DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Xoves, 16 de novembro de 2006 Páx. 16.825

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 13 de novembro de 2006 pola que se regulan as operacións de cerramento do exercicio de 2006.

O artigo 47 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, establece que o exercicio orzamentario coincidirá co ano natural e a el imputaránselle os dereitos liquidados no seu transcurso, calquera que sexa o período a que correspondan, e as obrigas recoñecidas ata o 31 de decembro do correspondente exercicio, como consecuencia de adquisicións, obras, subministracións, prestacións de servizos ou outro tipo de gastos realizados con cargo aos créditos respectivos dentro do correspondente ano natural.

Estando próxima a finalización do exercicio de 2006, faise necesaria a regulación dos prazos e os procedementos para a realización das operacións contables de cerramento da contabilidade dos gastos e dos ingresos públicos.

Por iso, e en virtude das competencias atribuídas polo artigo 110 do Decreto lexislativo 1/1999,

DISPOÑO:

1. Ámbito.

Esta orde será de aplicación á Administración xeral da Xunta e aos organismos autónomos a que se refire o artigo 11 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

2. Sinalamento de haberes no mes de decembro.

2.1. As nóminas elaboradas polo CIXTEC para a percepción de haberes activos e da paga extraor

dinaria do mes de decembro quedarán confeccionadas o día 7 do dito mes e remitiranse o día 11 ás intervencións delegadas, que procederán á súa fiscalización e á tramitación dos documentos contables correspondentes antes do día 15 do mesmo mes; para isto, os partes do mes de decembro deberán recibirse no dito centro antes do día 1 de decembro.

2.2. Os haberes activos e as pagas extraordinarias correspondentes ao mes de decembro satisfaranse conxuntamente a partir do día 20 do mesmo mes.

3. Modificacións orzamentarias.

Os expedientes de modificación terán como data límite de entrada na Consellería de Economía e Facenda o día 30 de novembro, agás os que afecten créditos do capítulo I, Gastos de persoal, e ás seccións 01, 02, 03, 21, 22 e 23 do orzamento de gastos.

4. Recepción e tramitación de documentos contables.

4.1. Os documentos contables terán como data límite de entrada nas oficinas contables das intervencións delegadas, correspondentes a cada centro xestor, as seguintes:

a) Documentos en fase RC para A e A do exercicio corrente, o día 15 de decembro, coas seguintes excepcións:

-Os que correspondan á execución dos decretos 138/2006 e 180/2006.

-Os que correspondan a expedientes que deban ser autorizados polo Consello da Xunta de Galicia ou veñan impostos por imperativo legal.

b) Resto de documentos, o día 29 de decembro.

4.2. Excepcionalmente, naqueles documentos que conteñan a fase O nos cales non sexa posible a determinación exacta do seu importe antes do 29 de decembro e co obxecto da súa correcta imputación ao exercicio de 2006, admitirase a súa entrada nas intervencións delegadas con data límite do 15 de xaneiro.

5. Pagamentos que hai que xustificar.

5.1. A data límite de entrada nas intervencións delegadas dos documentos con fase OK a xustificar será o 14 de decembro e a data límite para que as intervencións delegadas os tramiten á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro será o día 21.

5.2. As cantidades libradas a xustificar só poderán atender as obrigas adquiridas no 2006, debendo reintegrar ao Tesouro da Comunidade Autónoma os importes non aplicados e presentar as contas xustificativas e os documentos contables de formalización dentro do mes de xaneiro de 2007.

6. Tramitación e pagamento de mandamentos nos últimos días do mes de decembro.

6.1. O último día do exercicio de 2006 en que a Tesouraría da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro poderá satisfacer pagamentos será o 29 de decembro.

6.2. Ata que as intervencións delegadas deixen de tramitar propostas de pagamento con imputación ao exercicio de 2006, manterase aberta a contabilidade de recepción de tales propostas.

6.3. As ditas dependencias reiniciarán o pagamento dos libramentos pendentes de satisfacer o primeiro día hábil do mes de xaneiro de 2007.

7. Contabilidade financeira.

A información derivada da contabilidade financeira da Administración xeral deberá conter en dobre columna tanto os resultados correspondentes ao cerramento do exercicio de 2006, como de 2005.

A medida que se dispoña da valoración daquelas partidas de inmobilizado non incluídas na conta de patrimonio, que forma parte integrante da Conta Xeral, procederase á súa contabilización con aboamento á conta 100, Patrimonio.

Mentres non se establezan os coeficientes de amortización, utilizarase o 2% para inmobles e o 10% para o restante inmobilizado amortizable.

8. Ingresos procedentes de dereitos liquidados.

Os interventores territoriais coidarán moi especialmente o cumprimento do disposto no artigo 80 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, polo que respecta aos dereitos liquidados que non sexan exixibles no momento do cerramento do exercicio orzamentario en virtude do aprazamento, fraccionamento, moratoria ou que o prazo legal para realizar o ingreso en período voluntario exceda do 31 de decembro.

9. Operacións de fin de exercicio.

9.1. Con anterioridade ao cerramento do exercicio, os centros xestores procederán á anulación daqueles expedientes en fase A ou RC que non tivesen continuidade na súa execución, así como a anular os saldos de documentos en fase D que non representen compromisos con terceiros. Tamén deberán axustar os saldos de compromiso coa realidade mediante os oportunos reaxustes de anualidades.

9.2. Os créditos que o último día do exercicio non estean afectados ao cumprimento de obrigas xa recoñecidas quedarán anulados de pleno dereito, de conformidade co disposto no artigo 59.1º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

9.3. Polo tanto, o último día do exercicio procederase á anulación, para todas e cada unha das aplicacións orzamentarias, dos saldos de compromisos e de autorizacións, así como das retencións de crédito existentes.

9.4. Analogamente, na agrupación de exercicios posteriores anularanse os saldos de autorización e os de créditos retidos.

9.5. Todas estas anulacións realizaranse de oficio pola Subdirección Xeral de Contabilidade.

10. Obrigas pendentes de propoñer o pagamento procedentes de exercicios anteriores.

Co obxecto de que á fin do exercicio queden regularizados os saldos de obrigas de exercicios pechados, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma remitirá aos distintos centros xestores do orzamento de gastos a relación de acredores.

Os centros xestores xustificarán, antes do día 31 de xaneiro de 2007, aqueles saldos que se correspondan coa existencia dunha obriga real. En caso de que non quede acreditada a dita circunstancia, a Intervención Xeral procederá a dar de baixa en contas estes saldos.

11. Propostas de pagamento pendentes de realización.

A Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro revisará as propostas de pagamento pendentes con antigüidade igual ou superior a un ano, indicando á Intervención Xeral, antes do día 31 de xaneiro de 2007, aquelas cuxo pagamento non sexa procedente, ben por prescrición ou por calquera outra causa, para a súa anulación.

12. Relacións de debedores orzamentarios e de debedores e acredores extraorzamentarios.

As intervencións delegadas e as oficinas contables, con competencias en materia de contabilidade de ingresos, formarán relacións de debedores orzamentarios e de debedores e acredores extraorzamentarios, xustificativas dos saldos contables dependentes de ingreso ou pagamento respectivamente, debidamente conciliadas cos saldos contables.

Estas relacións remitiranse á Intervención Xeral, que adoptará as medidas necesarias para a depuración dos saldos contables afectados.

13. Imputación de gastos no exercicio de 2007.

Os centros xestores comunicarán á Intervención Xeral, con data límite do 26 de xaneiro, as obrigas derivadas de gastos efectivamente realizados ou de bens e servizos efectivamente recibidos que non alcanzasen a fase contable O no orzamento de 2006, con indicación dos motivos que impediron a súa correcta imputación no dito exercicio.

14. Información da liquidación provisional das entidades integradas no sector público.

As entidades que, en virtude do previsto no artigo 2 da Lei estatal 18/2001, xeral de estabilidade orzamentaria, formen parte do sector administracións públicas, para os efectos do cumprimento do criterio de estabilidade orzamentaria da Comunidade Autónoma de Galicia, remitirán á Intervención Xeral antes do día 26 de xaneiro a información contable anual nos modelos normalizados, aprobados para tal efecto polo acordo do Consello de Política Fiscal e Financeira do 10 de abril de 2003.

15. Apertura do exercicio de 2007.

15.1. Unha vez pechado o exercicio de 2006, procederase ao traspaso ao de 2007 dos expedientes procedentes de exercicios anteriores de acordo coa seguinte orde de prelación:

a) Anualidades de 2007 e futuros consecuencia de compromisos plurianuais contraídos en exercicios anteriores.

b) Compromisos, autorizacións e retencións de crédito correspondentes a expedientes de tramitación anticipada.

c) Expedientes que alcanzasen en 2006 a fase de compromiso, polo importe polo que non se recoñecera a obriga.

15.2. Cando estes expedientes se correspondan con créditos desconcentrados, o centro xestor procederá á desconcentración do crédito necesario para a súa contabilización.

15.3. A Intervención Xeral contabilizará de oficio estas operacións. No caso de que non proceda a contabilización dalgún destes expedientes, o órgano xestor tramitará as correspondentes operacións de anulación.

15.4. Só cando se realizasen estas operacións, comezarase a tramitar expedientes con imputación ao exercicio de 2007 nas aplicacións afectadas.

Disposición adicional

Primeira.-O conselleiro de Economía e Facenda poderá autorizar a excepción do cumprimento dos prazos establecidos nesta orde mediante resolución motivada e por petición do centro xestor afectado.

Segunda.-Autorízase a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma a ditar as instrucións necesarias para o cumprimento desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2006.

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda