloxía de Galicia todas aquelas persoas que estean en posesión dalgún dos seguintes títulos:

1. Técnico ou técnica superior de artes plásticas e deseño en bixutería artística, en xoiaría artística e en ourivaría e prataría artísticas, pertencentes á familia profesional da xoiaría de arte, establecidos no Real decreto 1297/1995, do 21 de xullo.

2. Técnico ou técnica de artes plásticas e deseño en procedemento de ourivaría e prataría, en moldeado e fundición de obxectos de ourivaría, en xoiaría e bixutería artísticas, en procedemento de xoiaría artística, en gravado artístico sobre metal, en engastado e en damasquinado, pertencentes á familia profesional da xoiaría de arte, títulos establecidos no Real decreto 1298/1995, do 21 de xullo.

3. Técnico ou técnica en xoiaría, establecido no Real decreto 498/2003, do 2 de maio.

4. Títulos académicos oficiais en xemoloxía expedidos polas escolas desa materia da Universidade de Barcelona, da Universidade Autónoma de Madrid ou de calquera outra do Estado español que os expida no futuro.

Así mesmo, calquera título español ou estranxeiro equivalente verificado ou homologado, sen prexuízo do establecido na disposición transitoria terceira desta lei.

Artigo 4.-Obrigatoriedade da colexiación.

Será requisito para exercer a profesión de xoiaría, ourivaría, prataría, reloxaría e xemoloxía no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia a incorporación ao Colexio Profesional de Xoiaría, Ourivaría, Prataría, Reloxaría e Xemoloxía de Galicia cando o establecemento no que se exerza radique nesta Comunidade Autónoma.

Artigo 5.-Do uso do galego nas comunicacións.

O colexio procurará e fomentará o uso do galego en todas as súas comunicacións externas e internas, segundo o establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e a regulación de normalización lingüística.

Disposicións transitorias

Primeira.-Designación da comisión xestora e aprobación duns estatutos provisionais.

1. As asociacións de xoiaría, ourivaría, pratería, reloxaría e xemoloxía con representación en Galicia designarán unha comisión xestora que, no prazo de seis meses a partir da entrada en vigor desta lei, aprobará uns estatutos provisionais do Colexio Profesional de Xoiaría, Ourivaría, Prataría, Reloxaría e Xemoloxía de Galicia. Nos citados estatutos deberase regular a convocatoria e o funcionamento da asemblea colexial constituínte, da que formarán parte todas as persoas profesionais que, conforme o disposto nesta lei, poidan adquirir a condición de colexiadas.

A convocatoria da asemblea constituínte deberase anunciar, como mínimo, con vinte días de antelación no Diario Oficial de Galicia e en dous xornais dos de maior difusión de Galicia.

2. A comisión xestora constituirase en comisión de habilitación para facultar, se é o caso, as persoas profesionais que non teñan o título preceptivo e que están incluídas no suposto da disposición transitoria terceira e soliciten a incorporación ao colexio.

Segunda.-Aprobación definitiva dos estatutos.

1. A asemblea constituínte, no prazo de seis meses desde a aprobación dos estatutos provisionais, elaborará e aprobará os estatutos definitivos do Colexio Profesional de Xoiaría, Ourivaría, Prataría, Reloxaría e Xemoloxía de Galicia, elixirá os membros dos órganos de goberno do colexio e asegurará unha representación equilibrada dos sexos.

2. Os citados estatutos, logo de seren aprobados, xunto coa acta da asemblea constituínte, remitiránselle á consellaría competente en materia de colexios profesionais para os efectos da súa aprobación definitiva, logo da cualificación da súa legalidade, aprobación que será competencia do Consello da Xunta de Galicia, e publicarase no Diario Oficial de Galicia o decreto aprobatorio e os correspondentes estatutos.

Terceira.-Integración no colexio profesional.

Transitoriamente poderanse integrar no Colexio Profesional de Xoiaría, Ourivaría, Prataría, Reloxaría e Xemoloxía de Galicia aquelas persoas profesionais que, sen estar en posesión dos títulos preceptivos, o soliciten dentro dos dous anos seguintes á entrada en vigor desta lei e que acrediten de forma fidedigna ante a comisión de habilitación o exercicio da profesión cun mínimo de tres anos de experiencia.

Disposición derradeira

Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de decembro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E TRANSPORTES