DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Mércores, 15 de novembro de 2006 Páx. 16.751

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 6 de novembro de 2006 pola que se dá publicidade ao Regulamento do réxime interior do Consello Agrario Galego.

En cumprimento do establecido no artigo 2 da Lei 1/2006, do 5 de xuño, do Consello Agrario Galego, o Pleno do dito Conselo aprobou o seu Regulamento de réxime interior, que contén as súas normas de funcionamento e que, segundo o previsto no artigo 2 da dita lei, constitúe parte integrante do seu réxime xurídico.

Polo tanto, co obxecto de darlle a oportuna publicidade e permitir o seu xeral coñecemento,

DISPOÑO:

Artigo único.-Darlle publicidade ao Regulamento do réxime interior do Consello Agrario Galego, aprobado en sesión plenaria do día 26 de outubro de 2006, que se xunta como anexo desta disposición.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2006.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

ANEXO

Regulamento de réxime interior do

Consello Agrario Galego

O artigo 5 da Lei 1/2006, do 5 de xuño, do Consello Agrario Galego, dispón que o Pleno do Consello aprobará, no prazo de seis meses desde a súa constitución e por maioría absoluta dos seus membros, o seu regulamento de réxime interior, que conterá as normas de funcionamento do Consello de acordo co previsto nesta lei.

Con data do 26 de outubro de 2006, o Pleno do Consello Agrario Galego aprobou o seu Regulamento de réxime interior, que se insire a seguir.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

O presente regulamento ten por obxecto o establecemento das normas de composición, organización e funcionamento do Consello Agrario Galego, en cumprimento do artigo 5 da Lei 1/2006, do 5 de xuño, do Consello Agrario Galego.

Artigo 2º.-Natureza.

O Consello Agrario Galego é un organo permanente de carácter consultivo con funcións de participación, asesoramento, diálogo e consulta da Administración galega en materia agraria e desenvolvemento rural. Adscríbese á consellería competente nestas materias.

Artigo 3º.-Réxime xurídico.

O Consello Agrario Galego rexerase polo disposto na Lei 1/2006, do 5 de xuño e nas disposicións que a desenvolvan; polo presente Regulamento de réxime interior e as demais disposicións de desenvolvemento e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Sede do Consello.

1. O Consello Agrario Galego terá a súa sede en Santiago de Compostela, no edificio administrativo de San Caetano; sen embargo, poderá celebrar as súas sesións en calquera lugar do territorio de Galiza.

2. A súa sede poderá ser modificada por acordo do Pleno do Consello, referendado pola maioría absoluta dos seus membros.

Artigo 5º.-Funcións.

1. Son funcións do Consello Agrario Galego, entre outras, as seguintes:

a) Crear o marco institucional axeitado para favorecer e impulsar a participación e colaboración dos representantes sindicais do agro en todos aqueles asuntos relativos ao sector agrario, así como impulsar o diálogo, a participación e a colaboración entre as institucións, administracións e axentes sociais implicados, propiciando o intercambio de información e a busca de acordos naqueles asuntos de maior relevancia para o sector agrogandeiro de Galicia.

b) Analizar as políticas que afecten o sector agrario no seu conxunto, así como contribuír ao seguimento dos plans e programas das políticas agrarias que teñan incidencia sobre o medio rural, prestándolle unha especial atención ao impacto de xénero das medidas adoptadas.

c) Emitir ditames sobre a normativa de carácter xeral do Goberno e específica da consellaría competente, nas materias de agricultura e desenvolvemento rural, así como sobre os plans e programas relativos á política agraria e de desenvolvemento rural e normativas sectoriais que afecten as condicións socioeconómicas dos habitantes do medio rural.

d) Propor reformas, canalizar recomendacións e achegar suxestións respecto de todas aquelas políticas que afecten as condicións socioeconómicas dos habitantes do medio rural.

e) Propor e asesorar aos distintos órganos da Administración pública galega sobre as medidas e accións que se consideren necesarias para mellorar o nivel de renda das explotacións agrarias e a calidade de vida da poboación dedicada á actividade agraria, promovendo a dignificación das actividades laborais agrogandeiras.

f) Realizar informes sectoriais sobre a situación, evolución e perspectivas dos diferentes subsectores agrarios.

g) Impulsar a participación das mulleres que se dedican á actividade agraria, e en xeral das que viven no medio rural, en todas aquelas cuestións relativas ao sector agrario e ao ámbito rural, e fomentar a cooperación coas administracións competentes na articulación de políticas de erradicación das discriminacións por mor do xénero.

h) Emitir ditame preceptivo e vinculante, por maioría absoluta dos seus membros, sobre o procedemento para regular procesos electorais de cara a establecer a representatividade das organizacións profesionais agrarias no futuro.

2. Para os efectos de exercer as súas funcións, o Consello Agrario Galego, a través do seu presidente, e logo de acordo do Pleno do Consello ou da súa Comisión Permanente, poderá solicitar e recibir dos órganos competentes da comunidade autónoma canta información precise para o desenvolvemento das súas funcións.

3. O Consello Agrario poderá aprobar unha memoria anual sobre a actuación do Consello e a situación agraria da comunidade autónoma, por acordo do seu Pleno.

Capítulo II

Organización

Artigo 6º.-Organización.

1. O Consello Agrario Galego componse dos seguintes órganos:

a) Órganos colexiados:

-O Pleno.

-Comisión Permanente.

-Comisións de traballo.

b) Órganos unipersoais:

-Presidencia.

-Vicepresidencia.

c) Órgano de apoio:

-Secretaría.

Sección primeira

Dos órganos colegiados

Artigo 7º.-Do Pleno.

1. O Consello Agrario Galego está integrado por vinte e catro membros:

a) Presidente ou presidenta.

b) Vicepresidente ou vicepresidenta.

c) Cinco vogais en representación da consellaría competente en materia de agricultura e desenvolvemento rural.

d) Cinco vogais en representación das consellarías competentes en materia de benestar social, medio ambiente, política territorial, industria e sanidade.

e) Doce vogais en representación das organizacións agrarias máis representativas de Galicia.

2. Correspóndenlle ao Pleno as seguintes funcións:

a) A adopción de acordos sobre materias que constitúen as funcións do Consello establecidas no artigo 3º e na disposición adicional segunda da súa lei de creación e no artigo 5º deste regulamento.

b) A creación e regulación da composición, forma de actuación e funcións das comisións de traballo, indicando os obxectivos destas.

c) Emitir ditame sobre todas as normas con rango de lei en materia agraria e de desenvolvemento rural.

d) Aprobar as normas de funcionamento interno do Consello.

e) Aprobar a memoria anual sobre a actuación do Consello e da situación agraria da comunidade autónoma.

f) Aprobar informes sectoriais sobre a evolución socioeconomica do medio rural galego.

g) Delegar na Comisión Permanente as decisións ou realizacións de asuntos concretos.

3. O nomeamento dos vogais e dos demais integrantes do Consello Agrario Galego realizarao o conselleiro ou conselleira competente en materia de agricultura e desenvolvemento rural, logo da designación dos representantes polos titulares de cada consellaría e da proposta polas organizacións profesionais agrarias.

4. Para garantir o quorum das sesións, a Administración proporá un suplente por cada vogal titular que posúa e as organizacións agrarias un número de suplentes equivalente ao número de titulares designados.

Feita a proposta, o nomeamento dos suplentes realizarao o conselleiro ou conselleira competente en materia de agricultura e desenvolvemento rural.

A convocatoria ás sesións do Pleno serán realizadas unicamente ao vogal titular, correspondéndolle a este, nos supostos en que non poida asistir á xuntanza, a comunicación ao seu suplente.

Os suplentes, cando ocupen o posto dun titular, participarán nos debates e votacións nas mesmas condicións daqueles aos que substitúen.

5. A renovación dos membros do Pleno do Consello, sen prexuízo dos supostos de substitución, pode producirse polas seguintes circunstancias:

-Respecto dos representantes da Administración: producirase cando a presidencia, vicepresidencia e vogalías que o sexan por razón do cargo, deixen de ocupar os cargos dos cales derivou o seu nomeamento, correspondendo aos titulares da consellería respectiva realizar as designacións que correspondan co obxecto de que o conselleiro competente en

materia de agricultura e desenvolvemento rural realice os nomeamentos oportunos.

-Respecto dos representantes das organizacións profesionais: polas modificacións producidas respecto da representatividade das organizacións agrarias como consecuencia da realización dos correspondentes procesos electorais.

6. Ademais da circunstancia expresada no punto anterior, a perda da condición de membro do Consello Agrario Galego producirase por renuncia, incapacidade declarada por resolución xudicial firme, morte ou declaración de falecemento, condena xudicial firme que ocasione a inhabilitación ou suspensión de emprego ou cargo público ou por decisión da autoridade ou organización que os designase.

7. Ás sesións do Consello poderán asistir, con voz, pero sen voto, os asesores e colaboradores que o presidente estime oportuno en cada caso, ben por propia iniciativa ou por solicitude de calquera dos membros do Pleno, que asistirán tecnicamente aos membros do Pleno e informarán sobre aqueles aspectos que lles soliciten.

8. As reunións do Consello non serán públicas, a excepción de que o Pleno do Consello o estime oportuno.

Artigo 8º.-Comisión Permanente.

1. A Comisión Permanente é un órgano de carácter permanente do Consello Agrario Galego ao que lle compete a realización das funcións propias que se describen no presente regulamento e o apoio ao Pleno do Consello no desenvolvemento das súas atribucións.

2. A Comisión Permanente estará presidida polo vicepresidente do Consello e asistida polo secretario deste.

3. A Comisión Permanente estará composta, ademais de por quen exerza a presidencia, por dous membros representantes da Administración e tres das organizacións profesionais agrarias.

4. Os representantes da Administración na Comisión Permanente serán designados polo conselleiro ou conselleira competente en materia de agricultura e desenvolvemento rural entre os vogais representantes da consellería competente en materia de agricultura e desenvolvemento rural.

Por solicitude dos restantes vogais do Consello Agrario Galego, representantes da Administración nas materias de benestar social, ambiente, política territorial, industria e sanidade, ou por decisión do propio presidente, poderán modificarse os membros en representación da Administración, sempre e cando non superen o número de representantes que lle corresponden á Administración nesta Comisión Permanente.

5. Os tres representantes das organizacións profesionais serán designados por acordo unánime das organizacións integrantes do Consello Agrario Galego.

6. Os membros da Comisión Permanente poderán delegar a asistencia ás sesións desta en calquera dos restantes membros do Consello, sempre que previamente á sesión se poña en coñecemento da secretaría a dita circunstancia.

7. Ás reunións da Comisión Permanente poderán asistir os vogais titulares do Consello ou os seus suplentes.

8. As funcións da Comisión Permanente serán, entre outras:

a) Preparar, de ser o caso, as sesións do Pleno e propor a orde do día, fixar a data e preparar a documentación necesaria para a súa realización, que se achegará desde a Secretaría do Consello con suficiente antelación.

b) Elaborar e modificar as normas de funcionamento interno do Consello, elevando ao Pleno a súa proposta.

c) Emitir ditames sobre as disposicións de carácter xeral do Goberno e específicas da consellería competente nas materias de agricultura e desenvolvemento rural, e sobre os plans e programas relativos á politíca agraria e desenvolvemento rural e normativas sectoriais que afecten as condicións socioeconómicas dos habitantes do medio rural.

d) Apoiar e impulsar as actividades das comisións de traballo que constiúa o Pleno e coordinar o seu funcionamento.

e) Elaborar a memoria anual do Consello, elevando a súa proposta de aprobación ao Pleno.

f) Elaborar informes sobre a situación socioeconómica do medio rural galego.

g) Estudar, tramitar e resolver cantas cuestións lle sexan encomendadas ou delegadas polo Pleno.

Artigo 9º.-Comisións de traballo.

1. O Pleno do Consello Agrario Galego poderá, por acordo da maioría simple de membros presentes, constituír as comisións de traballo que estime necesarias, determinando a súa composición e duración e determinando o seu obxecto.

As comisións de traballo examinarán os temas que decida o Pleno e remitirán a este un informe comprensivo das súas conclusións.

2. As comisións manterán unha proporcionalidade similar á do Consello e terán como competencias as que o Pleno lles encomende.

3. Os membros das comisións de traballo poderán estar asistidos por asesores e expertos no tema de que se trate, do modo que decida o Pleno do Consello. En todo caso a asistencia de expertos e asesores será sen dereito a voto.

4. En función do traballo e número de comisións, o Pleno poderá nomear un vogal para que actúe como coordinador de cada unha das que se cree. As comisións de traballo, a través dos seus coordinadores, elevarán os estudos ou informes elaborados á Comi

sión Permanente do Consello, a través do seu presidente, e farán constar as posicións nas cales existe consenso e as opinións diverxentes.

5. As comisións de traballo reuniranse coa periodicidade que elas mesmas consideren necesaria, tendo en conta a urxencia da tarefa encomendada.

Sección segunda

Órganos unipersoais

Artigo 10º.-Presidencia.

1. Correspóndelle a presidencia do Consello Agrario Galego ao conselleiro ou conselleira competente en materia de agricultura e desenvolvemento rural, por razón do cargo.

2. Correspóndelle ao presidente do Consello Agrario Galego, entre outras, as seguintes funcións:

-Desempeñar a representación do Consello, actuando como portavoz deste.

-Elaborar a orde do día, tendo en conta as propostas da Comisión Permanente ou as peticións dos membros do Consello.

-Convocar, presidir, moderar e levantar as sesións do Pleno e suspendelas por causas xustificadas.

-Dirixir as deliberacións, velar polo mantemento da orde e pola observancia do regulamento; conceder e retirar o uso da palabra; someter a votación as propostas e proclamar os resultados en todos os órganos que existan no Consello.

-Executar os acordos do Pleno e da Comisión Permanente.

-Ditar e formalizar as instrucións que sexan necesarias para o cumprimento das funcións do Consello.

-Dirimir co seu voto os empates respecto dos acordos que se adoptarán.

-Referendar as actas.

-Delegar o vicepresidente do Consello algunha das súas funcións.

-Todas as que sexan propias da condición de presidente dun órgano colexiado.

3. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade, e outras causas de imposibilidade, o presidente estará representado, provisionalmente, polo vicepresidente, que asumirá as súas funcións.

Artigo 11º.-Vicepresidencia.

1. Correspóndelle á vicepresidencia do Consello Agrario Galego ao secretario ou secretaria xeral da consellería competente en materia de agricultura e desenvolvemento rural, por razón do seu cargo.

2. Corresponde á Vicepresidencia substituír provisionalmente o presidente nas sesións dos plenos do Consello nos casos de vacante, ausencia, enfermidade, delegación expresa e outras causas de imposibilidade.

En caso de delegación de determinadas funcións, asumirá as expresamente conferidas.

Tamén lle corresponde presidir a Comisión Permanente.

Artigo 12º.-Vogais.

1. Forman parte do Consello Agrario Galego os seguintes vogais:

-Cinco vogais en representación da consellería competente en materia de agricultura e desenvolvemento rural.

-Cinco vogais en representación das consellerías competentes en materia de benestar social, ambiente, política territorial, industria e sanidade.

-Doce vogais en representación das organizacións agrarias máis representativas de Galicia.

2. O nomeamento dos vogais realizarao o conselleiro ou conselleira competente en materia de agricultura e desenvolvemento rural, logo da designación dos representantes polos titulares de cada consellaría e da proposta polas organizacións profesionais agrarias.

3. Correspóndelles aos vogais:

a) Coñecer previamente a orde do día das reunións e a información precisa sobre os temas incluídos.

b) Exercer o seu dereito ao voto.

c) Participar nos debates das sesións.

d) Propor, a través da Comisión Permanente, temas que ao seu xuízo deban incluírse na orde do día do Pleno do Consello.

e) O dereito á información xeral necesaria para cumprir debidamente as funcións asignadas ao Consello.

f) A ocupar o seu cargo, sen prexuízo do disposto para os casos de substitución e da posibilidade de suplencia, durante un máximo de cinco anos, sendo renovable o seu mandato por períodos de idéntica duración, previa a correspondente proposta.

g) Cantas funcións sexan intrínsecas á súa condición de vogais.

4. Os vogais non poderán atribuírse a representación ou facultades do Consello, agás que expresamente se lles outorgara por acordo do Pleno do Consello e para cada caso concreto.

Sección terceira

Órgano de apoio

Artigo 13º.-Secretaría.

1. Actuará como secretario ou secretaria do Consello, con voz pero sen voto, un funcionario ou funcionaria do Servizo Técnico Xurídico da consellaría competente en materia de agricultura e desenvolvemento rural, designado polo seu titular.

2. Son funcións do secretario ou secretaria do Consello as seguintes:

a) As que lle sexan encomendadas polo presidente do Consello.

b) Preparar, de ser o caso, as sesións do Pleno.

c) Redactar e remitir as convocatorias das reunións do Pleno e da Comisión Permanente, por orde do seu presidente. As convocatorias deberán comunicar o día, a hora e o lugar da xuntanza que se vai celebrar, así como a orde do día. Indicará, ademais, de ser o caso, o seu carácter urxente. Na citación das reunións plenarias e da Comisión Permanente incluirase unha segunda convocatoria, tendo en conta que entre ambas deberá transcorrer, cando menos, media hora.

d) Preparar a documentación necesaria para as reunións dos órganos colexiados, facéndollela chegar coa antelación suficiente aos respectivos membros.

e) Dar curso, por instancia do presidente, ás medidas que sexan necesarias para a efectividade dos acordos.

f) Redactar as actas de cada sesión do Pleno e da Comisión Permanente, nas cales figurarán:

-O lugar de reunión, data e hora de comenzo.

-Nome e apelidos dos membros do órgano colexiado que estean presentes.

-Carácter ordinario ou extraordinario da xuntanza.

-Asuntos que figuran na orde do día.

-O resultado das votacións. Cando non se consiga chegar a acordos, poderase recoller na acta esta circunstancia, facendo constar os motivos das discrepancias, no caso de que sexa solicitado expresamente.

-Hora de remate da sesión.

3. No caso de ausencia ou enfermidade, o secretario poderá ser substituído polo seu suplente, que deberá reunir os mesmos requisitos que o titular.

4. As actas, logo de aprobadas, ben polo Pleno ou ben pola Comisión Permanente, serán asinadas polo secretario e co visto e prace do presidente.

5. O secretario expedirá certificación dos acordos contidos nas actas, por solicitude dalgún dos membros do Consello.

Capítulo III

Funcionamento do Pleno do Consello

Artigo 14º.-Convocatoria das sesións.

1. As convocatorias das sesións do Pleno faranse sempre por medios telemáticos aos enderezos de correo electrónico que consten na secretaría do Consello, garantindo a súa remisión coa debida antelación.

2. O Pleno reunirase como mínimo en sesión ordinaria catro veces ao ano. Será convocado polo presidente, por iniciativa propia, por petición da Comisión Permanente ou por proposta da metade dos seus membros.

3. O Pleno reunirase, como máximo dúas veces ao ano, en sesión extraordinaria, en casos de urxencia xustificada. Será convocado polo presidente por

petición de oito dos seus membros, no prazo máximo de sete días desde a solicitude.

4. A convocatoria realizarase cunha antelación de quince días hábiles para as sesións ordinarias, agás en casos de urxencia debidamente xustificada, en que abondará unha antelación de dous días. No caso de tratarse de sesións extraordinarias convocadas por solicitude de oito dos membros do pleno, a dita convocatoria extraordinaria realizarase dentro dos sete días seguintes á dita solicitude e cunha antelación de dous días á celebración da sesión.

5. Nos casos de urxencia xustificada e previamente á deliberación do asunto de que se trate, deberán poñerse en coñecemento dos membros do Consello as circunstancias que motivaron a urxencia.

Artigo 15º.-Orde do día das sesións.

1. Para as reunións ordinarias, os membros do Consello ou os distintos departamentos da Xunta de Galicia, poderán enviar propostas de temas á secretaría do Consello, para someter á decisión do presidente a súa inclusión na orde do día dunha vindeira sesión.

2. A orde do día das sesións ordinarias conterá a lectura e, se é o caso, a aprobación da acta da sesión anterior, sexa ordinaria ou extraordinaria, e os demais puntos que se vaian debater.

3. Os asuntos que non se refiren a un punto da orde do día poderán debaterse no Consello, por petición da metade dos asistentes.

4. A orde do día das sesións extraordinarias conterá os temas propostos pola presidencia ou, de ser o caso, polas partes que solicitasen a reunión do Pleno.

Artigo 16º.-Desenvolvemento das sesións

1. O Pleno do Consello Agrario Galego entenderase validamente constituído cando asista a metade dos membros do Pleno do Consello, estando presentes o presidente e secretario.

2. Calquera vogal ten dereito a solicitar a transcrición íntegra da súa intervención, sempre que achegue no acto o texto escrito que se corresponda exacta e fielmente con esta, facéndose constar así na acta e uníndose copia autentificada do escrito desta.

Artigo 17º.-Réxime de adopción de acordos.

1. Os acordos serán adoptados por maioría simple de membros presentes, agás nos supostos especificados neste regulamento en que se exixan outras maiorías.

2. As votacións efectuaranse á man alzada ou por votación individual e secreta, se así o requirise calquera das membros que compón o Consello.

Artigo 18º.-Procedemento para a emisión de ditames sobre normas con rango de lei.

1. O prazo de emisión de ditames sobre normas con rango de lei será dun mes desde a recepción

do texto na secretaría do Consello, agás en casos de urxencia xustificada en que este prazo se reduce a quince días.

2. Unha vez recibida a correspondente solicitude, será remitida por correo electrónico, no prazo de vinte e catro horas, pola secretaría do Consello, aos restantes membros deste. No escrito de remisión indicarase o prazo máximo dentro do que, cada membro deberá ter enviado á secretaría, polo mesmo medio telemático anterior, o texto da súa proposta, podendo ser conforme o texto correspondente, ou presentando redaccións alternativas, xustificando neste último caso a oposición ao texto sometido a consulta. Non poderá ser admitida a presentación dunha emenda á totalidade do texto que non veña acompañada do correspondente texto alternativo.

3. O prazo máximo dentro do que cada membro do Consello deberá remitir a súa proposta á secretaría non poderá exceder de dous terzos do prazo global fixado para a emisión do informe polo Consello, e as propostas remitidas á secretaría do Consello fóra dese prazo entenderanse como non emitidas, sen prexuízo de dar conta ao Pleno da dita circunstancia.

4. Recibidas todas as propostas, e dentro dos tres días seguintes ao remate do prazo anterior, ou no día seguinte se o asunto fose urxente, a secretaría do Consello, remitiralle a todos os membros do Pleno a totalidade das observacións presentadas de xeito que cada membro poida ter coñecemento das posturas dos restantes.

5. As deliberacións do Pleno comenzarán coas intervencións daqueles membros do Pleno que presentaron observacións, manifestando as coincidencias que poidan existir cos restantes membros do Pleno. Do contido da súa intervención, se desexa que quede constancia dela, deberase entregar escrito á secretaría para os efectos de incorporalo á acta da correspondente sesión.

6. Concluído o debate, someteranse a votación todas as emendas parciais presentadas. O ditame do proxecto amosará a conformidade ou desconformidade co texto en función do resultado obtido logo da votación de cada unha das emendas. De ser aprobado por maioría expresarase esta circunstancia na resolución aprobatoria, e a minoría discrepante terá dereito, a título individual ou colectivamente, a que se unan á referida resolución os votos particulares formulados. O texto do voto particular deberá ser entregado á secretaría do Consello ao finalizar a sesión do Pleno en que se discutirá o proxecto, para os efectos de incorporalo ao ditame.

7. Logo da sesión plenaria, a secretaría do Consello redactará o ditame e remitirase por correo electrónico aos restantes membros do Pleno para amosar a súa conformidade, que será prestada mediante o mesmo medio telemático ou fax, dentro dos tres días hábiles seguintes á remisión realizada pola Secretaría. A falta de contestación asimilarase á conformidade do texto proposto.

8. O presidente do Consello remitirá ao órgano solicitante, no prazo preceptivo, o ditame favorable ou desfavorable ao texto proposto, incorporando os votos particulares presentados.

9. Na primeira xuntanza do Consello Agrario Galego seguinte á adopción dun ditame sobre unha norma con rango de lei, farase entrega aos restantes membros do Pleno de copia deste.

Capítulo IV

Funcionamento da Comisión Permanente

Artigo 19º.-Convocatoria das sesións.

1. As convocatorias das sesións da Comisión Permanente faranse sempre por medios telemáticos aos enderezos de correo electrónico que consten na secretaría do Consello, garantindo a súa remisión coa debida antelación.

2. A Comisión Permanente reunirase cada vez que a convoque o seu presidente, por mandato do Pleno, por iniciativa propia ou por proposta de calquera das organizacións agrarias representadas nesta.

3. A convocatoria realizarase cunha antelación de seis días hábiles para as sesións ordinarias, agás nos seguintes casos extraordinarios:

-Supostos de urxencia debidamente xustificada, en que abondará unha antelación de dous días;

-Emisión de ditames sobre disposicións de carácter xeral, en que se seguirá o procedemento establecido no presente regulamento.

4. No caso de emisión de ditames sobre disposicións de carácter xeral, as actuacións da Comisión Permanente realízanse por delegación do Pleno.

Artigo 20º.-Orde do día das sesións.

Para a formulación da orde do día das sesións da Comisión Permanente seguiranse as mesmas regras que para as sesións do Pleno do Consello.

Artigo 21º.-Desenvolvemento das sesións.

A Comisión Permanente entenderase validamente constituída cando, estando presentes o presidente e secretario, se dea unha maioría da metade máis un dos membros da comisión.

Artigo 22º.-Réxime de adopción de acordos.

Os acordos serán adoptados por maioría simple de membros presentes.

Artigo 23º.-Procedemento para a emisión de ditames sobre disposicións de carácter xeral.

1. O prazo de emisión de ditames sobre disposicións de carácter xeral será de dez días desde a recepción do texto na secretaría do Consello.

2. Unha vez recibida a correspondente solicitude, a secretaría do Consello remitirállela aos rentantes membros, no prazo de vinte e catro horas, por correo

electrónico, xuntando ao texto normativo a convocatoria da Comisión.

3. A reunión da Comisión celebrarase, preferentemente, dentro dos cinco días seguintes á recepción da solicitude de ditame na secretaría do Consello. Se non for posíbel, a comisión reunirase obrigatoriamente polo menos, un día antes de que transcorra o prazo establecido para a emisión do ditame.

4. Até o día anterior á reunión, os restantes membros da Comisión poderán entregar, por correo electrónico, á secretaría desta, as consideracións da súa organización sobre a disposición de carácter xeral sometida a ditame, tendo en conta que poderán resultar modificadas no transcurso da reunión. Cando sexan recibidas pola secretaría da Comisión, estas consideracións serán remitidas aos restantes membros desta.

5. As deliberacións da sesión, o debate e votación, votos particulares, redacción do ditame, remisión ao órgano solicitante e entrega aos membros da Comisión, seguirán os mesmos pasos que os establecidos nos puntos 5, 6, 7, 8 e 9 do artigo 18º deste regulamento.

Artigo 24º.-Retribucións.

1. Os membros do Consello Agrario Galego terán dereito á percepción dunha dotación económica pola súa asistencia ás sesións do Consello, así como ás retribucións que se fixen por traballos especiais ou representacións do Consello.

2. As dotacións económicas serán fixadas por acordo do Pleno do Consello.

3. As dotacións económicas dos representantes das organizacións agrarias máis representativas de Galicia serán aboadas ás súas organizacións respectivas.

Disposicións derraderias

Primeira.-Interpretación.

Correspóndelle ao Pleno do Consello a interpretación do presente regulamento e suplir, de ser o caso, as súas posibles lagoas.

Segunda.-Reforma.

Correspóndelle ao Pleno a facultade de reformar parcial ou totalmente o presente regulamento. A este respecto, o Pleno poderá, sen máis, aceptar a modificación proposta pola Comisión Permanente ou designar unha comisión específica para elaborar a proposta de modificación, que será sometida posteriormente a debate e decisión dunha nova sesión plenaria. Para a aprobación da modificación regulamentaria será preciso o voto favorable da maioría absoluta dos seus membros.

Terceira.-Entrada en vigor.

O presente regulamento entrará en vigor o mesmo día da súa aprobación polo Pleno do Consello Agrario Galego.