DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Martes, 21 de novembro de 2006 Páx. 17.097

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

ORDE do 17 de novembro de 2006 pola que se modifica a do 4 de setembro de 2006 pola que se establecen axudas para a reparación de danos e perdas nos terreos cinexeticamente ordenados-Tecor de Galicia, ocasionados polos incendios acaecidos durante os días 4 a 14 de agosto do ano en curso.

O Decreto 138/2006, do 24 de agosto, de medidas urxentes para a reparación de danos e perdas causados pola vaga de incendios que devastaron Galicia

durante os días 4 a 14 de agosto do ano en curso, regula unha serie de medidas para a reparación dos danos e perdas causados polos incendios forestais durante o citado período.

O artigo 11 do Decreto 138/2006, establece unha liña de axudas para a recuperación dos terreos e hábitats cinexéticos nas zonas afectadas, previndo o artigo 12 que as citadas axudas se financiarán con cargo aos orzamentos das respectivas consellerías afectadas, e a disposición derradeira primeira faculta os distintos titulares dos departamentos autonómicos para que, no ámbito das súas competencias, diten as disposicións necesarias para o desenvolvemento do citado decreto.

En consecuencia, por razóns de urxencia, coidouse conveniente establecer a convocatoria pública das axudas polos danos causados pola vaga de incendios do 4 ao 14 de agosto. Así, o 5 de setembro de 2006 publicouse a Orde do 4 de setembro de 2006 pola que se establecen axudas para a reparación de danos e perdas nos terreos cinexeticamente ordenados-Tecor de Galicia ocasionados polos incendios forestais acaecidos durante os días 4 a 14 de agosto do ano en curso.

A citada orde establecía no seu artigo 2 as actuacións subvencionables, que consistirán na sementeira de cereais de inverno, nos terreos cinexeticamente ordenados afectados polo vaga de incendios forestais referida.

Unha vez constatado que os danos sufridos polos terreos cinexeticamente ordenados (Tecor), foron de maior amplitude que a simple perda do hábitat, parece razoable ampliar as actuacións incluídas na dita orde e deste xeito, incorporar como actuacións subvencionables a recuperación das infraestruturas destruídas e a recuperación das poboacións de perdiz rubia e coello de monte.

Xa que logo, de conformidade co artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícase o artigo 2 da Orde do 4 de setembro de 2006, pola que se establecen axudas para a reparación de danos e perdas nos terreos cinexeticamente ordenados-Tecor de Galicia ocasionados polos incendios forestais acaecidos durante os días 4 ao 14 de agosto do ano en curso, que queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 2º.-Actuacións subvencionables:

1. Son obxecto das axudas reguladas por esta orde:

a) As actuacións nos terreos cinexeticamente ordenados coa finalidade de recuperación dos hábitats cinexéticos e a protección do solo nas zonas afectadas.

b) A recuperación das infraestruturas destruídas.

c) A recuperación das poboacións de perdiz rubia e coello de monte.

2. As actuacións referidas na alínea a) consistirán na sementeira de cereais, nos terreos cinexeticamente ordenados afectados pola vaga de incendios forestais referida, actuación que realizará a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible nos termos que se refiren con posterioridade e tras a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e o Tecor beneficiario correspondente, tal e como se recolle no anexo II. Para tal efecto, as actuacións de sementeira poderanse estender ata o 10% da superficie queimada.

O custo subvencionable será dun máximo de 600 euros por hectárea.

3. Tamén se poderá solicitar a adquisición de reprodutores de perdiz rubia, cuxa procedencia deberá garantir a súa idoneidade e as instalacións provisionais para a súa adaptación; a instalación de biotopos, con malla metálica de protección contra depredadores, para a reintrodución de coellos coa carga de reprodutores, que tamén deberán ter unha procedencia garantida e que en ningún caso deberán de ser menos de doce por biotopo; instalacións para subministración de alimentos e bebidas, e reposición da sinalización deteriorada polos incendios.

No caso de non ser abondo o orzamento consignado para atender as solicitudes de axuda con cargo ao artigo 2.1º, alíneas b) e c) ratearase o importe a conceder entre as solicitudes presentadas en función do investimento solicitado.

Non obstante, terá prioridade a resolución das axudas solicitadas ao abeiro do disposto no artigo 2.1º a) desta orde, polo que só se poderán conceder as axudas previstas nas alíneas b) e c) do devandito artigo co remanente orzamentario resultante logo da resolución das primeiras.

Artigo 2º

Engádese un parágrafo 3 ao artigo 4. «Solicitude de axudas», da Orde do 4 de setembro de 2006, que queda redactado como segue.

«3. No suposto de solicitude por danos a infraestruturas, os interesados presentarán unha memoria sobre os danos causados no Tecor nas súas infraestruturas ou instalacións afectadas, incluíndo unha relación valorada destes, a xustificación da titularidade, propiedade ou dereito de usos dos ditos bens e a acreditación por medio de calquera medio probatorio documental ou gráfico dos danos sufridos obxecto da axuda».

Artigo 3º

Incorporase un novo artigo 5º.bis á Orde do 4 de setembro de 2006, relativo ao prazo de presentación de solicitudes, coa seguinte redacción:

«Artigo 5º.bis.

As solicitudes de axuda para a recuperación das infraestruturas destruídas e a recuperación das

poboacións de perdiz rubia e coello de monte, obxecto desta orde modificativa, presentaranse no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, axustándose no resto dos termos ao previsto no artigo 5 da Orde do 4 de setembro».

Artigo 4º

Engádense dous novos parágrafos ao artigo 6 da Orde do 4 de setembro de 2006, nos seguinte termos:

«6. O preceptor da axuda queda obrigado no caso de danos en infraestruturas a investir a axuda na reparación ou reposición dos danos segundo a memoria presentada, de xeito que se manteña a situación existente con anterioridade ao comezo dos lumes. Para tal efecto achegará a seguinte documentación:

* Facturas, facturas pro forma ou orzamentos conformados.

* Calquera outro documento que xustifique o emprego da axuda na reparación ou reposición de danos.

7. Con carácter xeral e salvo que a resolución da concesión da axuda dispoña o contrario, a xustificación do remate das actividades e do pagamento de conceptos correspondentes a elas, no suposto de solicitudes correspondentes á recuperación das infraestruturas destruídas e á recuperación das poboacións de perdiz rubia e coello de monte, deberá realizarse antes do 15 de decembro».

Artigo 5º

Engádese un novo artigo 7º.bis á Orde do 4 de setembro de 2006, que queda redactado como segue:

«Artigo 7.bis. Solicitude de pagamento.

1. Para recibir o importe da axuda correspondente ás actuacións previstas nas alíneas b) e c) do parágrafo 1 do artigo 2, a beneficiaria deberá presentar, antes do vencemento do prazo de xustificación, nos lugares e forma sinalados no artigo 5 da Orde do 4 de setembro, copia da seguinte documentación:

a) Documentación que acredite efectivamente a realización dos pagamentos: extractos de contas, ordes de transferencia, talóns, certificacións bancarias ou documentos equivalentes. No caso de acudir á contratación externa, á anterior documentación xuntarase copia das facturas emitidas polos provedores.

b) Declaración xuradas, con acompañamento de documentación, se é o caso, doutras subvencións concedidas ou solicitadas para a financiamento das actividades.

2. Os servizos provinciais de Conservación da Natureza comprobarán a documentación e engadirán as certificacións sobre o grao de execución das actividades subvencionadas e sobre a adecuación destas á documentación que serviu de base para a concesión da axuda.

3. Unha vez realizado isto, o expediente remitirase xunto cunha proposta de pagamento á Dirección Xeral de Conservación da Natureza».

Artigo 6º

Engádese un novo artigo 7º.ter á Orde do 4 de setembro de 2006, que queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 7º.ter.-Pagamento.

O pagamento das axudas relativo ás actuacións previstas nas alíneas b) e c) do parágrafo 1 do artigo 2º, corresponderase co importe que resulte de aplicar a porcentaxe da axuda aos gastos subvencionables. Excepcionalmente, por resolución do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, poderase subvencionar só unha parte dos gastos aprobados sempre que se xustifique documentalmente o motivo de non realizar o total do gasto e que a parte executada constitúa unha unidade operativa independente. Neste caso aplicarase a correspondente minoración».

Disposición derradeira

Esta disposición entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2006.

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente e

Desenvolvemento Sostible