Mediante a Orde do 26 de setembro de 2006 (DOG nº 197, do 11 de outubro) procedeuse a convocar as axudas do Programa de estruturación de unidades de investigación en humanidades e ciencias sociais, en réxime de concorrencia competitiva. A dita convocatoria establecía as condicións, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para o acceso ás axudas que posibiliten a estruturación de unidades de investigación máis competitivas no ámbito das ciencias sociais e as humanidades do sistema universitario de Galicia.
Observouse a conveniencia de modificar o prazo para a presentación das xustificacións necesarias para o libramento dos fondos.
Esta consellería
DISPÓN:
Artigo único.-Modificación do artigo 10º da Orde do 26 de setembro de 2006.
O segundo parágrafo do artigo 10º da Orde do 26 de setembro de 2006 pasa a ter a seguinte redacción:
Para poder proceder ao libramento dos fondos será preciso que a universidade correspondente expida, na data límite do 20 de decembro do exercicio correspondente á anualidade de que se trate, a certificación expresiva da realización do gasto acompañada dunha memoria explicativa do logro dos obxectivos da agrupación.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2006.
Laura Sánchez Piñón
Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria