DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Luns, 20 de novembro de 2006 Páx. 16.970

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 13 de novembro de 2006 pola que se establecen as bases que rexen as axudas ás familias numerosas para a contratación da conexión a internet mediante banda ampla, e se procede á súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, inclúe no seu artigo 5.3º, como unha das áreas de actuación, os servizos de familia, infancia e mocidade, séndolle atribuídas competencias neste sector á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar a través do Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Que, pola súa banda, o artigo 4 da antedita lei configura os servizos sociais como un sistema integrado de protección social, orientado á prestación programada de atencións e servizos que posibiliten a mellora na calidade de vida e a participación de persoas ou grupos, especialmente daqueles que sofren algún tipo de carencia, marxinación ou desatención selectiva, así como a prevención e eliminación das causas que estean na orixe daquelas situacións.

Así mesmo, a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia establece, no seu artigo 11.3º, como un dos principios reitores a regulación de prestacións, económicas ou técnicas, que teñan por obxecto incidir favorablemente nas situacións de carencia familiar e no artigo 12 d), como actuación preventiva e asistencial, o fomento da calidade de vida das familias.

A Resolución do 22 de xuño de 2006, da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, pola que se lle dá publicidade ao convenio de colaboración coa Comunidade Autónoma de Galicia para o desenvolvemento do Plan Avanza, recolle a actuación nº 10, consistente en facilitar o coñecemento da rede internet e o acceso a ela das familias con fillos en idade escolar. Os obxectivos que se pretenden alcanzar con esta medida son a presenza das familias en internet, a divulgación da rede de internet como medio de desenvolvemento económico, social e cultural e promover o seu uso entre os nenos e nenas en idade escolar.

Deste xeito, considérase necesario desenvolver programas específicos de apoio a familias e concretamente ás familias numerosas, co obxecto de facilitar o seu acceso ás novas tecnoloxías da información coa conseguinte mellora na súa calidade de vida.

En virtude do exposto, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases para regular a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva ás familias numerosas, que contraten a conexión a internet mediante banda ampla.

Artigo 2º.-Destinatarios e requisitos.

Poderán solicitar as axudas os/as titulares das familias numerosas recoñecidas como tal no correspondente título, que reúnan os seguintes requisitos:

a) Figurar como titular no título de familia numerosa.

b) Que o título estea vixente e expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Residir na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Contratar a conexión a internet mediante banda ampla no período comprendido entre o día da publicación desta orde e o 31 de decembro de 2006 e por un mínimo dun ano.

Artigo 3º.-Orzamento.

Ás axudas que se establecen para as actuacións obxecto desta orde destínase un crédito global de 105.157 A con cargo á aplicación orzamentaria 05.20.212D.481.0 na contía de 65.940,45 A, na aplicación orzamentaria 05.20.212A.486.1 na contía de 18.634,97 A e na aplicación orzamentaria 05.20.212A.483.0 na contía de 20.581,58 A dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Artigo 4º.-Importe das axudas.

1. O importe de cada unha das axudas destinarase a sufragar parte dos gastos derivados dos custos de conexión a internet mediante banda ampla.

2. Estas axudas son compatibles co aproveitamento de calquera outro tipo de axudas de institucións públicas ou privadas destinadas ao mesmo obxecto.

3. O importe da axuda será dun pagamento único de 200 A para a conexión a internet mediante banda ampla. En ningún caso o importe da axuda será tal que, illada ou en concorrencia con outras axudas ou subvencións das distintas administracións ou calquera dos entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total da axuda.

Artigo 5º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar ou nos rexistros das delegacións provinciais da Igualdade e do Benestar, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Documentación.

1. Á solicitude de axuda, segundo modelo normalizado do anexo I, xuntaráselle a documentación que a continuación se relaciona en orixinal ou copia compulsada:

a) DNI do/a solicitante ou, de ser o caso, o NIE (número de identidade de estranxeiro).

b) Datos da conexión a internet mediante banda ampla, de ser o caso, facilitados pola empresa instaladora, segundo modelo anexo II ou ben copia do contrato de conexión con data posterior á data da publicación desta orde.

c) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou recibidas para este mesmo concepto de calquera Administración pública, ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (segundo o anexo III).

d) Certificación bancaria de existencia dunha conta aberta a nome do solicitante, en que conste o código da conta do cliente comprensivo dos códigos que identifican o banco ou caixa, a oficina, o díxito de control e o número de conta.

2. O título de familia numerosa será comprobado de oficio pola Secretaría Xeral da Igualdade.

Artigo 7º.-Criterios de selección.

A selección realizarase mediante sorteo.

Todas as solicitudes entrarán nun sorteo público, que terá lugar ante a secretaria xeral da Igualdade e dous/dúas funcionarios/as da Secretaría Xeral da Igualdade, actuando un/ha deles/as como secretario/a e que se encargará de levantar a correspondente acta. Este sorteo consistirá na elección dunha data entre todas aquelas en que estea aberto o período de presentación de solicitudes. A data resultante deste sorteo será a que determine as solicitudes favorables ata o límite do crédito dispoñible.

Á data en que se celebre o sorteo e á data resultante deste, daráselles publicidade mediante anuncio na páxina web http://vicepresidencia.xunta.es/familias.

Se na data resultante do sorteo houbera un maior número de solicitudes que cumpran os requisitos que crédito dispoñible, serán beneficiarias as familias numerosas de categoría especial sobre as de categoría xeral e dentro das de categoría especial, se é o caso, as de maior número de fillos.

A resolución das solicitudes será ditada de acordo co establecido no artigo 10º desta orde.

Artigo 8º.-Instrución e tramitación.

1. A instrución e tramitación levarase a cabo a través da entidade colaboradora, Asociación Galega de Familias Numerosas, de acordo ao establecido no artigo 12 da Lei 30/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

2. A Asociación Galega de Familias Numerosas actuará en nome e por conta da Secretaría Xeral da Igualdade.

3. A Asociación Galega de Familias Numerosas enviará aos solicitantes os requirimentos da documentación exixida no artigo 6º desta orde para que no prazo de 10 días acheguen os documentos preceptivos con indicación de que, se así non se fixese, se considerará que desisten da súa petición.

4. A Asociación Galega de Familias Numerosas recibirá os fondos da axuda da Secretaría Xeral da Igualdade e encargarase da súa distribución entre os beneficiarios que así resulten de acordo co artigo 6º desta orde. Estes fondos en ningún caso se considerarán integrantes do patrimonio da entidade colaboradora.

Artigo 9º.-Obrigas da entidade colaboradora.

Son obrigas da entidade colaboradora:

a) Entregarlles aos beneficiarios os fondos recibidos de acordo cos criterios establecidos nesta orde e no convenio subscrito coa citada entidade.

b) Comprobar, se é o caso, o cumprimento e a efectividade das condicións ou requisitos determinantes para o seu outorgamento, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión desta subvención.

c) Xustificar a entrega dos fondos percibidos ante a Secretaría Xeral da Igualdade, e se é o caso, entregar a xustificación presentada polos beneficiarios.

d) Manter a confidencialidade dos datos subministrados polos beneficiarios conforme a normativa de protección de datos de carácter persoal.

e) Verificar o cumprimento por parte dos beneficiarios do requisito da conexión a internet mediante banda ampla durante un ano.

f) Someterse ás actuacións de comprobación que respecto da xestión dos ditos fondos poida efectuar a Secretaría Xeral da Igualdade, así como calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais como comunitarios, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 10º.-Resolución.

A resolución será ditada, por delegación do vicepresidente da Igualdade e do Benestar, pola secretaria xeral da Igualdade antes do 31 de decembro de 2006. Transcorrido este prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas pode interpoñerse recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto administrativo no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución.

Artigo 11º.-Xustificación da axuda.

As subvencións concedidas faranse efectivas unha vez que se presenten, preferentemente en orixinal

ou, no seu defecto, copia compulsada, os documentos que a continuación se relacionan:

a) Contrato de conexión á internet mediante banda ampla a nome do solicitante por un período dun ano.

b) Declaración xurada do conxunto das axudas solicitadas para a conexión á internet mediante banda ampla, se é o caso, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, segundo o modelo do anexo III.

Artigo 12º.-Pagamento.

O libramento da subvención farase nun único pagamento, unha vez xustificado, mediante transferencia bancaria.

Artigo 13º.-Obrigas do beneficiario.

1. Xustificar os gastos da conexión a internet mediante banda ampla, se é o caso, tal e como se establece no artigo 11º desta orde.

2. Comprometerse a manter a conexión a internet mediante banda ampla durante un período mínimo dun ano.

3. Estar sometido ás actuacións de comprobación que efectuará a Secretaría Xeral da Igualdade e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa axuda concedida, e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 14º.-Reintegro ou modificación da subvención.

1. Non se poderá exixir o pagamento da axuda ou subvención concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de demora percibidos desde o seu pagamento nos casos seguintes:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos do artigo 30 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, falseando as condicións requiridas para a súa concesión ou ocultando aquelas que o impiden.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ao beneficiario/a con motivo da concesión da axuda ou subvención.

2. Así mesmo, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da axuda ou subvención, illadamente o en concorrencia con outras axudas ou subvencións doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo do investimento.

3. O procedemento de reintegro tramitarase de acordo co establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

4. As cantidades que os beneficiarios deban reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 ao 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

5. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 15º.-Réxime sancionador.

As infraccións administrativas cometidas en relación coas axudas e subvencións reguladas nesta orde sancionaranse de conformidade co disposto no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado parcialmente pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, e no capítulo VII do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Disposicións adicionais

Primeira.-En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto para esta materia no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e demais normativa de aplicación.

Segunda.-A concesión destas axudas terá como límite global o crédito consignado nos orzamentos xerais para estes fins.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións do vicepresidente da Igualdade e do Benestar na secretaria xeral da Igualdade para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73 a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a secretaria xeral da Igualdade para que dite as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2006.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar