DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Luns, 13 de novembro de 2006 Páx. 16.626

II. AUTORIDADES E PERSOAL

NOMEAMENTOS:

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 27 de outubro de 2006 pola que se modifica a do 19 de novembro de 2003, pola que se fai pública a composición do Consello Social da Universidade da Coruña.

Pola Orde do 19 de novembro de 2003 (DOG do 24 de novembro) faise pública a composición do Consello Social da Universidade da Coruña.

Segundo o artigo 10.2º da Lei 1/ 2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do sistema universitario de Galicia, as vacantes que se produzan antes da finalización do mandato deberán cubrirse pola autoridade, entidade ou institución correspondente no prazo máximo de tres meses. De non comunicárselle o acordo de designación dentro do devandito prazo ao conselleiro competente en materia universitaria, o posto permanecerá vacante ata a finalización do correspondente mandato. En todo caso, o membro substituto entenderase nomeado polo período que reste do anterior mandato.

O artigo 7 da devandita Lei 1/2003 determina a composición do consello social e os procedementos de designación e nomeamentos dos seus membros. En virtude do establecido no seu punto 3, letra b, formarán parte do consello social da universidade seis membros designados polo Parlamento de Galicia, en representación dos intereses sociais.

Pola Orde do 14 de xuño de 2006 (DOG do 22 de xuño) publicouse o cesamento dos membros do Consello Social da Universidade da Coruña José Luis Calvo Pumpido e José Manuel Liaño Flores, designados polo Parlamento de Galicia.

Con data do 20 de setembro de 2006, o Parlamento de Galicia comunica a designación de Marcelo Castro-Rial Schuller e Sonia Romero Teijo como membros do Consello Social da Universidade da Coruña.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Nomear a Marcelo Castro-Rial Schuller e Sonia Romero Teijo representantes dos intereses sociais no Consello Social da Universidade da Coruña, designados polo Parlamento de Galicia, en substitución de José Luis Calvo Pumpido e José Manuel Liaño Flores.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2006.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación

Universitaria