DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Luns, 11 de decembro de 2006 Páx. 18.027

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 224/2006, do 30 de novembro, polo que se regulan as delegacións da Xunta de Galicia no exterior.

A través do Decreto 231/2005, do 11 de agosto, establecéronse os órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, creándose a Secretaría Xeral de Relacións Exteriores. Pola súa vez, o Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, configura aquela secretaría como órgano superior da Administración autonómica de apoio, asistencia e asesoramento ao presidente en todas as actuacións que, en materia de relacións coa Unión Europea, acción exterior, análise do contorno internacional que incida sobre as súas competencias e da cooperación ao desenvolvemento leve a cabo a Administración autonómica.

Pola súa parte, segundo os mesmos decretos foi creada e configurada a Secretaría Xeral de Emigración, como órgano superior ao que lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, relacións coas comunidades galegas no exterior e política inmigratoria e de retorno en Galicia, así como a representación e participación nos órganos e foros relacionados coa emigración que lle encomende o presidente da Xunta de Galicia.

Segundo a doutrina do Tribunal Constitucional, as comunidades autónomas poden levar a cabo actividades de relevo internacional como expresión do exercicio das competencias que lles son propias na súa dimensión internacional ou na proxección exterior da personalidade de seu de Galicia, o que require da presencia da Xunta no exterior para a prestación dun servizo máis eficaz e eficiente, sen prexuízo da función de representación exterior que lle corresponde ao Estado.

No aspecto das competencias materiais, sinaladamente baséase esta norma no artigo 7 do Estatuto de autonomía de Galicia, conforme o que as comunidades galegas asentadas fóra de Galicia poderán solicitar, como tales, o recoñecemento da súa galeguidade, entendida como o dereito a colaborar e a compartir a vida social e cultural do pobo galego. Pola súa vez, consonte á Lei 4/1983, do 15 de xuño, o recoñecemento da galeguidade acada na orde social e cultural a posibilidade de exercer distintos dereitos que nese texto legal se regulan.

Conforme esta nova xeira política apréciase a necesidade de apoiar e coordinar as relacións con tales comunidades mediante a creación de delegacións da Administración autonómica no exterior, estable

cendo canles de colaboración e participación democráticas, institucionalizadas, regradas, transparentes e sometidas aos mecanismos de control previstos para toda política pública, merecente desta cualificación nunha sociedade plural, madura e libre.

Igualmente, na materia de cooperación ao desenvolvemento cómpre salientar a nova orientación derivada da implementación orzamentaria e administrativa da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación ao desenvolvemento. Neste ámbito substantivo, a Lei estatal 23/1998, do 7 de xullo, de cooperación internacional para o desenvolvemento, consagra a necesidade de promover un desenvolvemento humano global, para asegurar e potenciar a eficacia e a coherencia das correspondentes iniciativas e proxectos, co obxectivo de contribuír a erradicar a pobreza no mundo, así como a promoción dun crecemento económico duradeiro e sustentable nos países elixibles. En consecuencia, a propia lei establece que a actividade que se realice desde as comunidades autónomas é froito dunha expresión solidaria da propia sociedade, ao tempo que se basea nos principios de autonomía orzamentaria e autorresponsabilidade no seu desenvolvemento e execución. Razón pola que resulta cada vez máis necesario impulsar a política

de cooperación a través de delegacións situadas no exterior.

Tampouco se pode esquecer que perante a crecente intercionalización da economía e a mobilidade laboral, é responsabilidade da Xunta de coadxuvar a presencia das empresas galegas no mercado global mediante as súas delegacións no exterior, que sirvan de apoio a aquelas e as asistan institucionalmente, en coordinación coas oficinas comerciais, no seguimento dos proxectos empresariais e dos investimentos, principalmente no que atinxe ás Pemes.

Desta maneira, mesmo cobra todo o seu senso a previsión no seu día inserida no artigo 36.7º da Lei 6/1997, do 14 de abril, de organización e funcionamento da Administración xeral do Estado, que establecía xa daquela o deber de que a Administración xeral do Estado no exterior colabore «con todas as institucións e organismo españois que actúen no exterior e en especial coas oficinas das comunidades autónomas».

Por estas razóns procede, con fundamento no artigo 27.1º do Estatuto de autonomía de Galicia, regular a creación e funcións das delegacións da Administración da comunidade autónoma no exterior.

Na súa virtude, e por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo de deliberación e aprobación do Consello da Xunta de Galicia, na reunión celebrada o día trinta de novembro de dous mil seis.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto regular as delegacións da Administración da Comunidade Autónoma de

Galicia no exterior, coa finalidade de institucionalizar a presenza exterior de Galicia, e xestionar e coordinar as súas accións e intereses naquel ámbito, no marco das súas competencias.

Artigo 2º.-Creación e adscrición.

1. As delegacións da Xunta de Galicia no exterior son unidades administrativas radicadas fóra do territorio do Estado español, creadas por medio de decreto do Consello da Xunta, por iniciativa da súa Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, e logo de informe preceptivo da súa oportunidade e das necesidades operativas, recadado das consellerías e entidades con competencias materiais susceptibles de proxección internacional.

2. Con independencia do Estado onde se establezan, o seu ámbito de acción pode estenderse ás áreas xeográficas que se determinen.

3. As delegacións no exterior estarán adscritas á Secretaría Xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia.

Artigo 3º.-Funcións.

Son funcións das delegacións da Xunta no exterior, naquelas materias nas que a comunidade autónoma teña a competencia atribuída:

a) Dar soporte ao presidente/a da Xunta de Galicia no exercizo das súas atribucións como máximo representante da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Apoiar todas as actuacións dos departamentos autonómicos na área xeográfica de acción, consonte as directrices emanadas destes, co fin de canalizar e asegurar a colaboración oportuna naquelas materias da súa competencia.

c) Fomentar as relacións de Galicia coas institucións e os órganos de goberno da súa área xeográfica de acción.

d) Impulsar as accións de promoción da cultura e lingua galegas.

e) Fomentar os valores de igualdade entre mulleres e homes como valores asumidos pola cidadanía da moderna sociedade galega.

f) Prestar apoio administrativo e institucional aos emigrantes galegos e ás comunidades galegas no exterior. Deste xeito, estas delegacións terán a responsabilidade da coordinación, xestión e difusión, así como o control, seguimento e información dos programas dirixidos á emigración.

g) Apoiar institucionalmente a realización de visitas, misións, encontros e intercambios oficiais dos diferentes departamentos, entes e órganos da Xunta de Galicia.

h) Prestar apoio ás accións de cooperación que, dentro da programación exterior de Galicia, a Xunta estableza no ámbito socioeconómico e de promoción do turismo.

i) Colaborar no seguimento e avaliación dos plans, programas e proxectos de cooperación ao desenvolvemento que se realicen na área xeográfica asignada.

j) Prestar asistencia técnica, orientación e información sobre Galicia e sobre a área xeográfica asignada, aos axentes sociais alí radicados, aos galegos, aos seus descendentes e aos interesados que respectivamente llelo demanden.

k) Desempeñar as atribucións que lle sexan delegadas ou encomendadas polos órganos e entidades dependentes da Xunta de Galicia.

l) Calquera outras funcións e tarefas que lle sexan asignadas, sempre que resulten compatibles co obxecto especificado no artigo 1º deste decreto.

No exercicio de todas as devanditas funcións integrarase a dimensión de igualdade de oportunidades entre as mulleres e os homes.

Artigo 4º.-Estrutura.

1. Á fronte de cada delegación exterior haberá un delegado ou delegada nomeado polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

2. As delegacións estruturaranse nas áreas funcionais que se establezan no seu decreto de creación, respectándose en todo caso o principio de unidade de acción.

3. Os/as empregados/as públicos ao servizo da Xunta de Galicia, dos seus organismos autónomos e entes de dereito público, desprazados ás delegacións exteriores, terán dereito ás retribucións básicas e complementarias que lle correspondan no seu posto de orixe de acordo co seu corpo, grupo e categoría, sen prexuízo do dereito á percepción das indemnizacións, axudas de custo e aplicación de coeficientes por razón do servizo que puidesen corresponderlle por residencia no estranxeiro.

Artigo 5º.-Funcionamento.

1. Correspóndelle ao titular da delegación a dirección da unidade administrativa, a xefatura do persoal, e o exercizo das competencias que lle señan delegadas ou encomendadas.

2. O titular da delegación velará polo cumprimento das directrices emanadas da Xunta de Galicia, transmitidas a través da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, e establecerá as normas internas de funcionamento de acordo coas instrucións que para tal efecto dite con esta finalidade a mesma secretaría xeral.

Artigo 6º.-Oficina de rexistro.

En cada delegación exterior existirá unha oficina de rexistro da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-Rexistro de Oficinas Autonómicas no Exterior.

1. No prazo de tres meses, contados a partir da entrada en vigor deste decreto, a Secretaría Xeral

de Relacións Exteriores creará e regulará o rexistro de oficinas autonómicas no exterior ao que accederán, logo de oportuno inventario, aquelas oficinas de titularidade autonómica ou que exerzan calquera tipo de representación exterior baixo mandato dunha autoridade autonómica que foran regulamentariamente creadas.

2. No citado rexistro consignarase o acto xurídico de creación da oficina, a identificación nominativa das persoas físicas que nela desenvolvan actividades, a localización e características das súas instalacións e o orzamento anual do que dispoñan para o seu funcionamento.

3. A creación dunha delegación exterior conforme o previsto neste decreto determinará a integración nesta, logo de consulta ás consellerías da Xunta de Galicia concernidas, de todas as oficinas rexistradas sitas na área xeográfica atribuída ao seu ámbito de acción no prazo máximo de seis meses, contados desde a data de entrada en vigor do decreto de creación. Excepcionalmente, poderán manterse as oficinas sectoriais cando existan razóns técnicas que o xustifiquen pola especialidade do traballo realizado, sempre que así sexa informado pola Secretaría Xeral de Relacións Exteriores e se garanta a súa estreita coordinación coa correspondente delegación exterior.

Segunda.-Creación de oficinas sectoriais.

1. A creación de oficinas sectoriais en estados non cubertos por unha delegación da Xunta de Galicia requirirá a súa autorización previa mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería promotora, logo de informe da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores.

2. A citada creación consignarase de oficio no rexistro regulado na disposición adicional primeira cos efectos previstos nesta.

Disposición transitoria

Única.-En tanto non se regulan os coeficientes por razón de servizo que puidesen corresponderlle ao persoal da Xunta de Galicia por residencia no estranxeiro, aplicaranse supletoriamente os que estean establecidos no ámbito da Administración xeral do Estado.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o titular da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para adoptar, por proposta do titular da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, as medidas necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor ao mes seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de novembro de dos mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza