DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Luns, 11 de decembro de 2006 Páx. 18.029

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 225/2006, do 23 de novembro, polo que se modifica o Decreto 244/2003, do 24 de abril, de homologación sanitaria de receitas oficiais para a prestación farmacéutica.

O artigo 16 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema Nacional de Saúde, establece que a prestación farmacéutica comprende os medicamentos e produtos sanitarios, así como o conxunto de actuacións encamiñadas a que os pacientes os reciban de forma axeitada de acordo ás súas necesidades clínicas, nas doses precisas segundo os seus requirimentos individuais, durante o período de tempo axeitado e ao menor custo posible, para eles e para a comunidade.

O Decreto 244/2003, que regula a homologación sanitaria de receitas oficiais para a prestación farmacéutica, non recolle ningunha epígrafe dedicada especificamente á homologación das receitas para aqueles pacientes que padecen algunha enfermidade crónica de tipo cardiovascular, insuficiencia renal, demencia, dor... Moitos deles presentan, ademais, varias destas patoloxías simultáneas, o que leva consigo unha utilización prolongada de fármacos e/ou produtos sanitarios sometidos a unha prescrición continuada.

De acordo co exposto obsérvase a necesidade imperante de atender a este colectivo garantindo a eficacia na súa asistencia, sendo preciso para iso unha actuación coordinada de todos os profesionais sanitarios implicados no coidado do paciente. Así, os procedementos de xestión e control da prestación farmacéutica deben ser mellorados de xeito que dean resposta a situacións e problemáticas coma as descritas anteriormente.

O que se pretende con esta modificación é posibilitar a dispensación renovable para os tratamentos de prescrición continuada, evitándolle ao paciente desprazamentos e molestias, facer efectivo un dereito recoñecido no marco normativo actual de receita médica, e así facilitar o seu acceso á prestación farmacéutica.

Tendo en conta o anterior, ao abeiro do establecido na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada por Lei 11/1988, do 20 de outubro, por proposta da conselleira de Sanidade, de acordo co ditame nº 733/2006 do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de novembro de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Engádese unha letra d) ao artigo 3 do Decreto 244/2003, do 24 de abril, de homologación sanitaria de receitas oficiais para a prestación farmacéutica, coa seguinte redación:

«d) Nos supostos de dispensación periódica renovable; entendidos como aqueles en que o paciente precise de prescrición/dispensación de medicamentos ou produtos sanitarios para un período determinado, que non poderá exceder de 3 meses, o facultativo poderá prescribir as receitas que lle sexan necesarias ao paciente para a total cobertura do tratamento neste período, adecuando as datas de prescrición á posoloxía e tamaño do envase».

Artigo 2º

Modifícase o punto 3 do artigo 7 do Decreto 244/2003, do 24 de abril, de homologación sanitaria de receitas oficiais para a prestación farmacéutica, quedando redactado como segue:

«3. A data de homologación será sempre posterior ou igual á data de prescrición. A homologación efectuarase nun prazo máximo de 72 horas desde o momento en que se presente. Non se homologarán receitas co prazo de validez esgotado.

Cando as receitas que integren os supostos de dispensación periódica renovable previstos na letra d) do artigo 3 do presente decreto precisen de homologación, esta realizarase nun só acto e os seus efectos aplicaranse a cada unha das receitas presentadas, sen prexuízo de que o prazo de caducidade establecido no punto 4º deste artigo compute a partir da data de prescrición que conste nestas».

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de novembro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Rubio Vilar

Conselleira de Sanidade

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA