DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Xoves, 07 de decembro de 2006 Páx. 17.955

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 17 de novembro de 2006 pola que se declara de interese galego a Fundación Fisterrae e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Con data do 16 de outubro de 2006 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de outubro de 2006, pola que se clasifica como de interese sanitario a Fundación Fisterrae, adscribíndoa á Consellería de Sanidade, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Esta fundación, de acordo co establecido no artigo 6 dos seus estatutos, ten como obxecto contribuír á mellora das condicións de saúde en Galicia e ao desenvolvemento da sanidade galega, nos seus medios persoais, reais e procedementais.

Por todo isto, en virtude das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo o establecido no artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro e o artigo 32.3º a) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Fisterrae, ao cumpriren os seus estatutos as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordenar a inscrición da Fundación Fisterrae, no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Sanidade, para os efectos constitutivos que sinala o artigo 8 da Lei 7/1983,

do 22 de xuño, do réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Terceiro.-A devandita fundación queda sometida ao disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial, á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, quedando obrigada a renderlle contas anualmente ao protectorado e xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presentarlle o proxecto de orzamento ao protectorado, con anterioridade ao inicio do exercicio económico para o cal se formula e debendo solicitar as preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2006.

Mª José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade