DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Martes, 21 de novembro de 2006 Páx. 17.090

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

DECRETO 207/2006, do 16 de novembro, polo que se suspende a vixencia das normas subsidiarias de planeamento municipal da Estrada (Pontevedra) e se aproba a ordenación urbanística provisional aplicable ata a entrada en vigor do novo plan.

1. As normas subsidiarias de planeamento municipal da Estrada foron aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo de Pontevedra do Ministerio de Obras Públicas e Urbanismo, con data do 11 de outubro de 1978.

O acordo de aprobación definitiva, publicado no BOP de Pontevedra nº 276, do 29 de novembro de 1978, especifica que a vixencia máxima das normas será de dous anos para facilitar a aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación.

Desde aquela data, o Concello da Estrada elaborou e tramitou xa ata tres plans xerais de ordenación diferentes sen que ningún deles chegase a acadar a aprobación definitiva, incumpríndose o prazo fixado no acordo de aprobación definitiva das normas subsidiarias de planeamento municipal.

2. As vixentes normas subsidiarias de planeamento municipal non se adaptan á lexislación urbanística autonómica actualmente en vigor -a Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e pro

tección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro-, nin tampouco á lexislación básica do Estado -a Lei 6/1998, sobre réxime do solo e valoracións-, a pesar de ter concluído o prazo establecido na disposición transitoria segunda da Lei 9/2002, para adaptar o planeamento urbanístico municipal ao disposto na lei vixente.

Esta falta de adaptación á lexislación urbanística vixente resulta particularmente grave no que atinxe á clasificación urbanística do solo para aplicar o réxime xurídico correspondente. O planeamento vixente non distingue entre o solo urbano consolidado e o non consolidado e unha parte importante dos terreos clasificados como urbanos non reúnen as condicións establecidas no artigo 12 a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

A ordenación urbanística establecida para o solo urbano resulta obsoleta, con edificabilidades superiores aos límites de sustentabilidade establecidos no artigo 46 da Lei 9/2002 e sen previsión de novas reservas de solo para dotacións públicas locais, incumprindo os estándares mínimos de calidade de vida e cohesión social establecidos no artigo 47 da Lei 9/2002.

O planeamento vixente non delimita o ámbito dos núcleos rurais tradicionais existentes no termo municipal, que conta con 473 entidades de poboación, distribuídas en 51 parroquias, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística.

As vixentes normas subsidiarias non conteñen un catálogo do patrimonio cultural existente dentro do termo municipal, deixando sen protección o patrimonio arquitectónico, os xacementos arqueolóxicos e outros elementos do patrimonio cultural con grave risco de que desaparezan por completo.

No mesmo senso, debe sinalarse que as normas do ano 1978 non conteñen determinacións tendentes a protexer, delimitar e identificar os espazos naturais existentes dentro do municipio, nin das áreas susceptibles de protección polos seus valores paisaxísticos, ecolóxicos, históricos, culturais e outros merecedores de protección.

Ao anterior debe engadirse a ausencia de calquera previsión relativa ao sistema xeral de espazos libres e zonas verdes de dominio e uso público, que segundo a lexislación actual non pode ser inferior a 15 m por cada 10 m edificables de uso residencial, así como a ausencia de previsión do sistema xeral de equipamentos, que non pode ser inferior a 5 m por cada 100 m edificables de uso residencial.

Ademais, o modelo territorial establecido nas normas subsidiarias de planeamento quedou substancialmente alterado como consecuencia das actuacións de carácter supramunicipal levadas a cabo pola Administración autonómica e estatal, como son as instalacións da Academia Galega de Seguridade (hoxe Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia), a variante da estrada N-640 e as infraestruturas ferroviarias do AVE Santiago-Ourense.

En definitiva, as deficiencias da ordenación urbanística contidas nas normas subsidiarias de planea

mento municipal de 1978, a excesiva capacidade residencial permitida polo plan, as insuficientes previsións do sistema viario, de infraestruturas, de zonas verdes e de dotacións urbanísticas, a clasificación do solo inadecuada, os valores do medio natural e do patrimonio construído, o carácter obsoleto da normativa vixente, que xera inseguridade xurídica e non diferenza entre o solo urbano consolidado e non consolidado, están a poñer en grave risco o desenvolvemento equilibrado e sustentable do territorio.

3. A gravidade da situación motivou que o Pleno do Concello da Estrada, en sesión extraordinaria e urxente celebrada o pasado 2 de agosto de 2006, por unanimidade, acordase solicitar da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes a adopción das medidas urxentes para evitar as graves consecuencias derivadas da aplicación das normas subsidiarias de planeamento municipal de 1978.

4. A Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, no seu artigo 96, establece que o Consello da Xunta de Galicia, por instancia do conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio, e logo de audiencia do concello afectado, poderá suspender para a súa revisión, en todo ou en parte do ámbito a que se refiran, a vixencia dos instrumentos de ordenación urbanística. Así mesmo, establece que coa suspensión se aprobará a ordenación provisional que se publicará no Diario Oficial de Galicia e estará vixente con carácter transitorio ata a entrada en vigor do novo planeamento.

5. A ordenación urbanística provisional redactouse atendendo aos seguintes criterios:

a) Nos terreos que as normas subsidiarias de planeamento municipal da Estrada de 1978 clasificaron como solo urbano, diferénciase o consolidado do non consolidado atendendo ao disposto no artigo 12 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia. Na categoría de solo urbano consolidado incluíronse os terreos que merecen a condición de soares ou que, polo seu grao de urbanización efectiva e asumida por esta ordenación urbanística, poidan adquirir a condición de soar mediante obras accesorias e de escasa entidade que poidan executarse simultaneamente coas de edificación e construción. Incluíronse na categoría de solo urbano non consolidado a restante superficie de solo urbano que no momento de iniciarse o expediente de suspensión non reunía os requisitos para ser considerado como consolidado.

En prol da seguridade xurídica, con esta ordenación provisional apróbase un plano de delimitación do perímetro do solo urbano consolidado, no que se reflicte tamén o ámbito de aplicación das distintas ordenanzas.

A ordenación provisional do solo urbano consolidado baséase nas ordenanzas establecidas nas normas subsidiarias de planeamento urbanístico da Estrada, coas medidas cautelares necesarias para manter a trama urbana existente.

A ordenación urbanística do solo urbano non consolidado é función que corresponde ao futuro Plan Xeral de Ordenación Municipal, no que deberán incorporarse os límites de edificabilidade e as reservas

mínimas de solo para dotacións públicas e para vivendas suxeitas a algún réxime de protección pública, de conformidade co establecido na Lei 9/2002.

b) No solo urbanizable inclúense os sectores que contan con plan parcial aprobado definitivamente antes da suspensión do planeamento.

c) Naqueles asentamentos de poboación existentes no termo municipal da Estrada, nos cales concorran os requisitos establecidos no artigo 13 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, aplicarase o réxime establecido para o solo de núcleo rural, aínda que, dado que as normas subsidiarias de planeamento municipal de 1978 non delimitaron o seu ámbito, e mentres non sexan delimitados definitivamente no futuro Plan Xeral de Ordenación Municipal, para posibilitar a edificación neles poderán aprobarse as delimitacións de núcleos rurais ao abeiro do número 2 da disposición adicional segunda da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro.

d) Os terreos que as normas subsidiarias de planeamento clasificaron como solo non urbanizable quedan sometidos aos correspondentes réximes de especial protección establecidos na Lei 9/2002, en función dos valores naturais, paisaxísticos, culturais, forestais ou de protección do dominio público que concorren.

6. Na tramitación do expediente de suspensión cumpriuse o procedemento establecido no artigo 96 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Conferido trámite de audiencia ao Concello da Estrada, o Pleno da Corporación, en sesión do 6 de novembro de 2006, acorda aceptar a proposta de ordenación urbanística provisoria contida no proxecto de decreto.

A Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, en sesión do 10 de novembro de 2006, emite ditame favorable sobre o proxecto de decreto.

7. De canto antecede só pode concluírse que concorren circunstancias obxectivas que determinan a necesidade de atallar as consecuencias indesexables que derivan da aplicación da ordenación establecida polas actuais normas subsidiarias de planeamento municipal da Estrada, e de proceder á urxente revisión do planeamento para elaborar unha nova ordenación que se adapte integramente ao ordenamento xurídico vixente e que garanta un desenvolvemento urbanístico sustentable.

Na súa virtude, en atención á solicitude presentada polo Concello da Estrada, de conformidade co ditame da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, por proposta da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de novembro de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Suspender para a súa revisión, en todo o termo municipal da Estrada, provincia de Pontevedra, a vixencia das normas subsidiarias de planeamento municipal

aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo de Pontevedra con data do 11 de outubro de 1978 e dos demais instrumentos de ordenación urbanística aprobados no seu desenvolvemento.

Artigo 2º

Aprobar a ordenación urbanística provisional de aplicación no termo municipal da Estrada que se insire no anexo deste decreto e nos planos de ordenación provisional que reflicten o perímetro do solo urbano consolidado, o ámbito de aplicación de cada ordenanza provisional neste tipo de solo, e o ámbito do solo urbanizable.

Esta ordenación urbanística provisional estará vixente con carácter transitorio ata a entrada en vigor do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Disposición adicional

Facúltase a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes para ditar cantas disposicións e resolucións sexan necesarias para a debida aplicación e execución deste decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de novembro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes

ANEXO

ORDENACIÓN URBANÍSTICA PROVISIONAL

ORDENANZAS REGULADORAS

1. Solo urbano consolidado.

1.1. Ámbito de aplicación.

As ordenanzas que a seguir se establecen serán de aplicación aos terreos clasificados como solo urbano nas normas subsidiarias de planeamento municipal da Estrada, aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo de Pontevedra o 11 de outubro de 1978, que merezan a condición de soares ou que, polo seu grao de urbanización efectiva e asumida por esta ordenación urbanística, poidan adquirir a condición de soar mediante obras accesorias e de escasa entidade que poidan executarse simultaneamente coas de edificación e construción.

Para estes efectos, enténdese que son soares edificables as parcelas que, no momento da entrada en vigor desta ordenación provisional, cumpren os requisitos establecidos no artigo 16.1º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e no artigo 19 das vixentes normas complementarias e subsidiarias de planeamento provinciais, aprobadas definitivamente pola Orde do 3 de abril de 1991, da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas.

Considéranse como obras accesorias de escasa entidade as de acondicionamento da vía existente na fronte da parcela e as de enganche ás redes de servizos existentes na fronte da parcela.

En ningún caso terán a consideración de solo urbano consolidado as parcelas que non dean fronte a vía pública pavimentada e con todos os servizos urbanísticos necesarios no momento da iniciación do expediente de suspensión do planeamento.

O perímetro do solo urbano consolidado queda reflectido no plano de delimitación que se aproba con este decreto.

1.2. Condicións xerais de edificación aplicables en todas as ordenanzas de solo urbano.

1.2.1. De conformidade co sinalado no artigo 46.6º da Lei 9/2002, para a determinación da superficie edificable total permitida pola ordenanza respectiva, computaranse todas as superficies edificables de carácter lucrativo, calquera que sexa o uso ao que se destinen, incluídas as construídas no subsolo e os aproveitamentos baixo cuberta, coa única excepción das construídas no subsolo con destino a rochos de superficie inferior a 10 metros cadrados vinculados ás vivendas do edificio, aparcadoiros e instalacións de calefacción, electricidade, gas ou análogas.

1.2.2. As alturas máximas permitidas nas distintas ordenanzas mediranse no centro de todas as fachadas, desde a rasante da vía pública a que dá fronte a parcela ou da rasante natural do terreo en contacto coa edificación, ata o plano inferior do último forxado.

1.2.3. Permítese a construción de semisotos que non sobresaian máis dun metro en calquera das rasantes do terreo en contacto coa edificación nin superen a proxección vertical das plantas superiores sobre rasante.

Tamén se permiten a construción de ata dous sotos sempre que non sobresaian en ningún punto da rasante natural do terreo en contacto coa edificación; neste caso, poderán superar a proxección vertical das plantas superiores sen exceder do límite máximo de 21 metros de fondo edificable.

1.2.4. As aliñacións e rasantes da vía pública serán as actualmente existentes e consolidadas pola edificación existente que se reflicten no plano de delimitación aprobado con este decreto.

Prohíbese a apertura de novas vías non existentes no momento da entrada en vigor desta ordenación provisional.

1.2.5. As cubertas das edificacións estarán formadas por planos inclinados sen quebraduras das súas vertentes e prohíbense os áticos, as mansardas e outros volumes sobre as vertentes de cuberta, permitíndose unicamente chemineas e antenas. A pendente máxima permitida será de 40º medidos desde o plano superior do último forxado, cunha altura máxima de cumieira de 4,50 metros.

Permítese o aproveitamento da planta baixo cuberta sen alterar as condicións xeométricas establecidas neste punto.

1.2.6. As edificacións e construcións cumprirán as condicións de adaptación ao ambiente establecidas no artigo 104 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e as condicións establecidas nos artigos 15 a 18 das vixentes normas complementarias e subsidiarias de planeamento provinciais, aprobadas definitivamente pola Orde do 3 de abril de 1991, da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas.

1.2.7. Disporase obrigatoriamente dunha praza de aparcadoiro por cada 100 m de superficie construída sobre rasante, calquera que sexa o uso ao que se destine tal edificabilidade.

1.2.8. No solo urbano será aplicable a ordenanza de protección do patrimonio construído contida no punto 6 desta ordenación provisional e prevalecerá sobre as ordenanzas de solo urbano contidas neste punto 1.

1.3. Ordenanza de solo urbano de baixa densidade.

1.3.1. Ámbito de aplicación.

Esta ordenanza é de aplicación aos terreos de solo urbano consolidado que se reflicten no plano de delimitación aprobado con este decreto, e que se corresponde cos terreos cualificados como «parque urbanizado» segundo as normas subsidiarias de planeamento municipal, aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo de Pontevedra o 11 de novembro de 1978, nos cales concorren os requisitos sinalados no punto 1.1 da presente ordenación provisional.

1.3.2. Condicións específicas de edificación.

a) Tipoloxía: edificación de vivenda unifamiliar illada.

b) Parcela mínima: 300 metros cadrados.

c) Fronte mínimo de parcela: 12 metros.

d) Ocupación máxima da parcela pola edificación: 200 metros cadrados.

e) Recuado mínimo: 3 metros a todas as estremas da parcela.

f) Altura máxima: planta baixa e unha planta alta, cun máximo de 7 metros.

1.3.3. Usos.

O uso principal será o residencial en vivenda unifamiliar. Tamén se permitirán, sempre que resulten compatibles co uso residencial, os seguintes usos: hostaleiro, comercial, artesanal, oficinas, espectáculos públicos e actividades recreativas, sociais, culturais, deportivos, relixiosos, docentes, sanitarios, asistenciais, garaxes e servizos do automóbil.

1.4. Ordenanza de solo urbano de media densidade.

1.4.1. Ámbito de aplicación.

Esta ordenanza é de aplicación aos terreos de solo urbano consolidado que se reflicten no plano de delimitación aprobado con este decreto e que se corresponden cos cualificados como «edificación cerrada» segundo as normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo de Pontevedra o 11 de outubro

de 1978, nos cales concorren os requisitos sinalados no punto 1.1 da presente ordenación provisional.

1.4.2. Condicións específicas de edificación.

a) Tipoloxía: edificación entre medianís formando cuarteiróns pechados de uso característico residencial en vivenda colectiva.

b) Parcela mínima: 200 metros cadrados.

c) Fronte mínima á vía pública: 12 metros.

d) Fondo máximo edificable: será o que se determina no plano de delimitación do solo urbano consolidado que se aproba con este decreto, sen superar en ningún caso os 18 metros.

e) A edificación deberá construírse coa liña de fachada sobre a aliñación exterior e encostarse ás estremas laterais.

f) Altura máxima das edificacións: será a que se determina no plano de delimitación do solo urbano consolidado que se aproba con este decreto.

A correlación entre o número máximo de plantas permitido e a altura de cornixa en metros, será a seguinte:

-1 planta: 4 metros.

-2 plantas: 7 metros.

-3 plantas: 10 metros.

-4 plantas: 13 metros.

-5 plantas: 16 metros.

-6 plantas: 19 metros.

En ningún caso poderá superarse a altura máxima de 6 plantas.

g) Voos: non se permitirán corpos voados pechados sobre as vías ou espazos públicos. Unicamente se permiten galerías ou balcóns coas seguintes condicións:

-Que estean a unha altura maior de 3,60 metros por enriba da rasante da rúa, medidas desde o punto máis desfavorable.

-Que se separen da parede medianeira un mínimo de 1 metro.

-Nas rúas de largo inferior a 8 metros non se permiten.

-Nas rúas con largo superior a 8 metros, os saíntes poden acadar 1/20 do largo da rúa, non podendo exceder a dimensión dun metro.

h) Chafráns: será obrigatorio nos casos reflectidos no plano de ordenación así como nas esquinas das rúas, en todas as plantas, cunha dimensión igual ou superior a 3 metros medidos na perpendicular á bisectriz do ángulo formado polas aliñacións das fachadas, debendo manterse nas plantas de pisos superiores, cos voos e saíntes autorizados.

i) Nos patios de cuarteiróns pechados sinalados no plano de delimitación do perímetro urbano, poderá ocuparse a totalidade do patio en planta baixa, semisoto e sotos. Neste caso, a cuberta da planta superior situada no patio do cuarteirón deberá estar formada por un plano horizontal.

1.4.3. Usos.

En planta baixa permitirase o uso residencial, así como tamén os usos hostaleiro, comercial, artesanal, oficinas, espectáculos públicos e actividades recreativas, sociais, culturais, deportivos, relixiosos, docentes, sanitarios, asistenciais, garaxes e servizos do automóbil, sempre que resulten compatibles co uso residencial.

En plantas altas permítese o uso residencial e outros usos que resulten compatibles co residencial. En ningún caso se permitirán os usos ou actividades suxeitas ao Regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas, aprobado polo Decreto 2414/1961, do 30 de novembro, ou suxeitas ao Regulamento xeral de policía de espectáculos públicos e actividades recreativas, aprobado polo Real decreto 2816/1982, do 27 de agosto.

1.5. Ordenanza de solo urbano de edificación aberta.

1.5.1. Ámbito de aplicación.

Esta ordenanza é de aplicación aos terreos de solo urbano que se reflicten no plano de delimitación aprobado con este decreto, e que se corresponde cos terreos cualificados como «edificación aberta» segundo as normas subsidiarias de planeamento municipal, aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo de Pontevedra o 11 de novembro de 1978.

1.5.2. Condicións específicas.

Neste ámbito non se permiten novas edificacións e só poderán executarse as obras de construción amparadas en licenza urbanística outorgada con anterioridade ao inicio do expediente de suspensión do planeamento, sempre que sexan conformes co ordenamento xurídico vixente no momento da concesión e non teñan transcorrido os prazos de caducidade da licenza.

Unicamente poderán autorizarse as obras de simple conservación e as necesarias para o mantemento do uso preexistente, sen aumentar o volume edificado.

1.6. Solo industrial.

Mantense a ordenación contida na modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal da Estrada, aprobada definitivamente polo Pleno da Corporación Municipal con data do 14 de marzo de 1997 e publicada no BOP de Pontevedra nº 82, do 30 de abril.

2. Solo urbano non consolidado.

2.1. Ámbito de aplicación.

A presente ordenación será de aplicación aos terreos clasificados como solo urbano nas normas subsidiarias de planeamento municipal, aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo de Pontevedra o 11 de outubro de 1978, que non reúnan os requisitos para ser considerados como solo urbano consolidado nos termos do punto 1 desta ordenación provisional.

En todo caso, considéranse incluídos no solo urbano non consolidado os terreos que non reúnan a condición de soar no momento da iniciación do expediente de suspensión do planeamento, así como os terreos cualificados como «industria e almacén» segundo os planos de ordenación das normas subsidiarias de planeamento municipal de 1978.

2.2. Condicións específicas.

Neste ámbito non se permiten novas edificacións e só poderán executarse as obras de construción amparadas en licenza urbanística outorgada con anterioridade ao inicio do expediente de suspensión do planeamento, sempre que sexan conformes co ordenamento xurídico vixente no momento da concesión e non teñan transcorrido os prazos de caducidade da licenza.

Poderán autorizarse as obras de conservación, de mellora ou de reforma das edificacións existentes, sen aumentar o volume edificado.

3. Solo urbanizable.

3.1. Mantense a ordenación urbanística establecida nos instrumentos de planeamento que a seguir se relacionan:

a) Plan parcial do polígono industrial de Toedo, aprobado definitivamente con data 26 de setembro de 1986, e súa modificación puntual aprobada polo Concello Pleno, con data 14 de maio de 1999, publicado no BOP de Pontevedra nº 109, do 10 de xuño.

b) Plan parcial do solo industrial, aprobado definitivamente polo Pleno da Corporación con data 14 de xuño de 2004 e publicado no BOP de Pontevedra nº 219, do 12 de novembro.

c) Plan parcial do solo industrial de Toedo, aprobado definitivamente polo Pleno da Corporación con data 14 de marzo de 2005, e publicado no BOP de Pontevedra nº 80, do 27 de abril.

3.2. Os terreos clasificados nas normas subsidiarias de planeamento como solo apto para urbanizar sen plan parcial aprobado definitivamente, que son os que se delimitan no correspondente plano aprobado con este decreto, poderán ser obxecto de transformación urbanística mediante a aprobación do plan de sectorización nas seguintes condicións:

a) O ámbito do plan de sectorización abranguerá a totalidade dos terreos clasificados como solo urbanizable.

b) O uso característico será o industrial.

c) Serán de aplicación os límites de sustentabilidade, as reservas mínimas de solo para dotacións públicas e as demais condicións aplicables ao solo urbanizable non delimitado, segundo o disposto na Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Antes da aprobación definitiva do plan de sectorización non se permitirán novas edificacións.

4. Solo de núcleo rural.

4.1. Ámbito de aplicación.

O ámbito de aplicación da presente ordenanza serán os asentamentos de poboación do termo municipal da Estrada que cumpran os requisitos establecidos polo artigo 13.1º da Lei 9/2002, para a súa consideración como solo de núcleo rural.

Mentres non sexan delimitados no futuro Plan Xeral de Ordenación Municipal, poderán delimitarse ao abeiro do número 2 da disposición adicional segunda da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección

do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro.

4.2. Condicións de edificación.

Para edificar nestes núcleos será necesaria a previa aprobación do expediente de delimitación do solo de núcleo rural, de conformidade co procedemento establecido na disposición adicional segunda da Lei 9/2002. Os expedientes que se tramiten non poderán prever áreas de expansión dos núcleos que se delimiten.

No ámbito desta ordenanza será de aplicación o establecido nos artigos 24 a 29, 104 e 171 a 173 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, coas seguintes particularidades:

a) Parcela mínima edificable: 500 metros cadrados.

b) Fronte mínimo de parcela: 12 metros.

c) Só serán edificables as parcelas con fronte á vía pública asfaltada existente con anterioridade á entrada en vigor da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

d) A superficie total ocupada en planta pola edificación non poderá superar os 125 metros cadrados.

e) Altura máxima: planta baixa e unha planta alta, cun máximo de 7 metros medidos no centro de todas as fachadas, desde a rasante natural do terreo ao arrinque inferior da vertente de cuberta.

f) Tipoloxía edificatoria: vivenda unifamiliar illada.

g) Só se permitirá unha vivenda en cada parcela.

h) A nova edificación deberá situarse a unha distancia inferior a 50 metros doutra vivenda existente con anterioridade á entrada en vigor da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

4.3. Condicións específicas para as edificacións tradicionais.

No suposto de edificacións tradicionais ou de singular valor arquitectónico existentes no ámbito de aplicación desta ordenanza, permitiranse obras de conservación, restauración, rehabilitación e reconstrución, sempre que non supoñan variación das características esenciais do edificio orixinario nin alteración do lugar, do seu volume nin da tipoloxía orixinaria, sen necesidade de cumprir as condicións de edificación do punto 7.2.

4.4. Usos.

O uso característico das edificacións será o de vivenda unifamiliar. Ademais, cumprindo o disposto no artigo 27 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, permitiranse os usos hostaleiro, comercial, artesanal, oficinas, espectáculos públicos e actividades recreativas, sociais, culturais, deportivo, relixioso, docente, sanitario, asistencial e garaxe.

5. Solo rústico especialmente protexido.

5.1. Ámbito de aplicación.

Esta ordenanza será de aplicación:

-Aos terreos clasificados polas normas subsidiarias de planeamento municipal da Estrada, aprobadas definitivamente o 11 de outubro de 1978, como solo non urbanizable en calquera das súas categorías.

-Aos terreos clasificados como solo urbanizable ou apto para urbanizar polas normas subsidiarias de planeamento municipal da Estrada, aprobadas definitivamente o 11 de outubro de 1978 e as súas posteriores modificacións, agás os que contan con plan parcial aprobado definitivamente.

-Aos terreos situados nunha franxa de 200 metros de largo desde o límite dos espazos declarados como zonas de especial protección dos valores naturais polo Decreto 72/2004, do 2 de abril (DOG nº 69, do 12 de abril), calquera que sexa a clasificación de solo que lles outorguen as normas subsidiarias de planeamento municipal da Estrada.

5.2. Condicións de uso e edificación.

As condicións de uso e edificación aplicables no ámbito da presente ordenanza serán as establecidas nos artigos 31 a 44 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, coa particularidade de que a ocupación máxima en planta das novas edificacións non poderá superar os 200 metros cadrados, agás as destinadas a explotacións agropecuarias.

No caso de edificacións de carácter tradicional ou de singular valor arquitectónico existentes en solo rústico, será de aplicación o réxime establecido no artigo 40 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

6. Ordenanza de protección do patrimonio construído.

6.1. Ámbito de aplicación.

Esta ordenanza resulta de aplicación, con independencia da clase de solo en que se encontren, aos seguintes ámbitos:

a) Aos elementos relacionados no anexo 3 -inventario de patrimonio cultural- no que se refire ao termo municipal da Estrada, das vixentes normas complementarias e subsidiarias de planeamento da provincia de Pontevedra, aprobadas definitivamente pola Orde do 3 de abril de 1991, da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas.

b) Aos elementos relacionados no punto 5.5.4.1 das normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo de Pontevedra o 11 de outubro de 1978.

c) Aos xacementos arqueolóxicos.

d) Ás construcións erixidas con anterioridade ao ano 1940.

e) Ás áreas de protección dos elementos a que se refiren as anteriores alíneas a), b) e c), constituídas por unha franxa cunha profundidade medida desde o elemento ou vestixio máis exterior do ben que se protexe de:

-50 metros, cando se trate de elementos etnográficos inventariados.

-100 metros, cando se trate de elementos de arquitectura relixiosa, arquitectura civil e arquitectura militar.

-200 metros, cando se trate de restos arqueolóxicos.

6.2. Condicións de edificación.

Nos elementos a que se refiren as alíneas a), b), c) e d) da presente ordenanza, prohíbese a súa demolición e unicamente poderán executarse obras de conservación, restauración e rehabilitación sempre que non supoñan variación das características esenciais do edificio orixinario nin alteración do lugar, do seu volume nin da tipoloxía orixinaria e obteñan informe favorable do órgano autonómico competente en materia de patrimonio cultural.

Nos ámbitos relacionados na letra e), calquera actuación urbanística precisará do informe favorable do órgano autonómico competente en materia de patrimonio cultural.

7. Zonas verdes e espazos libres públicos.

7.1. Ámbito de aplicación.

Comprende os terreos cualificados como zonas verdes e espazos libres públicos, como «parques e xardíns» ou como «deportivo e recreativo» segundo os planos de ordenación das normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo de Pontevedra o 11 de outubro de 1978, ou calquera outro instrumento de planeamento de desenvolvemento aprobado, así como as zonas verdes e espazos libres de dominio e uso público existentes no momento da entrada en vigor desta ordenación provisional, aínda que non estean reflectidos nos planos de ordenación.

7.2. Ordenación.

O único uso permitido é o de zona verde e espazo libre de uso e dominio público e as instalacións apropiadas para a expansión e lecer da poboación como son áreas de xogos ao aire libre, plantación, axardinamento, lugares acondicionados para o descanso, quioscos de música, etc.

As posibles construcións que se realicen en cada zona verde non poderán ocupar máis do 5% da superficie do parque nin superar a altura máxima de 3 metros.

8. Equipamentos e dotacións.

8.1. Ámbito de aplicación.

Comprende os terreos cualificados como equipamentos, como «servizos comunitarios» ou como «escolar-cultural», segundo os planos de ordenación das normas subsidiarias de planeamento ou calquera outro instrumento de planeamento de desenvolvemento aprobado; así como os equipamentos e dotacións públicas existentes no momento da entrada en vigor desta ordenación provisional, aínda que non estean reflectidas nos planos de ordenación.

8.2. Condicións de uso.

Poderán destinarse a algún dos seguintes usos: docente, deportivo, sanitario, asistencial, relixioso, cultural ou administrativo de titularidade pública.

8.3. Condicións de edificación.

Nas edificacións destinadas a equipamentos permítense as obras de conservación, de mellora e de reforma que resulten necesarias para o uso a que estean destinados.

No caso de novas edificacións ou ampliación das existentes serán de aplicación as condicións de edificación establecidas na presente ordenación provisional para os terreos do contorno inmediato.

8.4. Ordenación específica.

Mantense a ordenación contida na modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento da Estrada relativa a ampliación do solo dotacional de Figueiroa, para instalar a Academia Galega de Seguridade (hoxe Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia), aprobada definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo de Pontevedra con data do 7 de abril de 1995 (BOP nº 118, do 21 de xuño).

9. Sistema viario.

9.1. Ámbito de aplicación.

Será de aplicación:

a) Ás estradas de titularidade estatal, autonómica e local, incluídas as súas zonas de afección.

b) Ao sistema viario reflectido nos planos de ordenación das normas subsidiarias de planeamento municipal e nos plans de desenvolvemento aprobados que se manteñen en vigor.

9.2. Réxime de protección.

Será de aplicación o establecido no artigo 106 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, así como a lexislación vixente en materia de estradas.

En todo caso, prohíbese a apertura de novas vías, rúas ou camiños, así como a urbanización ou a ampliación dos existentes, sen prexuízo do establecido na lexislación aplicable ás estradas de titularidade estatal ou autonómica.

Cando se trate de terreos clasificados como solo rústico ou non urbanizable, será de aplicación o réxime establecido para o solo rústico de especial protección de infraestruturas que inclúe o dominio público e os terreos contiguos ata a liña límite de edificación.

10. Edificacións existentes.

10.1. Edificacións en situación de fóra de ordenación.

As edificacións e instalacións amparadas na preceptiva licenza urbanística municipal que foron outorgadas con anterioridade ao inicio do expediente de suspensión do planeamento, sempre que sexan conformes co ordenamento xurídico vixente no momento da concesión e resulten desconformes con esta ordenación provisional, quedarán sometidas ao réxime de fóra de ordenación.

Dentro da situación de fóra de ordenación, distínguese:

a) As construcións e instalacións só parcialmente incompatibles con esta ordenación provisional: serán aquelas en que a situación de fóra de ordenación

é consecuencia unicamente de non axustarse ás condicións de parcela mínima, altura e número de plantas, superficie e volume máximo edificables, distancias mínimas a lindeiros e ocupación permitida, segundo o establecido na presente ordenación provisional. Nelas poderanse autorizar obras de mellora ou reforma, así como o cambio de uso sempre que se trate dun uso permitido na correspondente ordenanza. Sen embargo, non caben obras de ampliación da superficie construída segundo a licenza.

b) E as construcións e instalacións en situación de fóra de ordenación por total incompatibilidade coas determinacións da presente ordenación provisional: son todas as demais que non se axustan á presente ordenación provisional e non poden considerarse incluídas na anterior letra a). Nestas construcións e instalacións só poden autorizarse obras de simple conservación, mantendo o uso existente.

10.2. Edificacións ilegais.

No caso de construcións realizadas sen a preceptiva licenza urbanística municipal, sen axustarse ás condicións da licenza, ou con licenza anulada, deberán adoptarse as medidas necesarias para a plena restauración da legalidade urbanística, segundo o establecido na Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Se xa tivese transcorrido o prazo para a acción de reposición da legalidade urbanística, non se poderán realizar outras obras cas pequenas reparacións exixidas por razóns de seguridade e hixiene e, en ningún caso, as de consolidación, aumento do valor ou modernización, nin cambio de uso.

No caso de edificacións ilegais en solo rústico, aplicarase o establecido na disposición transitoria quinta da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

11. Expedientes en tramitación.

As licenzas e os procedementos de aprobación de instrumentos de planeamento e xestión urbanística en tramitación no momento da iniciación do expediente de suspensión da vixencia das normas subsidiarias de planeamento da Estrada, deberán resolverse de conformidade coa ordenación urbanística provisional establecida neste decreto.