DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Xoves, 16 de novembro de 2006 Páx. 16.828

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

DECRETO 205/2006, do 2 de novembro, polo que se declara ben de interese cultural, coa categoría de lugar de interese etnográfico a aldea de Froxán, concello de Folgoso do Courel, provincia de Lugo.

A aldea de Froxán, pertencente á parroquia de San Vicente de Vilamor, representa un destacado exemplo da forma de vida tradicional nesta singular bisbarra de Quiroga, na montaña de Lugo. A dureza do clima e da topografía, o seu illamento secular e a súa pobreza económica, que contrasta fortemente coa súa riqueza natural e paisaxística, permitiron o mantemento dunhas formas de vida tradicionais que en moitos casos se achegaron máis á época medieval, en concreto, a arquitectura, a construción, a tradición, a paisaxe e os seus costumes.

Froxán presenta un tipo de asentamento en que os casaríos se van instalando aos lados dos camiños, que dentro da aldea se van ramificando. As construcións, xeralmente de muros de cachotaría e cuberta de lousa, vanse pegando e colocando de forma que protexen o espazo público constituído pola rúa.

A aldea de Froxán é un conxunto urbano de salientable interese e dun valor etnolóxico e arquitectónico desde o punto de vista da súa configuración espacial, caracterizado pola forte adaptación e dependencia da topografía. É, ademais, un claro exemplo da arquitectura popular das serras orientais de Galicia.

O conxunto edificado compleméntase cos seguintes elementos que configuran a imaxe da aldea:

-Dúas ou tres pequenas eiras no bordo da aldea, entre as cales destaca unha delas pola súa posición, que a converte nun inmellorable miradoiro sobre o conxunto, e unha eira principal, situada no seu corazón, que constitúe o principal espazo público de reunión.

-Varios alpendres, fornos e alvarizas asociadas ás vivendas.

-Os palleiros, que ocupan moitas veces a parte superior das cortes.

-A fonte e o lavadoiro.

-Os regos de auga, camiños estreitos, carreiros, muros e valados, que conforman unha unidade especial, formal e funcional coherente que reforza o carácter unitario do conxunto e a súa imbricación co contorno natural.

-A pequena capela, anexa da igrexa parroquial de Vilamaior, e a escola, únicos edificios públicos da aldea.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural o 25 de abril de 2006 (Diario Oficial de Galicia do 9 de maio) incoa expediente para a declaración de ben de interese cultural a favor da aldea de Froxán e do seu contorno.

A tramitación do expediente levouse a cabo segundo o establecido na Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e demais disposicións vixentes.

Tendo en conta o disposto no artigo 12 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, por proposta da conselleira de Cultura e Deporte, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na o seu reunión do día dous de novembro de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Declarar ben de interese cultural, coa categoría de lugar de interese etnográfico, a aldea de Froxán, concello de Folgoso do Courel, provincia de Lugo.

Artigo 2º

A zona afectada pola declaración é a comprendida na delimitación que se describe no anexo I e que se recolle no plano do anexo II.

Artigo 3º

O presente decreto será notificado ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural do Estado, ao Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, ao concello de Folgoso do Courel e aos demais interesados no expediente.

Artigo 4º

O presente decreto será publicado no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de novembro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Ánxela Bugallo Rodríguez

Conselleira de Cultura e Deporte

ANEXO I

A área de protección da aldea de Froxán queda defi nida do seguinte xeito:

-Lugar de interese etnográfico:

Punto 1. No lugar coñecido como A Canda, sobre pista asfaltada que une Folgoso do Courel con Froxán, no punto de intersección do camiño coñecido como Camiño de Castiñeiras.

Punto 2. O centro xeométrico da capela de Froxán. Trazando unha circunferencia de raio r=100 m, defínese un perímetro de protección do contorno inmediato da capela.

Punto 3. No eixe da pista asfaltada que une Folgoso do Courel con Froxán, fronte á intersección coa pista que desde a estrada conduce a Castro Portela.

Desde os puntos 1 e 3 trázanse as respectivas liñas tanxentes á circunferencia de raio r, anteriormente definido, abranguendo o perímetro de protección da capela. A delimitación péchase unindo o punto 1 co punto 3 cunha liña paralela ao eixe da estrada asfaltada de Folgoso do Caurel a Froxán, trazada a 50 m do bordo norte desta.

-Área de protección do contorno:

A liña que define a delimitación do ámbito exterior de protección trázase unindo os puntos situados nos cumes dos montes que rodean a aldea, con base na cartografía 1:5.000, do seguinte xeito:

-1.007 (Alto do Barreiro)-807. Liña recta pola dorsal coincidindo coa liña da devasa.

-807-734 (Cabeza de Meda). Liña recta cruzando o río Lor.

-734-991 (Alto da Saleira). Liña ascendente pola dorsal coincidindo coa devasa.

-991 (Alto da Saleira)-1.125 (Os Conventos). Liña coincidente co límite municipal.

-1.125 (Os Conventos)-1.080 (Cruz das Lastras). Liña polas dorsais coincidindo co límite municipal e das devasas.

-1.080 (Cruz das Lastras)-1.000. Liña descendente pola dorsal ata atopar a pista que leva á ermida de San Roque (coincidente na súa maior parte coa devasa), cruza o río Lor e ascende pola dorsal coincidindo na parte alta coa devasa.

-1.000-1.007 (Alto do Barreiro). Liña recta coincidindo coa devasa.