DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Martes, 05 de decembro de 2006 Páx. 17.815

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

FONDO GALEGO DE GARANTÍA AGRARIA

RESOLUCIÓN do 28 de novembro de 2006 pola que se amplía a dotación orzamentaria para a concesión das restitucións á produción no sector dos cereais establecidas pola Resolución do 27 de decembro de 2005.

A resolución da dirección do Fondo Galego de Garantía Agraria do 27 de decembro de 2005 (DOG nº 249, do 29 de decembro) regula o procedemento para a concesión de restitucións á produción no sector dos cereais e a súa convocatoria para o ano 2006.

No seu artigo 19.1º precísase a aplicación orzamentaria e o importe económico previsto para o financiamento das ditas restitucións. Posto que a dotación inicial consignada na resolución resulta insuficiente, e coa finalidade de poder amparar todas as solicitudes de restitución á produción no sector dos cereais, no marco da aplicación da política agrícola común en Galicia, financiadas polo Fondo Europeo Agrario de Garantía e xestionadas polo Fondo Galego de Garantía Agraria, cómpre, mediante esta resolución, ampliar a dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das mencionadas restitucións, con cargo ao crédito dispoñible na mesma aplicación orzamentaria.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 78.3º e 8º de Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no artigo 8 da Lei 7/1994, do 29 de decembro, pola que se crea o Fondo Galego de Garantía Agraria, conforme a denominación actual establecida pola disposición adicional quinta da Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo, e no artigo 14 d) e i) do Decreto 128/1996, do 14 de marzo, pola que se desenvolve a Lei 7/1994,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. A dotación orzamentaria prevista para as restitucións á produción no sector dos cereais previstas na resolución da dirección do Fondo Galego de Garantía Agraria do 27 de decembro de 2005 (DOG nº 249, do 29 de decembro), amplíase polo importe de 7.200 euros con cargo á aplicación 11.90.614A.779.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2006.

2. En todo caso, a concesión das restitucións reguladas na dita resolución estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición adicional

Única.-A ampliación de crédito previstas no artigo único desta resolución non afectan o prazo de presentación de solicitudes establecido na devandita Resolución do 27 de decembro de 2005.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2006.

Edelmiro López Iglesias

Director do Fondo Galego de Garantía Agraria