DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Luns, 04 de decembro de 2006 Páx. 17.756

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 28 de novembro de 2006 pola que se resolve a convocatoria de axudas para financiar o mantemento dos servizos de comedor escolar xestionados polas asociacións de nais e pais de alumnos/as de centros públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para o exercicio 2006.

Pola Orde do 12 de setembro de 2006 (DOG do 15 de setembro), convocáronse axudas para financiar o mantemento dos servizos de comedor escolar xestionados polas asociacións de nais e pais de alumnos/as de centros públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para o exercicio 2006.

Cumpridos os trámites previstos na orde de convocatoria e atendendo á proposta do secretario xeral de Educación e Ordenación Universitaria, logo do informe elaborado pola comisión de valoración, esta consellería

RESOLVE:

Primeiro.-Conceder ás entidades que se relacionan no anexo desta orde as axudas polos importes que tamén se especifican.

Segundo.-Denegar as solicitudes presentadas polas entidades que se citan no anexo por non cumpriren o requisito de estar xestionando un servizo de comedor escolar.

Terceiro.-Arquivar as solicitudes formuladas polas entidades que se citan por teren incompleta a documentación a pesar de seren requiridos os interesados para que no prazo de 10 días emendase as faltas ou achegasen os documentos preceptivos, segundo establece o artigo 7 da orde de convocatoria.

Cuarto.-Contra esta resolución poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, a partir do día seguinte da súa publicación no DOG, de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ser impugnada directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2006.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria