DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Xoves, 07 de decembro de 2006 Páx. 17.961

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 1 de decembro de 2006 pola que se estende aos produtores membros e non membros da Organización de Productores de Pesca Fresca Pescagalicia (OPP-31), da Organización de Productores Pesqueros de Lugo (OPP-07) e da Organización de Productores de Pesca Fresca del Puerto y Ría de Marín (OPP-08), determinadas normas, segundo os acordos por elas adoptados o 31 de outubro e o 2 e o 10 de novembro, todos de 2006, respectivamente, e orientadas á mellora da sustentabilidade do xurelo procedente do arrastre de litoral.

O artigo 7 do Regulamento (CE) nº 104/2000, do Consello, do 17 de decembro de 1999, polo que se establece a Organización Común de Mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, dispón que no caso de que unha organización de produtores sexa considerada representativa da produción e comercialización nun ou varios lugares de desembarque e de que o solicite ás autoridades competentes do Estado membro, este podería decidir facer obrigatorias para os non membros da dita organización as normas de produción e comercialización decididas pola organización sempre que estas respondan aos obxectivos de garantir o exercicio racional da pesca e mellorar as condicións de venda da súa produción.

Pola súa banda, o Regulamento (CE) nº 1886/2000, da Comisión, do 5 de setembro, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 104/2000, do 17 de decembro de 1999, do Consello no relativo aos non membros de determinadas normas adoptadas polas organizacións de produtores do sector da pesca, profundiza nos requisitos e procedemento polo que a extensión de normas das OPP aos non membros debe ser realizada.

O Real decreto 724/2003, do 13 de xuño, polo que se regulan as organizacións de produtores da pesca e da acuicultura e as súas asociacións, establece no seu artigo 1 os requisitos para o recoñecemento de organizacións de produtores da pesca (OPP) e no seu artigo 10 a posibilidade de extensión das súas normas conforme o artigo 7 do Regulamento (CE) nº 104/2000.

A Organización de Productores de Pesca Fresca Pescagalicia (OPP-31 en diante), recoñecida pola orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, do 30 de decembro de 1986, a Organización de Productores Pesqueros de Lugo (OPP-07 en diante) recoñecida pola orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, do 17 de setembro de 1986, e a Organización de Productores de Pesca Fresca del Puerto y Ría de Marín (OPP-08 en diante) recoñecida pola orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do 17 de setembro de 1986

solicitaron á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, de acordo cos artigos anteriores, a extensión daquelas normas que adoptaron que están orientadas á mellora da sustentabilidade do xurelo procedente do arrastre de litoral, nos acordos do 31 de outubro, do 2 de novembro e do 10 de novembro de 2006 respectivamente.

Sendo que a materia cuxa extensión se acorda é das relacionadas no artigo 7 do Regulamento (CE) nº 104/2000, considerando que as OPP-31, OPP-07 e OPP-08 son unhas organizacións representativas da produción nos termos previstos no artigo 1 do Regulamento (CE) nº 1886/2000, recoñecidas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e que a Comunidade Autónoma é competente para realizar a dita extensión, e tendo en conta que as normas a estender teñen unha incidencia na sustentabilidade do recurso ao limitar as descargas e comercialización de xurelo procedente do arrastre de litoral.

Na súa virtude,

RESOLVO:

Primeiro.-Mediante esta orde fanse obrigatorias para os produtores membros e non membros das OPP-31, OPP-07 e OPP-08, as seguintes normas para o cumprimento das medidas orientadas á mellora da sustentabilidade do xurelo procedente da pesca do arrastre de litoral, adoptadas polas citadas OPP nos acordos do 31 de outubro, do 2 de novembro e do 10 de novembro de 2006 respectivamente.

a) Desde a entrada en vigor desta orde e durante tres meses, limitaranse os desembarcos nos portos e a primeira venda nas lonxas e centros de venda autorizados de Galicia, de xurelo procedente do arrastre de litoral, á cantidade máxima de 4.500 kg diarios por buque, debendo respetar o obrigatorio descanso semanal establecido na lexislación vixente, así coma os horarios e días de actividade para esa pesca.

b) A referida limitación aplicarase aos desembarcos e a primeira venda das capturas que realice o conxunto da frota de arrastre de litoral nos portos e lonxas ou centros de venda de Galicia.

c) A dita limitación de desembarcos aplicarase aos produtores membros e non membros aos cales se fai extensiva a norma desde a data en que esta resolución produza efectos.

Segundo.-Conforme o establecido na alínea 3º do artigo 7 do Regulamento (CE) nº 104/2000 comunicarase á Comisión Europea a extensión das normas previstas.

Terceiro.-As infraccións serán sancionadas de conformidade co establecido na lexislación vixente.

Cuarto.-Esta orde pon fin á vía administrativa, e poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente no prazo de dous (2) meses contados á partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Quinto.-Esta orde será eficaz, conforme o disposto no artigo 5 do Regulamento (CE) nº 1886/2000 no prazo de 8 días desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2006.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos