DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Xoves, 16 de novembro de 2006 Páx. 16.823

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 10 de novembro de 2006 pola que se crea un ficheiro de datos de carácter persoal da Secretaría Xeral de Emigración.

A Secretaría Xeral de Emigración, segundo o Decreto 231/2005, do 11 de agosto, polo que se establecen os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, é un órgano superior que depende funcionalmente da Presidencia da Xunta de Galicia e organicamente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Segundo o Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, correspóndenlle as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, relacións coas comunidades galegas no exterior e política inmigratoria e de retorno en Galicia.

A Secretaría Xeral de Emigración leva a cabo diferentes programas e liñas de actuación no ámbito social, asistencial, sociosanitario, formativo e cultural dirixidos á cidadanía galega no exterior, para asegurar unha universalización de dereitos e oportunidades.

Na actualidade é un feito indiscutible que a información e o coñecemento son ferramentas imprescindibles para o desenvolvemento e o avance das sociedades. Os avances tecnolóxicos no campo das comunicacións deben empregarse para facilitar e relativizar a distancia xeográfica que separa a Galicia territorial da Galicia exterior.

Tendo en conta isto, a Secretaría Xeral de Emigración artellou unha ferramenta no portal web da emigración galiciaaberta.com para que os cidadáns galegos no exterior poidan achegar datos que permitan a esta secretaría elaborar un perfil colectivo que posibilite a creación de políticas novas e o desenvolvemento de programas axeitados ás necesidades dos verdadeiros demandantes destes servizos públicos, dentro do ámbito das competencias establecidas no citado Decreto 44/2006.

Os datos subministrados integraranse nun ficheiro que se crea por esta orde, de acordo co disposto no artigo 20 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter per

soal, que establece que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só poderá facerse por medio de disposición xeral publicada no Boletín Oficial del Estado ou diario oficial correspondente.

En consecuencia, de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto a creación do ficheiro de datos de carácter persoal da Secretaría Xeral de Emigración, denominado Directorio da cidadanía galega no exterior.

Artigo 2º.-Finalidade do ficheiro e usos previstos.

Elaboración dun perfil colectivo dos residentes galegos no exterior que permita coñecer as súas demandas e necesidades para o desenvolvemento de liñas de actuación e programas axeitados por parte da Secretaría Xeral de Emigración.

Artigo 3º.-Persoas ou colectivos sobre os que se pretenda obter datos de carácter persoal.

Residentes galegos no exterior.

Artigo 4º.-Procedemento de recollida de datos de carácter persoal.

Transmisión electrónica de datos vía internet a través do portal web galiciaaberta.com. con formulario preestablecido.

Artigo 5º.-Estrutura básica do ficheiro e tipoloxía de datos de carácter persoal incluídos.

a) Datos de carácter identificativo (nome e apelidos, DNI, enderezo, teléfono).

b) Datos de características persoais (datos de familia, data e lugar de nacemento, sexo, nacionalidade).

c) Datos académicos e profesionais (formación, titulacións).

d) Datos de detalles de emprego (traballador autónomo ou por conta allea, desempregado, xubilado).

e) Datos económico-financeiros (para o suposto de xubilados: tipo de prestacións que percibe, de ser o caso).

Artigo 6º.-Cesión de datos de carácter persoal.

Non se prevén cesións.

Artigo 7º.-Órgano administrativo responsable do ficheiro.

Secretaría Xeral de Emigración.

Artigo 8º.-Unidade diante da cal se poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición.

Subdirección Xeral de Programas Sociais, adscrita á Secretaría Xeral de Emigración, sita na rúa Basquiños, número 2, 15704, Santiago de Compostela.

Artigo 9º.-Medidas de seguridade exixibles.

Nivel básico.

Disposición adicional

En caso de cesións dos datos aos servizos de estatística das administracións públicas, aplicarase, ademais, o disposto na normativa vixente sobre materia estatística.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2006.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza