DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Xoves, 07 de decembro de 2006 Páx. 17.947

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

DECRETO 223/2006, do 23 de novembro, polo que se modifica o Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, polo que se regula o programa de vivenda en aluguer.

Tras a publicación, no Diario Oficial de Galicia o día 22 de marzo de 2006, do Decreto 48/2006, polo que se regula o programa de vivenda en aluguer, advírtese a conveniencia de efectuar determinadas modificacións.

Estas modificacións veñen clarificar o teor do decreto en canto ao cálculo dos ingresos dos solicitantes de vivendas que soliciten incorporarse ao programa de vivenda en aluguer, recollendo por outro lado a modificación sufrida recentemente polo Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, para o período 2005-2008, precisando o criterio para o establecemento do límite inferior de ingresos para a incorporación no programa e posterior concesión de subvención ao arrendamento.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Vivenda e Solo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa xuntanza do día vinte e tres de novembro de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, polo que se regula o programa de vivenda en aluguer.

O Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, polo que se regula o programa de vivenda en aluguer, queda modificado como segue:

Un. No artigo 4º.1.a) debe engadirse ao final: «e normativa de desenvolvemento».

Dous. O segundo parágrafo do artigo 12º queda redactado nos seguintes termos: «O prazo máximo para notificar as resolucións ditadas no procedemento administrativo deste programa será de seis meses desde a presentación da solicitude. En caso de non recaer resolución nese prazo as solicitudes de subvención entenderanse desestimadas».

Tres. No artigo 17º engádese un punto 5 co seguinte teor: «O pagamento da subvención ao arrendatario queda condicionada ao puntual e exacto cumprimento por este da súa obriga de pagamento mensual; en caso de incumprimento da dita obriga, deberá afrontar o pagamento íntegro da renda estipulada no correspondente contrato de arrendamento, perdendo o dereito á percepción da subvención ao aluguer dos meses en que tivera lugar tal incumprimento».

Catro. O artigo 18º.1 queda redactado nos seguintes termos: «Poderán ser beneficiarios das axudas destinadas a facilitar o pagamento da renda de aluguer as persoas, unidades familiares ou de convivencia que formalicen un contrato de arrendamento de vivenda no marco deste programa, e cuxos ingresos anuais estean comprendidos entre 0,7 e 2,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) calculados segundo os criterios establecidos no artigo 7 do Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, polo que se regula o Plan Estatal de Vivenda para o período 2005-2008. Igualmente para o cálculo dos ingresos familiares teranse en conta, cando sexan adecuadamente acreditados pola unidade familiar ou convivencial, os exentos de tributación, como prestacións de incapacidade permanente ou grande invalidez, prestacións familiares por fillo a cargo, pensións de orfandade, etc.

Ao cómputo destes ingresos anuais será de aplicación, en función dos membros da unidade familiar, o seguinte coeficiente multiplicativo corrector:

Familias dun membro: 1,00.

Familias de dous membros: 0,985.

Familias de tres membros: 0,97.

Familias de catro membros: 0,93.

Familias de cinco membros: 0,88.

Familias de seis ou máis membros: 0,83.

Se algún membro da unidade familiar ou convivencial é unha persoa con discapacidade, nas condicións establecidas na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas, o coeficiente corrector aplicable será o do tramo seguinte ao que lle correspondese.

Non se aplicará a dita ponderación de ingresos cando a súa aplicación supoña a exclusión do solicitante por non acadar os ingresos mínimos; tampouco nestes casos se aplicará a redución por rendementos do traballo que se aplica na declaración da renda. Para estes efectos consideraranse ingresos anuais os de todos os ocupantes da vivenda».

Quinto. O primeiro parágrafo da disposición transitoria terceira queda redactado nos seguintes termos: «Os inquilinos e propietarios de vivendas que teñan un contrato asinado no marco da bolsa de vivenda en aluguer, poderán optar de mutuo acordo a partir da entrada en vigor deste decreto, por integrarse no novo programa cando venza a subvención ao aluguer de doce meses que teña concedida o inquilino ao abeiro do Decreto 199/2002, do 6 de xuño. A dita integración será posible sempre que cumpran con todos os requisitos e nas condicións establecidas neste decreto, incluídas a renda familiar ou convivencial establecida no artigo 18.1º, a renda de aluguer máxima establecida no artigo 4º d) deste decreto, e coa excepción de estar baleiras nos seis meses anteriores».

Sexto. A disposición transitoria sétima queda redactada nos seguintes termos: «As solicitudes de subvención para a rehabilitación da vivenda xa presentadas polos propietarios segundo a regulación do Decreto 199/2002, do 6 de xuño, e as que se presenten tras a sinatura dos contratos realizada ao abeiro da disposición primeira do presente decreto serán atendidas con base na dita normativa e en función do crédito existente para sustentar o programa establecido polo referido decreto».

Disposición derradeira

Única.-Este decreto entrará en vigor o un de xaneiro de dous mil sete.

Santiago de Compostela, vinte e tres de novembro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo