DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Xoves, 16 de novembro de 2006 Páx. 16.823

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 3 de novembro de 2006 pola que se establece a porcentaxe que cómpre transferir aos colexios de procuradores dos tribunais de Galicia para atender os gastos de funcionamento e infraestrutura dos servizos de representación gratuíta.

A Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, regula o dereito á asistencia xurídica gratuíta e establece no seu artigo 38 que o Ministerio de Xustiza subvencionará os colexios de procuradores para a implantación e funcionamento dos servizos de asistencia xurídica gratuíta. Polo Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, transferíronselle á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, incluíndo no seu anexo letra B) alínea 1 c) as relativas á indemnización das actuacións correspondentes á representación por procurador en quenda de oficio ante os órganos xudiciais con sede en Galicia. Estas funcións foron asumidas polo Decreto 394/1994, do 29 de decembro, e asignadas á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local.

En uso das súas competencias, a Xunta de Galicia ditou o Decreto 146/1997, do 22 de maio, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta da Comunidade Autónoma de Galicia, e establece no seu artigo 45 que a consellería competente nesta materia, que en virtude do Decreto 211/2005, do 3 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, corresponde á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, determinará anualmente as cantidades que deberán percibir os colexios de procuradores para atenderen os gastos derivados do funcionamento e infraestrutura colexial que requiren os servizos de asistencia xurídica gratuíta.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo único.-A cantidade destinada para atender os gastos derivados do funcionamento operativo dos servizos colexiais de asistencia xurídica gratuíta para o ano 2006 fíxase nun oito por cento do importe total devengado durante o ano 2005 polos colexios de procuradores dos tribunais da Comunidade Autónoma de Galicia en concepto de representación gratuíta.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Xustiza para ditar as disposicións necesarias para o cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2006.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza