DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Xoves, 30 de novembro de 2006 Páx. 17.588

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

INSTITUTO GALEGO DAS ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS

RESOLUCIÓN do 21 de novembro de 2006 pola que se regula a estrutura, a organización e o funcionamento da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

A Rede Galega de Teatros e Auditorios constituíuse a finais do ano 1996 como principal instrumento do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais -IGAEM- para promover a distribución das producións escénicas e musicais galegas, actuando como mercado preferente para o teatro, a danza e a música e dotándoo dunha estabilidade na súa programación habitual. A Rede Galega de Teatros e Auditorios (no sucesivo RGTA) está conformada polo IGAEM e polas entidades titulares de teatros e auditorios que voluntariamente se adhiren a ela. Deste xeito, no exercicio 2006 participaron nas programacións da RGTA 156 compañías, que programaron 221 espectáculos para un total de 615 funcións.

Transcorridos máis de dez anos da constitución da RGTA, é necesario proceder á súa regulación legal, co obxecto de dotala dun marco legal que lles dea seguridade xurídica ao conxunto dos axentes implicados e permita o seu desenvolvemento e potenciación. En concreto, a regulación do funcionamento da RGTA responde a unha serie de necesidades formuladas ao longo da súa andaina de constitución, pretendendo así acadar cinco grandes e primordiais obxectivos:

(1) Converter a Rede Galega de Teatros e Auditorios nunha alternativa real da oferta de ocio e cultura para unha gran maioría da poboación de Galicia.

(2) Conformar a RGTA como unha rede de espazos, integrada por teatros e auditorios, na que se desenvolvan diferentes programacións cun carácter máis

estable e regular, segundo os seus niveis de equipamento escénico.

(3) Dotar a RGTA dun marco legal que lles dea seguridade xurídica ao conxunto dos axentes implicados.

(4) Optimizar os recursos económicos, e garantir a calidade e a adecuación das dotacións e servizos técnicos dos espazos escénicos da RGTA.

(5) Reforzar a imaxe corporativa e a presenza pública da RGTA.

Por todo isto, en consonancia cos seus obxectivos inmediatos, o Consello Reitor do IGAEM aprobou na súa xuntanza do 20 de novembro de 2006 pola resolución, pola que se regula a estrutura, a organización e o funcionamento da Rede Galega de Teatros e Auditorios; e, na súa virtude e de acordo coas atribucións conferidas pola Lei 4/1989, do 21 de abril, pola que se crea o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais; pola Lei 2/1991, do 14 de xaneiro, de modificación da Lei 4/1989, así como polo Decreto 107/1993, do 12 de maio, de desenvolvemento da antedita normativa, e as restantes leis de aplicación, acórdase a publicación da estrutura, organización e funcionamento da RGTA, que se someterá ao seguinte articulado:

Artigo 1º.-Constitución e obxecto.

Esta resolución ten por obxecto, dentro das funcións que lle veñen atribuídas ao IGAEM pola súa normativa de creación, aprobada pola Lei 4/1989, do 21 de abril, fomentar a difusión das artes escénicas e musicais, a través dunha programación estable e coordinada nos teatros, auditorios, casas de cultura e demais espazos de Galicia, mediante un programa de colaboración coas entidades titulares dos ditos espazos denominada Rede Galega de Teatros e Auditorios, establecéndose mediante esta resolución a súa estrutura, organización e funcionamento, así como os requisitos mínimos que deben cumprir os espazos escénicos integrados nela.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Poderán adscribirse e solicitar a súa integración e incorporación na RGTA as entidades públicas, así como outras persoas xurídicas titulares de teatros, auditorios, casas de cultura ou outro tipo de espazos escénicos con domicilio na Comunidade Autónoma de Galicia, que teñan unha capacidade igual ou superior ás 120 localidades, e que reúnan os requisitos establecidos nos artigos seguintes desta resolución.

As entidades que soliciten a incorporación de teatros ou auditorios da súa titularidade, poderán adscribilos á Rede A ou á Rede B, por razón das súas dimensións e dotacións técnicas e dos compromisos de programación.

Artigo 3º.-Órganos da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Serán órganos consultivos da RGTA a Asemblea e o Comité Técnico.

1. A Asemblea.

A Asemblea estará conformada por todos os membros da RGTA, consistente nas entidades titulares de teatros e auditorios, e estará presidida polo xerente do IGAEM ou persoa en que delegue. Reunirase con carácter ordinario, como mínimo unha vez ao ano e, con carácter extraordinario, por convocatoria do presidente, por petición de calquera dos seus membros.

Son funcións propias da Asemblea:

a) Ser informada para aprobar a memoria anual do ano anterior -e presentar propostas de programación ou de reformas/melloras no funcionamento da RGTA ao Comité Técnico-.

b) Elixir democraticamente de entre os seus membros os tres representantes que forman parte do Comité Técnico.

c) Ser informadas sobre a aceptación e ditar informes sobre a exclusión do seu seo dos seus membros, segundo o disposto no articulado desta resolución.

d) Aqueloutras funcións que se deriven desta normativa de funcionamento.

2. O Comité Técnico.

O Comité Técnico estará formado por 6 membros, consistentes en 3 representantes da Asemblea e 2 membros do IGAEM, e estará presidido polo xerente do IGAEM ou persoa en que delegue. Reunirase con carácter ordinario, como mínimo dúas veces ao ano e, con carácter extraordinario, por convocatoria do seu presidente, por petición de calquera dos seus membros.

Os 3 membros elixidos democraticamente no seo da Asemblea exercerán as súas funcións por un período de dous anos naturais, desde o momento da súa elección e toma de posesión do cargo.

As decisións deste órgano colexiado adoptaranse por maioría simple dos seus membros, exercendo o voto de calidade (ou voto dirimente) o seu presidente no caso de empate.

Son funcións propias do Comité Técnico:

a) Coordinar os procesos de preselección -de existir- dos espectáculos que se incluirán nas distintas programacións que constitúen a RGTA, e que se ofrecen aos membros integrantes dela.

b) Estudar e informar sobre as peticións e demais solicitudes de incorporación de novos membros á rede.

c) Ter coñecemento e informar sobre as queixas e reclamacións presentadas.

d) Elaborar propostas de programación ou de mellora a aspectos técnicos ou de programación incluídos no ámbito de aplicación desta normativa.

e) Aqueloutras que se poidan derivar desta resolución.

O secretario do Comité Técnico, elixido de entre os seus membros; deberá levantar acta de cada sesión; na dita acta especificarase necesariamente os asistentes á xuntanza, a orde do día, as circunstancias do tempo e lugar en que se realice, os puntos principais

obxecto das deliberacións, así como o contido dos acordos que se adopten.

Do contido da acta darase traslado aos órganos xestores do IGAEM, que deberán pola súa vez notificalo a todos os membros da RGTA e que comprenden a súa asemblea, resultando estes acordos adoptados de obrigado cumprimento para todos eles.

Artigo 4º.-Requisitos dos espazos escénicos da Rede A.

Os espazos escénicos das entidades integrantes na Rede A, de conformidade co disposto no artigo 2, deberán cumprir os requisitos que se establecen a continuación:

1. Compromiso de programación. Os espazos escénicos da Rede A deberán desenvolver unha programación mínima de espectáculos de artes escénicas e musicais dentro das programacións da RGTA non inferior aos 16 espectáculos anuais. Para estes efectos, non serán tidas en consideración as funcións de carácter gratuíto, benéfico ou escolar.

2. Dotacións escénicas.

a) Largo do escenario: 10 m (boca e ombros incluídos).

b) Fondo do escenario: 8 m.

c) Alto do escenario ao teito: 7 m.

d) Alto da tarima que permita unha correcta visualización.

e) 1 cámara negra completa.

f) 1 chan negro de vinilo para danza.

g) 1 toma de corrente no escenario para equipos en xira (segundo norma) 100.000 w.

h) 1 lugar habilitado no fondo da sala para controis de luz e son con toma de corrente de DMX 6 canles ZH son con acceso directo do persoal (sen cristais).

i) Tarima de madeira homologada onde se poida cravar ou fixar con parafusos os decorados. 750 kg/m.

j) 4 varas electrificadas para proxectores.

k) 8 varas para tremoia.

l) 1 pano de boca.

m) 2 soportes para proxectores na sala (e/ou troneira).

n) 8 soportes para proxectores (burras ou torres).

ñ) Intercom control con escenario.

o) Sinal de vídeo.

3. Condicións da sala de butacas.

a) Climatización.

b) Calefacción.

c) Insonorización.

d) Posibilidade de negro absoluto.

e) Butacas.

4. Dotacións técnicas (iluminación e son).

a) 1 mesa de luces programable para 120 canles DMX seguridade.

b) 1 Backup. Memoria de seguridade.

c) 1 canón de seguimento 1200 HMI.

d) Cableado de sinal para este material.

e) 48 canles de dimmer de 3 k. DMX e 6 de 6 k.

f) 30 proxectores PC 1 kw con accesorios.

g) 20 proxectores recorte (con 2 ángulos diferentes).

h) 24 proxectores PAR (aberto e cerrado).

i) 12 panoramas asimétricos 1.000 w.

j) 1 mesa de mesturas 16 canles/DI.

k) Patch de son de 32 canles.

l) 4 ecualizadores estéreo.

m) 1 multiefectos.

n) 2 reprodutores CD.

ñ) 1 reprodutor MD.

o) 5 micrófonos con soporte.

p) 4 recintos acústicos 1.000 w p/u.

q) 2 recintos subgrave 1.000 w p/u.

r) 4 monitores tipo cuña 400 w p/u.

5. Equipamentos informáticos e de comunicacións.

a) Ordenador, teléfono, fax e liña ADSL.

b) Despacho de billetes para venda de localidades informatizado.

6. Dotacións de persoal e servizos.

Persoal permanente:

a) Responsable técnico de programación.

b) Un xefe técnico de sala.

Persoal durante montaxe/desmontaxe:

a) Dous técnicos de escena (luz e son).

b) Dous tremoeiros.

Persoal durante a representación:

a) Servizo de acomodación, despacho de billetes, portaría e limpeza.

Persoal de carga e descarga.

Non se exixirá contratación laboral do persoal ou servizos por parte da sala, agás no caso do responsable técnico de programación.

7. Condicións dos camerinos.

a) 4 camerinos con espello, luz, auga.

b) 2 WC.

c) 2 duchas con auga quente.

d) 1 espazo con ferro de pasar para vestiario.

8. Outros servizos complementarios.

a) 1 vao para carga e descarga de 16 metros de longo por tres de largo (agás impedimento legal).

b) Aparcadoiro alternativo.

c) Portas e montacargas para mercadorías, onde sexa preciso por non existir acceso por ramplas.

d) Auditoría anual de mantemento técnico.

Artigo 5º.-Requisitos dos espazos escénicos da Rede B.

1. Compromiso de programación: os espazos escénicos da Rede B deberán desenvolver unha programación mínima de espectáculos de artes escénicas e musicais dentro das programacións da RGTA non inferior aos 8 espectáculos anuais. Para estes efectos, non serán tidas en consideración as funcións de carácter gratuíto, benéfico ou escolar.

2. Dimensións mínimas do escenario.

a) Ancho do escenario: 8 m (boca e ombros incluídos).

b) Fondo do escenario: 6 m.

c) Alto do escenario ao teito: 5 m.

d) Visibilidade.

e) Tarima de madeira homologada onde se poidan cravar ou fixar con parafusos os decorados. 750 kg/m.

f) 1 cámara negra completa.

g) 1 toma de corrente no escenario para equipos en xira (segundo norma) 60 kw.

h) 4 barras electrificadas para proxectores mecanizadas.

i) 2 soportes para proxectores na sala (e/ou troneira).

j) 1 chan negro de vinilo para danza.

k) 6 soportes para proxectores (burras).

l) 1 lugar habilitado no fondo da sala para controis de luz e son.

3. Condicións da sala de butacas.

a) Climatización.

b) Calefacción.

c) Posibilidade de negro absoluto.

4. Dotacións técnicas (iluminación e son).

a) 1 mesa de luces programable para 120 canles DMX.

b) Cableado de sinal e forma para este material.

c) 24 canles de dimmer de 2.5 kw. DMX.

d) 20 proxectores PC 1 kw.

e) 12 proxectores recorte ZOOM.

f) 12 proxectores PAR.

g) 6 panoramas asimétricos 1.000 w.

h) 1 mesa de mesturas 8 canles.

i) 1 ecualizador estéreo.

j) 1 multiefectos.

k) 2 reprodutores CD.

l) 1 reprodutor MD.

m) 2 micrófonos con soporte.

n) 2 recintos acústicos 1.000 w p/u.

ñ) 2 monitores tipo cuña 400 w p/u.

5. Equipamentos informáticos e de comunicacións.

a) Ordenador, teléfono, fax e liña ADSL. Este equipamento poderá non estar situado na propia sala.

b) Despacho de billetes para venda de localidades informatizado.

6. Dotacións de persoal e servizos.

Persoal permanente:

c) Un responsable técnico de programación.

d) Un xefe técnico de sala.

Persoal para cada representación:

a) Servizo de acomodación, despacho de billetes, portaría e limpeza.

Persoal de carga e descarga.

Non se exixirá contratación laboral do persoal ou servizos por parte da sala, agás no caso do responsable técnico de programación.

7. Condicións dos camerinos.

a) 2 camerinos con espello, luz, auga.

b) 1 WC.

c) 1 ducha con auga quente.

8. Outros servizos complementarios.

a) 1 vao para carga e descarga de 8 metros de longo por 3 de largo (salvo impedimento legal).

b) Aparcadoiro alternativo.

c) Portas e montacargas para mercadorías, onde sexa preciso por non existir acceso por ramplas.

d) Auditoría anual de mantemento técnico.

Artigo 6º.-Regularización.

As entidades públicas e demais persoas xurídicas titulares dos espazos escénicos que na data de publicación desta resolución formasen parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios deberán igualmente proceder á súa inscrición, no prazo máximo de tres meses desde a entrada en vigor desta resolución, co fin de regularizar e adaptar a súa situación a esta normativa e consonte o establecido no seu artigo 9º, así como ao modelo que se inclúe como anexo I desta resolución. Aquelas entidades que, unha vez transcorrido o prazo legal indicado, non procedesen á súa inscrición no novo modelo de RGTA, consideraranse excluídas para todos os efectos.

As citadas entidades, en relación cos espazos escénicos da súa titularidade no momento de publicación,

estarán suxeitos ás seguintes cláusulas de excepción e prazos de cumprimento:

1. Espazos escénicos da Rede A.

a) Flexibilidade dun 20% no largo e fondo, e dun 30 % no alto.

b) Prazo de 18 meses para o cumprimento dos requisitos recollidos nas epígrafes 2i, 2j, 2k, 2l, 2m, 2n, 2ñ, 2o, 4e, 4f, 4g, 4h, 4i, 4j, 4k, 4l, 4m, 4n, 4ñ, 4o, 4p, 4q, 4r, 8a e 8b.

c) Prazo de 24 meses para o cumprimento dos requisitos recollidos na epígrafe 5b.

d) Exención do cumprimento do requisito de insonorización nos espazos con máis de 50 anos de antigüidade.

2. Espazos escénicos da Rede B.

a) Flexibilidade dun 20% no largo e fondo, e dun 30 % no alto.

b) Prazo de 18 meses para o cumprimento dos requisitos recollidos nas epígrafes 2e, 2f, 2g, 4a e 4b.

c) Prazo de 24 meses para o cumprimento dos requisitos recollidos nas epígrafes 2h, 2i, 2j, 2k, 2l, 3b, 4c, 4d, 4e, 4f, 4g, 4h, 4i, 4j, 4k, 4l, 4m, 4n, 4ñ, 5b, 6b, 7a, 7b, 7c, 8a, 8b, 8c, 8d.

Aquelas entidades titulares de espazos escénicos xa integrados con anterioridade á entrada en vigor desta resolución na RGTA disporán dos prazos consignados nos artigos 4º e 5º destes preceptos para a súa regularización e conseguinte adecuación á normativa vixente, sen prexuízo do establecido no punto seguinte.

Con carácter excepcional e por causa debidamente acreditada e/ou xustificada, o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais poderá autorizar, logo de informe motivado do Comité Técnico da RGTA, a exención do cumprimento dalgún dos requisitos mínimos exixidos por parte dos espazos escénicos que xa estean integrados na RGTA no momento de publicación e entrada en vigor desta normativa.

Artigo 7º.-Obrigas dos membros da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Os titulares de teatros, auditorios e demais espazos escénicos que compoñen a RGTA estarán obrigados a:

1. Cobrar entrada en todos os espectáculos incluídos en programacións da RGTA, de conformidade coas tarifas mínimas e máximas establecidas nas respectivas programacións.

2. Identificar claramente mediante a inserción da imaxe corporativa da RGTA todos os soportes de difusión, promoción, publicidade e comunicación de espectáculos incluídos nas distintas programacións desta.

3. Identificar a súa pertenza á Rede Galega de Teatros e Auditorios mediante placa exterior coa imaxe corporativa da RGTA, na fachada exterior do edificio e de forma visible.

4. Poñer á disposición da RGTA polo menos un espazo da vía pública para a instalación dun soporte

de difusión das programacións e das diversas actividades da rede.

5. Facilitar información mensual dos datos de asistencia e despacho de billetes dos espectáculos exhibidos no teatro ou auditorio.

6. Emitir, polo órgano responsable de programación dos teatros, auditorios e demais espazos escénicos integrantes na RGTA, un certificado ao remate de cada actuación das programacións da rede no cal se deberá facer constar a compañía actuante, a data e o lugar da representación, o número de asistentes e prezo da localidade, así como a informar sobre as incidencias que se produzan. O dito certificado realizarase a través do modelo de folla de despacho de billetes aprobado polo IGAEM.

Artigo 8º.-Dereitos dos espazos escénicos da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Os titulares de teatros, salas e auditorios membros da RGTA terán dereito a:

1. Recibir información sobre as propostas artísticas e de programación coordinadas a través da RGTA.

2. Participar, conforme o procedemento que se detalla no artigo 3º, nos órganos consultivos da RGTA.

3. Ser beneficiarios das axudas anuais ao investimento para a mellora das dotacións técnicas e ao equipamento escénico que, con carácter anual e dentro das súas posibilidades orzamentarias, convoquen o IGAEM; de conformidade co establecido nas bases que as regulen.

4. Recibir información mensual sobre asistencia e recadación dos espectáculos exhibidos no conxunto dos teatros e auditorios da RGTA.

5. Participar no deseño da programación que lles poida afectar.

6. Facer uso da súa condición de membro da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

7. Recibir puntualmente os soportes de publicidade e difusión dos espectáculos programados.

8. Participar na Asemblea da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

9. Ser elector e elixible para formar parte do Comité Técnico da RGTA.

Artigo 9º.-Solicitudes e documentación.

Para poder integrarse dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios (en calquera das dúas modalidades), as persoas titulares dos espazos escénicos que cumpran os requisitos establecidos nesta convocatoria deberán solicitalo ao Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais -IGAEM-, sito na rúa da Vesada, s/n -San Lázaro-, C.P. 15703 de Santiago de Compostela, consonte o modelo que se inclúe como anexo I desta resolución, xuntando os seguintes documentos:

1º Documentación acreditativa da disposición dun espazo escénico axeitado e susceptible de servir á programación da RGTA.

2º Acordo do Pleno ou da Comisión de Goberno -no suposto de entidades locais-, ou ben Acordo do órgano de goberno ou de administración -para o caso doutros entes xurídico-privados-, de solicitude de incorporación e do compromiso de asumir e respectar as condicións polas que se regula a RGTA, de acordo co estipulado na súa normativa de aplicación e nesta resolución.

3º Ficha técnica, segundo modelo que figura como anexo II da convocatoria.

4º Planos visados de planta e de alzado do escenario, do foso e da capacidade da sala.

5º Certificado do secretario do concello, ou de persoa con capacidade legal para actuar en nome da entidade, acreditativa do cumprimento do Regulamento xeral de policía de espectáculos públicos e actividades recreativas, aprobado polo Real decreto 2816/1982, do 27 de agosto, así como da restante normativa legal e vixente en materia de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos públicos; de protección contra incendios, accesibilidade e barreiras arquitectónicas e calquera outra normativa de xeral e pertinente aplicación (este requisito poderá así mesmo acreditarse mediante licenza de apertura do teatro).

6º Compromiso por parte do solicitante de cobrar entrada en todos os espectáculos integrados nas programacións da RGTA, así como de inserir claramente para todos eles o logotipo institucional do IGAEM, xunto co da súa adscrición á Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia.

O IGAEM resolverá sobre a pertinencia ou non da inclusión da entidade solicitante na RGTA no prazo máximo de 3 meses desde a entrada da solicitude nas dependencias deste organismo, logo de ser debidamente informado pola Asemblea e previo informe do Comité Técnico.

Artigo 10º.-Cláusulas de exclusión e de resolución.

As persoas integrantes da RGTA deixarán de pertencer a esta, logo da resolución motivada da Xerencia do IGAEM, nos seguintes casos:

A) Por petición propia -exclusión voluntaria ou por solicitude expresa da persoa titular-:

Cando unha entidade pública ou calquera outra persoa xurídica que fose membro da RGTA -e por acordo do seu órgano de goberno ou administración que solicitou a súa inclusión-, resolva pedir a súa baixa como membro de pleno dereito da rede, deberá notificalo expresamente e de forma que quede debida constancia ante o IGAEM.

B) Causas sobrevidas:

-Incumprimento das obrigas estipuladas nesta resolución.

-Inobservancia dos requisitos mínimos que deberán cumprir en todo caso os espazos escénicos integrados dentro da RGTA.

-Incumprimento das condicións que se poidan establecer a posteriori e que sexan aprobadas polos órganos consultivos da RGTA.

Nestes casos, a súa exclusión será acordada por resolución motivada da Xerencia do IGAEM, logo do informe emitido polo Comité Técnico e escoitada a Asemblea da RGTA.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, o IGAEM -persoalmente ou por mediación dos órganos consultivos da RGTA- terá a facultade de exercer as funcións de control, impulso, coordinación e seguimento das actividades que se programen e desenvolvan de conformidade co previsto nesta resolución, así como da xestión dos asuntos de interese común para a RGTA.

Para realizar estas funcións, poderanse artellar cantos medios estean á disposición tanto da xerencia deste instituto como dos departamentos correspondentes, para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta resolución e na restante normativa vixente que resulte de aplicación.

Igualmente, o IGAEM arbitrará os recursos necesarios para o correcto desenvolvemento das diversas funcións encomendadas aos órganos da RGTA que aparecen consignadas no artigo 3º desta resolución.

Segunda.-Facúltase o xerente do IGAEM para ditar as resolucións que sexan necesarias para a execución desta resolución e da normativa que inclúe.

Terceira.-Posibilidade de recurso.

Esta resolución é definitiva na vía administrativa, e contra ela cabe interpor directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados dende o día seguinte á data da súa notificación, de acordo co disposto no artigo 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Así mesmo, esta resolución poderá ser recorrida potestativamente en reposición, no prazo dun mes dende a publicación da resolución no DOG, e ante o mesmo órgano que a ditou, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Cuarta.-Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2006.

Miguel A. Martín Fernández

Xerente do Instituto Galego das Artes

Escénicas e Musicais

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E TRANSPORTES