DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Venres, 24 de novembro de 2006 Páx. 17.343

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 13 de novembro de 2006 pola que se crea o directorio de axentes colaboradores en materia de rehabilitación.

O Decreto 505/2005, do 22 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Solo establece no seu artigo 1 que lle corresponde á consellería, entre outras, as seguintes funcións: a elaboración das estratexias de acción directa ou fomento para a renovación e recuperación urbana nos centros históricos ou noutros tecidos urbanos degradados que permitan a súa recuperación e a implantación das medidas para a recuperación e rehabilitación de núcleos e vivendas rurais, co fin de revitalizar os asentamentos de poboación e evitar o despoboamento do medio rural, na procura da posta en valor dun patrimonio arquitectónico da comunidade.

Deste xeito, a través da Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, estanse levando a cabo as medidas oportunas para o fomento da rehabilitación, recuperación e renovación dos centros históricos, dos tecidos urbanos degradados, das áreas de rehabilitación, do medio rural e das vivendas e edificacións que se sitúen nestes ámbitos, mediante o establecemento e xestión de varios tipos de axudas, co obxecto de que, ademais de mellorar as condicións de habitabilidade destas, supoñan actuacións respectuosas co patrimonio construído e co contorno onde se atopan.

Por outra banda, a Consellería de Vivenda e Solo está a impulsar o apoio aos axentes intervenientes nos procesos de rehabilitación, co obxecto de conseguir a conservación do patrimonio construído e a rexeneración de zonas deprimidas.

Estas liñas de actuación pasan por unha potenciación das oficinas de rehabilitación co obxecto de informar, orientar e asesorar os propietarios e técnicos sobre os criterios de intervencións, actuacións protexidas, e requisitos para acceder ás axudas.

Ao mesmo tempo, e co obxecto de simplificar e clarificar a execución das obras, é vontade da consellería crear un directorio de axentes colaboradores que cumpran os requisitos e condicións fixadas na presente orde.

A inscrición no citado directorio supón a inclusión nunha relación de axentes colaboradores que será pública e se lles facilitará ás persoas promotoras de actuacións protexibles subvencionadas pola Consellería de Vivenda e Solo con efecto meramente informativo.

En virtude do anteriormente exposto,

DISPOÑO

Artigo 1º.-Obxecto.

O directorio de axentes colaboradores en materia de rehabilitación, adscrito á Consellería de Vivenda e Solo, ten por obxecto poñer á disposición dos solicitantes das axudas en materia de rehabilitación tramitadas pola Consellería de Vivenda e Solo unha relación de axentes colaboradores para simplificar, facilitar e axilizar a xestión e execución das obras de rehabilitación, para as que se solicitan axudas públicas. Este directorio terá, exclusivamente, un carácter informativo para os promotores, sen que en ningún caso a inscrición supoña un requisito obrigado para a execución de obras de rehabilitación.

Artigo 2º.-Dependencia do directorio.

A xestión do directorio de axentes colaboradores en materia de rehabilitación corresponderá á Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda.

Artigo 3º.-Suxeitos.

Poderán inscribirse no directorio aquelas persoas físicas ou xurídicas que interveñan no proceso das obras de rehabilitación con suxeición ás condicións establecidas na presente orde.

En todo caso, a inscrición leva consigo a aceptación, como referencia, do catálogo de prezos de rehabilitación para cada unha das seccións que figura exposto na páxina web da Consellería de Vivenda e Solo, da que poderá descargarse, e así mesmo, estará dispoñible un exemplar para consulta nas delegacións provinciais e servizos centrais da Consellería de Vivenda e Solo, e para as partidas non consideradas teranse en conta as da base de datos da construción de Galicia. Para as partidas neles non definidas determinaranse os rendementos por asimilación doutras partidas.

Artigo 4º.-Seccións.

O directorio estruturarase nas seguintes seccións:

1. Sección I: subministradores de materiais.

2. Sección II: oficios.

3. Sección III: contratistas.

4. Sección IV: técnicos.

Artigo 5º.-Asentos de inscrición.

Os asentos de inscrición conterán, como mínimo, os seguintes datos:

a) Número de inscrición.

b) Indicación da actividade e localización.

c) Persoa física ou xurídica titular da empresa co seu número ou código de identificación fiscal.

d) Inscrición, se é o caso, no rexistro mercantil, cos datos que del se consideren relevantes.

e) Actuacións realizadas en materia de rehabilitación.

f) Observacións.

g) Persoa e teléfono de contacto.

Artigo 6º.-Modificación dos datos da inscrición.

1. Os axentes inscritos no directorio están obrigados a comunicar, no prazo máximo dun mes, calquera modificación ou alteración que afecte os datos consignados nel e, en particular, os seguintes:

a) Todas as incidencias posteriores á inscrición, en particular, os cambios de titularidade, os de denominación da empresa e as modificacións ou reformas que afecten as condicións en que se outorgou a inscrición inicial.

b) As obras, traballos ou subministracións en materia de rehabilitación posteriores á inscrición realizados por cada interesado inscrito.

c) As resolucións xudiciais e administrativas firmes que afecten a persoa ou empresa inscrita referidas á súa actividade, e que impliquen a modificación ou alteración dos datos contidos no asento de inscrición.

Artigo 7º.-Procedemento.

1. O procedemento de inscrición no directorio iniciarase mediante a presentación da correspondente solicitude, xuntando a documentación que se determina nos anexos que se acompañan, referidos a cada unha das seccións.

2. Os axentes que se atopen inscritos no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia presentarán unicamente o número de inscrición, acompañado daquela documentación que solicitada no anexo II, non conste no dito rexistro.

3. A persoa que desempeñe a titularidade da Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda será competente para resolver. Contra a citada resolución caberá recurso de alzada no prazo máximo dun mes.

4. O prazo para resolver o procedemento será de tres meses, contados desde a data en que a solicitude entrase no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. No caso de que non se ditase a resolución no dito prazo, a solicitude entenderase estimada conforme o establecido no artigo 43 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións publicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Duración e cancelación das inscricións.

1. A inscrición no directorio terá carácter permanente, debendo, unicamente, achegar os interesados aquela documentación que, pola súa data de

caducidade, deba ser renovada en cumprimento das condicións da inscrición e, anualmente, declaración expresa responsable, relativa á vixencia sen contradición das circunstancias que motivaron a inscrición no directorio.

2. O incumprimento desta obriga suporá a suspensión provisional dos efectos da inscrición ata a súa emenda. Transcorridos 4 meses sen recibir a documentación sinalada no punto anterior, procederase á anulación definitiva da inscrición no directorio.

3. O incumprimento substancial do resto das condicións preceptuadas na presente orde polos titulares das inscricións poderá ser determinante da cancelación definitiva destas, logo do oportuno expediente incoado para o efecto con audiencia do interesado.

Artigo 9º.-Cesión de datos.

O dereito de acceso ao directorio queda suxeito ao establecido na normativa xeral aplicable, e, en especial, á Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2006.

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo

ANEXO I

Sección primeira

Subministradores de materiais

Con carácter xeral, considéranse subministradores de materiais os fabricantes, almacenistas, importadores ou vendedores de produtos de construción.

Para efectos deste directorio créanse as seguintes subseccións:

1. Madeira aserrada.

2. Madeira laminada.

3. Pedra.

4. Placas e láminas impermeables baixo tella.

5. Tella curva ou plana, nova e vella.

6. Sistemas de evacuación de pluviais de zinc-titanio ou cobre.

7. Gardacanos a pé de baixante novos ou de derruba.

8. Sistemas de tabicaría e pavimentación en seco.

9. Cal e argamasas de cal.

10. Pinturas.

11. Produtos para o tratamento anti-xilófagos e funxicidas de madeira.

12. Sistemas de impermeabilización para locais húmidos da vivenda.

13. Pavimentos de madeira.

14. Pavimentos cerámicos.

15. Pavimentos terrazos e baldosas hidráulicas.

16. Portas interiores en madeira.

17. Ferraxes para carpintaría.

18. Carpintaría de madeira.

19. Carpintaría metálica.

20. Instalacións de calefacción.

21. Instalacións de electricidade.

22. Instalacións de auga.

23. Instalacións de saneamento.

24. Outros.

Un mesmo axente poderá figurar inscrito en varios grupos sinalados.

Sección segunda

Oficios

Son os axentes que asumen a elaboración ou a execución dunha fase da obra.

Para efectos deste directorio créanse as seguintes subseccións:

1. Canteiros.

2. Albaneis.

3. Carpinteiros.

4. Zinqueiros.

5. Fontaneiros.

6. Estucadores.

7. Pintores.

8. Electricistas.

9. Calefactores.

10. Outros.

Sección terceira

Contratistas

É o axente que asume, contractualmente ante o promotor, o compromiso de executar con medios humanos e materiais, propios e alleos, as obras ou parte destas con suxeición ao proxecto e ao contrato.

Sección cuarta

Técnicos

Son os axentes que, por encargo do promotor, redactan os proxectos, asumen a dirección de obra ou a dirección de execución de conformidade coas disposicións legais vixentes para cada profesión, de acordo coas especialidades e competencias específicas.

Para efectos deste directorio créanse as seguintes subseccións:

1. Técnicos de grao superior.

2. Técnicos de grao medio.

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA