DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Xoves, 23 de novembro de 2006 Páx. 17.280

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 212/2006, do 16 de novembro, polo que se modifica o Decreto 562/2005, do 1 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria.

Polo Decreto 562/2005, do 1 de decembro (Diario Oficial de Galicia nº 237, do 13 de decembro) fixouse a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), precisándose no seu capítulo II, artigo 13º, a estrutura administrativa do dito organismo autónomo.

No marco das distintas funcións das unidades en que se estrutura o Fogga, faise referencia ás medidas financiadas pola sección Garantía do FEOGA así como á execución e contabilización dos pagamentos con cargo ao dito fondo, consonte co previsto no Decreto 359/1996, do 13 de setembro, que constituiu o Fogga como organismo pagador dos gastos que leva consigo a execución da política agrícola común, FEOGA-Garantía, na Comunidade Autónoma de Galicia.

Coa entrada en vigor do Regulamento (CE) 1290/2005, do Consello, do 21 de xuño, sobre o financiamento da política agrícola común, e as súas disposicións de aplicación, a partir do exercicio 2007 substitúese o FEOGA polos dous novos fondos agrícolas europeos, o Feaga e o Feader, establecendo para os dous a xestión a través do sistema de organismos pagadores. En aplicación do dito regulamento, o Decreto 155/2006, do 7 de setembro, constitúe o Fogga como o organismo pagador dos fondos europeos agrarios en Galicia.

Pola dita razón, procede modificar as referencias ao fondo agrícola substituído e adaptar as denominacións de determinadas unidades do Fogga á súa situación actual como organismo pagador do Feaga e do Feader e, ademais, como organismo xestor das diferentes medidas e programas do Feaga.

Xa que logo, por proposta do conselleiro do Medio Rural, e logo do informe da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de Economía e Facenda, e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de novembro de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modificación do Decreto 562/2005, do 1 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellaría do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria.

O artigo 13 do Decreto 562/2005, do 1 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria, modifícase nos seguintes termos:

Un. O punto 1.1 queda redactado como segue:

«1.1. Servizo de Xestión Económica, Tesouraría e Contratación, corresponderalle a xestión do orzamento do organismo, da súa tesouraría e da contabilidade, así como a execución e contabilización de todos os pagamentos e o rexistro das operacións con cargo aos fondos Feaga e Feader. Así mesmo, compételle a xestión da contratación administrativa».

Dous. O primeiro parágrafo do punto 2 queda redactado como segue:

«2. Subdirección Xeral de Programas Feaga, a que lle corresponde, baixo a dependencia do director do organismo, a realización das funcións necesarias para a aplicación da PAC no eido agrícola e gandeiro, respecto das axudas e subvencións con cargo ao Feaga e no que atinxe ás medidas de intervención e regulación de mercados das distintas organizacións comúns de mercado, con cargo ao dito fondo».

Tres. A denominación da unidade a que se refire o punto 3 queda redactada como segue: «Servizo de Auditoría Interna dos Fondos Agrarios Europeos».

Disposición derrogatoria

Queda derrogada calquera disposición de rango igual ou inferior que se opoña ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-As modificacións que se establecen neste decreto non supoñen incremento de gasto.

Segunda.-As referencias efectuadas á sección Garantía do Fondo Europeo de Orientación e Garantía Agrícola (FEOGA) nos puntos 1º e 3º do artigo 13 do Decreto 562/2005, do 1 de decembro, entenderanse feitas aos fondos europeos agrarios Feaga e Feader; e as mesmas referencias efectuadas nos puntos 2.1 e 2.2 do dito artigo, entenderanse efectuadas ao fondo europeo agrario Feaga.

Terceira.-Facúltase o conselleiro do Medio Rural para ditar as normas complementarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Cuarta.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de novembro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural