DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Martes, 12 de decembro de 2006 Páx. 18.090

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 7/2006, do 1 de decembro, de modificación da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica.

Exposición de motivos.

A Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, publicada no Diario Oficial de Galicia número 99, do 26 de maio, ten por obxecto a ordenación e a regulación da atención farmacéutica no ámbito da nosa comunidade autónoma, en desenvolvemento dos artigos 28.8º e 33 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, sen prexuízo da competencia estatal atribuída polo artigo 149.1º.16 da Constitución española respecto do establecemento e da coordinación xeral da sanidade, así como da lexislación sobre produtos farmacéuticos.

No seu artigo 19 a devandita lei regula as autorizacións das oficinas de farmacia, establecendo un procedemento que se axustará ao disposto nela, ás normas xerais de procedemento administrativo e ao que se estableza regulamentariamente nesta materia. O procedemento de autorización pode iniciarse por instancia dun farmacéutico interesado, por petición dos concellos ou dos colexios oficiais ou de oficio pola Consellería de Sanidade.

Dispón o número 4 que as oficinas de farmacia se outorgarán por concurso público, de acordo co baremo e procedemento que regulamentariamente se estableza, e no que necesariamente haberá de terse en conta a experiencia profesional, os méritos académicos, a formación posgraduada, o coñecemento da lingua galega, as medidas de fomento, mantemento e creación de emprego e calquera outro que se determine, tratándose en todo caso dun baremo equilibrado.

No número 5 recolle a imposibilidade de solicitar unha autorización dunha nova oficina de farmacia por parte dos farmacéuticos que cumprisen 65 anos ao inicio do procedemento e mais polos titulares dunha oficina de farmacia instalada na mesma zona farmacéutica.

En desenvolvemento desta lei ditouse o Decreto 146/2001, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, cerramento e transmisión de oficinas de farmacia, que dedica o título II ao procedemento de autorización e adxudicación de novas oficinas de farmacia. No artigo 22.4º dispón que en ningún caso poden solicitar a adxudicación dunha oficina de farmacia os farmacéuticos que tivesen 65 anos ou máis na data da convocatoria do concurso de adxudicación nin os titulares dunha oficina de farmacia na zona farmacéutica na que se pretenda abrir a nova, nin tampouco aqueles que estean inhabilitados ou incapacitados para o exercicio da profesión por sentenza xudicial firme penal ou civil.

Contra o devandito precepto a Federación de Empresarios Farmacéuticos de Galicia presentou recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Supe

rior de Xustiza de Galicia. Tras a deliberación do recurso número 4787/2001, o órgano xurisdicional, tras ouvir as partes, a través do auto do 2 de decembro de 2004 decidiu formular ao Tribunal Constitucional unha cuestión de inconstitucionalidade en relación co número 5 do artigo 19 da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, por posible vulneración do artigo 14 da Constitución. Debátese nesta cuestión se a limitación por idade para participar no concurso público de adxudicación lesiona o dereito fundamental á igualdade recoñecido no artigo 14 da Constitución. O tribunal considera que, aínda que a idade non é unha das circunstancias enunciadas no artigo 14, non debe entenderse que a enumeración efectuada no dito artigo ten unha intención tipificadora pechada que poida excluír outras das precisadas no artigo 14, pois na fórmula nel empregada alude a calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social. Así mesmo, estima que o artigo en cuestión establece unha

prohibición con carácter xeral e non referida a concretas oficinas de farmacia, nas que puidesen concorrer determinadas circunstancias singulares, razón pola que tamén podería entrañar unha vulneración do principio de igualdade.

Por iso, de acordo cos razoamentos expostos polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, resulta conveniente modificar o artigo 19.5º, suprimindo o límite de idade para solicitar autorizacións de novas oficinas de farmacia e participar nos concursos públicos de adxudicación das autorizadas, eliminando así calquera dúbida sobre a constitucionalidade do dito precepto.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º (do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei, a Lei de modificación da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica.

Artigo único.-Reforma do articulado da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica.

Modifícase o artigo 19.5º da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, que queda redactado como segue:

«Artigo 19º.5.

En ningún caso poden solicitar a adxudicación dunha nova oficina de farmacia os titulares dunha oficina de farmacia instalada na mesma zona farmacéutica na que se pretenda abrir a nova».

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido nesta lei.

Disposición derradeira

Única.-Esta lei entra en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de decembro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA